GALICIA INMORRENTE
DO CARBALLO.
(Na coroa entregada a Curros na Coruña hai follas de carballo)
Os nosos
devanceiros tiñan en moi alta consideración o carballo. Posiblemente foi unha
árbore sagra, usando a forma breve do
adxectivo como no topónimo Pico Sacro.
Esta (especie de) sacralización non é privativa de Galicia, desde logo. Frazer
amplía o círculo a todos os pobos arios (supoño que hoxe diriamos mellor indoeuropeos). Imos
procurar indicios desta vella sacralización. Indicios que, sen ánimo de
precisión matemática, podemos provisionalmente catalogar en tres tipos: a)
Ritos curativos, 2) Ritos propiciatorios concretos, 3) Valoración
mítico-simbólica.
RITOS CURATIVOS:
O carballo aparece
en procesos rituais para curar tradicionalmente a hernia (falábase dos esbrillados ou mellor dito, os esvirillados, tomada a voz do latín virilia, de onde vén o galego virilla ‘ingua’) , e ás veces tamén para curar o enganido (vid. Mar Llinares, Mouros, ánimas y demonios). Normalmente había que fender a
árbore, que adoitaba ser noviña, podíaselle poñer unha estaca e pasaban a
criatura pola fenda, polo medio do carballo, recitando unha serie de fórmulas
topificadas. Hai abundante bibliografía ao respecto, para Galicia, para Aragón,
Extremadura e para o País Vasco (por exemplo, para Galicia, C. Lisón Tolosana, Brujería, estructura social y simbolismo en
Galicia; para Extremadura, J. Mª Domínguez Moreno, “La curación de la
Hernia (peculiaridades y particularidades)”, en Revista de Folklore nº 119; para o territorio vascón, http://www.euskomedia.org/PDFAnlt/jgl/36001064.pdf
etc.).
Un noso coñecido,
de sesenta anos de idade, fainos saber que el mesmo foi curado dunha hernia
cando era rapaz no lugar onde naceu, Garciotún, Toledo: pasábase por el rebollo, carballo novo previamente
fendido ao medio, o tal rebolo estaba na aldea de Bayuela.
Follas de carballo
cerquiño pódense botar nas augas que se
preparan para curar determinadas enfermidades (V. Vaqueiro, Mitoloxía de Galiza, p. 22).
Determinadas partes
do carballo entran tamén en xogo para curar outros males concretos: por
exemplo, males de gorxa: Miña nai cocía a
casca do carballo, non a de fóra, a de dentro, máis branda e
próxima á madeira. Con esa auga resultante fanse gárgaras para os males da
gorxa. Facíao así miña nai ( a nai de quen fala o informante, de 63 anos,
chamábase Concepción Rodríguez, de Silleda, Pontevedra).
(Ao carballo de san Antonio, en Vilardefrancos, Carballo, A Coruña, faille falla unha boa poda)
(Unha árbore senlleira comesta pola desidia: medra un acivro pé do carballo)
RITOS
PROPICIATORIOS:
Para que o pan
levede, por exemplo, serve moi ben un líquido feito con auga á que, entre
outras cousas, cómpre botarlle pequenas pólas de carballo (V. Vaqueiro, Mitoloxía de Galiza, p. 66). Tamén as
follas do carballo forman parte do conxunto de compoñentes que fan boa a auga
da noite de san Xoán (Vaqueiro, p. 342).
Nesta liña ritual
propiciatoria hai que situar a crenza tocante ao carballo
de san Antonio, que nós recollemos dunha nosa alumna hai máis de vinte anos:
“O Carballo de San Antonio”
Existe no lugar de Vilardefrancos, no termo municipal de Carballo, unha
vella tradición ou lenda baseada na devoción a san Antonio, santo ao que se lle
atribúe en moitos lugares a intervención nos noivados e a consecución do noivo
ideal, vaia, o que se di un cupido en
versión santo.
