xoves, 2 de abril de 2020

COLABORACIÓNS ESPECIAIS

 E TI, DE QUEN VÉS SENDO?




Benqueridos lectores e seguidores (followers) do noso blog!
Dados os tempos nos que estamos a vivir e como exercicio para a campaña promocional da Biblioteca do noso instituto (“E logo ti, de quen vés sendo?”), pareceunos interesante darlle visibiliade aos “ROSTROS DA CRISE”, todos os que non poden quedar confinados, aqueles que se nós amosan como esenciais e primordiais para manternos na loita contra o coronavirus:
- Persoal sanitario (medicina, enfermería, farmacia, servicios de limpeza e restauración, auxiliares, administrativos e demáis servicios).
- Alimentación (supermercados, panaderías, froiterías, carnicerías, charcuterías con todos os seus servizos, comida a domicilio, repoñedores, caixa, limpeza…).
- Sector primario (granxas, gandería, agricultura, leite, pensos, recollida…).
- Loxística (transporte de mercadorías, sobre todo as sanitarias, de alimentación, de equipos básicos; servizos de mensaxería e cartería, , abastecemento e mantemento  de informática, telefonía, auga, luz, gas, limpeza en xeral).

 
O primeiro rostro que vos imos presentar é o de Antonio Rodríguez Laglera, un vimiancés de 53 anos. De xove non tivo a oportunidade de estudiar e cedo empezou o seu periplo laboral, primeiro nunha fábrica de baldosas e alternaba co mundo da construción, sendo sempre un traballador que destacaba polo seu ben facer e as ganas de aprender. Pronto conseguiu un contrato no cantón de Jura (Suiza), concretamente en Delemont. Alí pasou varias tempadas, ata que casou e decidiu cambiar de aires, preparouse e foi obtendo as diferentes categorías do permiso de condución: camión, autobús, remolques…
Pronto empezou a traballar nunha empresa de transporte con camións no ámbito rexional, logo tivo un período como autónomo repartindo froita ao detalle. Tan pronto se viu formado apareceulle a oportunidade de lanzarse ao mundo do transporte nacional e internacional. Estes días segue a traballar como sempre, atravesando España e Europa enteira dunha punta a outra cun camión articulado e refrixerado de 16,5 metros de longo que cargado arrastra 40 toneladas de peso.
Poñémonos con el ao teléfono para ter ocasión de amosar algo da vida dun profesional das estradas. Empezamos: facémoslle uinha serie de cuestións sobre a materia.
- Cantos anos levas pilotando camións? - Media vida, 27 ou 28 anos.
- É moi solitaria a vida aos mandos dun camión? - Bastante, ha de gustarche moito, senón acabas queimado. Son moitas horas de soedade.
Antonio está casado en terras de Muxía mirando ao mar, ten dúas fillas e xa un par de netiñas, de toda a familia amósase moi orgulloso. Fai fincapé na importancia da preparación e do estudo como condicións básicas para atopar un posto no mercado laboral.
- Canto tempo pasas de media sin ver a familia? - O habitual son dúas semanas, pero nalgunha ocasión cheguei a estar sen vir a casa 2 meses.
- Que promedio de quilómetros ves facendo ao ano? -Eu diría que uns 150.000; noutras épocas máis, non estaban tan ben establecidos e normalizados os tempos de condución e dos descansos.
- Fas uso da telefonía móbil e das redes sociais? (A pregunta consigue que esboce un sorriso) - Son a miña principal compañía. Con elas mantéñome en contacto coa familia e coas amizades, tamén cos compañeiros de traballo, serven para pasar os tempos de lecer e descanso (películas, YouTube, Facebook, Whastup, Noticias e xornais da terra, música), e tamén son unha ferramenta de traballo moi útil (en función GPS, para recibir as ordes de expedición…).
- Como se leva o asunto do confinamento ou corentena e o peche da maioría destes establecementos e áreas de servizo? - A verdade é que na península están pechados na maioría, case non hai onde comer, nin onde asearse. Por Europa temos máis oferta de servizos nestes momentos.
- Como te amañas? Ou tes montada no camión unha cociña? - Como dicía, nestes momentos o que non leve provisións vaino pasar mal. O vehículo que manexo ten de serie unha nevera e tamén dispoño dunha cociña portátil de gas, ademais dunha cafeteira das modernas, non vou decir a marca que non quero facerlle competencia a Georges Clouney. Cando baixo a ver a familia levo comidas preparadas para varias veces, incluso levo carne fresca, peixe, patacas e ovos, non é a primeira vez que me poño a preparar unha tortilla de patacas, tempo temos dabondo. Ademais,  sempre levo moita auga, varios paquetes grandes. É fundamental estar ben hidratado e ben alimentado para conducir e sentirse ben.
- E o tema do descanso? - A maior parte dos camións teñen un par de literas ben xeitosas e cómodas, porque hai expedicións nas que imos dous condutores.
- Como está o tráfico rodado? - A dicir verdade baixou moitísimo, infúe a crise sanitaria. Os coches escasean pola rede viaria, o que si hai son camións. Chega a baixada ata tal punto que en moitas rutas podemos aforrar un 10 % dos tempos. A semana pasada nunha expedición da horta murciana a Piding (Alemania, a 10 km de Salzburgo), fun quen de chegar en tres horas menos, cando o habitual son 30 horas para máis de 2000 km. Cheguei a facer uns promedios de 80 km/hora en terras alemanas, algo impensable antes da crise.
- Respeto ao tema de comunicarse no estranxeiro, como o levas? -Galego e castelán, italiano e portugués sen problema por afinidade e similitude, francés (Jura é un cantón de fala francesa), inglés a nivel básico. E senón, sempre podemos recorrer ás señas, linguaxe universal.
- Que medidas de prevención e protección se están tomando co Covid 19? - Unhas boas mascarillas, luvas desbotables proporcionados pola empresa. Na maior parte dos sitios a onde acudimos para carga ou descarga tamén nós toman a temperatura e nos proporcionan hixiene. Sobre todo lavarse moito con auga e xabón ou con xeles de hidroalcohol. A exposición aos contaxios é grande, mais non tanto como a do persoal sanitario. Bueno, e despois “rezar para que non te pille o bicho”.
- Que opinión merece o persoal sanitario, as forzas de seguridade e da orde, sector alimentario…? - Teñen todo o meu recoñecemento e respeto, valoro moito o seu labor. A ver se entre todos saímos desta pandemia.
- Que papel representa o transporte por carretera nesta sociedade? - É fundamental, unha gran porcentaxe de mercadorías chegan a destino por estrada: produtos sanitarios, alimentos, bens de equipo… Se para o transporte para a economía.
- Por último, poderías presentarnos un esquema da túa última semana de traballo? - Por suposto, hai unha semana saín de Mazarrón (Murcia) provisto de leituga, tomates e pementos para unha distribuidora alemana próxima a Salzburgo; logo baixei cara a Italia bordeando Eslovenia e cerca de Croacia para a zona de Treviso (próxima a Venecia), aquí carguei de elementos mecánicos e de servizo para o País Vasco, concretamente para Irún. Unha vez descargado tiven que acudir a Navarra, unha das grandes despensas de verdura deste país, aquí cargáronme de produtos conxelados para a zona de Ferrol, deixarei o camión na nave na zona de Lugo (os aparatos de refrixeración son autónomos, teñen o seu motor e depósito de combustible propios, non hai máis que axeitalos ao tipo de produto que levemos cargado). Uns 5000 km para 7 días de estrada, farei o meu descanso para ir ver a familia e en dous días de novo en marcha.



