sábado, 22 de agosto de 2026

VISITANDO...

 

VISITANDO SANTA MARÍA DA ERMIDA I

 


(A inscrición reza así: "O ouro éche vil, retírense os pesos de prata  / É máis o que brillas coa propia felicidade").


 

Como tantos outros agostos da nosa vida pasamos días tranquilos na aldea, con luz intensa, cantos de aves (este día díxonos un coñecido, “Charo, cando vós non estades, vexo bandadas desas aves preciosas que se comen voando cara ao voso xardín”, non soubo dicir o seu nome, pensamos en faisáns pero nin son autóctonos nin sei deles por estes lares, no DdD sitúanas nas montañas de Lugo… Talvez paspallás, quen sabe, herba para que aniñen non temos, árbores si pero herbais non), tardes longas e gana de explorar o mundo das pequenas cousas arredor de nós. Un domingo madrugamos e collimos o coche para ir a Santa María da Ermida,  Quiroga,  con intención de chegar a tempo para a misa das dez e poder ver así o interior da igrexa.

 

(A igrexa de Santa María da Ermida. Foto tirada de Internet. As nosas fotos irán na segunda entrega)

Sempre me resulta un traxecto familiar, as fermosas ribeiras do Sil. Primeiro en tren, logo no “seiscentos” de mamá, moitas viaxes fixemos a Valdeorras, a terra materna. Ribeiras de verde intenso e louxados, lembranzas de maio con arrecendo a uces, xestas ou piornos. A inmensidade do mundo espellada nas augas fondas, por tramos silandeiras, do Sil. A entrada natural de Roma en Galicia.

Quiroga está na grande provincia lucense, no linde coa ourensá Valedeorras. Desde o cemiterio, a carón da igrexa, de Santa María da Ermida víase perfectamente o val de Quiroga bañado polo río. San Clodio, coa estación do ferrocarril, do outro lado. Unha beleza ampla, digna de gravarse na retina, con brillos da luz da mañá. Algún triste resto de incendios na aba daquela montaña. Terras de Lugo! Tan antigas e señoriais, ricas en tesouros. Nós viñamos para ver onde se atopou un, o chamado Crismón de Quiroga. É tan importante o contexto… O lugariño está a uns dous quilómetros da vila quiroguesa, nun alto. A peza de mármore gris con vetas, procedente con case total certeza das canteiras do Incio (non comprendo por que non se fan análises definitivas, estamos en pleno século XXI e calculo que hai métodos que nos confirmen ou neguen esa filiación), servía de mesa de altar na Ermida, ata que en 1925 se levou á capital. Agora está no Museo Diocesano de Lugo.

(Verbas do traballo de Jaime Delgado, sempre interesantes)

 

Sobre os estudos da soberbia peza e as interpretacións con respecto ao seu uso orixinario, en síntese temos: monumento funerario ou mesa oracular ou ritual (https://gl.wikipedia.org/wiki/Crism%C3%B3n_de_Quiroga).

Nós imos deternos na hipótese que nos parece máis plausible, a que desenvolveu no seu día o profesor lucense Jaime Delgado Gómez[1] (datos biográficos en: http://galegos.galiciadigital.com/gl/jaime-delgado-gomez).


 

 

 

Este é outro célebre crismón, tamén con alfa e omega, e coa inscrición arredor, IN HOC SIGNO SIRICI ‘Con este signo, Siricio’. Foi atopado nas escavacións realizadas na catacumba romana de Santa Inés e Delgado di que por tal motivo non se pode dubidar do seu carácter funerario. Canto á datación, é un pouco anterior ao de Quiroga.

 

 

No apartado dedicado á orixe e evolución, Delgado di que xa a principios do IV o crismón se converte en símbolo de Cristo e aparece en lápidas sepulcrais. É no famoso “Lábaro de Constantino” cando o cristograma aparece seguramente por primeira vez como símbolo. Recorda o arqueólogo e sacerdote lucense o texto do historiador Eusebio de Cesarea, contemporáneo dos feitos que narra: Constantino, antes da batalla da Ponte Milvio, en Roma, no 312, na que derrotou a Majencio, orou e Deus faille presenta a visión do signo e as verbas: con este sinal vencerás. De noite, nunha nova visión, recibe o encargo de facer un lábaro[2] con ese símbolo ou sinal: unha hasta atravesada pola antena ou verga en forma de cruz e sobre a hasta unha coroa dentro da cal se sobrepoñen as letras gregas ‘ro’ e ‘x’, ‘P’ e ‘X’. Letras que, ao ficaren superpostas tiñan a forma dunha cruz decusata[3]. Continúa dicindo que non pasarán moitos anos desde aquilo e o símbolo amentado enraiza no pobo cristián. Así, arredor do 350 xorden os famosos sarcófagos chamados da Paixón, en cuxo centro (á fronte) aparecerá unha cruz circundada dunha coroa e dentro dela atopamos o crismón e sobre os brazos da cruz, peteirando na coroa, dúas pombas afrontadas, unha á fronte da outra,  e tamén dous personaxes, un a cada lado da cruz. O significado deste crismón é coma o dun ideograma de victoria e apoteose, expresaría o ánimo xubiloso daquela primitiva comunidade cristiá: libre xa para expresar a súa fe, dinos Delgado que con este símbolo canta un hosanna a Aquel que venceu a morte.

