130 aniversario do nacemento de don
Ramón Otero Pedrayo (5 de marzo).
Homenaxe (I parte) ao patriarca ourensán
Fraseoloxía
na triloxía Os Camiños da vida (edición de Galaxia 1978).
Á bravo ‘en estado inculto, salvaxe’ (“Voltábanse a
bravo as viñas”, p. 207).
A cegas ‘sen
apenas ver ou sen apenas mirar, na escuridade’ (“Contáballe as historias da
francesada e do cólera, cando se enterraba a cegas”, p. 232). Máis común é usar
o plural nesta unidade fraseolóxica: ás
cegas.
Á conta allea ‘pagando ou responsabilizándose
os outros, a expensas de’ (“Non se fartaban de comer e beber e lucían moita
fachenda á conta allea”, p. 25).
A couces ‘sen consideración ningunha, de
moi malos modos’ (“Mais a vida debéuno tratar a couces”, p. 171)
A disbarate ‘a
moi baixo prezo’ (“Suspiraba lembrando os eidos da Limia vendidos a disbarate”,
p. 57; “Venderan a disbarate as terras”, p. 207; as formas que admite o DRAG
son Ao desbarate/desbarato).).
A disprecio ‘a disbarate’ (“Valeirábanse as
gavetas da casa e vendíanse as terras a disprecio”, p. 134).
A dous tiros de fusil ‘a unha distancia medianeira,
relativamente cerca’ (“Polo norte, a dous tiros de fusil, descubríase a masa
valente do Pazo da Seara”, p. 50; no TILG documentamos a tiro de fusil, en X. Alcalá, e no
CORGA, na obra de Menéndez Villalva, a
tiro de pedra).
A gala e flor (de) ‘o máis selecto, o melloriño’
(“A gala e frol da fidalguía”, p. 23).
A mantenta ‘con intención, a propósito’
(“Naquilo do enforcamento, o réxime absoluto puña sempre un pouco de grotesco a
mantenta”, p. 91).
Á mesma idea ‘seguindo a
mesma idea ou o mesmo plan’ (“Figura que tódolos pazos distas terras foron
trazados á mesma idea; todos eles miran prá posta do sol”, p. 15).
A rego ‘en abundancia;
profusa, abundantemente; con frecuencia’ (“Monterreal disparaba a rego”, p. 47;
“Chorou a rego”, p. 84; “traballaban a rego”, pp. 96 e 206; “decían a rego os
paisanos”, p. 114; “Chóutanlle arredor cantazos a rego”, p. 139).
A zorro ‘a rastro’ (“O Zaparín ía ó montiño que
chamaban das Campiñas, ó pé da casa, e viña co albriño a zorro”, p. 97). Á
mesma familia léxica –de máis que probable orixe expresivo-onomatopeica-
pertencen voces galegas como as seguintes: zurrar,
zurriscar, zurria, zurriasca, zorra,
zurriapa etc.
Andar a rego ‘funcionar ou
marchar algo rectamente, con orde, debidamente’ (“Na casa comíase a diferentes
horas e nada andaba a rego”, p. 167). A fraseoloxía con rego é ricaz e variadísima. Abonde con traermos á palestra a forma
axeitada para a correspondencia coa frase castelá a rajatabla: dise en bo galego (levar
algo) a rego ou ao rego. Hai
variantes: á risca (como en
portugués), e mais tamén a regra.
Andar de riola ‘andar divertíndose, andar de
troula’ (“O fillo segundo andaba de riola por fóra e tamén demorábase moito na
cidade”, p. 134, hai outra documentación na p. 209).
Antes dun Xesús ‘moi rapidamente’ (“Si os
houbera, dinantes dun xesús tiñan os peixes ceba de carne de herexe”, p. 47).
Ao par de ‘xunto a’ (“Era servo dun
xuramento e agora ven a miña culpa. Debía voar ó par dela, loitar con ela...”,
p. 239).
Ao zorro ‘de forma arteira, con disimulo’ (“Entón, ó zorro, coma as cobras,
chegaban ó segredo dos cartos, e ás apalpadelas enchían as faltriqueiras”, p.
169). Inicialmente un estaría predisposto a pensar que a frase ao zorro é un castelanismo. Pero pode
que nos equivoquemos, porque a familia léxica autóctona de zurrar/zorrar/zorra etc. que vimos arriba e
que ten orixe expresiva (caracterízase
polo sema [+ arrastrar]), orixínase precisamente no dominio galaico-portugués e
do portugués pasa ao dominio central castelán, onde xorde o signficado do
animal (antes chamado con outra voz de orixe latina, vulpeja, en galego golpe). Ese sema, o de ‘arrastrar’, parece o
dominante aquí, e así nolo fai pensar o reforzo coma as cobras: é dicir, parece predominar a idea dun modo (un modo
de achegarse a rastro, un modo raposeiro), antes que a idea substantiva (a
imaxe do animal, do raposo).
Aos montóns ‘en
moreas, en abundancia’ (“Por riba das mesas había carneiros enteiros asados no
forno: as tortas de Monforte, [...] tódalas cousas de bo comer andaban ós
montós”, p. 134).
Ás apalpadelas ‘valéndose
do tacto’ (“Tiña que dormir nunha cama en roda, na montaña, quizáis non lonxe
dunha boa moza que había que buscar ás apalpadelas”, p. 255; a forma máis
recomendable desde o punto de vista normativo é Ás apalpadas).
Ás cachizas (precedido
do vbo. rir) ‘sonora e
impetuosamente, ás gargalladas’ (“Había pra rir ás cachizas ouvindo contar a
don Xosé María”, p. 37, p. 54).
As horas mortas ‘tempo longo que se usa ou gasta sen estar traballando nin ocupado en
cousas necesarias para a existencia física’ (“Gastaba as horas mortas facendo
solitarios ou paseando”).
Así Deus me axude (a
frase vale de muleta onde apoiarse o falante para aseverar algo ou para invocar
superior axuda en caso de posible erro, fallo de memoria ou como esconxuro ante
un mal que tamén lle pode pasar ao propio emisor) (“Non o entendo [...], onte
estaban sans como mazáns, así Deus me axude”). A axuda de Deus é invocada na
fala coloquial e tradicional en moitas ocasións: por exemplo, cando unha persoa
espirra é común dicir Deus te axude.
Atarse os cans con chourizos (pondera
a facilidade arquetípica con que se consegue riqueza) (“Na noite da fame a
perspectiva de traballar nun inxenio en terra quente e farta, onde corría o
ouro [...], atábanse os cas con chourizos e había fontes de viño e mel”, p.
120).
(Sala no Ateneo de Madrid, lugar que fora moi frecuentado polo autor ourensán)
Baixarlle a cabeza
(a alguén) ‘reverencialo, facerlle a cortesía, humillarse ante esa persoa’ (“Mais
tiña cartos e había que baixarlle a cabeza. Podía cumprir pra algunha ocasión”,
p. 210; inda non hai tantos anos polos camiños das nosas parroquias o paisano
tiña que quitar a boina ou o sombreiro cando se cruzaba co cacique: digo o
pecado e non o pecador, pero son datos de moi boa man, de xente que o viviu).
Boa hora ‘unha
hora prudente: nin moi tarde nin moi cedo’ (“Agora que xa se abriron as
escascas, ¡quén o pilla na casa a boa hora!”, p. 16; “pechábase de boa hora”,
p. 20). Por Trasdeza, unha boa hora
significa ‘un bo momento’ climatoloxicamente falando (Mira agora que boa horiña temos).
Boca rota ‘blasfemo,
amigo de blasfemar’ (“Sentía que era ignorante, arroutado, boca rota, inda que
con ela botárase de melindroso e finiquiteiro”, p. 170). A frase recóllea con
ese significado Eladio Rodríguez (no DdD) e tamén Noriega Varela (TILG). A
imaxe é moi plástica e enténdese ben: temos en castelán manirroto, onde o proceso mental é o mesmo. Aquilo que está roto
non garda ben o que non debe saír.
Botar terra ‘ocultar, silenciar algo interesadamente’ (“Houbo logo quen botóu terra
ó asunto porque alí andivera metido un señor”, p. 208). Outra forma moi galega
de dicir o mesmo: Calar o conto
(dicimos que é unha forma moi galega
porque no noso idioma conto é palabra
altamente polisémica).
Botarse de + NOME ‘finxir
ser + NOME, aparentando ser + NOME, gabarse de ser + NOME’ (“Acendía un cigarro
o Fontes botándose de home forte”, p. 192). Tamén se pode expresar esta idea co
verbo dar, “dala de home forte”.
Camiñar cos tempos ‘adaptarse aos modos e mentalidade de cada tempo, de cada época vivida’
(“Eu sentindo a verdade do que vostede di, coido que é preciso camiñar cos
tempos”, p. 180). No lugar do verbo camiñar
poden concorrer outros verbos, como andar
ou ir.
Cara de ferreiro ‘cara
de enfado, de mal humor’ (“Os patrós conselleiros, que se sentaban nas adegas
para debullar uns chourizos e trasfegar as xerriñas do novo, puñan cara de
ferreiro a aquela revolución”, p. 206). Hai máis posibilidades para expresar
esta noción: cara de corno (queimado),
cara de inverno, cara de mala uva, cara de non, cara de sapo, cara de cu. A
asociación entre esa cara e ese oficio virá pola cor negra con que se tisnaría
un ferreiro ao traballar o ferro.
Casa grande ‘casa
importante pola súa riqueza e/ou poder’ (“¡Boa sementeira hai na casa grande de
Trasouto!”, p. 42). Pode ser sinónimo de pazo. Na terra da nosa nai,
Valdeorras, sempre se dixo así, por
exemplo no Barco temos oído falar da Casa grande de Viloira.
Chamar a terra por ‘estar próxima a hora da morte
de’ (“Era unha vella, velliña, probe curtiza que estaba chamando a terra por
ela”, p. 34). A cosmovisión que subxace é de puro animismo, visión mítica.
Chegar/ir ó cabo do mundo (pondera
unha acción heroica, un feito esforzado que serve para enfatizar o valor da
persoa capaz de facelo) (“ Sabíalle buscar as cóxegas do esprito e con il rían
e por il eran homes pra chegar ó cabo do mundo”, p. 118).
Chuchar os miolos ‘influír en alguén ata facerlle perder o
siso’ (“Unha pesca loira tíñalle
chuchado os miolos”, p. 48).
Co gallo de ‘con motivo de, por causa de’ (“Co gallo dunhas novas sobre plas de
estudos eclesiásticos, o crego falóu ben e barato da posición da Eirexa e da
Ciencia”, p. 180). A palabra gallo,
da familia de (a)galla, gallar, esgallar,
gallado, galladura, galleiro, galleta, galleto etc., alude, entre outras
acepcións, a un pau en forma de Y que se pode usar para soster pólas cargadas e
outras cousas. De aí a derivación secundaria que nos ocupa: con ese gallo ‘sosténdose aí, con esa
base ou motivo’. A nosa palabra, gallo,
correspóndese exactamente co castelán gajo
‘póla, rama’.
Coma a gaita na festa
‘moi coñecido, sabido por todos’ (“A Sabela
encarregóuse de contar os amores da irmá pois os Doncos en tocante a sagredos
eran como a gaita na festa”, p. 215). A gaita non podía faltar nunha romaría, é
un símbolo da nosa tradición. E está claro que o seu son se oía por todas
partes... Outra forma de ponderar o coñecido que é algo consiste en comparar
coa ruda: coñecido coma a ruda (a
causa do cheiro intenso e característico desta planta, moi buscada, ademais,
para remedios caseiros).
Coma a palla do centeo (pondera a calidade de ser
fino, delgado) (“Ía soila, e seu corpo fino e levián como a palla do centeo
hastra locía na escuridade da noite”, p. 39). Frase prototípica do noso cancioneiro
popular (Delgadiña de cintura coma a
palla do centeo).
