VISITANDO
TARDE ENTRE CADROS
(Cadro de Jorge Castillo; todas as fotos foron feitas por Charo Soto)
Dixonos José Luis na tertulia dos xoves (quizais
relembredes os que fostes hai anos alumnos do Eusebio a José Luis: daba clases
de debuxo; é un pintor consagrado, ademais) que non perderamos a exposición en
pleno centro, no Cantón Grande, de Jorge Castillo, un dos artistas galegos
vivos máis recoñecidos internacionalmente. Enxalzouno tanto que era imposible
non obedecelo. Chamei a Leo, tamén amante da pintura, e aló fomos. Ás cinco en
punto da tarde, logo de petiscar algo na Mundiña (un sitio algo caro para
xantar, bo para petiscar, xa digo, materia prima da ría de Corme, da desembocadura do Anllóns... a mundiña é o
nome dunha pedra percebeira, que queredes, estas cousas fan boca tamén, de
pedras percebeiras sabemos igualmente moito na nosa cidade, xunta a Torre, en
Labañou... pedras percebeiras cantas non haberá nas costas galegas...), e de
tomar un café na rúa Rego de Auga (onde viviu Emilia Pardo Bazán, onde fai
vivir personaxes das súas novelas...), ás cinco en punto da tarde, encetamos a
nosa peregrinaxe polas estancias da pintura que A Coruña (e as empresas con
boas ideas culturais) nos ofrecían esta tarde de inverno.
(Foto doutro cadro de Castillo)
(Máis do pontevedrés Jorge Castillo)
Castillo fai honra ao seu nome. É inmenso, grandioso.
Un luxo indiscutible, complexo, poliédrico, con profundidade de Alfa e Omega ou
case. Eu son unha profana, que conste, pero amo a literatura e a arte: atrévome
–sei que me desculpades bastante ben os posibles excesos- a dicir que vin na
súa obra os clásicos: Goya, Laxeiro, Dalí, Picasso, Velázquez... Vin a paxariña
de Armenteira, a luz da vida, “todas as aves do mundo”... E máis. Claro que nos
gustou, claro que tiña moita razón José Luis Martínez... Déixovos logo fotos da
letra impresa que aló había sobre el.
(Presenza feminina na obra de Castillo: unha constante)
(Castillo: evocación do paraíso. Quizais vexades a paxariña de Armenteira...)
A pequena sorpresa déunola Centeno. Non contabamos con
ela: está dando os primeiros pasos na pintura pero pisa con garbo, con
intelixentes conceptos, con chispa. Brindamos por ti, queridiña!
(Dúas obras de Mónica R. Centeno)
Leiramos de
marabilla as tres. Quedariamos aínda máis tempo xuntas se non tivésemos outros
compromisos adquiridos. En serio. Estas sintonías inesperadas son as que
manteñen, tamén, aceso o facho da esperanza e fe nos outros. “O inferno son os
outros” dixo o autor francés. Si, sen dúbida en tantas ocasións. Pero do outro
vén a gana de seguir vivo, a gana de dar e recibir. Unha coruñesa aberta, vital.
Vendo a súa obra recordei o adaxio, recuperei a lectura do libro de Francisco, In vino veritas, relembrei a Miguelanxo
en Italia, recordei a terra dos meus
ancestros maternos, as cántigas na cova (‘adega’), a vendima, sempre a fértil
familia. A copa do bo viño que inspira ao rioxano Berceo: todo un símbolo de
amizade, de comunicación inspirada. “Que
lle pides á vida?” –Amor. E tema para seguir pintando. Vedes? Non se
necesitan millóns de euros. “Onde
estudaches?” –Na Compañía de María...
Inda recordo algunhas das profes, madre Leli, Asorey... Logo estudei economía
nos EEUU... ocupei cargos en empresas pero deixeino todo pola pintura, xa ves.
Por que o viño? Porque simboliza ben un estado, a alegría; porque compartir
unha copa cun amigo, iso é vivir...”. “-E cales son as túas influencias?” “-Picasso,
Basquiat, Dufy, Giacometti, Antonio López... encántame esa flor do marmelo,
Velázquez, como non... Non podo evitar preguntarlle que está lendo arestora:
“Agora? Pois un libro de Juan Mariñas, “Alguien
que te quiere”. Pedímoslle Leo e mais eu que nos asine o catálogo e faino
compracida, “é a primeira vez que mo
piden”. Unha hora moi agradable a que pasamos contigo, Mónica.
(Mónica Rodríguez Centeno a carón dunha súa obra)
(Mónica amósanos a camiseta que anuncia unha súa exposición en Vigo -cidade propicia- celebrada no 2017: "Asteleiros, guindastres e portos")
("Sorbo de tinto", de Centeno)
(Paneis informaticos sobre Jorge Castillo, na exposición de Abanca na Coruña estes días)
::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
(A calidade da fotografía réstalle mérito, mais inda así observade a feliz coincidencia: a copa de bo viño na pintura fermosísima de Miguelanxo Prado. Colección particular)
Ningún comentario:
Publicar un comentario