24 de febreiro: Día de Rosalía.
A
Coruña na vida de Rosalía de Castro e familia.
(Camiño Real Vello, logo Rúa de Garás, hoxe Av. de Linares Rivas, ano 1883, fotografía feita sobre outra procedente dunha exposición comisionada pola cronista da Coruña, dona Mª de la O Suárez)
MURGUÍA:
O pai de Murguía tiña unha
farmacia en Garás, na cidade herculina. Aquí, na Coruña, pasou boa parte da súa
infancia o neno Manuel: “¡Adios! Bajo ese cielo que bordan las estrellas, / Endulces embelesos mi infancia se pasó; / Te juro, mi
Coruña, la bella entre las bellas, / Te apartas de mi vista, de mi memoria, no”
(última estrofa dun poema escrito cando se despide da cidade para ir talvez
a Madrid, en setembro de 1851). No Boletín da RAG lemos tamén esta nota de
agradecemento: “Aunque algo tarde, pues
me lo impidió la carencia de tranquilidad necesaria para ello, doy, desde el
fondo de mi corazón, gracias á cuantos me honraron con su presencia, su
estimación, sus votos y aplausos en momentos para mí inolvidables de los
obsequios que debí á la Coruña, mi
ciudad natal, en la celebración del 80 aniversario de mi nacimientos. Dios
pague á todos esta deuda de mi gratitud, porque siendo tan grande como es, no
puede mi corazón rendirla si nó con mi eterno reconocimiento” (vemos que Murguía
interpreta o nacemento en Froxel, san Tirso de Oseiro, Arteixo, como un
accidente; en calquera caso un “accidente” que enaltece ese municipio ártabro).
Estando na Coruña
Murguía (como xefe do arquivo da delegación de facenda da Coruña, a onde vén
trasladado desde Santiago) é cando recibe desde a Villa Rica de Veracruz a carta de Valle Inclán para que lle
prologue Murguía o seu primeiro libro, Femeninas
(relembremos que xa o pai, don Ramón, do pontevedrés profesaba grande amizade a
don Manuel M.M.).Na carta, que publica Naya no Boletín da RAG, escrita en 1893,
o mozo Valle chama a Murguía o vate por antonomasia, o que encarna o espírito e
amor á Terra.
O tempo máis longo
que pasarán na Coruña Murguía e Rosalía é na década dos 70 (entre 1871 e 1875:
máis datos no libro Rosalía de Castro.
Estudios sobre a vida e a obra, de Andrés Pociña e Aurora López, Laiovento,
2000), cando nomean a Murguía xefe do Arquivo Rexional de Galicia, instalado na
Audiencia, no pazo de Capitanía, situado moi cerca da casa onde vivía a
familia, na rúa do Príncipe.
Sobre ese traslado
precisamente escríbenlle algúns seus amigos: En carta datada en Padrón a
mediados de 1870, Felipe –non consta apelido- dille a Murguía: “Su traslado a
la Coruña me viene bien porque me proporcionará más ocasiones de verle, aunque
ahí estaría U. mucho mejor en todos conceptos”. E Bernardo Barreiro escríbelle
desde Santiago 31 xullo 1871 e di que xa están na cidade: “Había encargado a mi
amigo Fuentemayor que está en la Coruña de vice cura en Santa Lucía [neste
momento histórico a igrexa de Santa Lucía está na barriada do mesmo nome, aldea
que fora de pescadores, moi preto da Palloza] diese a U. mis recuerdos pues le
haría una visita y nada me dice en su última carta”.