(A biblioteca de don Ramón no seu pazo de Trasalba)
Coma a un can [referido
á forma de tratar a alguén] ‘de mala maneira’ (“Vamos, hom, ou o sancristán
vainos escorrentar como ós cans”, p. 192). Outro núcleo, o can, de
numerosísimas unidades fraseolóxicas. Recordade que a palabra can vén do latín, mentres que a forma perro é onomatopeica, expresiva. E
relembrade tamén que non é unha raíz
descoñecida en galego: espirrar/esbirrar,
berrar, berrido, perrencha,
emperrencharse, esperrear, (verde) perro etc.
Coma as cabras (pondera
a nugalla) (“Tiña un criado vellote, borrachón e nugallán como as cabras”, p.
51; “malicioso e nugallán como as cabras”, p. 133). En Trasdeza, ademais, as
cabras son unhas mentireiras (Mente coma
unha cabra, o cal nos trae á memoria aquel conto recollido polos irmáns
Grimm, onde –efectivamente- aparece unha cabra moi embusteira).
Coma as cobras ‘a
rastro’ [úsase xeneralmente con valor ponderativo, de reforzo da propia
expresión a rastro] (“Entón, ó zorro,
coma as cobras, chegaban ó segredo dos cartos, e ás apalpadelas enchían as
faltriqueiras”, p. 169). A frase, se me permitides a expansión admirativa, ten pedigree, porque a usa Rosalía de
Castro: Premita Dios que te vexas/ Cal as
cóbregas arrastro. A voz cóbregas é
mera variante de cobras. Tamén
podemos usar a frase sinónima coma as
miñocas.
Coma garduñas (pondera
a forma raposeira, silenciosa, de proceder) (“Entraron baixándose rente ó chan,
coma garduñas”, p. 62; é un caso dubidoso: a voz garduña úsase tradicionalmente como insulto directo –co valor de
‘ladro’- ou como alcume; dubidamos de se estamos diante dunha fixación
idiomática local ou dun símil literario pedrayano; no CORGA documentamos máis listo cás garduñas, en X. Lama; hai
unha certa tendencia a que este animal que rapina entre a formar parte de
certas imaxes fraseolóxicas).
Coma se fora onte ‘coma
se estivese recente; con viveza, doadamente’ (“De vello representábase coma si
fora onte a escea”, p. 48).
Coma un adoecido (valor
intensificador, enfático) ‘moito’ (“Xa pola mañán xurara como un adoecido
porque os estribos ían demasiado baixos”, p. 107).
Coma un allo (precedido
de adx. como listo, agudo) ‘moi listo, moi agudo’ (“Foi o
Corda, que era agudo como un allo, quen atopóu o sagredo dos cartos”, p. 38; a
planta do allo medra dereitiña, tesa, e ese é o sema [o estar recto, en
posición de quen atende desde o alto o que está abaixo e vixía] que serve de
ponte para pasarmos ao sema de ‘agudo, sagaz’). En portugués documentamos: “ser um alho Diz-se de indivíduo esperto,
sagaz” (en: Dicionário de expressões populares
portuguesas, de Guilherme Auguso Simões).
Coma un boi (pondera
a fortaleza) (“E xuntarei homes da Limia –outos, lanzales, loiros, jhomes de
ouro, fortes coma bois”, p. 120). Temos comentado noutras ocasións a poderosa
capacidade deste nobre animal –cada vez máis escaso entre nós- para xerar
fraseoloxía. Hoxe quixera ofrecervos este fragmento tomado do TILG: Para soster o bandallo/ que chupa como unha
palla/ cada noite fanlle falla/ os cartos que custa un boi. O que custa un
boi é paradigma de moita riqueza. Por iso xa os gregos o tomaron como animal de
referencia: unha hecatombe, cen bois
sacrificados. O súmmum do esforzo, do sacrificio.
Coma un can de
perdices (pondera o bo olfacto) (“(Chacho, qué bo bafo solta ese tinto”) dixo o
Fontes, coas nocas latexantes como un can de perdices”, p. 221).
Coma un can sen dono (pondera o estado de soidade,
abandono ou desatención en que está ou vive unha persoa) (“-Meu señoritiño
–dixo a moza graciosa e natural- vosté polos camiños como un can sen dono”, p.
39).
Coma un coiro (precedido do adx. seco) ‘moi seco, moi enxoito de carnes’,
(referido á inxesta de alcohol) ‘moi cheo de alcohol, borracho’ (“O Tenacio,
feixe das milicias, seco coma un coiro e coma un coiro sempre cheo de viño,
saltóu cos seus consellos” (p. 33).
(Arco e rúa de Mazarelos, en Santiago de Compostela. Na rúa de Mazarelos vivía o Paio, o protagonista do libro "O Estudante")
Coma un cepo (pondera a seriedade) (“O
fidalgo estaba tolo por rir, mais o abade seguía serio coma un cepo”, p. 71).
Coma un demo (pondera a fealdade) (“Ela era
fea e cacarañada como un demo”, p. 121).
Coma un fuso (pondera a dereitura) (“Outras
veces erguíase pola noite, dereito como un fuso”, p. 92).
Coma un gato enxaneirado (pondera
a intensidade dos berridos) (“Voume dormir outra volta, pois pola noite berras
como un gato enxaneirado”, p. 136).
Coma un lobo (pondera a impaciencia por
acometer) ‘con ánimo violento’ (“Todos estaban impacentes polo asalto, como os
lobos”, p. 48).
Coma un neno (co vbo. rir) ‘moito’ (“Pasaba a vellez nunha silla poltrona rindo como un
neno”, p. 47); (pondera a sinxeleza) ((“E xuntarei homes da Limia [...],
sinxelos como nenos”, p. 120).
Coma un pauferro ‘moi rexo, moi duro’ (“Había en
Ourense un xeneral rexo como un pauferro; que non lle viñeran con historias nin
ameazas”, p. 36-7).
Coma un penedo (pondera
a dureza, a resistencia) (“Mantendo ergueita unha testa forte e curiosa,
desamparada do capuchón, laborada finamente pola erosión das paixós conteñidas
do mosteiro e sóilo forte coma un penedo frente da catástrofe”, p. 85).
Coma un rato (pondera
o estado de permanencia agochada e case que oculta) (“Pois o boticario, metido
no seu burato como un rato, foi o que dispuxo o priego explosivo”, p. 91; no
CORGA documentamos agachadiño coma un
rato, en Darío X. Cabana; acubillada
coma un rato, en Xesús M. Valcárcel etc.).
Coma un sapo (pondera
a calidade de pezoñento) (“Don Caetano estalles aparvado, pezoñentos como sapos
os fillos pequerrechos, sin nai, deixados na porcallada das camas”, p. 92; é un
caso dubidoso: a medio camiño no proceso de fixación idiomática; ben é verdade
que o concepto do sapo pezoñento está na fraseoloxía _botar sapos... pola boca-, pero a UF comparativa tradicional –coma un sapo- está cargada doutros valores semánticos: coma un sapo pondera ou reforza a imaxe
do ser esparrado/inflado/barrigán/feo/que
rebenta/que bufa...).
Coma un xudeu (expresión xenófoba, valor
ponderativo) ‘moito’ (“Mentindo como un xudeu”, p. 23).
Coma un segredo ‘celosamente’
(“Mais poucas vegadas raiolaba a súa beleza na tenda do pai. Estaba gardada
como un segredo”, p. 162). Frase bonita, sinónima neste contexto de como ouro en pano. Fica na nosa mente a
dúbida de se a frase gozará da suficiente fixación ou se deberiamos considerala
de creación literaria pedraiana. Pero documentamos outros tres casos no CORGA
tamén co verbo gardar, e no TILG
apreciamos un delicioso uso co verbo vivir:
“Vivo [eu] como un segredo”. Dámola, xa que logo, por boa, cun suficiente grao de
fixación idiomática.
Coma unha cereixa (pondera
a roxez ou o rubor) (“O Paio, colorado como unha cereixa, apenas respondéu”, p.
154). Tamén se pode ponderar esa calidade co pemento e mais o caravel.
