VISITANDO
OURENSE
Visitamos a exposición In tempore sueborum na cidade das Burgas. En conxunto, valorámola
como exposición magnífica, malia botar en falta algunha cousa. A cidade
recibiunos cun tempo de inverno máis que soportable, apenas necesitamos abrir
os paraugas. A carón do aparcadoiro lucían case medievais os postos (algúns, os
máis feitiños, con tellado de tella) do mercado, con mulleres expresivas
–lembranzas da Auria de Blanco Amor- que ofertaban a viva voz os seus produtos
(preguntei: -Para que son eses vimes [alí
estaban, acaroados, deitados contra as árbores en feixes alaranxados] –Para atar as vides [miroume dubidando do
meu coñecemento talvez de voces patrimoniais], para facer o viño, sabe? Sabía si, pero para min os vimbios tamén
se asocian á matanza, iso non llo dixen). Logo camiñamos cara ao edificio onde
se abría a primeira das tres etapas en que se dividía a exposición: O Centro Cultural
Marcos Valcárcel (recordamos a Marcos Valcárcel: a parca cortoulle cedo o fío da vida, recordámolo vital e
comunicativo un día en que visitara para impartir unha pequena charla o noso
Instituto, séxalle leve a terra!), o Museo Municipal de Ourense e a Igrexa de
Santa María Madre (ou Santa María a Nai).
Algo máis de 200 pezas e varios paneis
informativos, mapas interesantes e miniaturas non menos ricas. Pezas vindas de
varios lugares de Europa: Hungría (terra segundo a teoría estándar –hai quen
pensa que era de Panóias, no norte de Portugal- do santo Martiño de Dumio, o
chamado Apósotolo dos suevos), Alemaña, Francia, Portugal, e España
(basicamente de Galicia e outros territorios da Celtiberia, da vella Lusitania
–Mérida-, e mais da capital do reino -pezas emprestadas polo Museo Arqueolóxico
Nacional). Denominador común? O tempo: o tempo dos suevos na Gallaecia
(411-585), cando se institúe o primeiro reino medieval –e católico- de
Occidente. Excelente o catálogo. Un tocho de 544 páxinas, marabillosamente
editado, con riqueza de fotografías e con comentarios, maiormente interesantes
–e algún sublime, diría eu: o do Crismón de Quiroga seduciume, pero non é o
único-, que pretenden chamar á reflexión sobre esa difícil e misteriosa época
no noso país e parte do veciño. Pódese criticar o caro que resultou montar esta
exposición (logo vos facilito información nese sentido) pero desde logo, non
pode un por menos de recoñecer que os vinte euros que custou este pedazo de
libro é un prezo bo. Deixádesme que destaque algún aspecto que nos chamase máis
a atención: as xoias. Hai un montón, moitas vinculadas a enterramentos, e case
todas en corpos femininos. Moito ouro, moito ámbar e moi boas sínteses das
interrelacións entre o N.O. hispano e outras partes de Europa. Fálase da moda danubiana (hai un esquema ou modelo
que se repite en contextos funerarios da Europa central e que os expertos
denominan como Hochfelden ou Untersiebenbrunn: entran en xogo obxectos
característicos dos enterramentos vinculados ás grandes migracións de inicios
do século V e cuxos protagonistas foron vándalos, alanos, suevos e godos). Con
ámbar vemos pezas dunha beleza incuestionable (o ámbar era un produto de luxo altamente valorado como adorno feminino
xunto cos metais e pedras preciosas, pero ao mesmo tempo servía de talismán
contra certas enfermidades de garganta e como elemento propiciatorio do
descanso dos defuntos..., p. 342 do catálogo: artigo de Isabel Arias Sánchez
e Luis J. Balmaseda Muncharaz).
(Capitel de extrema beleza feito en mármore azul do Incio)
Un segundo aspecto que chama especialmente a nosa
atención é o das cecas. Para un profano, non especialista no tema, a
información e riqueza numismática deste período con que nos fornece esta
exposición merece un sobresaínte. Para empezar, sabiades que hai unha tipoloxía
de moedas deste período que se coñece como tipo Galaico A? Vemos Tremis
de suevos de distintos tipos, de ouro a maioría (todos custodiados fóra de
Galicia: Braga, Porto, Lisboa, unha moeda en Alemaña en o resto en Madrid).
Pero na Gallaecia da época sueva e visigoda si había cecas, cito nomes:
Aliobrio, Calapa, Nandolas, e Toriuiana. Interésame especialmente falarvos da
ceca de Georres [vid. páx. 107 do catálogo], que segundo todos os indicios hai
que localizar en Valdeorras (Plinio cita a antiga Gigurri: aparece Geores en moedas do tempo de Recaredo I,
Georres con Witerico e Giorres con Gundemaro, Sisebuto e
Suintila). Outro topónimo/ceca galaico discutido é Laure (a crítica divídese entre Laura
en Matosiños-Porto e Laure (así
nun documento do 853, cerca do Lor en territorio lucense, de Carioca-Quiroga).
