venres, 16 de agosto de 2019

VISITANDO


VISITANDO AS CORTES DE MUAR

(A proba. Os queixos repousan sobre unha louxa)

Nas vacacións de verán na aldea xúntanse, como moitos de vós sabedes ben, as familias e/ou os amigos de cando en vez. Para a próxima xuntanza familiar deste domingo decidimos agasallalos gastronomicamente con algo novidoso (para nós polo menos). Así, como sabiamos por Ángel (a quen tratamos desde hai uns vinte anos) que os queixos que fai a súa esposa son de mérito e levaron premios internacionais, e tendo en conta que a queixaría non cae lonxe (preto de Negreiros, lugar fermoso especialmente pola torre da súa igrexa, de base románica e como dicimos airosa torre-campanario compostelá). Tras varias voltas non desaproveitadas (topamos cunha casa-pazo con capela espectacular…) chegamos na mañá con sol. Saíronos a recibirnos Rita e Germán, os dous irmáns que herdaron a queixaría xa do pai. Eles innovaron. É un negocio claramente familiar, máis ben pequeno que grande, pero exitoso no que nós sabemos. 

 (Velaquí os nomes con que bautizaron as variedades de queixo que producen. "Mimosa" é bonitiño. Persoalmente chamounos a atención "Marigold", un nome moi británico -nome de flor, e mais de personaxe daquela serie televisiva, 'Downton Abbey', entre outros)

Levaron premios do World Cheese Awards e incluso Germán vai participar no concurso internacional deste ano en Bérgamo, como membro do xurado. Pareceunos moi importante e digno de subliñarse o valor emprendedor destes dezaos inda novos. Seguro que moitos de vós, con todo, xa tiñades oído falar deles porque noticias na prensa sobre queixos galegos (incluídos estes) non é a primeira vez que se publican.

 (Aquí, nesta cuba, é onde se fabrica. Non todo é mecánico: contábanos que hai moito de "intuición", de creatividade)


Ao lles preguntar sobre o nome da empresa, Cortes de Muar, explicábame con moito aquel Germán o significado polisémico da voz corte (que vale tanto para albergar unha familia real como unha familia de vacas, e por esa razón aproveitan para coroar a vaca leiteira, estupenda raíña entre outros mamíferos que axudaron sempre á mantenza da humanidade) e tamén nos aclaraba que cando se recollen na corte as vacas, logo de pacer nos prados dezaos, múan entre elas, quer dicir, comunícanse… Unha literatura non desprezable, sobre todo para lles contar aos fillos e netos e introducilos nunha variada e saborosa alimentación (vénnos á mente aquel refrán que di noces con queixo saben a beixo).





 (Os queixos repousan entre pallas, os que deben madurar meses: mostráronnos algúns de oito meses e outros de catro. Aquí retiraron as pallas para nós fotografar)


Deixámosvos xa. Que sigades desfrutando do mes de agosto!

 (Rita García García. Agradecemos aos dous irmáns a súa hospitalidade e xentileza para connosco)
::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

NOTA:

Entramos na hemeroteca da Voz de Galicia e topamos 55 noticias sobre esta queixaría que hoxe visitamos. A última de data 13-4-19.

Tamén teñen páxina web propia: https://www.cortesdemuar.com/#

luns, 5 de agosto de 2019

BUSCANDO PALABRAS


BUSCANDO PALABRAS


FRASEOLOXISMOS FÁTICO-LÚDICOS.

(Valencia do Sil: lugar onde naceu a nosa nai e a nosa familia materna)

Pasa connosco uns días de agosto a nosa nai valdeorresa. De cando en vez agasállanos cunha chispa lexicográfica: algunhas das súas frases xa as tiña no saco, outras son novas. Decidímonos a compartilas. Primeiro hai que etiquetalas. Son frases -algúns son máis ben recitativos, pola lonxitude-  que recordan os wellerismos (hai boa definición do que é un wellerismo -escríbese con dobre uve porque o nome deriva dun apelido alemán, un personaxe sanchopancesco chamado Sam Weller- na wikipedia),  sobre todo as dúas que son introducidas por un dixo. Estes pseudo wellerismos da fala da miña nai, confesa ela terllas oído xa á súa avoa tamén valdeorresa, a avoa Clarisa. Podiamos dicir que son fraseoloxísmos lúdicos que responden ao afán de manter aberta a canle da comunicación: responden, xa que logo, á existencia da función fática da linguaxe. Unha función pouco coñecida talvez polos estudantes do ensino medio, pero poderosa e fundamental. Axuda a garantir a continuidade, o fluído de palabras. Algo esencial, como doadamente podedes comprender. Sen ánimo de sermos exhaustivos, velaquí un pequeno listado destes fraseoloxísmos lúdico-fáticos. Desde o punto de vista da técnica literaria, aínda podemos engadir un dato: a maioría destas frases son “activadas” (a nivel mnemotécnico) por unha figura de repetición, de concatenación (unha especie de anadiplose: repítese unha palabra clave, en case todas elas).

 (Nosa nai, rodeada de fillos e netos)


1º. -Hoxe é domingo, non si? -Domingo pipiripingo. Se casa Juanito con un pajarito. ¿Quién es la madrina? Doña Escotofina. ¿Quién es el padrino? Carlos Carlós, que se rompe los cuernos con un azadón.

2º. -¿Dónde estás? -En tableta. ¿Qué comiste? Cebolleta. ¿Qué bebiste? Vino blanco. Sácate de ahí burrico que yo me canso [mamá úsao en familia cando oe a pregunta onde estás, pero unha vez explicoume que a frase yo me canso viña xustificada porque se cargaba un rapaz enriba do lombo e o que cargaba cansaba…, logo deducimos que a orixe do recitativo estaba nun xogo infantil].

3º. – Seguro… -Ao seguro levan preso.

4º. – A cada un o seu. Dixo o que roubaba…

5º. – Todo é ao que se un pon. – Dixo o que matou a muller…

6º. – Pero… -Peras non son manzás.

7º. -Bueno… -Bueno estaba y se murió.

8º. - ¡Dios mío! – Y de los demás, tío. [apreciade aquí, por favor, a sutil ironía]

9º. – Espera! -Se esperasen así as lebres…

10º. -Ay! - (Hai, si...) En casa de quen o ten. 

11º.- ¡Vaya por Dios! - Vaia por Dios, cásanse todos menos nós!

12º.- ¡Qué pena! -...Tener reloj y no tener cadena. 

13º.- ¡La madre que me parió! - No era machorra. 

14º.- Como se me abre a boca... - Por unha sopa. -Como? -Ábrese a boca por unha sopa.




Deste mesmo tipo temos algunha outra que non é de nosa nai. Por exemplo, esta que lle oímos ao noso caro colega de inglés (rico en galego bergantiñán) e profesor que foi de moitos de vós, Emilio Facal:

15º. -Señores… [Unha servidora tiña o costume de introducir así a despedida cando abandonaba a sala de profesores: “(Meus) señores -ou miñas donas e meus señores-, déixovos, ou voume coa música a outra parte, ou así] – Señores,  as mantas non son cobertores.

Grazas, Emilio, pola túa feliz memoria lingüística e a túa xenerosidade en compartila. Grazas, miña nai queridiña, por todo. Grazas, miñas donas e meus señores, por ter a paciencia de escoitar tanta palabra. Feliz agosto! Inda nos veremos…





luns, 22 de xullo de 2019

ENTREVISTAS


ENTREVISTA A HOMES QUE AMAN A CORUÑA.

ENTREVISTA A MANUEL SANTIAGO ARENAS ROCA


(Ilustración da Biblia Kennicott, un dos manuscritos miniados máis importantes da cultura medieval. Feita na Coruña a finais do XV. Esta foto e a seguinte están tomadas de Internet)

 

[A modo de limiar

Había moito tempo que queriamos honrar a figura dun coruñés ilustre. Quizais non coñecido internacionalmente, como o son outros coruñeses ilustres (pensemos en Salvador de Madariaga ou en Fernando Rey), pero realmente foi un coruñés ilustrado, boa xente, e amou sen dúbida ningunha a súa cidade, como amou a familia, como amou a cultura.
Falamos de Fernando Arenas Quintela. O fundador da libraría que leva o seu apelido. Cando nos puxemos en contacto co seu fillo Manuel, o primeiro día xa nos agasallou cun libro homenaxe publicado hai anos (agosto do 2000). Que queredes que vos diga, meus queridos, aqueles de vós que inda estades na poderosa mocidade? Non sempre valoramos ben as raíces: non sempre valoramos ben a sorte de termos -moitos de vós- bos proxenitores, e con todo e iso, nunca é tarde se é para ben. Manuel S. Arenas é un espléndido exemplo de consciencia do que vale ter un pai exemplar: fonte de compañía, compañeiro el mesmo de viaxes, fonte tamén de coñecementos… En fin, non quixera pecar de exceso de sentimento. Así que, tras este mínimo limiar, vouvos deixar que entredes xa na entrevista (resumida, porque a conversa foi máis longa, a mañá era tranquila e os xardíns de Méndez Núñez lucían límpidos desde a ampla fiestra do despacho de Manuel)].
Mª R. Soto.- Moitas grazas por recibirnos, Manuel. Díganos, en primeiro lugar, algo sobre a procedencia do apelido Arenas e recorde onde cursara o seu pai o bacharelato.
-No que eu sei a rama principal dos Arenas vén de Asturias. Sei que unha póla se establece en Ribadeo. Membros desa rama emigran a Cuba e logo retornan aquí a Galicia. Temos un tataravó militar e podo dicirche que houbo irmáns dun meu avó que se dedicarón á docencia (foron mestres: ao igual que a tía Araceli, irmá do meu pai, e así tamén o meu tío político José Luis, profesor moitos anos no voso Instituto). O bacharelato fíxoo nos Dominicos, recordo de terlle oído contar que xogaba ao baloncesto e mais ao balonmán… Entre os condiscípulos lémbrome que estaba Porto, o da imprenta…

 (Manuel Arenas o día que nos recibiu no seu despacho: enriba del o retrado do seu pai, Fernando Arenas)

-Si…, inda a recordo eu perfectamente, a imprenta Porto. Agora quixera que me falase do importante labor editorial do seu pai. Eu sei que entre os primeiros traballos publicados figura algunha obra de Meijide, importante historiador e profesor durante décadas do ‘Eusebio da Guarda’, creo relembrar que era un libro sobre a historia dos Correos Marítimos na Coruña… Que outras obras destacaría vostede?
-Efectivamente: o labor editorial do meu pai é un aspecto digno de ser subliñado. Como editor o primeiro libro que sae do prelo é un libro sobre a Torre de Hércules do ilustrado coruñés Cornide. Destacaría tamén sen dúbida os oito volumes de Astérix en galego, publicados na década dos 60. A tradución fora obra de Eduardo Blanco Amor, e era aquel un galego non normativizado, pero de mérito, sendo de quen era. Eu gardo os fotolitos daquela histórica edición. Meu pai comprara os dereitos a Pilote, que o editara en castelán, e inda os temos, malia ser a editorial Xerais a que se encargara con posterioridade de reeditar esa obra. En canto á edición do libro dos Correos Marítimos de Meijide, quizais agora xa un pouco superada…, editáranse exactamente 2000 exemplares, dos que nos quedan uns 300.

 (Retrato de Carmen Quintela, nai de Manuel Arenas, feito polo noso homenaxeado, Fernando Arenas, quen amaba a pintura. Pedímosvos desculpas pola pouca calidade da foto. As fotos foron n feitas por Charo Soto)

-Cóntenos, Manuel, algo inédito desde o seu punto de vista, se iso é posible, sobre o seu pai.
-Poderían contarse tantas cousas… Foi toda unha vida… Pero quizais a súa fascinación por visitar librarías cando viaxabamos xuntos. Un gusto que eu herdei del. Visitas sobre todo ás librarías de vello. Cando iamos a Londres, ou a Madrid ou ao Porto. Eu non o entendía ao principio, “Ca!, habendo tantos sitios que ver…”, pero o meu pai facíao para que eu me enchoupase de libros, para que eu aprendese… Logo funo comprendendo…
-Como foi a historia da Biblia Kennicott? Como foi ese achado marabilloso?
-Si, déixeme antes que lle diga isto: hai tres meses pasaron por aquí os editores británicos da Biblia e preguntaron polo meu pai -déase de conta de que o meu pai morreu no ano 90-, aínda se lembraban del, foi algo que me sorprendeu… O descubrimento da Biblia foi algo casual, estaba o meu pai nunha feria do libro en Londres, aproximadamente no ano setenta e pico, 76 ou 78, a el gustábanlle moito os facsímiles, e ao ver na feira catálogos pensou en comercializalos aquí… Así xurdiu a idea… Recordo terlle oído contar que estivera na casa dos editores en Londres, na típica casa inglesa co pequeno xardín… Vostede xa sabe que o orixinal se conserva en Oxford, na Biblioteca Bodleian. O meu pai ten o mérito de editar por primeira vez en España a Biblia, traducida ao castelán. Podo dicirlle que na presentación desa obra na nosa libraría do Cantón Grande estaban, entre outras personalidades: A Condesa de Fenosa, o abade da Colexiata, o señor Fraga Iribarne, o señor Francisco Vázquez. Editáronse poucos exemplares, non chegaron a dúas ducias, pense que custaba cada exemplar un millón catrocentas mil pesetas da época… O señor García Sabell adquirira sete, levaran tamén varios a Xunta de Galicia e mais a Deputación Provincial, dous exemplares foron como agasallo á Casa Real, creo recordar que tamén se agasallara con un ao Presidente de Portugal…

