130 aniversario do nacemento de don
Ramón Otero Pedrayo (5 de marzo).
Homenaxe (II parte) ao patriarca
ourensán
Fraseoloxía
na triloxía Os Camiños da vida (edición de Galaxia 1978).
(O mozo Ramón, con 17 aniños)
De porqué ‘importante,
merecente de consideración social’ (“A escaleira pina que rubía ós cuartos
principales reservados prá xente de por qué”, p. 209). A frase admite un
cuantificador: de máis porqué, de moito
porqué. Outras formas de ponderar a importancia ou consideración social
son: de copete (documéntase, por
exemplo, en Cunqueiro), de ringorrango
(ben documentada no TILG, sobre todo na poesía popular), de perendengues (de moitos
perendengues documentámolo na publicación decimonónica O Tío Marcos da Portela).
De por si ‘de seu, polo decurso natural
das cousas...’ (“As cousas figuraban facerse de por sí, por unha voluntade
natural”, p. 18).
De pouco ‘desde hai/había pouco’ (“Casada
de pouco”, p. 22).
De rega ‘que cómpre regar’ (“Os grandes milleirás de
rega amañeceron perolados de orballo”, p. 30).
De sobremesa ‘despois de xantar, estando aínda na mesa’ (“Demoróuse demasiado lembrando de sobremesa cousas dos estudos e
contos de amigos xa mortos”, p. 15).
De tempo en tempo ‘cada tanto, de cando en vez’ (“De tempo en tempo metía a man no bolso
pra tirar unha castaña seca”, p. 220).
Decrebar o día ‘tornarse
escuro, empezar a anoitecer’ (“Cando chegaron a Sar decrebaba o día”, p. 192).
Deus nos colla
confesados (Expresión impetratoria: pídese a axuda
de Deus ante un mal inminente ou ante un mal, que, por terlle sucedido a
outros, sentimos próximo, posible) (“Vaia,
hom, non te coidaba tan mal criado. ¡Boa sementeira hai na casa grande de
Trasouto! Dios nos colla confesados pra outra”, p. 42)
Dicir o corazón ‘intuír, presentir’ (“Xa mo dicía o corazón”, p. 28).
Dicir para si ‘para o seu interior, sen que
oian os demais’ (“”Este Paio vaise volvendo parvo”, decía pra sí”, p. 242).
Do demoro (valor
intensificador, equivale a moi +
ADXECTIVO) (“Mais deseguida resultóu unha larpeira nugallá do demoro”, p.
98; a voz demoro é un eufemismo por demo).
Dos demos (valor
intensificador ou ponderativo) (“Alí resonaron as ledas cantigas ourensás, ían
as criadas a facer as súas composiciós armando un barullar dos demos”, pp.
195-6).
Dun pulo ‘dunha
vez, ou nunha única acción’ (“Logo escoitou a historia, contada dun pulo, como
se fai unha confesión necesaria”, p. 238). Tamén se pode dicir dun tirón.
(A casa grande de Cimadevila, onde o noso autor viviu longas tempadas)
En riata ‘formando
unha fila’ (“Unha riola de mulas carregando fardos, en riata, levados por
algúns homes”, p. 64; o dicionario académico admite a voz reata, pero non recolle a UF).
En troques ‘en
cambio’ (“En troques, a terra das Campás Abaixo recolle polas arroiadas a
millor grusura e sustancia das terras outas”, p. 31).
En xunto ‘formando un todo, unha unicidade’ (“Cinguidas [as mellores terras do
seu patrimonio] en xunto pola grande parede de forras coroadas por capias e
cabaletes”, p. 17).
Enfeitizar unha
meiga ‘gafar’ (“¿Qué meiga me enfeitizóu ó voltar ó
chán galego?”, p. 238). Cando parece que estamos baixo a influencia da mala
sorte ou cando parece que todo nos sae mal, hai unha serie de frases que
podemos usar: son variantes en galego: abafar
unha meiga, fadar mal unha meiga, ver unha meiga; en castelán: estar meado por un perro –en Arxentina-,
mirar un tuerto, tener la negra, tener la
pava –en Colombia- etc.