A
lenda céntrase nun carballo denominado “o carballo santo”, as dimensións do cal
son un tanto esaxeradas, pois mide uns sete metros e medio de circunferencia.
Está situado a carón da capela de san Antonio e goza de moita antigüidade,
bótanselle máis de trescentos anos. Foi arraigando nos habitantes do lugar a
lenda de que este carballo era obra do santo, xa que ningunha outra árbore
coñecida alcanzara este tamaño. A árbore presenta nun dos seus lombos un oco
que semella unha gruta na que se di que apareceu san Antonio e que alí recollía
os desexos das mozas e mozos para conseguir a parella ideal.
Actualmente
celébrase nesta capela pertencente ao que fora o Marquesado de Vilardefrancos,
a romaría de san Antonio o día trece de xuño, sendo este o único día do ano en
que os actuais marqueses permiten a entrada á devandita capela e ao pazo en que
está situada. Durante esa romaría aínda hoxe, despois da misa as mozas bailan
arredor do carballo e desde abaixo botan pedriñas ao oco do que falamos,
plenamente convencidas de que se a pedra do desexo fica dentro o mozo ou a moza
que o consiga deixará de ser solteiro antes da vindeira romaría do san Antonio.
(Mª Carmen Sieiro Vázquez, a ela contáronllo os avós)
[Nota: actualmente
segue existindo a tradición de botarlle as pedras: deron fe diso tres mulleres
inda novas que paseaban unha tarde de domingo deste outono do 2016 en que nos
achegamos por alí tras un xantar familiar en Carballo; a capela e o pazo a día
de hoxe xa non pertencen ao marqués, senón a un coñecido restaurante que usa
ese espazo para celebrar banquetes; respecto ao ritual descrito, cómpre
emparentalo con outros ritos casadeiros concretos: con pedras que se tiran a un
penedo, ou co costume de anoar unha xesta coa man esquerda, algo que se
documenta –así o limos no prólogo escrito polo académico F. Fernández Rey- nos
arredores do santuario de Amil e pódese ver inda hoxe nas proximidades da
fervenza do Toxa, en terras de Trasdeza, onde nós mesmos temos visto ao longo
dos camiños as plantas cos difíciles nós feitos].
VALORACIÓN
MÍTICO-SIMBÓLICA:
Empecemos polo
culto e sabedor Sarmiento:
El roble se divide en dos especies. Una la de hojas
suaves y otra que tiene las hojas muy largas y anchas y recortadas. Esta es quercus latifolio o el quejigo castellano. Y
el carballo gallego conviene los 4
árboles en producir bellotas. Además de ese fruto natural produce el árbol quercus, o como roble, o como carballo, otras
muchas producciones que son extraordinarias al árbol. No conozco árbol que produzca más mixtos. Ví y cogí en el
carballo racimos de uvas por abril. Cogí
manzanas del cuco como tomates por mayo. Cogí y lamí la miel que resuda las
hojas del carballo por San Juan. Vi y
cogí las agallas grandes, con sus picos y las agallas pequeñas muy redondas a
las que los niños gallegos llaman bugallones, y éstos son los que usted cogió
en el campo, y éstas se cogen en otoño con las bellotas. Además de lo dicho
nace en el roble el polipodio, el visco, el lichen en la corteza, los hongos al
pie del árbol y el panus de Plinio
(libro 16, capítulo 8) que produce el cerro o agilopus. No me meto con aquel sagrado visco
o gui
que los sacerdotes druidas subían a coger en el roble y con muchas
ceremonias supersticiosas y de lo que hay tanto escrito y al cual los celtas
atribuían tantas virtudes. Aquí se ven 12 producciones del solo árbol roble o
carballo o quercus. (Sarmiento, en Carta 177 1766, octubre, 6.
MADRID., en DdD).
Case sentimos o
abraio, a admiración viva do sabio ilustrado polo carballo. Non é para menos.