- Sei que tes viaxado a sitios moi curiosos e diferentes. Poderías falarnos dalgún? - Hai tres ou catro anos fixen varias expedicións con castañas do Caurel e de Quiroga para Italia, principalmente para facer Marrón Glacé. Nos últimos tempos antes de estoupar o asunto vírico viaxaba moito con mexillóns da zona de Cambados para a illa de Sardeña, tiña que ir por estrada ata Xénova e de alí en ferry. Nalgunha ocasión fun ata Edinburgo, o tema de adaptarse a condución pola esquerda para nós é bastante doado. Tamén fun a Irlanda varias veces, a súa rede de estradas é moi similar á da Galicia de anos atrás. A Suecia fun atravesando en ferry desde Dianamarca. A dicir verdade, estou moi contento do meu traballo, gústame e desfruto da condución. A Polonia, tamén cheguei.
- Moitas grazas amigo condutor, vémonos nas estradas da vida!!
Antonio Fondo, profesor do IESP ‘Eusebio da Guarda’ (transcrita dunha conversa)

 (A foto xa ten uns aniños: os profes son Antonio e mais Charo. Entre os alumnos está Gadea, Virxinia, Andrés... Podedes axudar para que poidamos citalos a todos. Moitas grazas)

1 comentario:

  1. Xenial coñecer esta visión optimista dunha vida que me é por completo allea.

    ResponderEliminar