Espallar o tempo ‘mellorar
o tempo’ ( p. 236; en Aníbal Otero -no DdD- espallar
‘escampar’)
(Escribano) das
silveiras (que fai mal o seu oficio, que é un
falso ou pseudo escribán) (“O Torto de Santa Comba, o antigo cabecilla, feito
escribano das silveiras”, p. 138; a fr. con fixación idiomática é avogado das silveiras, aquí Otero
Pedrayo fai unha reutilización, unha extensión, desa frase fixada. Moi
verosimilmente a imaxe matriz da frase é a da silveira que enreda a aquel que é
prendido por ela: así o mal avogado, tamén enredador. O propio don Ramón deixou
escrito nesta mesma triloxía: Avogados
máis enredantes que as silveiras).
Estar en verba ‘estar expansivo, comunicativo’ (“ O Paio paróuse cos amigos. Estaba
en verba aquila mañá”, p. 153).
Facer a cruz ‘asombrarse,
facer espaventos’ (“Sonlle cousas de homes; non faga a cruz por isas muidezas”).
Facer boa feira ‘resolver
favorablemente un negocio; obter bos beneficios’ (“Roubaron algunhas boas casas
do Ribeiro [...]. Aló descontra o Paraño fixeron boa feira”, p. 37; “Alí os
ladrós non fixeron boa feira”, p. 207).
Facer chorar as
pedras ‘conmover fondamente’ (“Tiña moito amor ó rapaz e contaba cousas da
emigración que facían rir e chorar as pedras”, p. 126).
Facer uña de gato [non documentamos a frase en ningún
dicionario; a falta dun estudo léxico concluínte, só podemos achegar outros
contextos onde aparece a frase e hipotizar o seu valor semántico; supoñemos que
se usa esta expresión para indicar que as pólas se engruñan, acaban por
esclerosar, en oposición a unha medra
recta e adecuada] (“Paio adeprendéu a coñecer as xestas e carballizos roubados
nas touzas, fíxose cargo das demarcacións dos eidos, do xeito como se han
decotar os albres pra que non fagan uña de gato e críen roda de ponlas sempre
novas pra leña ou pra pontós”, p. 187). Outro contexto pedraiano en que se usa
esta expresión: “Co'ela morrerá unha caste. A familia fai «uña de gato» como a
ponla do carballo, a derradeira e fadal agromada, coberta de brancos liques”
(en Devalar, TILG); talvez tamén nos
sirva estoutro contexto, aínda que aquí é difícil precisar, polo ambiguo uso
metafórico: “Non runfes. Presentareiche como técnico en cadros rococó, como
psiquiatra capelán ou uña de gato de caste vella” (en Traxicomedia da noite dos santos, TILG).
Idas e voltas ‘andanzas,
circunstancias vitais, vidas’ (“A cousa foi diste xeito asegún o que latricou
na matanza do Vrences a Reina da Canella, que sabía tódalas idas e voltas da
xente da parroquia”, p. 72).
Ir de farra ‘ir
de esmorga, ir na procura da diversión’ (“Vamos, Zaparín do demo, deixa os
regos, imos un pouco de farra”, p. 51, vid. infra, Ter farra; na p. 202 documentamos tamén “andaban de farra”)
Ir de tuna ‘ir de farra’ (“Acorda ir de
tuna á parroquia de acarón”, p. 139).
Levar á cova ‘matar;
precipitar a morte de alguén’ (“A morte do maorazgo levóu á cova á nai doente”,
p. 47).
Madrugar con
estrelas ‘erguerse moi cedo’ (“Xa non predicaba na misa, galgaba tódolos días as
costas da ribeira e madrugaba con estrelas prás parroquias da montaña”, p. 55;
con máis frecuencia podemos documentar erguerse/levantarse
con estrelas).
Malo raio te parta (imprecación) (“Gata serás ti, malo raio te parta”, p. 136).
Meterse na noite ‘viaxar
ou camiñar durante a noite’ (“Teña conta de non meterse na noite pola costa da
Cova da Serpe”, p. 16).