Coma unha cobra ‘serpeando’ (“auga vital
decorrendo coma unha cobra polo eido”, p. 30).
Coma unha donicela (pondera a listura) (“Era listo
como unha donicela”, p. 134). Noutrora a donicela era usada para a caza dos
ratos: vén á cabeza a cantiga alfonsí número 354, onde a Virxe salva o
animaliño, moi querido polo rei, de ser trillado polas patas do cabalo: aí
lemos: unha bestiola [...] a que chaman doneciña os galegos.
Coma unha lagarta ‘moi
astuta, moi arteira’ (“A Tutana, que era lista como unha lagarta, ben se
decataba”, p. 167). A frase ten un uso sexista, en canto que se aplica só ás
mulleres e nunca cun signficado positivo. Aquí Pedrayo tampouco lle confire un
valor totalmente negativo. O lagarto, e xa non digamos a lagartixa, é un animal
escorregadizo, moi vivo, de aí a semántica derivada.
Coma unha lapa ‘con
forza, con insistencia; de maneira tal que é difícil desapegarse’ (“Os ollos
como lapas prendíanse ó branco colo da rapaza”, p. 172). Outras estruturas
comparativas para expresar a mesma idea son: Coma un arneirón, coma un can
ao cu, coma un lambizo, ser
unha lendia.
Coma unha Madanela (expresión ponderativa usada co
vbo. chorar) ‘moito’ (“Misia Xacinta
choróu como unha Madanela”, p. 26).
Coma unha manivela (pondera a delgadeza) (“O Torto
era home de arredor de corenta anos, de bo corpo, fraco como unha manivela”, p.
57).
Coma unha mazá (pondera o aspecto san e
saudable) (“Non o entendo –decía desfeito-, onte estaban sans como mazáns”, p.
211). Hai outras comparanzas posibles para ponderar este aspecto: coma un buxo, por exemplo.
Coma unha pomba (pondera
a mansedume e a dozura) (“Calada, maina, doce coma unha pomba”, p. 21); noutro
lugar Pedrayo usa este símil fraseolóxico para ponderar o medo que fai tremer,
como o que experimenta a pomba á vista da ave rapaz: “Tremaba como unha pomba”,
p. 172.
Coma unha táboa (pondera a lisura) (“Peito raso
como unha táboa”, p. 96).
Coma unha trabe (pondera a fortaleza) (“Os dous
xemelos do Viso, fortes como trabes”, p. 121).
Comerlle a raza ‘causar desesperación, corroer
ou envelenar o ánimo’ (“Comíanlle a raza dúas xenreiras: a Xenara Corda e don
Xosé María”, p. 74).
Como ninguén se vexa ‘malamente, en maneira tal que
non se lle desexa a ninguén’ (“E il, o probe, vivindo como ninguén se vexa”, p.
97)
Coriscar un aire
de lobo ‘ir moito frío’ (“Son eu, xente do pazo.
Franqueade aixiña que corisca un aire de lobo”, p. 27. Fóra deste contexto, non
documentamos a frase, pero non dubidamos do seu valor idiomático na fala que
rodeou a Pedrayo naqueles tempos en que adquiriu o dominio da lingua do pobo.
Documentamos no CORGA ‘noite de lobos’ cun valor próximo ao cast. ‘noche de
perros’. A frase pedrayana está formada en paralelo ao francés Il fait un froid de loup, fixada no
idioma galo. No CORDE aparecen algún caso para noche de lobos -recordando
como si volviera a vivirla mi incruenta y molesta noche de lobos, en Cuéllar
Gragera, Antonio, 1954, CORDE- pero ten valor literal (nun contexto en que se
fala da caza dos lobos, unha noite en que baixaran os lobos ao camiño...),
falta a fixación, non callou nunha unidade idiomática para significar tempo
meteorolóxico adverso, duro.
Cos pés pra diante ‘estando morto’ (“Moito se tiña lembrado del nos longos meses do
inverno. Somentes no lugar da Pedreira tiñan saído da casa cos pés pra diante
tres veciños”, p. 205). A frase pide normalmente un complemento adverbial de
lugar (o lugar de onde saes ou de onte te sacan); hai variante documentable no
mesmo Otero Pedrayo: saír por pés alleos.