El mesmo, noutro lugar, refírese ao “carballo máis grande de todo o reino”:
algo do que deberiamos tomar todos exemplo. Tamén na Grande Bretaña, en Kew,
nas aforas de Londres, está marcado, delimitado, sinalado como un grande
tesouro, o carballo máis antigo daquel reino. Francamente, un indicador óptimo
da cultura e do grao de civilización dun pobo, ese amor polas árbores
senlleiras.
Cando Manuel Curros
Enríquez é coroado no ano 1904 na Coruña como o Poeta por excelencia de Galicia, a coroa que lle
ofrecen leva follas de loureiro e mais tamén de carballo.
O tema sería
inacabable. Recollerei para vós un par de lendas emparentadas relativas a unha
valoración mítica doutro carballo coruñés. E con isto acabamos por hoxe.
Quizais sigamos aínda en días vindeiros.
“O carballo da Nosa Señora de Teixeiro”
A
carón da igrexa parroquial de Teixeiro existe un frondoso e centenario
carballo, ao cal os lugareños chaman o carballo da Nosa Señora.
Conta
a lenda que hai moitos anos alguén pensou en cortalo porque facía perigar a
igrexa debido á súa proximidade a ela.
Un
bo día, postos de acordo todos os veciños, decidiron acometer a tarefa. Armados
con enormes machados, dirixíronse ao adro da igrexa e axiña comezaron o labor,
chantando as súas ferramentas no vello carballo. Disque despois de darlle o
primeiro machetazo foilles imposible continuar o traballo: deixaron os machados
dentro da árbore e, a medida que pasaban os anos, a árbore foinos engulindo.
Por
este misterioso feito, que contan os nosos antergos, chámaselle desde aquela o
carballo da Nosa Señora. Puxéronlle este nome porque todos os habitantes da
vila deron en pensar que tan estraño feito era un sinal de que a Nosa Señora
dos Milagres (advocación da Virxe na vila) non desexaba a desaparición do
carballo, que segue aínda medrando, forte e vigoroso, no adro.
(Alba Alvedro Veira, alumna de
COU no curso 97-98; contoullo o cuñado, de Teixeiro).
“Lenda
da árbore de Teixeiro”
Hai
uns cen anos o cura da parroquia mandou cortar a árbore que hai entre a igrexa
e o cemiterio de Teixeiro, porque as súas raíces enchían toda a entrada
posterior da igrexa: pero sucedeu que ao intentalo a árbore tragou o machado e
non puideron sacalo de dentro. A historia non quedou aí, xa que uns anos
despois o alcalde decidiu coller a árbore de raíz para transplantala en Curtis,
mais aínda que conseguiron arrincala da terra, ao metela nun carro para
trasladala a Curtis, ocorreu un milagre: aquel día ía un sol marabilloso e con
todo, nada máis moverse os bois, todo se anubrou e empezou a chover, tan forte,
tan forte que os traballadores que a levaban tiveron que refuxiarse na igrexa
porque non podían andar coa treboada. Durante todo o día choveu e choveu a
cachón, e os aldeáns decidiron plantar a árbore de novo, malia as dificultades
climatolóxicas, e nada máis facelo así, as nubes desapareceron e o sol volveu
saír coma se nada ocorrese.
E
alí segue a árbore, cada vez máis forte e grosa, xa que a xente comprendeu que
ela quería quedar en Teixeiro, alí onde nacera.
(Mapoula Díaz Varela, alumna de COU no curso 97-98; contoullo unha
amiga natural de Teixeiro, A Coruña)
[Nota: asóciase
claramente aquí, nesta variante, o feito milagreiro do carballo con feitos
milagreiros paralelos frecuentemente documentados en Galicia que teñen como
protagonista á propia Virxe, en forma de imaxe: a Virxe non quere ser
trasladada, dá o lombo aos portadores ou aparece milagrosamente no lugar
orixinario, aquel de onde os homes a queren quitar].
(O carballo de san Antonio. As fotos foron feitas por Charo Soto)
Ningún comentario:
Publicar un comentario