xoves, 16 de abril de 2020

COLABORACIÓNS ESPECIAIS


DE TRADICIÓNS DE PASCUA: OS OVOS (1ª parte)

 (Bolo de Pascua galego, era tradicional polo Salnés, por Caldas de Reis... Todas as fotos están tiradas de Internet)


Cando eu era nena a miña avoa coruñesa, que era a madriña da miña irmá e mais de Juanma [Purecha e mais eu chamabámola ‘abu’ e Juanma ‘madriña’, agora relembro que tamén a nai de Juanma lle chamaba ‘madriña’, logo tiña tres afillados a miña querida e relembrada avoa, daquela vivían os meus avós en Monelos, na rúa que inda existe, Joaquín Galiacho, nunha casa que facía esquina e que xa botaron abaixo para facer unha nova, mágoa non ter feito fotos; alí confluía ou remataba o Camiño da Cubela con aquelas hortas que asolagaba algún inverno o Río Monelos, e aquela casiña senlleira onde vivía a señora María, a da Cubela; en fronte e por riba estaba o Reformatorio, que xa só servía para ameazarnos se nos portabamos mal, e desde a cociña da casa da avoa podía eu ver a perruquería e a taberna de Ramón, de onde o avó Manolo facía que lle trouxeran o polvo á feira e do outro lado, desde o comedor, adiviñábase a churrería, e sabías a que altura queda a a pandería de Carmiña, que tempos os da infancia, para que cansarvos, con dúas pesetas iamos ao cine Monelos de preciosa arquitectura desaparecida para ver se cadra El Zorro, e na Cubela, pegada á casa dos avós estaba a escola de dona Marina que dá nome á esa transformada e descoñecida rúa da Coruña actual], agasallábanos con ovos e outras figuriñas de chocolate pola Pascua. Desoutras figuriñas a miña fraca memoria só me devolve os faroliños. Era emocionante ir desde os Castros a Monelos por Pascua para xantar naquela casa marabillosa -non tanto pola casa en si, como polo feito de xuntármonos moitos rapaces da familia e do vecindario, para xogar a, agora si, xogos marabillosos- e recibir aqueles inusuais e únicos agasallos. 

 (Mona de Pascua)

Visto desde a perspectiva de hoxe, interésanos ou interesaríanos poder trazar un par de pinceladas sobre a antigüidade, ou orixe talvez, desa tradición. Mais cumpriría xebrar, deslindar: dun lado o ovo en si, e doutro o chocolate. Este é necesariamente moderno, porque vén de América e a súa penetración efectiva en Europa haberá que datala como moito madrugar, no século XVI.  Grazas ao CORDE (corpus académico: Corpus diacrónico del español) podemos ver unha das primeiras documentacións dun agasallo importante feito a base de chocolate: Veinticuatro mil libras de chocolate enviadas de regalo por el Duque de Alburquerque (isto ocorría no ano 1654). Máis adiante especifícase: Viene todo en cajas de á libra, muy doradas, de á libra cada una, que yo aseguro que sólo el adorno importa más de 2.000 ducados. Olvidábaseme de decir envía entre esto algunos talegos como de cuartos, doblado mayores, de chocolate en polvo, mezclado con ámbar y otros olores preciosísimos de grande valor (…) E engade aínda: Diez y seis cargas de un descamino de chocolate  y cuatro de tabaco han repartido entre sí los Consejos para estos fríos y Pascuas (subliñado noso. Tirado de: Avisos. Tomos I, II, III y IV, de Jerónimo de Barrionuevo. 1654-1658). Un señor regalo, vaia. E entregado por Pascua. Tamén lemos no corpus un par de curiosos versos referidos á tradición do chocolate en datas próximas á Pascua: Acordadle que no olvide / aquellos debates nuestros, / que bollos de chocolate / después de Pascua son buenos (en: Ocios de Bernardino de Rebolledo, 1650-1660).



 Moi ilustradores exemplos do aprecio que a xente podente experimentaba cara ao chocolate, espléndida materia para agasallar o corpo por Pascua Florida. A unión do chocolate e o ovo non a documentamos tan cedo na nosa península. Lemos en Internet que hai quen di que vén, nunca mellor dito, da doce Francia: Se cuenta que en el Imperio Romano las personas regalaban huevos durante el equinoccio de primavera como deseo de buena suerte. Esta costumbre fue continuada por los cristianos, que regalaban huevos como símbolo de fecundidad, vida y resurrección. Lo cierto es que el primer huevo de chocolate del que se tiene constancia fue el que envió Napoleón II a Eugenia de Montijo (en: https://pazodevilane.com/las-dulces-tradiciones-la-pascua/). Isto sucedería con posterioridade a 1849, que é cando Luís Napoleón coñeceu a Uxía. Sen negar que a historia ten un aquel de fermosura e un moito de literario e galante, pouco podemos asegurar.

E agora veñamos un momentiño a Galicia, sempre destino e obxecto das nosas máis fieis devocións. Pois ben, non logramos documentar de antigo a tradición pascual do ovo de chocolate .

Mais se prescindimos do elemento sagrado precolombino e quedamos só cos ovos, daquela si. Para empezar, o costume, a importancia de entregar ovos como símbolo de vasalaxe ou foro vémola xa ben establecida na Idade Media: et tres sartageadas de folloas et duas gallinas, et XII ovos et un omme boo para serviço un dia de cada domaa (Documento de Oseira, ano 1285, Corpus Xelmírez; subliñado noso, fixádevos en que tantas filloas como se pide tamén esixirían un montón de ovos, hai documentos onde se especifica con exactitude, ata 60 ovos para filloas); et daredes cada anno por pascoa XII ovos et por agosto outros XII (Doc. Oseira, ano 1327, Corpus Xelmírez); hun cabrito et viinte ovos por Pascoa (1364, Xelmírez); et por dia de Pascoa hun cabrito et viinte ovos (1371, Xelmírez). Esta tradición de darlle ovos aos representantes do poder eclesiástico chega ata os nosos días. O meu esposo, criado na aldea, relembra que había que levarlle ovos ao cura inda que el xa non o viviu. Que se fixese cando a Pascua debía de ser común, así o recolle V.  Risco na primeira metade do século XX: É iste [Domingo de Pascua] tamén o tempo da bendición das casas (…). Cada veciño pón na porta ou noutro lugar axeitado da casa, unha mesa con mantel, un Crucifixo e dúas velas acesas, e máis unha bandexa cunha ou dúas ducias de ovos o cual é un dereito antigo do párroco (p. 639, capítulo de Etnografía no tomo I da Historia de Galiza dirixida por Otero Pedrayo, 1962). E recólleo aínda a finais de século Manuel Quintáns: Non hai moito tempo, eran os propios cregos os que levaban a cabo estas bendicións [das leiras, con auga bendicida o Sábado de Gloria, e facíase nos días seguintes], sendo, entón, cando estes decidían (…) cobraren os ovos de Pascua (p. 41, subliñado noso, en Anuario de tradicións galegas, 1994).

E outro dos nosos grandes etnógrafos, Clodio González: O domingo de Pascua o crego adicábase a visitar tódalas casas da parroquia. Con el ía o sacristán coa cruz e varias mulleres con petos para recolle-las esmolas ou os ovos (p. 69, As festas cíclicas do ano, 1991).

Como moi ben comenta este último, é nesta data cando [os padriños] lle dan a rosca ós afillados. Antano, cando escaseaba o pan branco, entregábanlle un molete de pantrigo; outros, pola contra, preferían obsequialos cunha ducia de ovos (Clodio González, íbidem).

E así chegamos ao miolo: ao noso entender, por aquí debe estar a tradición antiga: a da rosca. Ou se gustades, roscón, que parece a denominación moderna polo menos por estes lares; no levante peninsular chámanlle mona, ben entendido que esta mona de Pascua só modernamente se fai de chocolate, noutrora e non hai tanto viña sendo un tipo de rosca co ovo no medio.

Sigamos aínda en Galicia: o confinamento non me permite ser exhaustiva: non teño a man os escritos fundamentais sobre o tema de X. Filgueira Valverde, en Adral, haberá que esperar á próxima Semana Santa e prepararemos unha nova entrega deste tema, pero algo se pode ir adiantando: Logo estaban as gorentosas bicas, co rico pan de Caldas, coas bicas os padriños agasallaban aos afillados na Pascua. As bicas eran uns saborosos bolos de pan cun ovo no medio. (http://filgueiravalverde.blogspot.com/2012/07/festa-da-banderita-en-caldas-de-reis.html)

 (J. Caro Baroja)


En principio, hai datos para pensar que a bica ou rosca con ovos ou co ovo no medio é tradicional. Se escarvamos un pouco na literatura hispana topamos xa con ela, aínda que cambie de nome:

En general, en Castilla y otras partes de España, al pan, o torta, o rosca con huevos que se regala a los niños, o al predicador después del sermón de gracias, el día de Pascua, se denomina “mona” y “hornazo”. El “hornazo”, en propiedad, es la ofrenda al predicador, bien descrita en algunos viejos textos. En unos versos al modo rústico antiguo, bastante sucios, que trae Cejador en su obra La verdadera poesía castellana, se dice:

“Y en viendo sus embarazos / pensé traía en los brazos / muchas roscas de hornazos / que por Pascua solen haber” (…). En el paso tercero de “El deleitoso” de Lope de Rueda, el simple Martín da así la bienvenida al galán de su mujer: “¡Oh, señor primo de mi mujer! Norabuena vea yo aquesa cara de pascua de hornazos” (…). En la comedia de Tirso “Tanto es lo de más como lo de menos”, acto II, escena II, canta una: “¿Qué parecen valonas que adornan calvas?” Y otra replica: “Los hornazos de güevos que dan por Pascua”



(Julio Caro Baroja, “El toro de San Marcos”  en: Revista de dialectología y tradiciones populares, Volume 1, 1944).



Ímolo deixar polo de agora porque xa nos estendimos moito. Permitídeme unha mínima recapitulación: 1º, o chocolate é moderno mentres que a rosca co ovo é antigo, e máis antigo có rosco ou rosca é o propio ovo, do que falaremos máis proximamente. 2º, o costume de agasallar os padriños aos afillados (se se quere xeneralizar, agasallar os adultos aos nenos) con ovos ou roscas que conteñen ovos, ten un seu parangón no costume antigo de ofrendar ovos (filloas, fornazos ou roscas ) á igrexa, a modo de vasalaxe e servizo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario