Doce verbas para Isidro
(O escritor lucense Isidro Novo, recentemente falecido. Foto tomada de Internet)
Coñecimos a Isidro Novo hai
pouco, nunha xuntanza sumamente entretida e grata en Lugo. Como non podía ser
menos, era un lucense apaixonado pola terra. Un bo moderador na mesa co público
diante. Un amante e xardineiro fiel das palabras. A parca cortoulle cedo o fío
da vida. Séxalle a terra leve! Dirixía un proxecto fermoso de recolleita
universal (entendendo aquí por universo
o territorio galego) de voces non inventariadas nos dicionarios (como modelo e
espello no que contrastar tomaba o DdD, Diccionario
de Dicionarios que dirixe o profesor Antón Santamarina). Homenaxeamos o
escritor lucense con doce verbas inéditas. Todos aqueles interesados en saber
máis dese proxecto do noso homenaxeado, podedes ler o seu artigo “Orfanato para
ágrafas: Palabras ao ventimperio” (publicado nas Actas da X Xornada de
Literatura de Tradición Oral, editadas pola Asociación de Escritoras e
Escritores en Lingua Galega, en decembro de 2017. Tamén podedes entrar na
páxina web da Asociación e buscar a sección correspondente, Palabras con memoria.
Doce verbas para Isidro Novo:
Nº 1. Acarrouxar
Acarrouxar
‘Arrolar a un cativo’ (o noso informante era do Incio ou do Páramo, Lugo).
Nº 2. Ambradas
A frase Ás ambradas documentámola en Lubre, Bergondo, A Coruña (e
debémoslla á nosa amiga Uxía López Meirama). Significa ‘en abundancia’ e
aplícase, por exemplo, aos froitos da terra que son recollidos ás ambradas. Inicialmente pensamos que
talvez houbese relación etimolóxica coa forma galega ámboa ou amboa (variante
en DdD, ámoa). O erre remitiría á base grega ánfora. A unidade fraseolóxica
integraríase no mesmo paradigma ideolóxico ao que pertencen outras frases
semellantes, do tipo de ás caldeiradas.
Logo vimos que o señor Elixio Rivas (en Pan,
sega e malla. Medidas, 1999, p. 387) cita ambozada (asturiano, Vigón) co valor de ‘puñado’, e di que se
corresponde co español ambuesta
‘porción que cabe no oco de ámbalas dúas mans xuntas’, e cita tamén a Corominas
que o trae do céltigo *ambosta, de *ambi ‘ambos’ e *bosta ‘oco das mans’
(irlandés boss, bass; bretón boz). Está espallado pola metade norte
de España e Pirineos franceses, ademais de no territorio de linguas celtas.
Nº 3. Amorón
Os amoróns son os amorodos silvestres (informante de Cruceiro de Roo,
Coruña). No DdD hai toda unha serie de variantes: amorillón, amorodo, amorodio, amorolo, amorote, morodo, morote, e
inda falta a variante amores que se
documenta na coruñesa dona Emilia Pardo Bazán. A voz castelá mora tamén se pode aplicar ao froito
silvestre chamado en castelán frambuesa.
O étimo é latino (latín vulgar MORA).
Nº 4. Baduar
Baduar a barca: cando repunta a marea (dise que está no repunte
cando terminou de subir e non empezou a devalar) a barca (ancorada) anda sen
tino, badúa (o informante –o que fora profesor de filosofía do noso Instituto
longos anos, José Luis Suárez- asegúranos que se usa esta expresión tanto en
Cabanas de Pontedeume, como en Ponteceso). En galego común é moito máis usada a
voz baduar ‘falar sen tino, divagar
ou desvariar’. A presenza dese u
(tamén presente na voz galega, portuguesa e castelá badulaque) remítenos ao latín BATTUERE, étimo distante doutras
voces como o badalo da campá (é de
supoñer que de aí, por un proceso metafórico, veña a imaxe do que badúa
falando, porque se asemella a lingua que vai e vén ao badalo). Seguindo esa
imaxe do vaivén, chegamos á barca oscilante…
Nº 5. Burrusco
“Fai burrusco” di ás veces a nosa nai (valdeorresa) para dicir que
vai frío. Un frío cortante e penetrante. Témoslle oído tamén a variante borrusco. A falantes de Peisaco, aquí en
terras bergantiñás coruñesas, oímoslles borrugho
(con gheada) co mesmo valor. A familia debe ser a mesma de borra, borralla e borrasca (con permiso de Corominas: el
mesmo na entrada BORRASCA cita o asturiano borrina
‘néboa’ e nós temos borralleira –DdD-
para designar unha néboa mesta: a imaxe borrallenta, da cor e case da textura
da cinza, do tempo borrascoso permítenos pensalo así).
Nº 6. Esperrearse
“Non te esperrees tanto” ou “non
fai falta que te esperrees” son usos do verbo na fala da nosa nai cando
eramos nenas e nos alporizabamos e faciamos aspaventos con brazos e mans. Así,
o significado de esperrearse vén
sendo ‘mostrar alporizamento por medio dos xestos e do ton elevado de voz’. Sen
dúbida ningunha para nós a palabra pertence á familia léxica de perrencha, berro, berrar, espirrar ou esbirrar e ten orixe expresiva. Se non
nos falla a memoria é en Fole onde se documenta outro uso curioso do verbo esperrear: uns cazadores descansan nunha
aldea remota da montaña lucense e a velliña da casa que os acolle ofrécelle
sopas de allo. Como queren os allos,
normais ou esperreados? E eles, por probar algo novo, contestan que
esperreados. Entón a vella colle as salugas (aquí vale por ‘dentes de allo’),
méteas na boca, tritúraas cos dentes, e logo bótaas, cúspeas, enriba da sopa.