Veremos que na Cova
Céltica tiña Murguía moitos amigos, pero hai máis. Para coñecelos (se non a
todos, si algúns, botaremos man da correspondencia publicada –xa citada noutra
ocasión neste blog- por Barreiro e Axeitos). Centrémonos só nos que lle
escriben desde A Coruña: Ramón Rúa Figueroa (nunha carta desde Madrid 8 abril
72) di: “Ya he visto que esa Capital [A Coruña] nos manda a Costales que vendrá
aquí a charlar como si se dirigiese a la gente del barrio de Santa Lucía”
(Ramón Pérez Costales, médico e republicano, elixido deputado polo distrito da
Coruña en 1872, no 73 foi Ministro na 1ª República; foi o médico da familia
Picasso e aparece como personaxe nalgunha obra de dona Emilia Pardo Bazán);
Antonio Mincha Fernández (escribente do Arquivo da Coruña, súa é a obra: Catálogo Descriptivo de los escribanos
antiguos y modernos que correspondieron al partido judicial de la Coruña, desde
el siglo XV al presente...Coruña, imprenta de Puga, 1866).
Sempre grazas ás
cartas sabemos en que se entretén Murguía: por exemplo, pídelle a Rúa Figueroa
que vaia á Biblioteca Nacional a mirar códices –carta desde Madrid 8 xuño 72-,
en concreto fala do códice dun tal Varela sobre o cerco dos ingleses á Coruña,
códice que non logra atopar.
Tamén sabemos que
ás veces Rosalía escribe para os periódicos: “Espero con ansia algunos trabajos
de U. y Rosalía para el periódico” (carta de Juan Manuel Paz desde Ourense
datada 7 outubro 72) (Paz é o autor de Los
foros en Galicia, 1872, presenta no Congreso, xunto con outros
parlamentarios, unha proposición de lei para a abolición dos foros).
En 1873, José
Villamil y Castro escríbelle desde Mondoñedo: “Sospecho que estará U.
trasladado de nuevo a Simancas por el arreglo que he visto del cuerpo. Aunque a
U. no le agrade creo que reconocerá que es más natural y propio que esté el
Jefe en Simancas que no en la Coruña; pues no puede ponerse en parangón la
importancia de un establecimiento con la del otro”.
Recibe tamén cartas
do coruñés Ramón Segade, e nunha asinada en Vilaboa, Coruña, en setembro de 1881
alude a “nuestro amigo e, Sr. Linares” (Aureliano Linares Rivas, deputado
daquela no Congreso polo distrito da Coruña).
É de supoñer que na
Coruña é onde lle nace a Murguía o interese pola heroína coruñesa: “la casa y
calle que U. dice es, o pertenece a Sta. María y no a Santiago. Lo de la Mayor,
no podía ponerse en la partida, porque no es nombre de bautismo” (carta de
Ramón Segade, set. 82), e desde Buenos Aires , outubro 82, Manuel Barros dille:
“Recibí su artículo biográfico de María Pita”. Noutra interesante carta de
Segade desde Coruña de 15 de febreiro do 83 alude aos sentimentos de Murguía en
contra de Emilia Pardo Bazán; e tamén noutra do 83 menta Segade a Pablo Iglesias,
a quen Murguía aludía, dicindo que non sabe quen é ese cajista. Sempre desde A Coruña escríbelle no 84 o seu “apasionado e
invariable amigo” Narciso Pérez Reoyo. Recibe así mesmo varias desde a nosa
cidade do grande amigo (e padriño dos fillos), don Andrés Martínez Salazar: nunha
datada 19 maio 84 eloxia En las orillas
del Sar e felicita a Murguía polos dotes pictóricos de Alejandra (nalgunha carta de Martínez Salazar figura na