Meterse no inverno
o tempo ‘ir tempo de inverno, ser inverno’ (“Seguíu o tempo meténdose no inverno”,
p. 66)
Miña cousiña! (expresión de
cariño) ‘meu rei, meu ruliño’ (“¡Deixa o rapaz, miña cousiña, que goce os
dereitos do seu sangue!”, p. 24).
Miña coroa! (expresión de cariño) ‘miña
rula’ (“Aquila compañeira que se chamaba María da Gloria [...] ¡miña coroa! Non
se lle soupera de namoriscamentos”, p. 21; “¿Por qué rifades, miñas coroas?”,
p. 136).
Non haber un chavo ‘non haber nada de cartos ou de
valor económico’ (“Non había un chavo na casa”, p. 24).
Non se lle cocer o pan no corpo ‘estar
ou amosarse impaciente, ansioso’ (“Mais ó don Xosé Maria non se lle cocía o pan
no corpo. Desexaba facer algo de rebulicio”, p. 67; documéntase con máis
frecuencia a UF co vbo. sen pronominalizar, non
lle cocer o pan no corpo, e tamén hai variante co vbo. caber por cocer).
(Non se) morder a
lingua ‘dicir verdades sen freo e sen importar
quen sexa o interlocutor’ (“Unha noite a criada, que non se mordía a língoa,
contoulle que [...]”, p. 25).
Non se poden botar
contas [a frase ten aquí un claro valor proverbial: equivale a un refrán do
tipo As contas da feira non dan coas da
casa; son as contas da leiteira que facía cálculos anticipados das
ganancias antes de ter nada seguro na man] (“Doña Ramoniña ficóu ollando prá
cría da “Linda”. Daba xenio mirala tan forte e medrada [...]. Non se poden
botar contas. Tiña mentes de [...]”, p. 204).
(Asemblea fundacional da editorial Galaxia. Compostela, 25 de Santiago de 1950. Preside o Patriarca das Letras. Foto tomada da páx. web da Fundación Otero Pedrayo)
Non se ver chisco ‘non
se ver nada en absoluto’ (“Van de noite polo camiño de Marmán. Chove e non se
ve chisco”, p. 139).
Nun dicir Xesús ‘rapidamente’
(“Serían tres aniños de sacrificios, que coa boa voluntade e saúde decorrerían
nun decir Xesús”, p. 205, hai outra
documentación na p. 228).
Nunca Deus me dera (expresa
abraio, queixa, sorpresa, arrepentimento) (“ A moza do escribano atopóuno na
escaleira e tivo medo da ollada que lle botóu. “Nunca Deus me dera, quedéi fría
hastra os osos”, decíalle ás comadres”, p. 119).
Ó colo ‘(sendo cargado) en aire e suxeito polos brazos doutra persoa’
(“Sentíuse neniño, moi neniño, como si fora levado ó colo e cheo dunha paz
fonda”, p. 192). Con maior frecuencia documéntase o uso da preposición en nesta frase (“no colo”)
Ó compas de ‘ao ritmo que marca a persoa ou cousa que se indica’ (“Un fato de xente
[...] vivía ó compás do pazo”, p. 19).
Ó raposo ‘de
forma raposeira, ás agachadas’ (“O herdeiro entróu no pazo ó raposo”, p. 39).
Ó seu correr ‘conforme
se van dispoñendo, conforme se van estendendo’ (“Unhas [casas] nas propias
viñas, arredadas do camiño, outras formando rúa ó seu correr”, p. 32).
Ó solpor ‘no momento en que se pon o
sol’ (“Dominaba un horizonte pechado ó norte pola Martiñá, ó solpor polas
bravas serras”, p. 17).
Ós capitóns ‘a rolos, dando pinchacarneiros’
(“Non lle son muller pra andar ós capitós polos lameiros” , p. 39; no DdD
aparece ben documentada a variante de
capitón; como xa saberedes, esta palabra pertence á familia léxica de cabeza).