Dado con todos ‘sociable’
(“Como era faladeiro, guapo e dado con todos, fixo verdadeiras amistades”, p.
231).
Dar cheda ‘axudar, botar unha man’ (“Non
deixaban de seren serviciás e amigos dos veciños pra lles dar cheda nalgunha
angueira”, p. 36).
Dar o corazón ‘presentir’
(“Dame o corazón que non chega a ollar os centeos do San Xohan dende aquilas
tristeiras fiestras”, p. 241). Tamén se pode dicir, co mesmo valor semántico, dáme a alma/o corpo. Son frases
fermosas, pero máis fermoso é aínda se cadra o modo de medir o tempo, a través
dos labores agrícolas. Son os ciclos amados por don Ramón, a sementeira, a
castañeira, a centeeira... Válidos para ir marcando o devir humano.
Dar verba ‘falar, dirixir a palabra’
(“¡Qué vería Misia Chinta na faciana do fillo! Pois sin darlle verba volvéu ó
seu cuarto”, p. 43).
Darse con todos ‘levarse ben con todos, ser
unha persoa moi sociable’ (“Dábase con todos, entraba nas casas do lugar, non
tiña reparo en pasar un serán de nordesía, arrebuzada no pano mantón, diante
dos homes da poda ou da caba”, p. 141).
De acarranchapernas ‘apoiado ou sentado nunha superficie cunha perna a cada lado’ (“Un rubíu con grandes precaucións unha
táboa pra sufincar no tellado veciño e roubar os xamós cruzando a rúa na
escuridade, de acarranchapernas”, p. 196; temos que entender que o ladrón iría
cabalgando sobre esa táboa tendida; esta frase fai paradigma con unha chea de
variantes: A carranchapernas, ás
carranchapernas, a cabalo, a cachapernas, a escarranchapernas etc. Non
creades que hai menos variedade no español peninsular (e local): a garraminchas, en bomborombillos, en
cuncurumbillos, sen esquecer a máis común a horcajadas, pola forma da curva que describen as pernas cando as escarranchamos, cando as abrimos moito
como as dúas paticas dun compás de debuxar, en ángulo obtuso: aquí a raíz (es)carr- parece conmutar pola raíz parr- : dános idea de algo que se
espalla, se abre e se estende asemade..., pero debe ser unha falsa impresión,
unha conmutación só aparente: carranc-
ten que ver máis ben co sema do que mal camiña, do carrancudo, porque leva canchesas as pernas, demasiado abertas ou
demasiado separadas para andar ben).
De boa hora ‘cedo’ (“A cama deixada de boa
hora pra vixilar as labouras dos eidos”, p. 184). Documéntase na obra estudada
en máis dunha ocasión con este valor.
De corazón ‘con todas as potencias da
alma; sinceramente’ (“Son Xosé María sentíu de corazón ó irmán”, p. 47).
(Vista xeral do que Pedrayo chama "O Coto de Ushna", en gaélico Uisneach, un espazo que ocupa o corazón de Irlanda, un dos espazos simbólicos -xunto con Oseira, e Compostela- da obra "Os camiños da vida")
De esguello ‘de forma atravesada,
atravesadamente,
con animosidade’ (“E por isto moita xente na aldea ollábao de
esguello”, p. 143).
De longa data ‘de antigo, desde hai tempo’
(“O señorito das Tres e o escribano coñecíanse de longa data”, p. 118).
De lonxe en lonxe ‘de forma
moi espaciada no tempo; de tarde en tarde’
(“Onde recibían de lonxe en lonxe, as visitas de amigos sperados por légoas
de andadura”, p. 18)
De peitos ‘debruzado’ (“Dixo
o monxe póndose de peitos no grande balcón de ferros traballados”, p. 15).
(Grande pelouro no outeiro de Uisneach. Todas as fotos están tomadas de Internet)
Ningún comentario:
Publicar un comentario