cabeceira Librería de Martínez. Luchana
16. Coruña).
Na Coruña presidira
non só a Academia senón tamén a Cova Céltica: O grupo asumira ao apelativo de “Cova Céltica” co que fora bautizado xocosamente
polos seus detractores. O alcume fora empregado por primeira vez por Pedreira
(1894) e, máis tarde, por García de la Riega, ambos inimigos declarados de
Murguía, para nomear a tertulia que tiña lugar na biblioteca de Carré Aldao [...]. A maior parte dos contertulios estaban
ligados ós proxectos rexionalistas políticos e culturais da época: a Liga
Gallega (fundada en 1897), a Revista Gallega (o seu xornal extraoficial ata 1907, fundado en 1895), a “Escola
Rexional de Declamación” (establecida en 1903), e o “Monumento aos mártires de
Carral” (inaugurado en 1903). Lugrís Freire, o representante máis novo desta “xeración”
no período Nós lembraba a algúns deles no seu “Discurso de ingreso no Seminario
de Estudos Galegos” (20/11/1923): “Euxenio Carré, o libreiro literato; Manolo
Banet, abogado e prosista de xeito crásico; Marcial de la Iglesia, o entusiasta
e bon escolante da rua da Barreira que insinaba a lingua galega aos neniños na
súa escola; Salvador Golpe, o poeta mariñán, elegante e tenro; Urbano González
Varela, poeta, pintor, alma xenerosa (...);
Evaristo Martelo, que vive no corazón de Bergantiños, en Vimianzo (...);
Florencio Vaamonde, crásico con sonoridades camonianas e correición
anacreôntica; Andrés Martínez Salazar, sabio, xeneroso, leonés, conquerido pra
a causa nosa por unha santa dona galega (...); Manuel Murguía, o mestre dos
mestres e... Eduardo Pondal, o bardo grorioso” (Lugrís 1935: 262). A este
núcleo coruñés ligado a Murguía e a “Cova Céltica”, e máis tarde á Academia
Galega, deberiamos engadir a: Pérez Costales, Ramón Bernárdez, José Pérez
Ballesteros, Galo Salinas, Eladio Rodríguez, e Pérez Barreiro (en: Benigno
Fernández Salgado: Os rudimentos da
lingüística galega. Un estudio de textos lingüísticos galegos de principios do
século XX (1913-1936)). Tamén se reunirá cos seus colegas e amigos no Café Oriental,
inaugurado en 1884 (no edificio do hotel Palace).
(Esta fotografía da Coruña foi tomada en 1879. Poucos anos antes por aquí pasearía Rosalía)
ALEJANDRA
Foi, con palabras
de Naya Pérez, la mejor amiga de su madre.
Ela foi a encargada de cumprir a vontade materna queimando tras a morte de
Rosalía, os seus manuscritos inéditos. Foi boa pintora e iniciou na arte
pictórica ao irmán, Ovidio. Faleceu na Coruña o 23 marzo de 1937, con 78 anos
de idade.
AMARA
Amara Honorata
María del Carmen Murguía de Castro naceu na Coruña o 17 de xullo de 1873 no
segundo piso da casa nº 3 da rúa do Príncipe, chamada daquela de Padilla. Foi
bautizada na igrexa de Santiago. Reproducimos a acta de bautismo (publicada por
Pociña y López en 2000):
El diecisiete de agosto de 1873, bauticé a una niña, que
nació en la casa número 3-2º piso del Príncipe, hoy Padilla (El Comunero). Le
puse el nombre de Amara, Honorata, Mª del Carmen, nacida el diecisiete de julio
anterior. Hija legítima de D. Manuel Murguía, natural de Santa María de
Pastoriza (La Coruña) y de Dª Rosalía Castro, natural de la Parroquia del
Hospital de Santiago. Abuelo paterno, D. Juan Martínez Castro, natural de San
Benito de Santiago; y de Dª Concepción Murguía, natural de Ayerzún (Guipúzcoa),
difuntos; y materna Dª Teresa Castro, natural de Iria Flavia. Madrina,
Alejandra Martínez Murguía, hermana de la bautizada. Firma la partida el
Ecónomo de la Parroquial de Santiago, Estanislao de la Peña González.
Faleceu na Coruña o
28 de decembro de 1921. O seu médico, amigo íntimo da familia, foi o
republicano coruñés José Búa Caróu. Descansan os restos mortais de Amara coa
familia (agás Rosalía) no cemiterio herculino.
