mércores, 21 de xuño de 2017

A CORUÑA











A SOLITARIA E ESQUECIDA…

                      TORRE DE MARATHON











Alba Souto Parga, 4ºB.



O Real Club Deportivo da Coruña leva competindo desde o ano 1906. Comezou xogando no campo de Monelos e máis tarde a partir do 1929 nun campo de herba que existía na zona de Riazor onde  hoxe  está o Colexio  das Escravas .  No ano 1939 o Concello, animado polo ascenso do equipo, decidiu construír un recinto para que o primeiro club de fútbol coruñés disputase os seus encontros,. A idea era que contara cun estadio con bancadas, vestiarios e demais instalacións que neses momentos non tiña.

A localización do futuro estadio foi decidido entre tres terreos situados en Monelos, Sta. Margarida e Riazor. Finalmente decantáronse polo terreo de Riazor que foi comprado polo Concello por 300.000 pesetas. O proxecto foi encargado polo alcalde D. José Pérez Ardá ó arquitecto municipal, D. Santiago Rey Pedreira que tivo como colaborador ó aparellador Sr. Llopis.

O Estadio Municipal de Riazor comezou a construírse en xuño de 1939, mala época xa que saïamos da Guerra Civil e a escaseza de materiais alongou máis do previsto o remate da obra, que foi inaugurada  o 29 de Outubro de 1944 (co primeiro partido Deportivo-Valencia).  Pero a data da inauguración internacional foi o 6 de maio de 1945 (partido España-Portugal). A modo de curisiodade digamos que a maior recadación de fútbol en España ata ese momento foi neste partido. Vendéronse 45.000 entradas cun total de recadación 810.000 pesetas

O proxecto do Estadio foi inspirado nos monumentos alemáns da época de entreguerras, sobre todo polo estadio olímpico de Berlín de 1936 con forma de ferradura ao estilo dos recintos clásicos gregos, o orzamento excedeu os 5.000.000 de pesetas.

O monumentalismo da nova construción reflíctese na capacidade que posuía, cabían  32.000 persoas sentadas ou 40.000 de pé. Dispoñía dun terreo de xogo de fútbol máis seis pistas atléticas de cinza para competicións oficiais, cos seus fosos correspondentes, espazos para probas de salto de lonxitude, salto de altura e con pértiga, campo de hóckey e un frontón descuberto.

Ó longo de 70 metros de lonxitude por 10 metros de altura  dispoñía de dous corpos iguais nos extremos unidos no centro por unha arcada olímpica de 16 columnas que constituían as diversas entradas que logo se pechaban cun enreixado. 

No seu estilo arquitectónico destacaban tres elementos: esta arcada como fachada monumental  que culminaba no outro extremo cun obelisco que recibiu o nome de Torre de Marathon e que constituía o punto de referencia para todo o complexo,  situada xusto seguindo o eixe vertical do rectángulo do campo de xogo. Unha torre practicable por dentro onde se ían instalar un gran reloxo,  marcadores simultáneos e servizos de megafonía.  Esta composición semellante á berlinesa proporcionaba un aspecto maxestoso tal e como mostran as seguintes fotografías históricas.





Á parte destes dous elementos tamén destaca un terceiro, as bancadas, que presentaban un enorme beiril que facía de cuberta para as bancadas de preferencia que para aquelas datas  constituíu un elemento estrutural de gran audacia. Os espectadores gozaban dunha boa visión pero seguían a estar expostos ás inclemencias meteorolóxicas.




Entre a fachada e o campo de xogo     quedaba  unha explanada destinada ó campo de adestramento.






                                  Vista do Estadio de Riazor dende a praia





Pero esta obra arquitectónica non tardaría  en perder a súa beleza cando o mesmo Rey Pedreira  proxecta o Pavilón de Deportes no 1967, precisando da derruba das arcadas, dos pavilóns laterais simétricos e a desaparición do campo de adestramento. Derrubamento que se realiza o 8 de outubro de 1968. As obras finalizan no 1972  para  acoller o XX Campeonato do Mundo de Hóckey sobre Patíns.

En 1975 outro Proxecto, o do frontón e o da piscina polo arquitecto Xesús Arsenio Díaz García, fai que se engadan novas obras ó recinto deportivo rematando as reformas   coa  especialización do Estadio a unha única actividad deportiva: o fútbol.





E a que segue impasible ó paso dos anos á a Torre

 A SOLITARIA E ESQUECIDA … TORRE DE MARATHON


Nun principio o nome era “Torre de Marathon”. Lembra con ese th sen til que A Coruña sempre foi un pouco anglófila, hoxe en día, quen a coñece… e quen sabe o seu nome… para aqueles que si é simplemente Torre de Maratón ou Torre Maratón.

E por que digo isto?

Porque moita xente non sabe que é, onde está, nin para que serve ou serviu, simplemente semella un obstáculo, un tropezo, pouco menos ca un estorbo na rúa entre o Estadio e Casa da Auga.

E eu son unha desas persoas que aprendín con este traballo.


A Torre lembra que Riazor foi durante décadas un estadio non só de fútbol senón tamén de atletismo.

A súa misión primixenia era o seguimento das probas atléticas disputadas fóra do estadio con saída e/ou chegada ó estadio, tales como carreiras de marcha atlética ou maratóns. Curiosamente, xamáis tivo ese uso, posto que a primera maratón que se correu na Coruña foi no 2012.

