-Preséntate,
por favor, e dinos cantos libros levas publicados. Máis
ou menos.
-Chámome Xosé Ramón
Pena. Canto ao número de libros publicados -e deixando a un lado
edicións anotadas, libros de texto...- levo sete novelas e, no
ensaio, outros tantos (e un novo en camiño).
-E premios? Podes
amosar algo de fachenda. Permitímoscho.
-Gañei o premio Xerais
e tamén o Losada Diéguez.
-Naciches en Betanzos,
viviches na Coruña, e agora, desde hai anos, tes a residencia en
Vigo. Con cal te quedas?
-Pois onde levo máis
anos xa é en Vigo. Nunca me esquecen as outras dúas cidades, pero
agora mesmo creo que son vigués.
-Así que es profesor,
novelista, investigador… Se che mandasen prescindir de algo, de que
prescindías?
-Creo que de ningunha;
resúltame difícil pensar niso. Non obstante, por pura bioloxía -e
polo moi mal que nos están tratando aos profesores, que non polos
alumnos!- deixaría a "cousa" de profesor.
-Recoméndanos un libro
ou dous. Dáte de conta que o consello é para os nosos alumnos,
tanto da ESO, como do Bacharelato.
-A ver; evidentemente,
os meus libros -e supoño que a pregunta, loxicamente, está referida
aos de ficción- son, todos eles, fillos meus. Non é o que máis
satisfaccións de crítica e de pública me teña dado, pero, por
razóns sentimentais, teño unha especial querencia por "A era
de Acuario". Non obstante, supoño que a un público como o que
se sinala, o que mellor lle prestaría sería "A batalla do
paraíso triste".
-Ti que estás lendo
agora?
-Como
estou co II volume da miña "Historia da literatura galega",
ando con moitos materais á vez, de diferente ámbito (textos, pero
tamén ensaios, libros de historia, epistolarios...) da xeira do
Rexurdimento. Ah!, e acabo de ler Matarte
lentamente de Diego Ameixeiras. Moi
pracenteira lectura.
-Teño entendido que
fuches colega de Ferrín. Como eran os claustros con el? Como era
como compañeiro de traballo?
-Do Ferrín profesor
sei o que din os seus alumnos: alguén que lles soubo transmitir o
amor pola literatura, polo idioma; unha persoa dono de toda unha
cordilleira de coñecementos de todo tipo e, ademais, alguén
perfectamente accesible.
Como compañeiro
"académico", unha persoa cordial, cun bo sentido do humor
e, igualmente, moi accesible.
Pero é que eu teño de
sempre unha relación persoal con el. Daquela, resúltame imposible
pasar por alto o Ferrín amigo. E aí teño que dicir simplemente
isto: é alguén que coñece, e que practica, no máis fondo aquilo
de ser amigo dos amigos.
-Segues tocando a
guitarra? Recordo que cando eramos universitarios cantabas a Serrat
de marabilla. Segues amando a música?
-A túa memoria é
mala: cantaba a Serrat.... moi mal; defendinme un pouco -só un
pouco- mellor con José Afonso. Pero si que agradezo a túa enorme
benevolencia. De todos os xeitos, non eran os cantautores os meus
favoritos: en realidade, o que de veras sempre me gustou é o rock
-Stones, Police, Santana, Eric Clapton- e mais a bossanova -devoto de
Vinicius de Moraes-. O que pasa é que admiro demasiado a esa xente
(tamén a Serrat e a José Afonso, que conste en acta!) como para nin
antes nin agora andar a destrolazos. Pero, vaia: en petit comité si
que sigo tocando a guitarra (e pido perdón a quen coubese por tela
tocado algunha vez nun escenario; todos pecamos algunha vez, non?)
-Grazas por dedicarnos o teu tempo. Anímate un
día a achegarte ao ‘Eusebio’ para falarnos da túa obra. E
parabéns por esa Historia da Literatura
Galega 1 que acabas de publicar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario