martes, 10 de decembro de 2013

EU LEVO O NOME DUN PERSONAXE LITERARIO


Son Marisa Fernández Lorenzo e levo o nome do personaxe de Marisa Mallo, do libro que leva por título O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas. Non creo que teñamos parecido físico, xa que no libro se describe como unha rapaza de cabelo vermello e moi fermosa, tanto que os protagonistas do libro (Daniel Da Barca e o militar Herbal) ficaron prendidos da súa beleza nada máis vela. Semella unha desas rapazas que, ao facer a súa aparición, se converten en centro de todas as olladas. Tampouco nos parecemos nas orixes, ela nace no seo dunha familia poderosa e influínte, é afillada do alcalde, filla do notario, irmá pequena do párroco e neta de don Benito Mallo, un gran comerciante con moitos contactos. Isto de nacer nunha familia rica e con influencias a priori parece unha vantaxe, mais tórnase unha condena para Marisa, xa que o seu avó non quere que se relacione co médico Daniel Da Barca, o seu gran amor, que pertence ao bando dos republicanos e estes están a piques de perder a guerra. Que a relacionasen co doutor sería chamarlle a ela tamén “roxa” e podería traerlle moitos problemas, influído así negativamente nos negocios do gran comerciante. Mais Marisa é firme nas súas ideas, e aí si me identifico plenamente con ela, desde que viu por primeira vez ao doutor Da Barca gustoulle, e a partires do primeiro minting no que o escoitou falar namorouse por completo. Non lle importa que a súa familia se interpoña, ou as dificultades que se presenten no camiño, ten claro desde o primeiro momento en que ve ao doutor que quere estar con el e é capaz de sobre pórse a todo contratempo. Certo é que que tiñan moitas cousas en contra, e sobre todo nun tempo tan duro e cru como podía ser a Guerra Civil española e os meses sucesivos a esta. Mais o amor non entende de épocas históricas, e a pesares de que a familia de Marisa se opuxo, e de que ela non podía ver ao doutor Da Barca porque este estaba na cadea, Marisa mantívose sempre firme, esperouno, foi fiel, constante á hora de ir velo ao cárcere e de escribirlle cartas, paciente e finalmente soñadora, porque nunca perdeu a ilusión de que ese pesadelo rematara algún dia e puideran estar xuntos. El tamén persegue este fin, e entre a súa fortaleza e a súa boa sorte vai zafando da morte en varias ocasións. Os falanxistas considérano un perigo xa que era un dos líderes da Fronte Popular, gran orador, e queren prendelo e fusilalo como fixeron cos seus compañeiros galeguistas e republicanos. Mais foi esta faceta de orador e sobre todo de persoa nobre e boa a que namorou a Marisa, a cal ten claro que o amor non se escolle, nin ocorre varias veces na vida. Tan claro o ten que hai un intento de suicidio, brevemente mencionado, por parte dela cando a familia se nega en rotundo a que siga namorando co doutor, ela considera que ou é con el ou non existe vida.

Gustoume moito poder ler este libro, pois é destes que te somerxe na lectura desde a primeira liña. Apaixonante polo fondo histórico, e moi romántica polo triángulo que se presenta mediante os personaxes, por unha banda a parella de Marisa Mallo e Daniel Da Barca, e por outra Herbal (narrador da historia) quen sentía un amor segredo por Marisa mais que sabe desde o primeiro momento que nunca poderá ser correspondido. É unha lectura que recomendo, e máis se é coa edición que eu manexei, de Xerais conmemorando o seu XXV aniversario, ilustrado por X. L. De Dios, o cal lle vai pondo cara aos personaxes e semella que a historia cobra aínda máis vida.



(Foto tomada da ed. de Xerais, 2005)

1 comentario:

  1. Quedeime con gañas de ler este libro xa fai tempo, despois de que me puxeran a película no autobús cando ía de viaxe nunha excursión. Desgraciadamente, debido ao tempo do que dispoño este ano, aínda está na miña lista de libros recomendados que me quedan . Unha das razóns polas que o quero ler é que me encanta a forma de escribir do seu coñecidísimo autor, Manolo Rivas, e ademáis esta é unha obra que me encanta pola trama que se deselvole nese transfondo histórico. Cómo non vai ser boa estando traducida a máis de 20 idiomas? Recibiu diversos premios como novela e como película, e ata foi levada ao teatro.
    Que sorte tes de poder compartir nome cunha das súas protagonistas, dáme mágoa non atopar unha obra na que alguén leve o meu nome, eu aínda estou a buscar.
    Noraboa pola túa publicación, un saúdo!

    ResponderEliminar