CAMANZO
Visitamos Camanzo, no
concello pontevedrés que viu nacer a Xosé Neira Vilas, Cruces. Visitamos o
mosteiro de San Salvador de Camanzo. Como filóloga (ou sempiterna aprendiz de
filóloga, mellor dito), hai tempo que
agarimo (doulle amorosas voltas na mente) esa palabra. Paréceme un auténtico
tesouro, que queredes que vos diga... Hai seres humanos que perden o sono por
outro ser humano, polo pan noso de cada día, por unha idea, ou polo vil metal.
Eu son dos seres que poden perdelo pola etimoloxía dunha voz. Xa vedes que
variado é o mundo e as súas xentes. Camanzo foi fundado por un dos primeiros
condes en pasar á historia de Galicia, don Betote (cuxa raíz, Bet-/Vett- , xa é
sedutora de abondo). E o seu comitato
ou condado, esa altomedieval forma de organización territorial, é o de
Deça/Deza, situado case que no corazón, no carozo, no miolo da Nosa Terra.
Cal é o étimo de Camanzo? Supoñemos que a raíz
da palabra é a mesma que hai na familia de antropónimos prerromanos do tipo
Camal/Camali/Camul(l)o/Camil(l)a. Estes antropónimos ou teo-antropónimos, que
dan lugar a topónimos, aparecen amplamente documentados na península ibérica[1],
quizais algo máis no occidente, mellor aínda, no Noroeste, e mais tamén na
Galia e en Inglaterra, e non falta documentación en terra itálica, ligur. Esta
opción é válida sempre que non xurdan novas documentacións, claro, porque podía
darse que apareza un documento que nos diga que Camanzo antigamente se escribía
con dobre a (*Caamanzo). Nós, salvo erro, non documentamos esoutra posibilidade.
De aí que manteñamos a hipótese da raíz común a Cam-al-(a/us). O sufixo é fariña doutra muiñada. Deixarémolo para o
apéndice final.
(A arquivolta relembra algo a de Carboeiro, fundación posterior na que intervén dona Tareixa, filla do conde don Betote)
Este día chovía e
as augas do río Ulla case querían saír de madre na Ponte Ledesma (quede para
outra ocasión ese preciosísimo lugar coa súa historia heroica). Iamos
acompañados da miña irmá arqueóloga e moito me gustaría poder penetrar con ela
no claustro e ver esa centenaria –quen sabe se milenaria- parra venerable,
pedraiana, que orna ese curro interior adxacente ao mosteiro, como noutrora: hai
máis de vinte anos visitaramos por primeira vez Camanzo, eran os nenos moi
pequenos, e tiveramos a inmensa fortuna de dar co señor párroco, un cura
valleinclanesco, sabio de aldea, poderoso comunicador; dixéranos que andaba por
facer o xeito de pillar o garduño -que lle roubaba as galiñas?, aí xa non
recordo ben-, e mostrounos a parra, cunha vide cuxo tronco tiña o grosor dunha
boa maceira, cousa bonita!, e comentara con orgullo: “estiveron noutronte os
duques de Baviera [si, houbera no pazo de Oca unha voda con invitacións
cursadas pola propia casa de Alba e eses señores duques –isto parece unha nota
cunqueiriana- estiveran certamente pola contorna], deilles a probar o viño e
aseguráronme que nunca cataran un caldo tan excelente”.
Logo mostrounos o claustro, a parte renacentista, aló moraran freiras no seu momento, XVI ou por aí, e lemos xuntos un escrito gravado na pedra dese século, unhas palabras que non logro recordar desde logo pero que me deixaran impresión de seren poéticas e proverbiais, dun alto e nobre contido. Vinte anos, malia o tango, son anos. Quixen volvelo ver, darlle un saúdo, pero –aquí decátase un do excesivo optimismo que ás veces nos posúe- os tempos mundanos son pasados xa para este cristián. Séxalle sempre a terra leve e descanse en paz. Connosco fora un moi bo anfitrión.
