xoves, 9 de abril de 2020

COLABORACIÓNS ESPECIAIS

COLABORACIÓNS ESPECIAIS

(Salinas de Janublio, foto tirada de Internet)

Benqueridos lectores e seguidores (followers) do noso blog!
Dentro da campaña da Biblioteca do IESP Eusebio da Guarda para o curso 2019/20: E logo ti, de quen vés sendo? e na sección “OS ROSTROS DA CRISE”, continuamos dándolle voz a unha serie de personaxes que están en primeira liña, como é o persoal sanitario.
Temos a sorte hoxe de conversar con Julia Charlín Menéndez. Julia é unha rapaza loira, xove, da Coruña, a irmá intermedia de tres, que tivemos a sorte de ter como alumnos neste centro ao que nunca se deixa de pertencer.
Ten 23 anos e está nas illas Canarias (Gran Canaria) facendo o EIR (Enfermeiros Internos Residentes), un período de formación e especialización na rama de “Enfermaría familiar e comunitaria”. Unha vez superada a proba, tocoulle este período de formación de dous anos en territorio insular, no que xa case leva un ano.
En primeiro lugar, agradecemos a Julia que recibira de tan bo grado a nosa iniciativa.
-Como te encontras? -Ben, hoxe toca descanso despois dunha garda de 24 horas.
-Unha cuestión case fora de contexto, a túa escolla profesional é vocacional? -Desde logo que si, a maior parte dos meus familiares dinme que desde ben pequena sempre dicía que quería ser enfermeira. Aínda que parto dunha familia adicada ao ensino o mundo sanitario sempre tirou de min.
-Canto tempo levas nas Canarias? -Levo algo máis de 10 meses e estou moi contenta en todos os aspectos, tanto no profesional como no persoal. As Canarias gozan dun clima fantástico e dunhas paraxes únicas; nesta illa destacan o Roque Nublo e as dunas de Maspalomas. Tamén tiven a ocasión de estar noutras illas por motivos de formación (congresos) e son auténticas, temos un 75 % de desconto nos billetes de avión por traballar aquí. Tenerife ten algo de todo, é un continente nunha soa illa, desde o Teide ata o val da Orotava, La Laguna; Fuerteventura e as súas praias e Lanzarote deixoume impactada, aquel terreo volcánico, o Timanfaya ou as salinas de Janublio.
-Como son as comunicacións entre as diferentes illas? -Son doadas  a pesares da insularidade, hai transporte marítimo (ferry) entre elas. A maior parte dispoñen de aeroporto propio. Santa Cruz de Tenerife ten refinería e un porto de primeiro nivel e Las Palmas ten un porto estratéxico para as escalas no tráfico transoceánico, sendo un porto referente para o arranxo e mantemento de plataformas petrolíferas.


 (Julia Charlín, alumna que foi do 'Eusebio da Guarda'. As fotos de Julia son da súa propiedade)


-Onde vives? -Nas Palmas, encantada, é a cidade máis grande das illas, ten uns 380.000 habitantes.
-Como está o nivel de vida, o prezo dos alugueres, a cesta da compra? Non moito máis cara que na Coruña, salvo a vivenda que si é algo máis cara, tamén algún dos produtos alimenticios.
-Dáme unha visión da situación de alerta, do confinamento. -Quedou suspendido o transporte marítimo de pasaxeiros, menos o de mercadorías, a xente vai cumprindo co confinamento, e non se nota desabastecemento dos produtos básicos.
-Cóntame un pouco en que consiste o teu traballo. -Imos pasando por diferentes especialidades, así como por hospitais e centros de saúde.
-Como está a sanidade en Canarias e o papel das enfermeiras? -Ao meu parecer as funcións están máis protocolizadas, formando un verdadeiro equipo cos médicos, e ao mesmo tempo gozamos de bastante autonomía. A especialidade que fago eu en Galicia non está moi recoñecida.
-Como se vive desde dentro a crise sanitaria do Covid 19? - Por un lado bastante ben, xa que nos fixeron contrato fixo, pero por outro temos unha demanda, xa que quedamos sen guardias, e se as facemos temos que facelas como enfermeiros titulares pero cobrando como residentes.
-Fálame do tema tan recorrente das medidas de protección. -Os nosos EPIS (Equipos de protección individual) están compostos por: unha bata impermeable, unhas gafas, luvas e mascarilla cirúrxica, que vén ser a máis sinxela).
-Canta cousa! -Non creas, sobre todo se os comparamos cos EPIS dos chineses, que están na vangarda na loita contra o Coronavirus. Eles teñen dous gorros superpostos, 2 mascarillas, unha cirúrxica, que é a básica e outra con filtro, unha pantalla de gafas, calzas e un mono branco, ademais da bata impermeable.
-Dinos como vai a evolución da pandemia nas illas. -Os contaxios son menores que na Península, a illa que máis ten é Tenerife.
          -Como senta a homenaxe diaria ás 8 da tarde? -Senta moi ben, despois de toda carga de traballo que temos, un séntese valorado e recoñecido, algo bo tiña que ter estar en primeira liña.
          -O futuro como se presenta? -A miña intención é completar a formación  e poder voltar á terriña, sobre todo despois de coñecer outros modos de traballar e poder valorar e aprender.
          -Como pasas os teus tempos de lecer? -Aprecio moito o mar e a praia, así como a riqueza paisaxística. Vivo nas Palmas, unha cidade grande, con servizos e moita calidade de vida, e sobre todo temos un clima fantástico.
          -Entón non botas de menos os veráns entre a Coruña e terras de Arousa? -Polo clima non, pero si que boto moito de menos a familia e as amizades.
          -As postas de sol? - Espectaculares como as de Galicia, pero aquí está sempre está despexado.
          -A seguinte pregunta vén requirida polo tema. Fas uso das redes sociais? -Pois si, e bastante (WhatsApp, Facebook, Instragram). Son a miña ferramenta para estar comunicada. Pero boto de menos ir de tapas -aquí non hai-,  os churros tanto os do Timón como os de Bonilla, e os xeados da rúa da Marina (Colón , a Italiana ou Bico de Xeado), tamén as comidas caseiras da miña nai (lentellas, caldo…), e os arroces con marisco de meu pai.           Aquí nas Canarias voume acostumando e desfruto coas papas arrugadas co mojo picón e coa ropa vieja de carne, cos bocatas de chourizo de Teror... O que probei e non me gustou, aínda que é propio de aquí é o clipper de fresa, un refresco tan autóctono como a nosa “Estrella de Galicia”. A cervexa que máis se consume aquí é a Tropical, moito máis suave que a Estrella, algo parecida a Coronita.
          -En fin, Julia, non queda máis que agradecer a túa deferencia para connosco, e desexarche moi boa estancia, mellor formación e moitos éxitos, e xa sabes: “No Eusebio tes a túa segunda casa”.




(Julia en Fuerteventura)

Antonio Fondo (en comunicación telefónica transoceánica). Abril 2020



Ningún comentario:

Publicar un comentario