Pasalas negras ‘sufrir, atravesar por unha
situación difícil’ (“O Laureano pasóunas negras pra atinar o camiño da casa”,
p. 139). Hai variante sinonímica, menos común, noutro lugar do libro: Pasalas
mouras (“O probe señor pasábaas mouras e complacíalle o falar do
estudante”, p. 232). Estoutra variante documéntase en autores do XIX no TILG.
Polo calado ‘con disimulo, de forma raposeira’
(“Mais o vello Doncos era polo calado, mentras a fachendia do Puga non admitía
disimuladelas”, p. 52).
Poñer de pé os pelos ‘arrepiar;
erizar os pelos por causa do medo’ (“Era sinxelamente o lobo, un poder quizáis
máxico, que puña de pé tódolos pelos do corpo”, p. 159). Outra forma de
expresar ese concepto é poñer os pelos de
punta.
Por máis ‘inda por riba; e para máis;
por se fose pouco o anteriormente dito’ (“Era dificultoso entrarlle e, por
máis, o crego atinaba cun tiro antre os ollos do lobo”, p. 38).
Por si ‘mercé aos seus
propios recursos’ (“A casa vivía por
sí [...]; a axuda do Estado figuraba demasiado neboenta e lonxana”, p. 19).
Pobre de pedir polas portas ‘moi
pobre’ (“-¿E logo coida que o decreto se vai cumprir? –riu o crego cazador.
–Dende hoxe –falóu firme e resignado o monxe- somos uns probes de pedir polas
portas. ¡Cúmprase a voluntade de Deus!”, p. 29).
(Mosteiro de Oseira: as páxinas que lle dedica don Ramón na súa triloxía son tamén míticas, fundacionais en certo sentido. A foto, da autoría de Vítor Mejuto, está tomada de Internet)
Quedar co día e a
noite ‘quedar moi pobre’ (“Todo era apareceren
recibos lixados dos pais, dereitos de escrituras, contas recuadas. Quedaron co
día e a noite”, p. 210). Esta mesma idea exprésase tamén en galego cun morico
de unidades fraseolóxicas (nótase que os galegos sabemos historicamente o que é
ser pobre): non atopar carballo onde se
aforcar, non ter casa nin brasa, non ter eira nin leira (nin pau de figueira),
non ter lume nin casa, non ter lume nin fume
(nin pinta de estrume), non ter máis cá auga da fonte, non ter máis cá
capa do lombo, non ter máis cá noite e o día, non ter máis có ceo e a terra, non
ter nin con que botar un sapo fóra, non ter onde caer morto, non ter onde
pousar o pé, quedar polas portas do
mundo ou simplemente quedar por
portas (tamén en castelán: porque o pobre pide en todas as portas...) etc.
Rachar as cordas do
corazón ‘causar dor’ (“Sónche vellos no trato ca
casa e non se poden deixar neste abandono. ¡Racháronme as cordas do corazón as
bágoas do pobre vello!”, p. 254). Forma parte de nós, da nosa
fraseoloxía tradicional, enfocar este órgano cordial como se tivese cordas,
coma unha guitarra á que lle arrincamos sons de distinta clase. Poderíase
hipotizar talvez –pero nós optamos mellor pola hipótese da metáfora: habería
unha asimilación ou identificación co órgano musical de cordas- que haxa no
fondo unha especie de pseudoetimoloxía popular, porque a voz latina era
COR,CORDIS (de aí cordial, concordar,
concordia etc.). Puidera darse incluso que o home tradicional vise unha
serie de cordas, un cordame, unha cordadura, unha cordaxe entrelazada na
conformación dese órgano tan cargado e tan connotado de sentimentos. Unha variante da frase pedraiana xa foi
poetizada por Rosalía: Tristes campanas
de Herbón:/ Cando vos oio partídesme/ As cordas do corazón. E antes ca ela,
xa un dos nosos trobadores galaico-portugueses, Juião Bolseiro, cantou en boca de
muller: “Fex ῦa cantiga d’amor
/ ora meu amigo por mi, / que nunca melhor feita vi, / mais, como x’é mui
trobador, / fez ῦas lirias no son
/ que mi sacam o coraçon”. Aí, nesas lirias
volvemos un pouco ao mesmo: sen dúbida hai que relacionar esa voz, liria, coa familia do lírico, de
lirismo, é coma se dixese que tocou a corda xusta e precisa para conmovela. É
case un sinónimo perfecto de acorde,
un harmónico. Buscamos no corpus de cantigas medievais galego-portuguesas
outras formas de expresar este intenso sentimento de dor con base no corazón.
