GALICIA INMORRENTE
CASTELAO E A ESPIGA
(No cartel deseñado por Camilo Díaz Baliño, a muller-Atenea-Galicia que porta a roda da industria no lugar do escudo, amosa na man unha poliña de oliveira no canto da espiga: fermoso símolo, abofé, relembra a cidade olívica, hoxe en día a máis industrial de Galicia)
A espiga que ten
Castelao na foto que nos presenta un noso alumno de 4º da ESO nun traballo
breve pero enxunlloso ou substancioso, a espiga –dicimos- ben podería
considerarse outro bo símbolo de Galicia. Sobre todo a Galicia do Segundo
Rexurdimento (tempo das Irmandades e Grupo Nós). En canto vin a foto dixen para
min Ou Virxe! Igualiño que fixo Manuel
Rivas cando foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña e
presentouse co ramalliño de toxo na man! Son seres humanos dunha estética
que me atrevo a cualificar de franciscana (permitirédesmo, porque inda onte
celebramos e conmemoramos o paso de
Francesco d’ Assisi polo mundo). Co mínimo, coa humilde planta, logran un
significado máximo.
Na historia da
literatura galega a espiga atopámola xa no milagre narrativo afonsí, aquel que
transcorre no prado de Atocha, no que logo será a metrópole de Madrid; os pais
están na seitura e a meniña mete a espiga na boca, atragóaselle e se non é por
María, morre afogada.
En Cabanillas
atopamos as espigas mestas e douradas no poema
dedicado a Basilio Álvarez; reloce no poema “O santo de Asís en Compostela” (en
Camiños no tempo) espiga en lirios albos. Cabanillas usa
moitísimo a alegoría do semeador, da espiga chea, pronta para ser seiturada. É
un espléndido símbolo de traballo, suor, vida, froito que debe ser recollido,
transformado en nova vida. Símbolo, en suma, do pobo amado. Cabanillas, como
antes Xesús, como Castelao, aman o pobo que traballa e non sempre recolle o
froito do seu traballo. Que mellor símbolo para os agraristas do primeiro terzo
do século XX?
En pleno século
XXI, Manuel Rivas troca a espiga polo toxo e aló onde vai, sempre que ese
contexto cobre para o autor noso xa universal e coruñés un valor esencial,
porta na man esa especie de bandeira bicolor (verde/marela). Pregunteille, dime, Manuel, por que levabas no Paraninfo,
cando te nomearon DHC, o toxo? En lembranza da Zapateira/Elviña, ou como
símbolo de Galicia enteira? Respondeume así: En “As voces baixas” conto unha historia da infancia, apañando flor de toxo coa miña nai para
levarlle a unha tía enferma do corazón. E antes xa escribín un libro titulado “Toxos
e flores” [de ensaio] no que aparezo
co toxo na man. De mozo, aos recitais levaba un toxo e en todos os actos no estranxeiro
sempre levo un toxo. Para min é o mellor símbolo da historia de Galicia e do
ser humano e dos animais: a mestura de espiña e chor. Moitas grazas e moitos
novos libros, Manuel!
Agora déixovos co
traballo do noso alumno de cuarto da ESO no curso 2016-17, Manuel González
Balayo.
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
Cabo do cemiterio de Lira está, hoxe agachada no lateral dun
monumento, unha fotografía histórica por moitos motivos. Ata este estremo lugar
de Galicia chegou Castelao no ano 1936 para dar un mitin a favor do Partido
Galeguista. Na fotografía, Castelao retrátase cos mozos do lugar. Ao fondo,
obsérvase un outeiro no alto: decatámonos abraiados, cun arrepío: ese monte é a
Torre dos Mouros. Castelao deu o mitin de Lira cunha espiga na man, para falar
da reforma agraria, e contoulles aos labregos da parroquia unha metáfora do que
era preciso para Galicia. Cóntao Antón Reixa, a partir da
tradición oral que se preservou en Lira:
Ao longo do seu
discurso, foi insertando o conto da machada: un fillo que un día e outro lle
promete a un pai que vai cortar leña para conxurar o frío e volve sucesivamente
co mango da machada escachado.
Logo continuaba o
discurso e cando Castelao detectaba certo aborrecimento na súa audiencia,
volvía outra vez con que outro día o fillo lle dixera o mesmo ao pai (…) e o
discurso avanzaba ata que Castelao chegaba a conclusión desexada e o pai dicía
algo así como: “Fillo, o que tes que facer non é volver facer o mango, senón
cambiar de madeira”. A partir de aí, do cambio de madeira, Castelao construía
metaforicamente o cambio estrutural que lle cumpría a Galicia.
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2012/07/08/torredosmouros-7-e-8-de-xullo/
Praza de Castelao, onde pronunciara un mitin ante 200 mozos
nacionalistas de Lira
Ningún comentario:
Publicar un comentario