martes, 24 de decembro de 2013

NADAL 2013

Este venres 20 quedamos ás dez no vestíbulo do Instituto para ir tomar o chocolate con churros. Iamos só o grupo do venres (podía bautizalos agora mesmo como os devoralibros, pero sen pedirlles permiso non o farei): Aarón, Pedro, Isabelle, Lucía Blanco e Lucía Piñeiro, Cristina Alonso, Cristina Taboada e Tayna. A mañá estaba moi fría, así que mandei de volta á aula a Cristina e mais a Lucía para que pillasen o abrigo. Todos sabemos da importancia de xuntarnos os seres humanos arredor da mesa e do alimento, e sabemos canta arte, canta literatura, cantas ideas (e discusións) nacen nese contexto, pero especialmente aqueles meus colegas que algunha vez levaron un club de lectura saben o fundamental que é, a cohesión e ganas de seguirmos xuntos, que produce unha boa chocolatada de cando en vez.
Tiven que rogarlle a Carmen Aquino que fose indo cos rapaces e eu retraseime por causa dunha chamada telefónica urxente. Cando cheguei os oito rapaces (en matemáticas o oito deitado representa o infinito) estaban xa dispostos a un lado coas cuncas fumeantes e noutra mesa estaban Carmen e Isabel Ruso (a directora do noso Instituto), que nos saíra alí ao encontro. Fixemos fotos, erguímonos, preguntámoslles, percibimos algo do famoso espírito de Nadal, o que tan ben captou Dickens nalgúns dos seus libros (se me preguntásedes, diríavos que se transloce nun certo brillo no rostro, unha luz case infantil).
Achegueime varias veces a eles, sentando ao seu carón onde me petaba:
-Que? Ides pedirlles libros aos Reis?
-Claro!
-Eu –dixo Cristina a pequena-, cando tiña sete anos pedín sete libros no Nadal.
-E trouxéronchos?
-Si, sete.
-Lembras algún?
-Non, profe…
-Ningún? Que raro se me fai en ti…
-Había un de Geronimo Stilton, pero non recordo o título.
-A min –intervén Lucía Piñeiro-, hai dous anos, os Reis trouxéronme Los escarabajos vuelan al aterdecer.
-Bonito título [Non podo evitar traer ao pensamento un refrán, Ó escaravello os seus fillos parécenlle ouro fino].
-Pois a min –engade a outra Lucía, a que vai con vantaxe por diante no concurso gañapuntos da biblioteca do insti- o ano pasado, Donde los árboles cantan.
-En llama –está dicindo neste intre Pedro-, e linos todos.
-Me too –Isabelle coincide con Pedro.
[Isabelle é unha tremenda lectora, insaciable, seino a través de varios informantes, e é socia dunha das bibliotecas municipais, unha crac auténtica dos libros]
-Isabelle, algún día terás que facernos unha ficha de lectura sobre un libro en que haxa un personaxe co teu nome…
-Puxéronme este nome pola protagonista dun libro moi coñecido en Brasil, que le todo o mundo nos colexios…
-Cal?
-A Moreninha.
-Pois xa está! Fainos ficha del.
-Cando o lea…
-Vale. Prometido, eh? [Sen transición] E ti, Tayna, por que che puxeron ese nome?
-Non o sei, profe.
-Pero de que terra provén?
-De Brasil.
-Moi ben. Así que todos ides pedir libros aos Reis? Ou polo menos, todos visitaredes unha librería ou unha biblioteca durante estas vacacións… E compraredes algún libro para regalar? [Varios asenten] Dicídeme, por curiosidade, algún de vós está lendo máis dun libro ao mesmo tempo?
[Levantan cinco a man, non está mal, eu tamén o fago moito, ter abertos varios]
-Eu catro, estou lendo catro.
-Eu dous, o que mandaches ti e outro [No grupo do venres pactamos Robinson, e no do martes, Alicia no país das marabillas].
-E o cine? Pensades ir?
-Siií! [Creo que hai unanimidade] Queremos ir ver As reliquias da morte.
-Como?
-De Harry Potter.
-Tamén haberá libro, claro.
-Lino eu [Isabelle].
[Facemos as últimas fotos, hai que irse xa, parte deles deben axudar na decoración das aulas, concursan os do primeiro ciclo da ESO].
A señora directora despídese:
-Noraboa pola boa marcha do club de lectura! Bo Nadal, boas vacacións!


Ningún comentario:

Publicar un comentario