Así eran os allos esperreados,
triturados e expulsados como expulsamos
o aire ao espirrar.
Nº 7. Gasano
Na fala do noso sogro (nacido e
criado en Bendoiro, Lalín) un gasano
era un trueiro. Voz enigmática, parece un xermanismo. Ocórresenos emparentala
coa voz gasado ‘rodo, pala para
retirar brasas ou cinza do forno’ (DdD). Que teñen en común? Quizais esa mesma
idea de “arrastrar ou raspar, apañar”,
co gasano apañábanse peixes. Vemos no dicionario portugués Dicionário de Expressões Populares Portuguesas, de Guilherme
Augusto Simões,
que se documenta a voz gasmar co
mesmo valor de ‘abichar, apañar’. Quen non nos di que hai algunha conexión coa
familia de (a)gasallar? Unha das
acepcións fundamentais dese verbo en galego é ‘abastecer, fornecer’ nada
distante semanticamente de ‘a(rre)pañar’. Sería estupendo poder coñecer o
significado da voz con que Laureano Prieto nos agasalla: agasanar, agasanado
(DdD).
Nº 8. Mallado
Ser mallado a ‘ser cuspido a’ (oímoslla nun monólogo ao arousán
Carlos Blanco unha vez que actuara no teatro Colón aquí na Coruña, fómoslle
preguntar e díxonos que era de toda a vida, moi común para el). Di Vicente
Risco: Non embargante, atopamos na
tradición popular a idea de certos «axentes» ou «forzas», que poideran ser
referidos, sin moito estirar as cousas, ó tan mallado e remallado mana dos etnólogos (texto atirado do TILG).
Aí mallado equivale ao castelán trillado, moi repetido, sempre igual a
si mesmo, e de aí atiramos a idea de igualdade. O mesmo proceso lóxico dáse á
hora de explicar a xénese da unidade fraseolóxica castelá ser calcado a (se ben aquí entra tamén en xogo o uso do papel de calco que se poñía nas máquinas de
escribir para facer copias; con todo, calcar
tamén significa ‘apertar, trillar ou pisar co pé’).
Nº 9. Pismado
“A comida está pismada”, dise así en terras lucenses cando ten
moito sal. Parece haber aquí un cruzamento entre a familia de palabras que
comparten a raíz pis- e a palabra bisma (ou todo é unha mesma familia,
calquera sabe…). A raíz pis- , raíz
comparténa co latín tanto o galego como o castelán, aparece en vbos. como galego e portugués pisar, castelán pistar ‘esmagar’ (cfr. o refrán portugués o machado grande se non corta pisa) e moi en estreita relación con
ese valor, probablemente tamén se sume o sema [+SECO] (pénsese en accións de
esmagar certos alimentos como peixes e uvas, ao perder o líquido restan secos),
de aí que sexa posible relacionar eses verbos con voces máis infrecuentes como pistraca (figura no DdD, con valores
semánticos do tipo ‘persoa seca de carnes’). Tamén a comida con exceso de sal
produce sensación de sequidade e ao remoela na boca pode ser comparada a algo
esmagado, unha pasta, un emplasto, é dicir, iso que en galego tradicionalmente
se chama bisma , voz que alterna coa variante (preferida no
diccionario académico) bilma (castelán
bizma, do lat. EPITHEMA, segundo o
DRAE, aínda que un tendería a pensar en novo cruzamento con pis-. En portugués
coa voz bisma desígnase un emplasto
moi específico, o que se fai co unto da cobra (Dicionário de Expressões Populares Portuguesas, de Guilherme
Augusto Simões).
Nº 10. Pistrino
Os pistrinos son
doces do entroido: coa masa das orellas e bañado con almibre de azucre e anís, dánselle
forma redonda, e bótase a fritir (informante de Mera, concello de Ortigueira).
A familia léxica á que pertence volve ser a dos derivados do latín PISTUS
‘mallado, batido’ (como a voz pestiño
que se usa en moitas partes de España para designar outro doce).
Nº 11. Relouza
A relouza ou rilouza é como
lle chaman aos brotes novos que nacen con forza ao pé da planta (informante de
Camporrapado, parroquia de Cortegada, Silleda). A voz pertence á familia de louzán, louzá. Comparten o sema de
[+VIGOR]. O étimo parece estar na palabra latina LAUTIA, pero o que predomina é o valor derivado (a louza fina sobre a que se serven as
viandas) quizais, só a título de hipótese, haxa que ir a documentacións moi
antigas para localizar un posible valor primario: lemos nun libro publicado no
XIX, a propósito desa voz, lautia, o
seguinte: “C’étaient surtout des provisións de bouches et non de présents, car lautia est presque toujours suivi de munera”, en : Oeuvres de Tite-Live, de M. Nisard, Paris, 1839, p. 782; para
chegar a esa conclusión o autor examina as concorrencias de lautia non só en Tito Livio, senón tamén
no Corpus Inscriptionum de Gruter; se esas viandas se servían a
hóspedes de distinción irían servidas en pratos de fino barro e por metonimia a
palabra pasa a significar iso mesmo (a louza
fina, pero se inicialmente se aplicaba ás cousas de comer, aí está a idea
orixinaria, a materia “fresca” e viva…).
Nº 12. Tirapuxar
“O cura tirapuxaba…” ‘insistía, porfiaba’ (“quería levarlle o san Brais [a imaxe], estaba empeñado, pero o dono non quería) (Informante de Soutolongo,
parroquia do concello de Lalín, e casada nos Chaos, parroquia de Cortegada,
Silleda). O verbo formouse sobre a base do substantivo tirapuxa. En galego común, porén,
o normal é usar a locución andar á
tirapuxa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario