mércores, 13 de xullo de 2016

GALICIA INMORRENTE



GALICIA


ALGO SOBRE AS SEREAS


Un día díxome a miña amiga Uxía que Galicia, para ter como ten tanta costa, non era moi rica en lendas con ou sobre sereas. Nunca estiven totalmente de acordo con esa afirmación. Creo que hai dabondo material ao respecto, se se me permite a pouco poética expresión. Porque realmente o tema é poético. Ten algo de misterio pola irrealidade pero tamén a forza recorrente con que atopamos o mito espallado aquí e acolá, e ten moito de beleza literaria. Entre nós, polo menos desenvolveron o motivo dous dos grandes, Otero Pedrayo (nun breve relato cheo de simbolismo publicado na revista Nós e titulado precisamente A serea) e Cunqueiro, dentro do libro Merlín e familia.

 (Serea coruñesa. Foto tomada da Internet)


A materia das sereas entronca na materia das Donas das Augas, tanto dá que sexan augas das chamadas interiores ou do mar,  que son moi comúns en Europa, onde as atopamos con distintos nomes: en Friul chamábanas Aganas –de aghe ‘auga’-; en Cataluña, en Asturias, en Alemaña _Lorelei ou Lorelai, no río Rhin-, as lumias daniñas de Euskadi e de noso, as lavandeiras nocturnas bretoas e galaicas, as Xacias do Cabe galego, as Ondinas, as mulleres-foca das Hébridas, as Melusinas do sur de Francia, as mulleres-serpe das nosas fontes... É esta unha materia que permite varias aproximacións. Por exemplo, podiamos derivar ao subtema da Natureza constante da criatura viva. Hai variantes e hai invariantes: en moitos destes relatos que tocan a Muller da Auga, ela tarde ou cedo, volve ao seu elemento (así as mulleres focas, as Melusinas, as mulleres serpes galegas non desencantadas, as xacias lemavas –das terras de Lemos). É doado establecer o paralelismo co relato-conto mítico ou fábula da donicela (a quen Venus fai muller mais na noite de vodas ve un rato e non pode resistir a tentación de botarlle a gadoupa: triúnfa a natureza primeira, a constante ou invariante, por dicilo así). Outro subtema perceptible é a ambigüidade inherente á polaridade semántica básica: o positivo versus o negativo. Son boas ou son malvadas estas Donas das Augas? Igual que a esfinxe (prototipo clásico de ser feminino híbrido: ser ambiguo cunha linguaxe críptica, ambigua por definición), a serea representa moi ben este digamos arquetipo discutible, a ambigüidade: a Maruxaina lucense é o caso galaico paradigmático. Uns din que era boa e axudaba aos mariñeiros mentres que outros din que era mala e atraíaos co seu canto para facelos afogar. 


 (Debuxos de Castelao publicados na revista Nós, sobre os escudos de Rianxo. Vedes a serea que logo retomará para o Escudo de Galiza que el deseña. Estas sereas fálanos da pervivencia do mito da serea de Sálvora, a serea muda, que entronca coa lenda recollida por Leandro Carré Alvarellos, a lenda da casa dos Mariño, unha das máis antigas en ser documentada en Europa, pois que aparece xa no Nobiliario do Conde de Barcelos)


Porque frecuentemente a serea canta: atreveriámonos a dicir que ese é o seu atributo máis coñecido, divulgado por toda Europa e parte do resto do mundo grazas quizais á Homero. Na nosa península é o romance do chamado Conde Olinos o modelo áureo onde mellor ficou gravada esa virtude. Relembrade que xa tocamos ese aspecto marabilloso da literatura hispánica tradicional noutra páxina do blog. O canto da serea do mar fai que todo o universo se deteña e abraie para oíla. Non é pouco poder. Non nos estraña que na Biblia se nos fale de anxos especializados no canto. A voz, a voz, sempre a voz, a de Salinas, a do puro gong tibetano, a voz de todas as aves do mundo de amor dician...

Hai varias poesías de tipo popular, fragmentos esgazados talvez –algunhas polo menos- de vellos romances, onde pervive esa marabilla de canto:

Indo polo mar abaixo / oín cantar unha serea, / ¡Vállame Deus como canta / unha cousa tan pequena!”

“Se ti quixeras oír / os meus mellores cantares, / non saberías se era eu/ ou a serea dos mares”.

“Moi ben canta, moi ben canta/ a sereíña do mar, / os mariñeiros dan a volta / só pola oír cantar”

“Vállame Deus o que canta/ a sereíña do mar! / Os mariñeiros dan a volta / só pola oír cantar”.

“Vállame Deus o que canta / a sereíña no mar, / os navíos deran volta / só pola ouvir cantar” (estas cántigas están tomadas dun artigo de Carmen Hermida que podedes ler en: http://es.slideshare.net/redemuseistica/ardentia4-a-muller-nas-cantigas-do-mar).

Pero volvamos á Maruxaina da mariña lucense. Este día mirade o que me contaba unha miña coñecida, cuxos pais eran naturais de san Cibrao: “Así que tes oído falar da Maruxaina... Pois cando eramos nenas, viñamos pasar o verán a san Cibrao, e ao meu pai gustáballe ir coa barca, era unha barca pequeno, de remos, ía aos farallóns, eran tres, como tres illas, a Maruxaina estaba na Sombriza (logo estaban a Baixa e o Pé), había bos percebes... Cando volvía a casa, recordo, frotaba así as mans e dicía “que frío vos vai, que frío vos facía nos Farallóns, tiven que ir tomar un café quente á Taberna da Maruxaina... Menos mal que tomei un café quentiño na taberna da Maruxaina...” E as catalanas, chamábanlle así, eran tamén varias irmás, ían recoller o pai que viña das illas, da pesca, e dicíalles el, “tomade miniñas, estes carameliños que me deu para vós a Maruxaina na súa taberna...” E nós, as tres irmás, cando nos levaba na barca, algunha vez o ten feito, diciámoslle “ai, papá, lévanos á taberna da Maruxaina”, e el dicíanos “hoxe non pode ser, subiu a marea e xa non se pode pasar”... O que era ser neno, que todo o criamos...

Entón eu, para confirmar, pregúntolle: Entón a “taberna” era a caverna onde se supón que habitaba a Maruxaina? E ela respondeume: “Si, claro, era unha caverna”. Ou unha furna, como lle chaman normalmente os mariñeiros ás que hai no mar (se escribides a palabra furna no DdD e ledes o que deixou escrito D. Eladio Rodríguez González, entenderedes ben por que na Coruña temos dúas esculturas en forma de serea...).

As lembranzas fermosísimas e entrañables de Dolores Martínez, filla de nativos de san Cibrao, axúdannos a entender un par de cousas: que a Maruxaina é un ser mítico feminino amable en boa medida; que os paisanos xogan coa etimoloxía popular igualando caverna  e taberna (difíciles de unir etimoloxicamente porque os latinos non confundían v e b, inda que si se confundan nas distintas formas medievais peninsulares; cando nós estudabamos e traduciamos latín había uns versos - de Horacio?- onde se dicía que a  pálida morte entra por igual nos pazos dos reis e nas tabernas dos pobres, e nese verso a voz taberna ten o valor xa perdido na lingua actual de choza... quen sabe se na ancestral orixe da voz haberá relación coas táboas...), e en terceiro e último lugar, exemplifícanos moi ben ese proceso de degradación (unha variante do proceso universal de aculturación) que as vellas materias, as vellas culturas experimentan co cambio de estruturas –de pensamento, de ciencia...- que necesariamente ocorre ciclicamente para seguirmos sempre cara adiante, polo menos teoricamente, na dinámica do que damos en chamar o progreso. As vellas deusas protoindoeuropeas, como tantos outros indicadores dun estrato precristián, demonízanse e convértense en bruxas con grans no nariz que montan varredoiros rudimentarios; moitos dos mitos clásicos reformúlanse en contos infantís, ou en esquemáticas fábulas simplificadas que serven de apotegmas morais ou moralexas; os vellos deuses europeos desfilan –segundo algúns autores, nunha hipótese moi verosímil- polas rúas da moderna Europa o día de Carnaval. E neste enfoque ameno, incluso entrañable, dos pais do san Cibrao lucense para deleitaren e burlárense asemade dos fillos, vemos como o lúdico se apodera do que noutrora quizais fose un rito serio, unha veneración arcaica polas terribles forzas do Cantábrico, no mesmo sentido ou en paralelismo con aquelas serpes que Atenea manda desde o mar a Laocoonte, aquela Coca arrepiante que asolagaba a vella Pontevedra, necesitándose doce mariñeiros fortes unidos para vencela, aquel ser igualmente terrorífico, o Hakemann ou os Siora suecos dos que nos fala Fermín Bouza-Brey (en Etnografía y Folclore de Galicia).

Esta forma lúdica de relacionarse os homes feitos coas criaturas inxenuas relémbranos moito a arte de cazar gamusinos, gazafellos, godofellos ou gozofellos (entre nós, porén,  a voz máis común é biosbardos) arte documentada en todo o terzo norte peninsular, desde Euskadi e León, ata chegar a Galicia. Quede iso para outro día.
(A sereíña de Copenhague, tributo dos daneses ao relato de Andersen. Era tamén muda, vemos aquí outro dato de paneuropeísmo, vínculo de unión entre partes distintas de Europa, un mito compartido; foto tomada da Internet)





martes, 5 de xullo de 2016

ENTREVISTAS A HOMES QUE AMAN GALICIA



ENTREVISTA AO PRESIDENTE DA REAL ACADEMIA GALEGA

 (Todas as fotos, agás a da placa do noso Instituto, están tomadas da Internet; nesta aparece fotografado o actual Presidente da RAG)
[Seguimos coa entrega dalgunhas das entrevistas que lles serviron de traballo de fin de curso aos nosos alumnos de Oratoria Aplicada; desta feita tócalle a quenda ao Presidente da Real Academia Galega, quen amablemente recibiu á nosa alumna, na sé da Institución; desde aquí agradecémoslle que nos dedicara parte do seu tempo]

Entrevistadora: Soledad Fernández-Cid Lloveres, alumna de 1º de bacharelato no curso 2015-6.


-          Onde se formou academicamente? Tivo algún profesor que dalgunha maneira lle contaxiase especialmente o amor pola lingua ou que marcase para vostede un antes e un despois?



-         En relación ós estudos universitarios, estudei na universidade de Madrid de 1948 a 1953 no que daquela se chamaba a “Facultade de Filosofía e Letras” que naquel momento, en toda España, eran os dous primeiros anos de estudos comúns: literatura, historia da cultura, latín, grego, historia da arte etc. e logo o terceiro, cuarto e quinto ano eran estudos xa dunha especialidade: había sete. Eu fun estudar a Madrid, xa que vivía nunha aldea de Ribadavia (da provincia de Ourense), porque quería estudar Filoloxía Románica e como non había Filoloxía Románica na Universidade de Santiago, decidín non facer os dous primeiros anos comuns aquí e marchar directamente a Madrid, naturalmente, convencendo previamente ós meus pais, de que quería estudar Filoloxía Románica. O profesor que máis me marcou foi Don Rafael Lapesa, catedrático de gramática histórica e de historia do español en terceiro e cuarto curso. Profesor que me marcara na universidade? Realmente el dun xeito fundamental, e logo en menor nivel, o catedrático de lingüística románica Dámaso Alonso: poeta da “Xeracion do 27” xunto con Lorca, Alberti etc. Pero hai nesa facultade un catedrático de historia que é de Ferrol, Santiago Montero Díaz, que ese si me marcou oratoriamente. Os outros marcáronme intelectualmente, profesionalmente… pero cada vez que eu asistía a unha conferencia ou disertación de Santiago Montero Díaz (que aínda que non era profesor meu, varios alumnos e mais eu iamos ás súas clases porque nos gustaban) ese si que me marcou. Eu teño así unha certa sona de orador, de persoa que ten unha certa arte na utilización da palabra, e eu creo que o pimeiro en marcarme nese sentido foi este catedrático de historia antiga: Santiago Montero Díaz.

 (No salón de plenos da Academia)



-          Cando descubriu a súa vocación? Sendo realistas, pensou alguna vez que chegaría a ser presidente da Real Academia Galega?





-          Pero cal é a miña vocación? Eu nunca tiven vocaciónde presidente da Real Academia Galega. A miña vocación é a vocación ás letras e descubrina quizais en terceiro ou cuartoanode bacharelato por un profesor chamado Don Bernardino Graña Refojos, en Ribadavia, que é pai dun poeta que é académico chamado Bernardino Graña Villar. Eu creo que a el lle debo a inclinación ás letras, tanto polas súas clases na aula pero sobre todo porque fóra da aula a min tíñame unha certa estima: deixábame libros, comentábame libros e incluso estaba escribindo unha novela que me lía a min para arrecadar o meu parecer. A el débolle a miña inclinación polas letras e a el débolle bastante saber en literatura e latín, que non era pouco para alguén que ía estudar letras como fixen eu. Pero claro, non se ten vocación de presidente da Academia Galega. Levo de presidente tres anos e un mes, e aínda me faltan once meses: hai catro anos pensaba tanto en ser presidente da Academia como en ser presidente de Tailandia, que case non sei onde está. Sucederon cousas de tipo máis ou menos anómalo polas que dimitiu Méndez Ferrín, quedando aquí unha especie de baleiro. Algúns amigos dixéronme que pola idade ou polo que fose, debería asumir a responsabilidade de presentarme a presidente. E eu fixen iso como un servicio público. Eu son marxista e militante do Partido Comunista, e se son un pouco consecuente con esta ideoloxía en min debe de prevalecer máis o público que o privado. A academia consómeme moito tempo, con entrevistas como esta ca que estou moi contento. A miña vocación dentro das letras é principalmente a lingüística, non estando tan ligada á literatura.


(A historia do noso Instituto vai unida á historia da Real Academia Galega: xa traballamos os membros do equipo da Biblioteca Escolar este tema e axiña o retomaremos para o blog)

-          Está a ler algún libro actualmente?





-          Pois acabo de ler por oitava vez O Quixote e ademais din varias conferencias sobre esta obra. Unha en que falei de Cervantes en Cervantes, un concello de Lugo, colindante con León, onde ten os antecesores o autor. Teño que confesar, aínda que con algo de rubor, que estou lendo a última novela de Vargas Llosa.



-          Gustaríalle, que nalgún ano posterior, se lle adique o Día das Letras Galegas a algún autor en particular?





-          A bastantes autores, si. Gustaríame que se lle adicara ó gramático ourensán Juan Antonio Saco Arce que escribiu a primeira gramática galega importante no ano 1868. Gustaríame que se lle adicara a Florencio Baamonde Lores, un dos primeros entraducir do grego e o latín ó galego no seculo XX. Tamén a Florencio Delgado Gurriarán que estivo no exilio en México e alá morreu polo ano setenta e tantos. Tamén a Antonio Tobar, poeta ourensán. A Carlos Casares, e moitos máis.

 (Foto de Isidoro Brocos, profesor que fora de Pablo Picasso na Escola de Artes e Oficios situada daquela na primeira planta do noso edificio e membro correspondente, asemade, da RAG)



-          Como se sente sendo opresidente da Real Academia dunha lingua que perde unha cantidade considerable de falantes tódolos anos?





-          Eu non me sinto mal como presidente da Academia Galega, síntome mal como cidadán da cultura galega. Eu son falante de galego porque o aprendín na miña casa, dos meus pais. Aínda que eu aprendín o galego tarde, porque nacín en Vigo nunha taberna que tiñan os meus pais e daquela meus pais, que entre si falaban en galego e meu pai practicamente non sabía falar o castelán, miña nai si, porque lía novelas,ía o cine… e a nós falábannos en castelán, pero o 1 de xaneiro do 38, cando cumpro os nove anos veño para a aldea de Ventosela, a catro quilómetros de Ribadavia, e desde ese momento empezo a falar o galego que falo na casa e cos amigos, pero que non falaba na escola nin nos espazos importantes. Isto é o que leva a xente, e tamén a min, a sentir una subestimación para o propio porque se o outro idioma é o idioma dos ricos, dos que visten ben, dos que viaxan, dos que teñen libros etc. pois será un idioma mellor. E se o outro é os dos que andan farrapentos, descalzos, pasan fame e son máis feos, porque claro, os pobres son máis feos que os ricos (iso está estudado que é así) pois claro, as connotacións que ten o idioma dos pobres son negativas. Por exemplo, se eu digo: “A min gústanme as cereixas que apareceron na cerdeira a primeiros de maio” é igual de valioso dende o punto de vista filolóxico que dicir: “A mí me gustan las cerezas que aparecieron en el cerezo a primeros de mayo” Así que o idioma en si mesmonon é mellor nin peor, senón distinto.


-           Pensa que o galego é una lingua politizada? Pensa que a lingua debe estar por riba das ideoloxías ou que pola contra se debe acadar un certo compromiso político coa lingua?


-Bueno, aí hai moitas cousas, querida amiga. Eu sei que en moitos discursos de distintos grupos políticos de Galicia, cando se fala do idioma hai unha visión politizada. É que realmente case é imposible ser apolítico na vida. Cando alguén di que é apolítico non o é nunca. Nós podemos non ser dun partido político, saber pouco de política… Se agora vostede ve que na saída, na rúa, hai un rapaciño de cinco anos e chega un mangallón de vintecinco e comeza a darlle puñetazos, aínda que vostede non sabe moi ben por que pasou eso, en principio toma partido polo neno: está facendo política. Facer política é tomar partido. Debemos tomar partido en favor do galego, unha lingua que ten vivido circunstancias moi adversas, pero debemos de tomar partido de tal xeito que a nosa proposta sexa unha proposta para todos. Cando se di: “Bah, o galego fálano os da aldea e os do Bloque”… Pero hai moita xente que non é de aldea nin do Bloque e que fala galego e defende o galego, polo tanto o galego debería de unirnos e lamentablemente non sempre nos une. E, por tanto, mentres non se chegue a esa filosofía e a esa práctica, realmente o galego vai seguir tendo problemas. Pero non hai ningunha razón para que un comunista non defenda o galego e para que un militante do PP non defenda o galego se é o idioma da súa xente e da súa terra.

venres, 1 de xullo de 2016

CLUB DE LECTURA

CLUB DE LECTURA. CURSO 2015-6. 

SELECCIÓN DE FOTOS

(Outono: lemos a Miguel Torga; tamén na horta do grande iberista había unha nogueira)

 (Outono: cos membros máis pequenos ese día lemos contos populares rusos)

 (Ese día recibimos a visita da profesora Ana Rey; este terceiro grupo só durou un trimestre; traballabamos coa mitoloxía esa semana)

 (Co grupo dos "cazatesouros", chocolatada de Nadal)

 (Co entusiasta grupo dos de primeiro da ESO, celebración do Nadal)

(Varios membros do Club rodean ao escritor Francisco Castro, tras oílo e participar activamente na rolda de comentarios)

(Escoitando a Santiago Lopo na súa visita ao centro; vemos claramente a Óscar, do grupo dos "cazatesouros")
 (Maratón de Lectura Solidario, febreiro: foron das primeiras en chegar, aí as vemos, na espera: logo participarían activamente, lendo)
(María Vázquez practica a peza que tocará na XI edición do noso certame literario de marzo, "Rita Suárez Amado"; outros membros do Club axudarán como azafatos e vendedores do prato conmemorativo do 125 aniversario do Instituto; o caso é participar)

(Visitamos no inverno as ruínas aparecidas na rúa Durán Loriga, rúa que se abriu en 1920. Dubidaban os expertos se serían valados de vellas casas ou restos dun baluarte das murallas coruñesas que delimitaban a Pescadería, ocupando o espazo da actual rúa Xoana de Vega; na foto vemos unha das guías-arqueóloga que nos ilustrou amplamente sobre o tema) 


(Visitamos o Caramanchón, resto da muralla que atravesaba desde a Batería de Salvas -actual Rosaleda- ata este punto exacto; lemos e comentamos os ricos carteis informativos; nunca nos fartamos de experimentar abraio polos cambios sufridos pola nosa amada cidade, non sempre foron cambios para ben...)

(Abril: co gallo do día do libro facemos festa no Instituto; Picasso é un motivo nuclear)


(Festa do Día das Letras Galegas: distribuímos entre os membros do Club de Lectura os libros con que nos agasallou a Fundación Barrié, a quen amosamos aquí e agora o noso agradecemento pola súa contribución sempre xenerosa)

(Selfi despedida Club de Lectura)

(Na festa do 22 de xuño, festa conmemorativa dos 125 anos de 'Instituto da Guarda').

domingo, 26 de xuño de 2016

Biografías Lectoras (XIII): Xulio L. Valcárcel

1. Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
-Unha antoloxía de poesía que recollera Antón Campelo. Eran as letras das cancións d´ O Carro, un grupo “folk”, pioneiro na canción en galego.  A maioría  dos textos eran de Celso Emilio Ferreiro. Naquel momento eu estaba máis preto da música que da literatura. 

2. E en castelán?
-“Corazón”, de Edmundo de Amicis. Recomendoumo meu avó Xesús, e aínda me lembro dalgúns contos: “O pequeño escribinte florentino”, “Dos Apeninos aos Andes”…

3. Un libro que fose especialmente importante na túa vida?
-Sen dúbida, “O deserto dos Tártaros”, de Dino Buzzati. Constitúe unha alegoría   do destino de moitas persoas, que empezan a vida con moito entusiasmo pero acaban  desencantadas.

4. Que libro che prestaría ler agora en galego?
-Relería “A Esmorga”, de E. Blanco-Amor. Ou os de Cunqueiro. En xeral gústanme os autores que escriben un galego celmoso, con sabor, con gracia.

5. E en castelán?
- “El Quijote”, de Miguel de Cervantes. Polas mesmas razóns. A gracia do español antigo e a precisión estilística.

6. Cal pensas que podía ser un libro que lle gustaría ler á xente nova?
-Todos os de Manuel Rivas, o noso autor máis universal.
-“Con tacones y a lo loco”, de Clarilou.

7. Algún título para agasallar a un amigo ou amiga?
- En xeral, adáptome aos seus gustos  e hai unha variedade tan ampla que resulta difícil concretar ningún.

8. Que libro tes neste momento enriba da mesiña de noite ou no e-book?
- “Libros conversos”, de Baldo Ramos e Pepe Cáccamo.
- “Historia de los heterodoxos Españoles”, de Méndez Pelayo.

9. Que libro leva agardando moitos anos por ti?
- “O Ulises”, de J.  Joyce, que tamén o teño na mesiña na versión en  galego.

10. Houbo algúns textos ou autores que che quedasen na memoria para sempre?
-Si, sei moitos poemas ou anacos de poemas, de memoria: Rosalía, Curros, Quevedo, Celso Emilio, González Garcés,  Novoneyra, Juan de Yepes, Bécquer,  Manuel Antonio, Juan Ramón, Pessoa, Noriega Varela…  

11. Uns versos dun dos teus poemas favoritos?

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,

I a tea dos teus sonos non se move.

A espranza nos teus ollos se esperguiza.

Aran os bois e chove.
Xosé María Díaz Castro: “Penélope”.

Xulio L. Valcárcel, poeta
(Sección Coordinada por Xosé P. Mondelo)

xoves, 23 de xuño de 2016

A CORUÑA

125 ANOS DE INSTITUTO DA GUARDA

Este ano celebramos 125 anos de Instituto da Guarda. Un acontecemento que ten un certo significado para a nosa cidade. Dedicarémoslle un par de capítulos no blog.
Con ese gallo a festa de final de curso foi especial. Faremos un breve percorrido con fotos. Todo ocorreu un mércores 22 de xuño do ano 2016...

(A xeira comeza con teatro de Manuel María: varios alumnos da ESO e de 1º bach. representan unha parte da Farsa de Bululú. No escenario -dadaísta, vede o trono- aparece a criada; trátase de Martina Roel Tomé, quen logo tamén fará de Ministro de Facenda; nun recanto pódese ver ao virtuoso do trombón de varas, Néstor Bolaños Acuña, soberbio; Martina leva na masa do sangue o teatro, é filla de actor e mais escenografista)

(Actuaron tamén: Lucía Vaamonde López, Marcos Fernández Martínez, Julia López de la Osa, Adrián Caridad Villar, Lidia López Campoamor -Clara Campoamor foi a súa tía-bisavoa-, Michelle Budiño Regueira, Paula Fiaño, Manuel Rioboo Otero e Ada Morlán Alcobre).

(Actores e profesores: Iria Otero e Eduardo Varela foron os artífices; ambos os dous son profesores de ética. Gustounos moito o alegato final: fixeron, ao xeito unamuniano, intervir ao final ao autor, e este -fai de Manuel María o rapaz de camisa branca- lanzou por aire os papeis do discurso teatral e dixo que de todas as filosofías posibles quedaramos coa vida: "vivide... vivide agora, denantes e mais despois". Non está nada mal. A vida por riba de todas as tiranías)

(E logo a festa. Festa rachada. Houbo postos de venda de doces, bebidas, caricaturas -parabéns a Martín, unha promesa da arte gráfica-, pulseiras, colares... o diñeiro era de época, moitos alumnos e profes viñeron de época...)

(Estrela de cinco puntas: no medio a Concelleira de Servizos Sociais e Educación do Concello da Coruña, Dª Silvia Cameán: esta institución brindounos axuda, tras a petición cursada por unha das organizadoras máximas da festa, Dª Mª Jesús Quintáns; estruturas coma o palco da música e os aparellos de son foron imprescindibles para termos unha boa festa; xunto á  concelleira vemos á nosa directora, Dª Isabel Ruso)

(Outras xoves promesas: tocaron varios temas de ACDC)

(Hai que felicitar tamén aos profesores-titores: o grao de colaboración foi exemplar)
(A vicedirectora, a concelleira e a directora)



(Estupenda a caracterización anos 50 da profesora Dª Ana Sierra)

(Mirade o xogo da ra... Aproveitei a ocasión para recordarlle á señora concelleira que non estaría mal recuperar ou revitalizar o xogo da chave, tan coruñés, tan popular... É unha mágoa que se perdan esas tradicións ancestrais; en Nova York, a un paso da biblioteca pública máis importante da metrópole, creo que se chamaba Bryan Park, vimos xogar a petanca...)

A CORUÑA

125 ANOS DE INSTITUTO DA GUARDA

Este ano celebramos 125 anos de Instituto da Guarda. Un acontecemento que ten un certo significado para a nosa cidade. Dedicarémoslle un par de capítulos no blog.
Con ese gallo a festa de final de curso foi especial. Faremos un breve percorrido con fotos. Todo ocorreu un mércores 22 de xuño do ano 2016...

(A xeira comeza con teatro de Manuel María: varios alumnos da ESO e de 1º bach. representan unha parte da Farsa de Bululú. No escenario -dadaísta, vede o trono- aparece a criada; trátase de Martina Roel Tomé, quen logo tamén fará de Ministro de Facenda; nun recanto pódese ver ao virtuoso do trombón de varas, Néstor Bolaños Acuña, soberbio; Martina leva na masa do sangue o teatro, é filla de actor e mais escenografista)

(Actuaron tamén: Lucía Vaamonde López, Marcos Fernández Martínez, Julia López de la Osa, Adrián Caridad Villar, Lidia López Campoamor -Clara Campoamor foi a súa tía-bisavoa-, Michelle Budiño Regueira, Paula Fiaño, Manuel Rioboo Otero e Ada Morlán Alcobre).

(Actores e profesores: Iria Otero e Eduardo Varela foron os artífices; ambos os dous son profesores de ética. Gustounos moito o alegato final: fixeron, ao xeito unamuniano, intervir ao final ao autor, e este -fai de Manuel María o rapaz de camisa branca- lanzou por aire os papeis do discurso teatral e dixo que de todas as filosofías posibles quedaramos coa vida: "vivide... vivide agora, denantes e mais despois". Non está nada mal. A vida por riba de todas as tiranías)

(E logo a festa. Festa rachada. Houbo postos de venda de doces, bebidas, caricaturas -parabéns a Martín, unha promesa da arte gráfica-, pulseiras, colares... o diñeiro era de época, moitos alumnos e profes viñeron de época...)

(Estrela de cinco puntas: no medio a Concelleira de Servizos Sociais e Educación do Concello da Coruña, Dª Silvia Cameán: esta institución brindounos axuda, tras a petición cursada por unha das organizadoras máximas da festa, Dª Mª Jesús Quintáns; estruturas coma o palco da música e os aparellos de son foron imprescindibles para termos unha boa festa; xunto á  concelleira vemos á nosa directora, Dª Isabel Ruso)

(Outras xoves promesas: tocaron varios temas de ACDC)

(Hai que felicitar tamén aos profesores-titores: o grao de colaboración foi exemplar)


(Estupenda a caracterización anos 50 da profesora Dª Ana Sierra)

(Mirade o xogo da ra... Aproveitei a ocasión para recordarlle á señora concelleira que non estaría mal recuperar ou revitalizar o xogo da chave, tan coruñés, tan popular... É unha mágoa que se perdan esas tradicións ancestrais; en Nova York, a un paso da biblioteca pública máis importante da metrópole, creo que se chamaba Bryan Park, vimos xogar a petanca...)