Co voso permiso, amosámovolas (o tema é sumamente fermoso; no caso nº 1. “partir
o corazon de” significa ‘distancialo, afastalo de’):
1. Pero que ome part ' o coraçon | das cousas que ama, per bõa fe, | e
parte -s ' ome da terra ond ' é, | e parte -s ' ome d ' u gran[de] prol ten, |
non se pode partilo coraçon | do meu amigo de mi [querer ben].|
(Johan Airas) (“Aínda que o home poida afastar o seu corazón das cousas que
ama, abofé que si, e poida afastarse da súa terra, e poida afastarse da
facenda, non se pode afastar o corazón do meu amado do amor que me ten”)
2. E a quen muyto trem ' o coraçon,
| nunca ben pód ' acabar sa razon. (García de Guilhade)
3. Amigas, sejo cuidando | no meu amigo por que non | ven, e sal -m ' este coraçon |(Martin de
Padrozelos) (“Amigas, aquí estou pensando preocupada por que non vén o meu
amigo, e este meu corazón me sae”)
4. | no coraçon me dá voss '
amor tal ferida (Rodrigu’Eanes
Redondo)
5. e con med ' a poucas xa lle partiu
|| o coraçon, (Afonso X) (“co medo por pouco...”)
6. e el no coraçon fito || lle ficou end ' a espinna (Afonso X)
7. como xe lle nenbrava || da gran festa que fazian | na terra u el morava
|| en tal dia, e porende | quebrava -ll
' o coraçon (Afonso X) (“...lembrábase da festa rachada que facían na súa
terra en tal día e por iso quebráballe o corazón”)
8. E tal coita diz que lhe faz sofrer
| no coraçon, (Estevan da Guarda)
Romper o día ‘amencer’ (“...”, p. 205). Aquí
tamén temos unha serie longuísimas de variantes. De todas elas quedémonos coa
forma que xa usara Xoán Airas naquela famosísima pastorela medieval e
compostelá:
Pelo souto de Crexente ῦa pastor vi andar muit 'alongada da gente, alçando voz a cantar,
apertando-se na saia, quando saia la raia do sol nas ribas do Sar
Saber o pé de que coxea ‘coñecer
os puntos fracos, os defectos’ (“Ben sabía o pé de que coxeaba don Caetano”, p.
54).
Sen andarse con requilorios ‘sen vacilar, sen dar voltas’ (“Mais ela, sin
andarse con requilorios, como poidera, pedindo esmola polo camiño e preguntando
nos pobos, plantóuse en Ourense”, p. 247).
Ser a casca amarga ‘ser de
mentalidade ou ideoxía progresista’ (“Xa
sabes que estóu dende neno con vós, e que eramos a cáscara amarga do
Instituto”, p. 218)
(Non) ser do xenio
de ‘non ir con, non ser conforme á natureza e gustos da persoa indicada’ (“Aquilas
latricadas encol da relixión, da santidade e da fidalguía, non eran do seu
xenio”, p. 26).
Subirlle o corazón
ás gorxas ‘experimentar unha grande ansiedade ou emoción’ (“Ó Paio tremábanlle as
pernas, rubíalle o corazón ás gorxas, coidaba que rente ó muro da eirexa
esbaraba como un farrapo de néboa unha silandeira sombra querida”, p. 192). Hai
máis frases con esta forte expresividade, onde vemos en activo o corazón,
“brincando” ou “saltando” ou indo ben á boca, ben ao puño... Temos documentado
de antigo o corazón como símbolo-receptáculo dos máis nobres sentimentos humanos:
por exemplo en galego vello, nunha cantiga medieval de amor, de don Dinis, lemos senhor deste meu coraçon.
Ter a mosca na
orella ‘recear’ (“Xa chegaba, cando o veciño, que tiña a mosca na orella, diu
un berro”, p. 196). Parece un universal fraseolóxico, pero nunca se sabe (outro día trataremos esta unidade léxico-fraseolóxica). En
galego tamén se pode expresar este concepto con outras frases como: Ter a mosca no ubre, Andar coa area no zoco.
Ter boa man (para) (“A barba rizosa facía resaltar a gravedade da fisonomía do médico
novo. ¡Mais qué boa man tiña prós enfermos!”, p. 253).
Ter boas
agarradelas 'ter influencias, ter partidarios ou amigos que axuden desde o poder' (“Tiña boas agarradelas o partido moderado”, p.
245). En galego dicimos tamén: 'ter (bos) padriños', 'ter boa argola' etc.
Ter collido polas
gorxas ‘ter dominado ou sometido’ (“O Castellano e
a súa tribu chegaron a ter collida polas gorxas a moita xente de Trasouto”, p.
213). Hai variantes desta frase para expresar o mesmo concepto: Ter amarrado polos morros/polo narigón.
En castelán usamos, na correspondente frase, como parte do corpo vulnerable ou
ben a nuca ou ben os órganos xenitais
masculinos: á gorxa encadeábanse os escravos noutrora e por aí amarramos os
animais.
Ter farra (con) ‘estar
de esmorga, de festa rachada’ (“Pola Navidade tivo gran farra cas amizades”, p.
37; malia estar considerada farra polos
académicos como voz allea ao noso idioma, nós discrepamos. A familia de farra é extensísima en galego. Sen
saírmos desta triloxía pedraiana temos documentados os seguintes membros: farra, farreante e farreada, en varias
ocasións; se acudimos ao DdD ampliamos: farrar,
farrear, farreiro ‘amigo da farra’ -var. farrero/farrista-, farria
‘farra’. Ao listado podemos engadir farria
‘trouleiro’, como adx. [en A esmorga
de Blanco Amor: “Era un daqueles rapaces do planalto de Gustei, que son moi
farrias, e que soen andar en ruadas e fiadeiros”]. E inda podemos engadir farrero/-a, voz que nós toda a vida
temos oído na fala da nosa avoa coruñesa [Que
farrera vés hoxe!] co significado de ‘estrafalario, vestido de forma
rechamante’. Pensamos que inda se pode adxuntar a UF local, viguesa de Matamá, a farra das canas (o ruído que fan ao
seren esfarrapadas/acaneadas polo vento), e se o noso pensamento fose acertado,
había que considerar farra como base
de farrapo, e con iso, sumariámoslle
novos membros a esta familia léxica. Da xuntanza de semas básicos e derivados [1ª,
a idea-sema de esfarnarse, esfaragullarse facilmente algo, sexa materia vexetal
sexa materia mineral –a terra farria,
facilmente “esfaragullable”-; 2º, a idea-sema de multiplicidade: ao esfaragullarse
algo prodúcense fragmentos, faragullas, farrapos;
3ª, a idea-sema de ruído –que produce a materia ao fragmentarse, esfarnar,
esfaragullarse; 4ª, a imaxe-sema, o aspecto esfarrapado do esmorgante baldreu,
o esmorgante prototípico blancoamoriano] crearíase a acepción nova –farra
‘esmorga’-, de grande éxito nas terras americanas ás que chegaron hai moitos
anos xa os galegos: temos moi posiblemente unha creación léxica [farra ‘esmorga’] se non formada, si
consolidada alá, na encrucillada de culturas, a galego-portuguesa e a
hispano-latinoamericana: non podemos perder de vista o feito básico de que as
palabras tamén viaxan, en viaxes moitas veces de ida e volta).
Ter o tránsito ‘falecer’
(“Mais a vella ía ben decrebada. Tivo o seu tránsito un doce serán de outono”,
p. 51).