(Pensouse primeiro nun "osculatorio", logo nun "removedor" de perfumes, pero é unha pequena roca de dedo; atopouse en santa Eulalia de Tábara, Zamora, e é de bronce)
(A verdade é que hai pezas preciosísimas, esta sen ir máis lonxe, é de bronce e foi atopada no Castro de Santo Adrián, Triacastela, Lugo)
(Outra peza marabillosa: trátase dun broche de cinturón, do séc. V ou VI, é bronce chapado en ouro con elementos de pasta vítrea. Atopado en Pol, Baamorto, Monforte de Lemos, Lugo)
Podiamos seguir durante páxinas, porque son moitas as
cousas que nos impactaron, moitísimas as que descoñeciamos. Por exemplo,
ficamos abraiados pola cantidade de pezas de inusitada beleza que nos falan dun
labor importantísimo, cultural-arqueolóxico, de catalogación loable, arredor do
vello Vigo. Vicus spacorum ou Vicus Helleni, Vigo aparece neste
período ben destacado como un porto, núcleo comercial de primeira orde, de
interrelación coa Europa do Norte e mais co Mediterráneo. A presenza de pezas
procedentes de escavacións arqueolóxicas efectuados nos últimos tempos na
cidade olívica merece, insistimos, que nos congratulemos. Cada día avanzamos un
pouco máis no coñecemento de nós.
(Colar de ámbar, atopado en Vigo)
(Magnífico colar de ámbar procedente tamén de Vigo. Este é un exemplar único na península con contas en forma de oito)
E A Coruña? E Elviña? Brillan pola súa ausencia. Non
hai nin unha soa peza procedente nin da cidade brigantina nin do importante –un
dos máis importantes, senón o máis, do norte de España- castro veciño, o de
Elviña. Por que? Esa é unha das preguntas gravísimas que esta exposición
formula aos visitantes que, efectivamente, tiveron a ben, reflexionar sobre o
exposto. Sabemos polas últimas escavacións que existen niveis tardorroanos en
Coruña e Elviña, falándose neste último castro de “niveis xermánicos”. Onde
están as probas materiais que o acreditan? Por que non hai ningunha na
exposición de Ourense? Hai pezas procedentes do Museo Arqueolóxico de San
Antón, pero ningunha da cidade nin de Elviña; as pezas máis próximas remítennos
a san Tirso de Oseiro –pouca cousa, por outro lado, tendo en conta a
importancia da necrópole arteixá aí descuberta-, hai pezas de Moraime-Muxía, da
Vila de Novelle-Mugardos e da Cidadela-Sobrado, pero nada en absoluto da vella Brigantium nin de Elviña, como tampouco
hai mención ningunha á temperá cristianización do arteixán santuario de
Pastoriza, moi preto do lugar de Suevos. Pero existir existen: logo hai que
criticar a falta de comunicación cos responsables da museística herculina (onde
están as pezas, nos almacéns?, falta espazo ou faltan cartos para a oportuna
sistematización e posta en valor, posta á vista do público?)?
Dunha exposición coma esta, de tamaña categoría, e
malia as críticas (hóuboas moi positivas, por parte das autoridades lusas, por
parte da prensa, pola nosa modesta parte tamén: mais tamén as houbo negativas,
din algunhas voces entendidas que se puxeron á vista pezas sen o suficiente
contexto arqueolóxico), necesariamente deben saír propostas construtivas para o
futuro. Nós, como coruñeses, xa lanzamos unha proposta: a museística
arqueolóxica dunha cidade con poderoso pasado histórico como A Coruña debe
mellorar, deben ampliarse os espazos ad hoc (o castelo de San Antón xa queda
pequeno), débese avanzar na posta a punto do espazo cidadán didáctico e
intercultural de Elviña. No catálogo lánzanse outras propostas: por exemplo,
dísenos que xa é hora de acometer empresas arqueolóxicas completas. Recórdasenos
que non hai nin un só castro, nin un tan sequera!, no ámbito peninsular do
Noroeste enteiramente escavado; os autores dalgúns dos artigos lanzan propostas
completas: por exemplo, instan a acometer empresas concretas arqueolóxicas en
Setecoros (Igrexa parroquial do Divino Salvador de Setecoros, Valga, Pontevedra)
e mais en San Pedro de Rocas. Por exemplo.
(Colar ou diadema de 44 elementos de ouro, século V. Achado en Ponte de Lima, terra de trobadores galaico-portugueses)
(Moitos dos enxovais áureos do s. V aparecen en enterramentos, sobre todo femininos: gardan relación os atopados por exemplo na vella Lusitania -coma este en Mérida- con outros horizonte funerarios de princesas bárbaras do Mar Negro e Baixo Danubio)
Sinceramente, meus queridos, creo que debedes ir a
Ourense e visitar cos ollos ben abertos esta exposición. Gastouse, dinos Mª do Carme
García Negro, medio millón de euros nesta exposición (artigo
publicado en El Progreso o 29 de
xaneiro do 2018): é moito diñeiro, logo non debe caer en saco roto todo ese
esforzo. Ide, enchédevos de orgullo de canto tesouro houbo na vella Gallaecia e
no resto de España, apreciade o que vale que nos tocase vivir un período sen
guerras nin invasións na nosa terra, e logo exercitade libremente a vosa
crítica. Que vos guste sempre visitar espazos culturais!
Outro día, a ver en marzo, dirémosvos que outros
aspectos botamos en falta: referencias lendarias e míticas da presenza sueva en
Galicia.
(Escena do Códice Albeldense, pintada aló polo 976, representa algúns dos participantes no I Concilio de Braga, celebrado na capital do reino suevo na Gallaecia, a cidade bracarense, no 561. Preside Lucrecio, bispo de Braga, o primeiro pola esquerda; á dereita de todo está o rei suevo Teodomiro. Asinan as actas: Lucrecio, Martiño, Ilderico, Timoteo, Andrés, Coto, Lucecio e Mailoso -que nos recorda o bretón Maeloc-; Martiño é o que está a carón do rei)
(Extremo occidental do imperio romano tal como aparece na chamada Tabula Peuntigeriana: vedes a Torre brigantina, hoxe chamada de Hércules, debaixo de Irlanda-Ibernia. Está botando fume)
Ningún comentario:
Publicar un comentario