ENTREVISTAS A
MULLERES QUE AMAN GALICIA
ENTREVISTA A LOLA
TOURÓN
- Mª R. S.: En primeiro
lugar, queremos darche as grazas, Lola (espero que nos permitas o tratamento de
ti) polo tempo que nos dedicas. Sabemos perfectamente que es unha persoa
polifacética, moi activa, e que hai moitas ocasións en que non dás feito… Por
favor, preséntate ti mesma aos nosos curiosos lectores.
- Moitas grazas a vós polo interese e tuteádeme por favor. Eu son unha desas persoas que me gusta que a
xente me sinta cercana. Son curiosa por natureza e gústame aprender de todo, atráenme
especialmente os oficios traicionais (fiar,tecer no tear, cestear, calcetar
etc), pois creo que na súa práctica se agochan moitos dos saberes ancestrais do
noso pobo.
- Como naceu o amor pola
cestería?
- Na miña casa facíanse moitos
destes labores no inverno e iso serviume para coñecer os procesos. E, como non,
traballábase a cestería, que sempre me chamou máis a atención. Xa de maior
asistín a un obradoiro con Chus Labrador, e quedei xa enganchada para sempre.
Estudei cerámica artística e
tamén me apaixonou durante moito tempo, pero a liberdade da cestería foi a que me
mantivo fiel a este oficio.
(Cestaría de colmo, centeo e silva. Todas as fotos son propiedade de Lola Tourón, a quen agradecemos que nolas facilitara)
- A cestería é unha arte e/unha
técnica moi antiga. Tanto ou máis cá olaría? Que sabemos dos primeiros
vestixios?
- A cestería ou cestaría dise que
é o primeiro oficio que desenvolveu o ser humano (probablemente a muller) a
través da observación do traballo dos paxaros facendo os niños. Fálase tamén de
que se colocaba barro cru dentro das cestas para poder trasportar liquidos e que
unha destas pezas debeu caer a fogueira e así se descubriu que o barro podía
cocerse.
- En España son moi coñecidas, por citar só un
par de casos, as artesanías do esparto (en Murcia: con restos arqueolóxicos
polo menos desde o bronce), os cuevaneros
cántabros (que fan cuévanos, uns
cestos moi parecidos aos que se usaban aquí nas vendimas, creo que se facían de
castiñeiro) etc. En Galicia, Xaquín Lorenzo -en Historia de Galiza, dirixida por Otero Pedrayo- fala dos cesteiros
de Mondariz, que tiñan por certo unha xerga
propia (a fala dos bugardeiros). E nos libros especializados que eu manexo
méntanse como vellos núcleos de cestería galega Noia, Someso e Tabeaio… Pero
nunca oíra falar do cesteiro de Armentón. Desde logo, Bergantiños é unha
bisbarra chea de maravillosas sorpresas. Que nos podes dicir a este propósito?
- A pesar da súa antigüidade sábese
mui pouco da cestería, poucos libros recollen esta arte, e poucas veces se lle
prestou atención ata os nosos días. Méndez Ferrin recolleu a fala dos cesteiros
de Mondariz, que foi quizais o único gremio como tal de Galicia , e ata o dia
de hoxe chegan os dedos das mans para contar as publicacións sobre isto en
Galicia. O libro de Bignia Kuoni , Cestería tradicional ibérica, que
recolle información e técnicas ao longo da península é ata o dia de hoxe o máis completo do que dispoñemos. É por iso
que traballos coma o do cesteiro de
Armentón, José Cerviño , e moitos otros, pasou totalmente desapercibido ata o dia de
hoxe.
-Fálanos agora deses cursos que impartes no Concello de
Arteixo.
- Os obradoiros que imparto coa
asociación tradicional de Arteixo teñen como propósito inicial achegar a
cestería aos veciños e outras persoas interesadas, tanto a técnica de colmo que
chega ata nós dende o neolítico, coma as técnicas mais contemporáneas que nos
permiten crear escultura ,vestuario, valados vivos, estruturas de xardin, ou
paredes do fogar. Todas estas técnicas son xoias da nosa evolución e
precisámolas en todos os tempos, porque nos facilitan e fan máis agradable a
vida que o formigón e outros materíais.
A cestería xunto co barro son os oficios dos que queremos un contacto directo
coa terra.
- Como podemos facer
para adquirir algo feito por ti, prezada Lola?
-Ata fai pouco eu vendia o meu traballo polas feiras de
artesanía. Por causa do traballo sufro unha tendinite fai máis de tres anos que
me dificulta o traballo, así que neste intre fago só as pezas que preciso para
os meus estudos e alguna cousiña por encargo.
-Que estás lendo arestora? E que proxectos digamos a medio e
longo prazo tes?
-Neste intre estou lendo: Cuerpo de mujer. Sabiduria de
mujer, e varios libros de plantas medicinais que xunto co seu cultivo é
outra das miñas paixons.
Os proxectos que barallo a medio plazo son a creación dunha
pequena escoliña de cestería, onde poder impartir formación sobre as diferentes
técnicas, o cultivo e procesado dos materíais e poder ensinar a miña colección
persoal de cestería, que vén de estar exposta no museo do Castro de Viladonga e
agora se atopa almacenada.
Este traballo de recuperación da cestería de colmo en
Arteixo estase a levar a cabo da man da asociación tradicional de Arteixo: eles
son os que se puxeron en contacto conmigo e levan a cabo a organización desta
formación. O Concello colabora cedendo o uso do local onde se imparte a
formación.
O traballo dos arqueólogos(as) é mui importante, pois as
poucas pezas de cestería que chegan ata nós achégannos moita información do que
precisamos para manter vivo este oficio e entender un pouco mais a nosa
traxectoria como humanos neste planeta, e o noso deber de manter esta
información para as xeracions futuras.
-Só nos resta agradecer ás
Institucións, como por exemplo o xa mentado Concello de Arteixo, e ás persoas,
como a arqueóloga Purificación Soto, entusiasta da cestería e difundidora do
teu labor, que traballen a prol da preservación do noso rico (e en perigo de
extinción) patrimonio etnográfico-cultural. E réstanos xa transmitirche a ti,
de novo, un fondo agradecemento por facer o que fas e por prestarnos atención.
Moitas grazas e longos anos de produtiva vida!
-Moitas grazas a vós e a todas as persoas e colectivos que
traballan arreo por conseguir manter
viva a nosa cultura e a nosa memoria.
Este comentario foi eliminado polo autor.
ResponderEliminarAclarar que o concello de Arteixo a duras penas deixa os locales públicos para facer os obradoiros de cestería de colmo que organiza a ACGD Tradicional de Arteixo, a involucración que tuvo foi non deixar un local para traer a exposición de Lola Tourón de Cestería de Colmo que ten no Castro de Viladonga. Do concello de Arteixo non traballa para difundir estes obradoiros
ResponderEliminar