Durante moitos anos foi o lugar desde onde o encargado da megafonía, o locutor,  se dirixía a todos os espectadores. Tamén durante unha época sostivo o marcador simultáneo, o dos demais partidos da xornada. Tal e como pode observarse neste fotografía de época. Non  o do partido do Deportivo, pois ese atopábase na grada coñecida como Lateral de Marcador primeiro e máis adiante (o primeiro  marcador  electrónico) xunto ó Pavilón dos Deportes. 




Celebráronse probas de atletismo tanto campionatos militares coma universitarios e outros eventos atléticos nacionais e internacionais no estadio pero non precisaban a Torre,  por exemplo  os XIX Campionatos Internacionais de Atletismo do C.I.S.M. que congregaron  a militares de quince países o 7 de agosto de 1964.  A  Voz de Galicia na crónica explicaba: “Realmente impresionante ha sido la jornada nocturna de ayer. No sólo por la inauguración de la iluminación del Estadio, sino también por el gentío inmenso que abarrotó totalmente los graderíos de Riazor” (40.000 espectadores). 

As pistas foron caendo co paso dos anos en desuso; a razón era que as seis pistas de atletismo afastaban moito o público do campo de fútbol. Os árbitros ante tanta distancia actuaban con total tranquilidade. Ademais non era pechado, entón cando o equipo visitante quería perder tempo no tiña máis que lanzar un balonazo fóra do terreo de xogo cara ó campo de adestramento e gañábase case un minuto en ser devolta polos recollepelotas. Considerábase que as pistas facían de Riazor “un campo frío”.


A mediados da década dos noventa coa última ampliación do estadio (construción da grada de Pavillón) o que foi quedando das 6 pistas, ó longo dos anos, definitivamente agora desaparece ó colocar céspede artificial para facer unha  zona de quentamento para os xogadores.

Co paso do tempo e as reformas sufridas polo Estadio, a Torre foi esquecida  por falla de utilidade.

Este abandono foi tal que con motivo do Mundial de 1982 en España e a concesión para A Coruña dunha das sés, precisouse a necesidade de acomodar o Estadio ás peculiaridades dun evento desta categoría.

Así que o remodelado do Estadio foi tal que en realidade era un novo, pois só quedaba do vello a Torre e algús muros, malia estar incluído no Precatálogo Histórico Artístico.

Na seguinte reforma (1996) dos proxectos presentados (Dragados, Fomento e Cubertas) só un, o de Fomento, tiña en conta a Torre.

Pero é Dragados e Construcións quen se fai cargo da remodelación deixando fóra a Torrre, a idea… conseguir unir as bancadas que ela separaba e facelos máis confortables (adxunto copia do xornal onde aparecen os proxectos).

A Torre de Marathon na súa orixe alcanzaba os 47 metros de altura (noutros documentos, como por exemplo no PXOM aparecen 45 metros, creo que esa diferenza de 2 metros se debe a que actualmente quedou un pouco soterrada despois da remodelación do estadio), para subir a ela hai 246 escalóns, foi construída simultáneamente co estadio, entre os años 1942 e 1944 ( estes datos están reflictidos na revista seguinte que conmemora o encontro internacional España-Portugal).




Permanece dende a súa construción na súa situación actual. Podemos considerar a data de inauguración da Torre de Marathon a mesma que a do primeiro partido disputado (1944).

A súa estrutura de formigón armado nunca cambiou. Pintouse a súa fachada e unha vez quedou fóra do recinto do estadio (ó longo do 1997)  seguiu mantendo a súa forma e uso actuais, ou sexa,  ningún.

En 1999 tapiouse para impedir o acceso ó interior segundo se comproba nesta crónica de xornal que adxunto. Nela fai referencia a 239 escadas (unha pequena diferenza)  e tamén ó desprezo ao que por falla de uso se viu relegada inxustamente.


No ano 2011 o catálogo do PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) engadiuna como elemento protexido. As concellerías de Rehabilitación e Urbanismo poñen límites a unha nova reforma do estadio, que terá que respectar a integridade do obelisco como elemento característico e estrutural do estadio.

Queda deste modo xustificado que se trata “do que queda do orixinal estadio de Riazor  construido por D. Santiago Rey Pedreira  e que as súas cualidades de deseño achegan un punto de referencia a todo o complexo deportivo” (adxunto copia do PXOM do 2013).

Como curiosidade:

O xugador alemán do Barcelona, Bernd Schuster, quedou sorprendido ó ver o trofeo Teresa Herrera  e comprobar que era a figura da Torre de Hércules e non  a gran torre indiscutible do estadio, a Torre de Marathon.


Isto di moito e á vez pouco de nós. A Torre de Marathon debería ser un emblema da beleza pasada do noso Estadio e da nosa cidade e non un bloque de formigón perdido nunha rúa.





Bibliografía

Revista: La Coruña y el deporte. Recuerdo de la inauguración del Estadio
Galicia: Revista Gráfica popular nº 28 (1925)
Teresa Herrera 1981. Del viejo Riazor al nuevo estadio
Súper Depor fútbol nº 36 (1997)
Historia de Riazor: de la Plaza de toros al estadio de Riazor (1903-1997)
Wikipedia
Web do Deportivo e dos Xornáis A Opinión, A Voz de Galicia e DXT
Departamento de Comunicación del Real Club Deportivo
Libro de Oro de RCD “La Voz de Galicia”

[NOTA DE AGRADECEMENTO:
O noso agradecemento ás persoas que xenerosamente colaboraron neste traballo: tanto do Concello herculino como da sociedade do Real Club Deportivo da Coruña].

ANEXOS: 



1 comentario:

  1. É moi bonita; sería unha pena que a derrubasen, posto que ten moita historia as súas costas.
    Zoe Domato Pérez 4B

    ResponderEliminar