AURA
Aura, a segunda
filla do matrimonio, nada en Santiago en 1868, contraeu matrimonio por poderes
e a cerimonia celebrouse aquí na Coruña, na igrexa de san Nicolás o 30 agosto
de 1897 e como testemuñas asinaron dous amigos de Murguía, Andrés Martínez
Salazar e don Juan de la Oza y Guerrero; en representación do esposo –don Francisco
Prats Pérez, nado en Monóvar, Alicante- asiste un residente na Coruña, o
comandante de infantería don Alfonso Romero Herrera. Dinos Naya que daquela a
contraente vivía co pai e irmáns no piso segundo da casa nº 6 da rúa de Panderas. Os restos deste matrimonio
(dona Aura e don Francisco) repousan na sepultura familiar do noso coruñés
cemiterio do santo Amaro.
(Dona Gala e dona Aura Martínez-Murguía de Castro, foto tomada do libro citado de Juan Pérez Naya, publicado pola Deputación coruñesa)
GALA
Gala Blanca
Eleonora, que nacera nas Torres de Lestrove, en 1871, tamén falece na Coruña o
18 de xaneiro de 1964, con 92 anos. Casou no coruñés santuario de Pastoriza
(onde Murguía fora bautizado) o 30 de marzo de 1922, con don Pedro Izquierdo
Corral, madrileño, autor de certos traballos literarios. Algún deles, publicado
na nosa cidade: Cristóbal Colón español por Galicia y gallego por
Pontevedra (1935), editado por Roel na
Coruña. O señor Izquierdo falecerá na
Coruña en 1942, sendo o seu enterro presidido polo presidente da RAG, don
Manuel Casás. En maio de 1956, a Real Academia Galega acorda nomear a dona Gala
membro de honra da institución que cofundara e presidira o seu pai. Gala tivo
moitas amizades e foi entrevistada por varios ilustres nomes. Pero de todas
elas hoxe e aquí queremos destacar a dous coruñeses: a que fora alumna do noso
Instituto, dona Victoria Armesto e o que fora cronista da nosa cidade, presente
e conferenciante nos actos do centenario do Instituto da Guarda, o señor Juan
Naya Pérez. Tanto el como a súa esposa honraron coa súa amizade a filla de
Rosalía e foron honrados en xusta reciprocidade pola amizade de dona Gala
durante máis de sesenta anos. Juan Naya
publica no libro que manexamos (espléndida edición da Deputación coruñesa: Juan
Naya Pérez, Estudios acerca de la familia
Murguía-Castro, 1998; conta cun rico estudo introdutorio da autoría de quen
fora director moitos anos do noso Instituto, o catedrático Elisardo López
Varela) o testamento de dona Gala, onde vemos a xenerosa disposición de bens e
mandas testamentarias para a Real Academia Galega, a Deputación provincial e mais para o Concello
da cidade brigantina.
(Nesta foto, tomada do libro de Juan Naya, vemos entre outras persoas, a Gala e mais a esposa do que fora cronista da Coruña)
OVIDIO
Ovidio e Gala eran
irmáns xemelgos. Falece Ovidio Murguía na Coruña. Cando está na agonía, o un de
xaneiro de 1900, sabemos por Naya (no seu discurso de ingreso como académico de
número na Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario) que o acompañaba
o seu querido amigo, o tamén artista coruñés, Pepe Lorman.
