CLUB DE
LECTURA
BENVIDA.
ALBINO
Aquí estamos un ano
máis. Encetamos coas rapazas do club de lectura dos venres unha nova andaina.
No outono do 2016. Teño que traerlles noces e quizais facer unha paréntese para
ler con elas aquel relato delibesiano meu favorito que fala do Nilo pai, do
fillo e das nogueiras cos froitos que cucaban... A falta de noces, é o
chocolate o que serve para darlles a benvida. Tamén as agasallo cun par de
libriños, dos que van quedando polo departamento de celebracións xa pasadas. Un
publicado pola Real Academia Galega; o outro publicado polo noso equipo de
Normalización Lingüística (así se chamaba hai anos). Escollen elas mesmas un
par de poemas e vanos lendo. Comentamos dos arcanos, dos vellos símbolos que
seguen o vieiro de Pero Meogo: a auga, o cervo, o brial... Antes de que cada
rato fose ao seu burato (léase ás aulas correspondentes) decidimos que o
primeiro libro de lectura do club será Os
vellos non deben de namorarse.
(Benvida ás rapazas do Club de Lectura dos venres, curso 016-7)
Con ese cartafol na
man, relembro logo algo do vivido no Instituto no ano 1999. Acabara eu as
clases e dispoñíame a saír, e ao pasar por diante do salón de actos vin un home
alleo ao centro que procuraba algo, como perdido. Achegueime por se podía
valerlle e díxome que era un visitante de paso pola cidade, que viña da
Arxentina, que lle parecera atractivo o edificio... Eu daquela ofrecinme a
mostrarlle o noso paraninfo-salón de actos e xuntos fomos vendo isto e aquilo,
os bustos dos mecenas, as cristaleiras e pinturas dos teitos, os mapas nas
paredes dos corredores... El preguntábame cousas do meu traballo, sobre todo ao
saber que era profesora de galego, e
como eu non son parca en dar datos, seguiu querendo saber se os rapaces da
cidade respondían ao ensino en galego, se eu falaba en galego cos meus fillos...
Víase moi amigo do noso idioma e da nosa cultura. Debimos estarmos xuntos
parolando unha hora. Despediuse logo amablemente e intercambiamos os nosos
nomes. El chamábase Albino. Ah!, eu saquei do bolso un exemplar que levaba do Cartafol de Poesía (por iso volve agora
Albino á miña memoria, que a terra che sexa leve, carísimo!) e deillo:
aceptouno con sumo gusto. Tempo despois chegou para min ao Instituto un paquete
inesperado. Dentro viña unha mostra de agradecemento de Albino. Era un artista
agradecido.
(Retrato tomado da Internet do xilógrafo Albino Fernández, nado na Habana, de pais galegos, nacionalizado arxentino; foi amigo íntimo de Luís Seoane; ide á wikipedia para saber máis del)
(Imaxe tomada da Internet da xilografía de Albino F. titulada "Canto de paz, amor e esperanza": un exemplar desta obra foi a destinada para agasallarnos)
Ningún comentario:
Publicar un comentario