(Paisaxe que se domina desde a porta do mosteiro: vedes que esta é terra de viñas; de feito aí preto, baixando á esquerda, hai unha adega de viños con denominación de orixe "Rías Baixas". Esta foto foi feita por Charo Soto)
Logo mostrounos o claustro, a parte renacentista, aló moraran freiras no seu momento, XVI ou por aí, e lemos xuntos un escrito gravado na pedra dese século, unhas palabras que non logro recordar desde logo pero que me deixaran impresión de seren poéticas e proverbiais, dun alto e nobre contido. Vinte anos, malia o tango, son anos. Quixen volvelo ver, darlle un saúdo, pero –aquí decátase un do excesivo optimismo que ás veces nos posúe- os tempos mundanos son pasados xa para este cristián. Séxalle sempre a terra leve e descanse en paz. Connosco fora un moi bo anfitrión.
En fin, se no
verán logramos entrar de novo ao claustro, prométevos unha segunda parte.
Quizais non estivera de máis programar algunha que outra franxa horaria mensual
(qué menos) de visita para os foráneos... Digo de forma oficial, a cargo do
erario público, claro. Pero en época de crise ou poscrise pouco se pode pedir
aínda, sempre hai prioridades, e os que amamos tanto a cultura e a nosa
historia alimentámonos como mellor podemos. Hoxe chegamos ata aquí.
Volvamos agora ao
entretido plano filolóxico. Algo máis sobre esa base hipotizada: Camal(a/o/i):
documéntase moito en toda a península, pero algo máis cara a Occidente. Só na
citania de Briteiros, por poñer un caso representativo, aparece varias veces.
En principio é un antropónimo. Pero non se descarta a veracidade de consideralo
antes un teónimo. Sería entón un teonomástico
(palabra que eu xa lle lin a Caridad Arias). Teónimos no NO da península non
faltan: recordade que Untermann consideraba este territorio o máis rico de
Europa en teónimos (aí tedes Brigantium ou Brigantia, esta última con sufixo en
feminino creo recordar que aparece en textos de Orosio e desde logo é o
feminino o que aparece no étimo da cidade de Braganza). En Francia, sen ir máis
lonxe (para que habiamos de ir máis lonxe, por outra banda: os derradeiros
estudos xenéticos din que a distribución na península ibérica dos haplogrupos
[do cromosoma Y] é cuspida á da Galia),
os expertos consideran Camulos un teónimo:
• Andecamulos [ personnages sur inscriptions (de Abacius à Avorix) ]
• Andecamulus [ personnages sur inscriptions (de Abacius à Avorix) ]
• Camulissius [ personnages sur inscriptions (de Cabalius à Curmisagus) ]
• Camulos [ divinités gauloises & gallo-romaines (de Cabuniaeginus à Cuslanus) (Les) ]
• Camulosessa (?) [ villes brittones [de Cadbury à Cunetio] ]
• Camulus [ personnages sur inscriptions (de Cabalius à Curmisagus) ]
• Leucamulus [ personnages sur inscriptions (de Labeo à Lutussia) ]
• Moricamulus [ personnages sur inscriptions (de Maccarios à Muccasenia) ]
• Toutocamulus [ personnages sur inscriptions (de Taliounia à Trougillus) ]
(en: http://encyclopedie.arbre-celtique.com/encyclopedie.php;
negriña nosa).
Que é o que
significaría esa raíz (Camal-/Camul-)? A ciencia certa só Deus o sabe
(lamentablemente non temos a man o traballo de Cuevillas sobre a onomástica
prerromana galega, pero procuraremos ver que achega o ourensán a este tema). Os
franceses din isto:
“Camulus - Nom
masculin rencontré sur deux inscriptions respectivement découvertes à
Freistritz (Autriche) et Any-Martin-Rieux (Aisne). On retrouve dans son nom le
terme *camulo- signifiant "puissant,
champion". Mais ce nom peut avoir un caractère théophorique, puisque
Camulos est une divinité celtique connue. La forme féminine, Camula, est
également attestée.” (Negriña nosa).
Mentres non se
escriba algo concluínte, con isto nos quedamos. Parécenos dunha fermosura
incontestable. En irlandés antigo tamén vimos equiparadas as dúas variantes:
Camu-/Cuma-, raíz con que se designa un territorio (sagrado ou sacralizable)
gobernado por un rei. Esa alternancia fai pensar tamén na palabra galega
‘cum-(io/e)’. Nada estraño situar un deus nunha montaña. Aí temos Larouco ou
Candame/Candamio... Por certo que a carón de Camanzo está Candañedo.
Fica pendente o
sufixo. Se damos por boa ou verosímil a raíz CAM-AL(A) (a vogal A é máis
arcaica có U), hai que explicar como se chega a –nzo/(medieval) –nço.