(Ovidio, fillo de Manuel M. Murguía e Rosalía de Castro)
Sabemos, sempre
grazas a Naya –e este mercé ás confesións de Gala- que Ovidio tivo unha noiva
en Madrid e que esa noiva quedaba embarazada cando el, minado pola tuberculose,
veu morrer á Coruña. Preguntou por ela ata o último momento, pero as cartas que
ela lle mandaba desde Madrid foron rotas nas mans das irmás (por aforrarlle
sufrimentos?, por prexuízos dun espírito pequeno burgués do que logo se arrepentirían?,
porque non tiñan “boas referencias” daquela criatura, segundo a opinión de que
fala Naya, manifestada polo curmán Alejandro Pérez Lugín? Lonxe do noso ánimo
emitir xuízos tallantes de valor: con todo, e tendo en conta que outros son os
tempos, cremos que se pode expoñer con liberdade un par de cuestións abertas:
primeira, non credes comigo –unha vez máis- que o home tropeza dúas veces na
mesma pedra e que se as irmás de Ovidio se puxesen neses momentos no lugar da
avoa Teresa se decatarían mellor do que é estar embarazada soa, sen o pai do
froito da unión ao seu lado? E segunda cuestión: como é posible que ningún
investigador ou ningunha investigadora –no que nós sabemos, claro está- se
preocupase por averiguar ao longo do século XX se o sangue rosaliano latexa
vivo en Madrid ou onde for que fose? Imaxinemos que Visitación Oliva (así se
chamaba a noiva madrileña embarazada de Ovidio) dá a luz a finais de 1899 e que
ese ser ten forza e vida suficientes como para vivir, poñamos, 80 anos. Estariamos
falando do último terzo do século XX, con medios e avances máis que suficientes
como para saber... En fin, limitémonos a formular en voz alta os mellores
desexos para ese neto ou neta de Rosalía. Oxalá vivise, oxalá fose feliz. Só
nos resta insistir -Juan Naya así o asegura- en que as irmás de Ovidio Murguía
Castro deploraron o resto da súa existencia ese seu comportamento silenciador
pouco edificante.
(Gala pintada polo seu irmán Ovidio, cun amorciño no regazo, foto tomada do libro mentado de Naya)
ROSALÍA
Rosalía foi, en liñas xerais,
feliz na Coruña. Gustáballe bastante a nosa cidade. “La Coruña estaba hermosísima. Una
temporada de primavera y un sol brillante. Estaba por quedarme yo en ella” (carta datada en 1861: máis información en: “Momentos
estáticos y estéticos de Rosalía de Castro en el espacio urbano de A Coruña”,
de Lucía García Vega, dispoñible na rede:. En: http://dx.doi.org/10.5209/rev_ANRE.2012.v4.n1.39283).
Engade Lucía
García: La reputada escritora databa en
1871 en A Coruña el poema26 intitulado “Na tomba do xeneral inglés Sir John
Moore”, integrado en la obra lírica Follas novas (1880) y, hasta que no se
demuestre lo contrario, única composición rubricada por ella en A Coruña.
Na partida
bautismal de Gala (20 xullo 1871) consta, efectivamente, que o matrimonio Murguía-Castro reside na
Coruña). Pero quizais debamos engadir como redactada na nosa cidade a estrofa
que compuxo para o abano da tamén coruñesa Emilia Pardo Bazán, por quen sentía
unha certa admiración (admiración mutua: a ver se un día lle dedicamos un par
de páxinas neste blog á influencia rosaliana en Emilia). Relembra Naya o relato
de Rodríguez Yordi do encontro de dona Gala e dona Branca nas escaleiras da
casa en Rúa Tabernas 11: nese intre recita a filla de dona Emilia os versos que
Rosalía puxera no seu abano: Mimada polas
musas,/ servida polas grasias / cun corazón que vive de armonías, / nobre
cantora das gallegas praias, / ben merecés reinar como reinades, / magnífica,
ausoluta soberana.
(Plano da cidade tal como era aproximadamente na época rosaliana)
(Praia do Parrote, principios de século XX)
E na nosa cidade
vería sen dúbida Rosalía como se embarcaban os seus compatriotas cara a América
no Parrote. Ese microtopónimo coruñés tan antigo (juan de santa maria del parrote, documéntase nun texto do ano 1400,
corpus XELMÍREZ) aparece citado en Follas
Novas:
De humanos seres a compauta línea /que brila ó sol
adiántase e retórcese, / mais preto e lentamente as curvas sigue / do murallón
antigo do Parrote (do poema “¡PRA A HABANA!”, Follas Novas, ed. do Patronato, 1982).
(Esta coñecida foto foi feita no ano 1884: están os pais e están Alejandra, Aura, Amara, Gala e Ovidio)
(Retrato de Rosalía pintado por Brocos)
.
Ningún comentario:
Publicar un comentario