 (Fernando Arenas co seu amigo Camilo J. Cela, o día en que cumpre anos este)

-Que nos pode dicir daquelas estupendas tertulias literarias que organizaba o seu pai? Non hai publicacións daquelas conversas arredor da mesa, porque teñen habido xantares literarios tamén…
-Pois si, efectivamente, pola casa pasaron grandes escritores e pensadores. Por exemplo, Vargas Llosa. Era cando o mundial de fútbol do 82. El traballaba como cronista deportivo oficial para a selección do Perú. Publicaba en Argos Vergara daquela, e si, aquí tivera lugar a presentación dunha súa obra… (As presentacións dos libros eran algo importante para o meu pai, esmerábase moito e vostede igual xa sabe que levou premios en escaparatismo, eu herdei tamén ese gusto digamos pola escenografía). Tamén recordo xuntanzas con Cunqueiro, entrañable (eu fun ao seu enterro, un día de chuvia…, todo cheo de paraugas negros…). Tertulias con Cela, con Miguel González Garcés, con Bugallal. E con Salvador de Madariaga, que era un grande conversador, viña do exilio… Logo recibiramos a visita de Mimí, a súa viúva… Cela viña de Madrid, era moi amigo do meu pai. Sentaban e charlaban horas de libros, da Mazurca, dos proxectos curiosos de Cela, como aquela edición de El cipote de Archidona, unha novela erótica, aquí fixeran unha edición facsimiliar ad hoc, así de grande con esa forma, con ilustracións e textos do propio Cela. Fixéranse 500 exemplares e vendéranse 30. Aínda me lembro da primeira feira do libro, aí enfronte, onda a estatua de Curros, na caseta número tres, asinaban Cunqueiro e mais Cela. Hai un vídeo gravado. Non me podo esquecer de Gonzalo Torrente Ballester, sempre moi amable con esta casa, viñan xantar en familia, cos seis ou sete fillos seus. Ou de Wenceslao Fernández Flórez, conservamos unha foto dedicada… E Urbano Lugrís. Do seu pai  -Luis Freire- creo recordar que hai dedicatoria no libro de asinaturas. Urbano Lugrís viña moito, xa pola libraría Cervantes, compraba por exemplo material para pintar… E pagaba en cadros. Tivemos 4 cadros seus, dos que conservamos 2. Incluso recordo os temas: dous eran paisaxes do país, un de Quijote e Sancho e noutro víase unha porta castelá.
-Fálenos do premio ‘Fernando Arenas Quintela’ que honra a memoria do seu pai.

 (Fernando Arenas Quintela xura o cargo de concelleiro do Goberno Municipal da Coruña)

-O premio responde a unha miña idea. Este ano celebramos na véspera do 23 de abril a vixésima edición do premio literario. Naceu coa idea de recoñecer autores coruñeses, sendo Galicia un tema preferente. O primeiro en gañar este premio foi Javier Ozores Marchesi, co libro La cena de los videntes. As linguas en que se pode presentar obra a concurso son o galego e o castelán.
-E xa a derradeira por hoxe, señor Arenas. Que está vostede lendo arestora?
-Agora estou lendo novela histórica, leo unha obra de Posteguillo sobre a antiga Roma.
-Moitas grazas, Manuel, por contestar as nosas preguntas, por dedicarnos parte do seu tempo. Longa e frutífera vida entre libros na compaña dos seus seres queridos!