Necesitamos unha iode (un elemento vocálico capaz de facer evolucionar a
consoante precedente, por exemplo un t en z: Bragantia > Braganza, vedes?,
había un “i”). Hai dúas posibilidades, que o sufixo tivese un c ou que tivese un t.
No primeiro caso o
modelo é Vimianzo. Non sabemos
tampouco a ciencia certa o étimo dese guapísimo topónimo coruñés (de Vimianzo
vén o noso amigo, e profesor de moitos de vós, Antonio Fondo, un grande entre
os grandes, e non só porque sexa altísimo fisicamente, senón en sabedoría e
amor á terra). Porén, en varios lugares o eximio lucense Nicandro Ares,
relaciona este topónimo com Viminiacum (unha cidade celto-romana na vella
Moesia, hoxe Servia: alí había
estacionadas varias lexións que serían as que trouxeron e levaron dun extremo a
outro do imperio ese topónimo: vemos outro en León-Palencia e outra aínda máis
en Galicia). Aparece documentada a variante metatizada Viminacium[2]
(ou con “i” xeminado, multiplicado por contaxio analóxico), base de Vimianzo
(pasando por un *Viminacium> *Vimi(n)ancio, con xeración dunha nasal sempre
por contaminación ou contaxio, posiblemente da nasal final e da precedente). Unha
nasal final e unha precedente tamén a hai en Camalicum (forma documentada no corpus Hispania Epigraphica, dispoñible na rede). Unha base semellante hai
que hipotizar para chegar a Camanzo: Camala+ -acum, talvez un *Camaliacum>*Camaliacium> *Cama(l)ancio> Camanço/Camanzo.
Cabe
unha segunda posibilidade, un sufixo con t, do tipo –ntium/-ntio. Na Galia
documentamos formas como: Camulatia, Camulatus, Camulatucus (e incluso unha forma galo-grega na Provenza:
Kamoulatis). Entre nós hai máis dun caso de topónimos de orixe non latina en
–ntia/-ntio (Alisontia-Elsontia –estudadas por Menéndez Pidal e retomadas polo
grande Abelardo Moralejo no seu libro Toponimia
Gallega y Leonesa- , Bragantia ou Bregantia, Brigantium, Carrantia -documentación do s. X, actual Carranza en Biscaia-, Numantia ou Nomantia,
Palentia ou Pallantia, Segontia, Untia -o vello castro de Betanzos-, a forma ‘Salamantica/Helmantica’, Verontia -documentación de 1225 do Mosteiro de Sta. Mª Melón, CODOLGA-
etc.). Dá a impresión de termos un sufixo especificamente apto para
toponimizar... O sufixo de orixe non latina –atos/–atus/-antus, en
troques, sería antroponimizador
(Ambatus, Abascantus, Carnutus, na epigrafía hispánica; Abucatos, Adnamatos, Ambigatus,
Atecnatus, Ateratos, Atespatus, Camulatus, Segontus, Virocantus etc. , na epigrafía
gala). Conforme esta segunda hipótese teriamos a seguinte cadea evolutiva: *Camala + antium/antio > *Cama(l)antio >
Cama(a)nço/Camanzo.
(Todas as fotos foron feitas por Puri Soto e José Mª Ruiz)
[1] Di o investigador Bruno P. Carcedo de Andrés, falando de Camali e Camalicum (sería este último unha “agrupación familiar” segundo
el): “Parece claro, en cualquier caso, que, dada la dispersión de los
testimonios de este antropónimo, este nombre parece exhibir un cierto sesgo
occidental”
[2] “Poderíase citar unha
inscrición romana de León (…) e outra de Tarragona, na que figura unha muller
da tribo Viminaciensis (…). Elas
indicarían que tales persoas eran naturais de Viminacium, unha cidade dos Vacceos cerca de Palencia, citada por
Ptolomeo (…). A este propósito quizabes sería útil traer aquí o que escribe A.
Montenegro Duque (…): “… es notable el hecho de que tal topónimo [Viminacium] encuentre su homónimo en el
vasco Mimenza y Mimentza””. Nicandro Ares Vázquez, Estudos de toponimia galega I, pp. 555-6.
(Do libro "Citania de Briteiros e Castro de Sabroso" de Mário Cardozo)
Ningún comentario:
Publicar un comentario