venres, 31 de agosto de 2018

GALICIA INMORRENTE


A vella Galicia


(Fotos da igrexa de santo Estevo da Rúa Vella, da porta principal, e da placa coa inscrición de época romana na esquina da casa situada en fronte da igrexa. Todas as fotos foron feitas por Charo Soto. Nunha delas fotografamos o noso fillo Suso, ex alumno do Eusebio da Guarda, para que observedes ben a perspectiva)



Hoxe, finalizando agosto, preséntovos algo que toca de preto o meu corazón: da terra dos meus ancestros por liña materna. A terra dos guigurros ou cigurros, Valdeorras. Entramos seguindo o ronsel das palabras que nunha inscrición funeraria deixou un vello habitante guigurro. Agora esa fermosísima inscrición, que podedes atopar nas páxinas de Hispania Epigraphica está na Rúa Vella, nun recanto da casa a carón da igrexa fermosa de santo Estevo. No artigo “Arqueología romana de Valdeorras” de José Manuel Caamaño Gesto publicado na revista do Instituto de Estudos Valdeorreses no ano 1981 dísenos que esa inscrición fora achada no Foro, na Cigarrosa (actual Petín) e que logo, en 1680, fora trasladada ao altar da igrexa de santo Estevo e de aí á parede dunha casa contigua á igrexa.

 (Vista desde a esquina onde está a inscrición)






 Esa casa pasou por herdanza a uns señores de Larouco e tras vendela, levaron en 1925 consigo a placa para Larouco. Pero a Comisión de Monumentos soubo dese traslado e mandou que volvese á Rúa en 1929. E aí segue, nós recordámola aí, na parede da casa a carón da igrexa de toda a vida, mais nos últimos tempos está recuberta, por seguridade, dun vidrio. Preguntámoslles aos máis vellos do lugar (a Rúa Vella) de quen era hoxe en día a casa: agora está deshabitada, faleceron os últimos en habitala, que viñan sendo As Gervasias, tres irmás solteiras, fillas do señor Gervasio. Este home fora caseiro duns señores de moito aquel, de posibles, que lle venderan a casa… Os nosos informantes dinnos que o apelido daqueles señores máis ou menos poderosos era Pous.

 (A casa da inscrición)





Ata aquí a primeira parte do tema. Botádelle un vistazo ás fotos; admirade a pedra vermella, como vermella é a terra (gurri/gorri non é vermello nunha lingua hispana ou ibérica prelatina?)… Admirade a beleza simple e lisa dos callaus, (denominados tamén pedras virolas, en castelán cantos rodados) que en Valdeorras chaman pedras rearengas ou riarengas. E fixádevos, á derradeira, no xentilicio Calubrigensi. O noso protagonista de hoxe –séxalle leve a terra- era dun lugar, dunha pequena cidade talvez, chamado verosimilmente Calóbriga ou Calúbriga ou Calobriga ou Calubriga. Moita disxunctiva… Pero un nome moi interesante e importante. Hai anos, nunha exposición estupendísima nas adegas do viño do Porto, daquela banda do río Douro, vin escrito que Calóbriga era o nome desa cidade, Cale(m), actual Porto na desembocadura do río… Se cadra houbo varias cidades así chamadas. Callobre estará emparentada? Deus sabe. Esa é outra cuestión non desprezable e a ela, á localización da cidade probablemente guigurra de onde era natural o P. Reburrus, dedicarémoslle a nosa atención proximamente. Feliz reentrada na rutina laboral a todos! Non pecho a páxina sen pedirvos que reflexionedes sobre aquilo que nos dixera o eminente profesor Carlos Búa sobre a “museización” das placas e monumentos transcendentais na historia dun pobo: pensádeo. Pola nosa banda, opinamos como Búa: a inscrición do guigurro debe ir ao Museo Provincial da cidade de Ourense. No seu lugar, debemos poñer unha placa semellante labrada por un canteiro de mérito. Vén a mente o David de Miguelanxo en Florencia: retirárono do lugar orixinal e puxérono no Museo da Academia. Moito mellor garantido o seu futuro para gozo do pobo vindeiro, das vindeiras xeracións. 

 (O camiño -Camiño de Santiago- que baixa da igrexa, tapizado de pedras rearengas)

 (A Rúa Vella, casa con escudo, dos Prado)



(A Rúa Vella)

 (Fonte con lavadeiro a carón, lavadeiro transformado con moito cemento. A fonte está xusto detrás da igrexa, nun plano inferior)



 (Estas tres fotos son dunha páxina do artigo citado de Caamaño Gesto: fálase do home protagonista da nosa inscrición. Ben merece que saibamos algo del)

::::::::::::::::::::

NOTA:
Agradecemos a Purificación Soto Arias que nos facilitase a lectura do artigo de Caamaño Gesto.

1 comentario:

  1. Whatsapp Messenger owned by Facebook is the most used instant messaging application now a days
    https://whatsappwebdownload.us/

    ResponderEliminar