 

(Sartego do xove Ithacius)

 

A un e outro lado do crismón[4], xa desde o século IV, aparecen as letras gregas alfa (a primeira dese alfabeto) e omega (a derradeira). A razón dese grafismo é que na Apocalipse a Cristo se lle chama Alfa e Omega, porque se considera a Cristo, personificado no crismón, como principio e fin de todas as cousas. Tamén desde o IV, aparece dentro dun círculo e sobre todo dentro dunha coroa, o que implica un enriquecemento do símbolo. Falamos xa dos sarcófagos da Paixón: a orixe deste modelo ben puidera -dinos Jaime Delgado- ser dobre. Pode imitar o lábaro constantiniano e pode pensarse que esa coroa nos sarcófagos sexa unha evolución do clipeus ou escudo dentro do cal figuraba o busto do defunto. No clípeo aparecía o defunto salvado por Cristo. Agora dentro da coroa está Cristo que salva o defunto alí sepultado.

Delgado non quere pasar por alto neste seu traballo outros tres sarcófagos da península: o do Museo Provincial de Belas Artes de Valencia, de fins do século IV. Nel o crismón aparece dentro dunha coroa de loureiro. O do neno ITHACIUS da catedral de Oviedo, está datado, segundo De Palol[5], a fins do V ou principios do VI e ten tamén unha inscrición versificada coma o de Quiroga[6].

E á derredeira, o do Conde Santo de Lourenzá; este é de orixe aquitana, datado no s. VI -expón Delgado- pero chegou aquí no s. X. O crismón tamén está dentro dunha coroa de loureiro.

 

(Detalle do "crismón" do sartego do Conde Santo de Lourenzá, Lugo. A foto é de Dolores González Peña, do seu blog Arqueotoponimia)

 

Do exposto concluímos que a primeira funcion do noso cristograma estudado foi, sen dúbida, de carácter funerario (son sempre palabras do relembrado historiador nado en Castelo,  Taboada, Lugo).

O Crismón de Quiroga estaba ata 1887 (seguimos achegando datos do traballo de Jaime Delgado Gómez) facendo de ara no altar maior de Nosa Señora da Hermida, parroquia do concello de Quiroga. Non se sabe desde cando ese mármore tiña tal función. O que si sabemos é que co tempo esa pedra acadou unha sacralidade especial entre o pobo. A mentalidade popular (a “piedade popular” dinos Delgado) chega á crenza de  que o po das raspaduras desa pedra vale para remedios máxico-medicinais. De aí que en 1887 fose retirada do altar e en 1925, Luis Martí[7], lévaa ao Museo Diocesano de Lugo, por el fundado e dirixido.

O investigador alemán H. Schlunk estudouno con atención. Dúas son as conclusións esenciais: a primeira,  a datación arredor do 400 ou nos primeiros decenios do V e segunda, que foi feito para unha mesa de ofrendas. Son palabras textuais de Schlunk: se se trata, como estamos convencidos, dunha mesa de ofrendas, teriamos o primeiro exemplo dunha mesa dese tipo da época paleocristiá e con iso, unha peza de importancia capital.

Pola súa banda, De Palol, na súa Arqueología Cristiana, di o seguinte sobre o poético texto: Todo nos leva a considerar que non se trata de ningún dístico de poeta demasiado célebre, nin dun medio excesivamente letrado e culta. Pero se o versificador non foi un clásico, rememora aquí dous fragmentos, un de Virxilio (Aen.I, 359) “Thesaurus ignotum argenti pondus et auri”; o outro é de San Agustín (Civ. Dei, I, 10): “non excrucior propter aurum et argentum”, no cal o Santo opón aos dous metais preciosos a “aeterna felicitas”. E resume o seu parecer con estas palabras:  Trátase, moi probablemente, dun exemplar do século V ou VI, moi influído por elementos de orfebraría, peza tamén illada, ata o momento presente, na arte decorativa hispánica paleocristiá, sen máis trascendencia

(Sarcófago do Ciclo da Paixón)

 

Quen con maior dedicación e máis amplitude -dinos aínda Delgado- estudou o texto da inscrición foi J. Fontaine. Fixo a súa primeira publicación en 1973. Explica que estes versos tratan dous temas, o pouco valor das riquezas traducidas en ouro e prata, e a superioridade dos valores morais sobre os materiais. Remata recordando que Quiroga se acha nas célebres explotacións auríferas do Noroeste de España, dato que pode comportar outras implicacións.

De feito, Delgado fala dun ‘Procurator’ das minas (procurator metallorum), un funcionario romano ou hispano-romano acomodado que viviría nas proximidade… Mais esta xa é fariña doutra interesante muiñada[8]. Talvez outro día…

 

(Do amentado artigo do lucense Jaime Delgado)

 

 

 A propósito da "Domus Ecclesiae":

Se queredes ver algún exemplo indiscutible de Casa-Igrexa, concepto tan interesante arqueoloxica e historicamente, podedes ver os casos de Siria e Galilea, Dura-Europos (https://historia.nationalgeographic.com.es/a/esta-iglesia-siria-fue-primer-templo-cristiano-mundo_25848) e Megido ou Megiddo (https://books.google.es/books?id=WbSuicxjrvcC&newbks=0&pg=PA30&hl=es&source=gbs_selected_pages&cad=1#v=onepage&q&f=false)

 

 

 

 

 

 

 

 

 



[1] Jaime Delgado Gómez, «La Biblia en la iconografía pétrea lucense», Boletín do Museo Provincial de Lugo, 1987, nº 3, 27-36.

[2] A voz LÁBARO vén no dicionario en liña da Real Academia Galega única e exclusivamente con esta precisa definición: «Historia: Estandarte romano sobre o que o emperador Constantino mandou colocar a cruz e o monograma de Xesucristo».

[3] En cambio este claro cultismo ou latinismo  xa non figura no dicionario académico, e debería. A cruz decusata é a cruz en forma de aspa: é a cruz do santo André, tan venerado en Galicia, a cruz do Crismón de Quiroga etc.

[4] Outra verba, CRISMÓN, que necesitaría entrar con honra, por ser galego o de Quiroga, no dicionario da Real Academia Galega.

[5] Pere de Palol i Salellas, unha autoridade na materia. A profesora Alicia M. Canto dedícalle unha homenaxe nese espléndido blog no que ela, e tantos outros, participara (https://celtiberia.net/es/biblioteca/?id=1692&cadena=arqueologo).

[6] “INCLVSI TENERVM PRAETIOSO MARMORE CORPVS AETERNAM IN SEDE NOMINIS ITHACII” ‘Encerrei en precioso mármore para a mansión eterna o tenro corpo de nome Itacio’.

[7] Refírese o noso erudito lucense ao señor Luis López Martí. Podedes ler un par de datos innteresantes sobre o tema no artigo de Mª Carmen Sánchez Milao (https://viladonga.xunta.gal/sites/default/files/ficheros/croa_6.10._museo_diocesano_lugo.pdf).

[8] Hai rica bibliografía sobre a minería romana na península. Algo sobre a figura do procurador témolo en J. M. Blázquez, un clásico: «

Administración de las minas en época romana. Su evolución»

José María Blázquez Martínez (pp. 122, 123)

Según se indicó ya, las minas de oro y plata eran propiedad del emperador y dependían del fisco. Eran controladas por el procurador de la provincia o por un procurador especial, que era el representante del fisco imperial y gobernaba exclusivamente el distrito minero, en el que tenía jurisdicción plena, como queda bien claro en las leyes de Vipasca. En la obra de Plinio, el Viejo, que fue procurador de la Provincia Tarraconense en época flavia , se conservan muchos datos de todo tipo sobre la minería hispana, pero no se alude en ella a la administración. Las minas del NO hispano de oro se explotan a gran ritmo a partir de Vespasiano, según la reciente tesis propuesta por Sánchez Palencia. Su importancia fue tan grande que se se creó una procuratela ducenaria de Asturias y de Gahcla en tIempos de Vespaslano, o mejor de Nerva. Entre los años 198 y 209 no funcionó la procuratela de Asturias y Galicia, pues pertenecieron ambas a la provincia tarraconense. Debió desaparecer a finales del s. II o a los comienzos del siglo siguiente. Plinio (33.78) escribió sobre los productos de oro de las minas del NO hispánico. «Según opinión de algunos, Asturias, Gallaecia y Lusitania suministraban por este procedimiento 2000 libras de oro al año, pero la producción de Asturias es lo más importante. No hay parte alguna de la tierra donde se dé esta fertilidad durante tantos siglos». […] Otras varias inscripciones indican los nombres de los procuratores imperiales de las minas del NO, que son D. Iulius Capito entre los años 113-115; C. Iunius Flavianus, entre 117-161; M. Basaeus Rufus, entre los años 138 y 161; y Sex. Truttedus Clemens (CIL, II 2643), siglo II 21. [Publicado previamente en: C. Domergue (coord.), Minería y Metalurgia en las antiguas civilizaciones mediterráneas y europeas. Coloquio Internacional Asociado, Madrid 24-28 octubre 1985, Madrid 1989, vol. II, 119-131 (también en J.Mª Blázquez, España Romana, Madrid 1996, 55-80). Versión digital del manuscrito, editada aquí por cortesía del autor, con la paginación de la versión impresa].

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario