MANUSCRITO AZERRATA CON MAPA
“A Nosa Terra era entón unha illa…”
O día sete de agosto chegou ás
nosas mans un manuscrito azerrata con mapa. Eilo! Preséntovolo con moito
pracer. É unha beleza de mapa, na miña humilde opinión… Á esquerda a illa
chamada A Nosa Terra, á dereita o país de Tagen Ata, que linda cun territorio
colonizador e con afán de ser imperio, denominado A Terra Ancha. No medio de
Tagen Ata e A Terra Ancha, un cordel de serras, onde habita a aguia Cirus. O
corazón de Tagen Ata está ocupado pola Grande Fraga, salferida de pequenos
lagos que non se ven no mapa: aí, na fraga, habita o lobo Vela. Tampouco vemos
no mapa as quince naves que sulcaron o brazo de mar que separa A Nosa Terra de
Tagen Ata: nelas ía Dindadigoe (coa espada Derbfoll), rei da Nosa Terra, para
esposar Isebelt, a irmá do rei Enmek Tofen, rei de Tagen Ata, quen logo
cabalgará sobre Cirus para comandar o exército que vingará a ofensa feita na
súa cara irmá, Isebelt.
Fría Hortensia diralle aos
rapaces que veranean ese ano ricaz e inesquecible en Vilanova que en toda
historia hai sempre un malvado: o noso mapa está cruzado por dous. O primeiro,
malísimo e innecesariamente cruel é Kodraf, irmán de Isebelt, que aproveita a
festa de vodas no pazo do irmán o rei, para visitar as cortes onde estaban os
fermosísimos cabalos (criados en grea, veloces –eran os que atopou logo Roma e
chamará Lampóns) traídos da Nosa
Terra e vai cortándolles un por un os seus atributos nun arrepiante masacre
que provoca que fuxan espavorecidos e morran logo sen remedio…
O segundo axente do mal é o
propio pobo da Nosa Terra: esixirá e clamará por vinganza e deshonrará con
viles traballos a propia raíña Isebelt (xa esposada con Dindadigoe e nai dun
fillo herdeiro do trono, posiblemente ademais, un trono único: herdaría tanto A
Nosa Terra como Tagen Ata). Dindadigoe, que queredes que vos diga, non debería
oír as peticións inxustas do seu pobo. Tan desprezable é un rei que comete
inxustizas co seu pobo como un pobo que obriga o seu rei a cometelas. Un esposo
que converte a esposa en indigna é tocado por esa mesma indignidade. E
viceversa, naturalmente. Pero así é a historia, así a narra Fría Hortensia.
Xosé Luís Mendez Ferrín, o autor
de Fría Hortensia, constrúe un relato
épico poderosísimo. Sen dúbida ningunha, un dos mellores escritos na nosa
lingua. Domina por igual a mitoloxía celta que a mitoloxía e narratoloxía
tradicional galaica. Celta é o pote de Gradel, celta a sucesión en cadea de animais-axudantes
máxicos, celtas son as reminiscencias dunha deusa-amante dos cabalos-deusa egua,
celto-irlandesa a fragmentación da illa en reinos. A muller de ferro frío con
pano ao cachirulo na cabeza, posuidora da comunicación entre dous mundos, é
galega. A aguia que conduce o home-rei ao seu destino (e fixádevos que en Xogo
de Tronos tamén hai un animal que voa e conduce a muller-raíña ao seu…, pero
Ferrín é anterior no tempo…) pertence á narratoloxía galaica: está en Brancaflor (a do cuspe máxico, a da
variña de condón, que o ourensán coñece ben porque as mulleres da famila así
llo contaron). A forza física de Isebelt, capaz de cargar ao carrelo os corpos
sacrificados de ducias de animais que o pobo de A Nosa Terra haberá de comer,
esa forza hercúlea feminina é a das mouras galegas que transportaron penas e
rochas ao tempo que fiaban na roca e aleitaban o fillo…
Xosé Luís Méndez Ferrín cumpriu
este sete de agosto oitenta prodixiosos anos. Publica Amor de Arhur no ano mil novecentos oitenta. En Retorno a Tagen Ata, vemos un só país (A
Nosa Terra e Tagan Ata).
Parabéns, señor
das nosas letras!
(Foto tomada da prensa, en Internet. Vemos á dereita da fotografía a X. L. Méndez Ferrín, daquela Presidente da RAG. Desde o principio animounos a que celebrásemos o 120 aniversario da posta en marcha do 'Instituto da Guarda'. El mesmo impartiu naqueles actos no 'Paraninfo' -así chamaba el o salón de actos nobre- unha conferencia sobre a importancia dos centros públicos na Educación do país. Sentimos non ter a man unha foto mellor...)
Ningún comentario:
Publicar un comentario