Tocar a (parto) ‘anunciar
as campás un parto’ (“...”, p. 205). Poñemos parto entre parénteses porque é un constituínte non fixo, senón
conmutable: no lugar dun parto o toque das campás podería anunciar un bautizo,
un enterro (tocar a morto), un
incendio etc. (arestora xa moito menos, pero antes as campás eran o perfecto
elemento homologable ás actuais redes sociais, campás anunciando lume inda as
recordan en Dos Iglesias (Forcarei, Pontevedra).
Tomar a racheira ‘tomar
o sol’ (“Ós oito días rasuróuse e saíu a tomar a racheira na solaina”, p. 53; o
DRAG admite razada e raxeira: son distintas variantes
fonéticas, produto de trocar a fricativa xorda).
Tomar contas ‘pedir
explicacións’ (“Perdido, lacazán, quén es ti pra tomar contas a teu pai”, p.
59).
Tomar estado ‘casar’
(“Entón decidíu escoitar prudentes consellos e tomóu estado”, p. 48).
Valer a palabra de
alguén máis que unha escritura ‘ser ese alguén persoa de
palabra, persoa que cumpre os seus compromisos’ (“A palabra dela valía máis que
unha escritura”, p. 141; o noso avó valdeorrés dicía: a miña palabra é un testamento).
Valer un mosteiro ‘valer
moito, valer un potosí’ (“O Pazo de
Trasouto, que valía un mosteiro”, p. 23). Espléndida frase con contido
histórico-social. Sempre debemos estar receptivos á vida (secreta) das
palabras, como diría a directora I. Coixet. Cada palabra, cada unidade
fraseolóxica, é susceptible de integrar un mundo. Ou unha constelación de
implicacións, datos léxico-culturais, asociacións riquísimas: na Idade Media un
mosteiro implicaba moita terra, regras, scriptorium,
manuscritos, poder, xerarquía, preitos, colonos e granxas ou decanias etc.
Vir a menos ‘empeorar,
minguar’ (“O señorío viña a menos” , p. 208).
Vir a rego (“Un
pouco serios, procurando explicacións fisiolóxicas que non viñan a rego”, p.
250).
Vir as negras ‘vir
os malos momentos ou malas épocas’ (“Ó emprincipiar o curso, chegaban en
valentes mulas, cas onzas novas no bolso [...]. Despoixa viñan as negras”, p.
195). Hai outras formas de expresar tamén este concepto: chegar(lle) as apuradas, chegarlle a fuga, chegarlle as quentes
etc.
Vir con andrómenas ‘vir con parvadas’ (“Home,
non me veñas con andrómenas”, p.218)
Zurrar a pandeireta ‘golpear,
zurrar’ (“Mandaba en tódalas outras e si non se plegaban á súa voluntade
sabíalles zurrar a pandeireta”, p. 166). As posibilidades fraseolóxicas
sinónimas que nos facilita o idioma cóntanse por ducias; limitándonos ao verbo zurrar temos zurrar a badana, común ao castelán, frase que coexiste coa variante
untar a badana, e documentamos tamén
co mesmo significado no TILG zurrar a
pavana (pola danza así chamada, e o tanxer dos instrumentos
correspondentes). Hai unha frase que nós nunca oímos, na novela de Eduardo Seijas
Vázquez: era traballo máis escravo que os
outros e zurraba máis as xuntas
(en Pequena estoria dun gran café,
que o chantadino deixara inédita). Aí parece haber unha variante máis da nosa
frase. Nesa frase de Seijas as xuntas
refírense aos puntos de unión dos ósos (noutras unidades fraseolóxicas co valor
de golpear fálase, con equivalente
sentido, das costuras: asentarlle as costuras a alguén, por
exemplo).
(Monumento aos chamados Mártires de Carral. O levantamento de Solís é outro fito fundamental na historia do personaxe central, o estudante, cuxo pai deu o seu sangue por esa causa)
Que marabilla de blogue! Moitas grazas pola túa xenerosidade. É un verdadeiro tesouro lingüístico e cultural todo o que compartes aquí.
ResponderEliminarUnha aperta moi grande
Prezada Marina: grazas a ti pola túa sensibilidade agradecida. Debes desculpar a miña tardanza en ver o teu escrito e responderche. Unha forte aperta
ResponderEliminar