LENDO A
LENDO
REFRÁNS DOS XUDEUS SEFARDÍS
(Mapa antigo de Toledo)
Xa sabedes, os que
fostes alumnos meus, o moito que me gustan os refráns. Este ano, tras máis de
15 sen facelo, dou clase en 4º da ESO e todos os días empezo cun refrán.
Escríboo na pizarra e logo pido ou ben que sinteticen o tema (nunha palabra, ou
nunha frase nominal) ou ben que mo expliquen coas mínimas palabras posibles.
Este día –non quero cansarvos- lembrei un da miña avoa coruñesa (díxenlles: vouvos dar un refrán de vellos, pero aí
queremos chegar todos...): “Quen pasa o outono, pasa o ano todo”. E preguntei
a ver que entendían. Tras uns dez segundos, levantou a man un rapaz. Deille a
voz: “Significa que igual que caen as follas no outono, poden caer mortas as
persoas nesta época, como se houbese a crenza de que é unha época do ano en que
morre máis a xente”. Pareceume brillante. Transversalmente recordeilles que cae
máis o pelo e que si, hai que coidar sempre a saúde e o corpo, mais especialmente debemos preocuparnos no
cambio de estación. Creo que a eles tamén lles gustan algo os refráns. Non é
infrecuente que me digan antes de irme, e
o refrán do día que?
Teño un libro nas mans absolutamente delicioso.
Titúlase: Refranes de los judíos
sefardíes, e o responsable desta coidada edición é Enrique Saporta y Beja.
Compreino en Toledo, facendo a Ruta do Quijote cos alumnos de bacharelato do
Instituto.
O primeiro que
chama a atención é a lingua, tan arcaica, un español de sabores cervantinos, de
séculos áureos... e con influencias doutras linguas, do turco por exemplo. E eu
atreveríame a dicir que do galego-portugués tamén. Logo vos poño algún caso.
Outra cousa que chama a atención é a idiosincrasia: os refráns, coma as frases
feitas, son depositarios de costumes, tradicións, cosmovisión do pobo que os
xera. Mirade este: Le quitó el ojo preto
(=sacoulle o ollo negro), hai que ter presente para entendelo que os ollos
negros son apreciados pola cultura sefardí como os máis fermosos: logo
quitarlle iso a alguén vale por dicir que lle arrincaron o máis valioso que
tiña. Ou escoitade estoutro: Quien come
peche, meche ‘quen come peixe, mexe’, é dicir, arrola o berce, de onde se
deduce que consideran afrodisíaco o peixe (nós consideramos máis ben o marisco
como afrodisíaco, e especialmente as ostras).
Igual que na mitoloxía e en xeral, no
imaxinario popular galego, vemos no mundo sefardí que aparece con frecuencia o número sete para ponderar,
para simbolizar o todo ou gran parte do todo: culevra de siete cavesas, por exemplo.
Igualmente é digno
de subliñarse a existencia dunha especie de refrán para significar que alguén é
ou parece ser adiviño: Comió medra de
endivino ‘Comeu merda de adiviño’. En galego temos dúas variantes, unha
medieval (Avuitor comestes, que
adevinhades, nunha cantiga de Estevan Coelho) e outra máis actual (Comiches moucho, que adiviñaches),
sempre co vbo. comer.
(Enxoval de noiva hebrea. As 3 fotos foron feitas por Charo Soto na exposición visitada en Toledo en marzo de 2016)
Algúns refráns
relembran moitísimo o folclore contístico europeo... Velaquí un par de casos: Todo lo que quita de la boca: perlas y
diamantes: simbolizan as boas palabras que saen da boca dalgunhas persoas,
coma un don: así tamén aquela rapaza boa a quen a mala madrastra manda á fonte
(como enésimo traballo do día...) por auga e alí atopa unha fada madriña, a
nena é xentil, malia o cansazo, e a fada concédelle que cada vez que fale,
saian pola súa boquiña perlas sen fin... E estoutro refrán: Quitar el pelo del huerco (onde o huerco conmuta polo demo), tamén é doado de vincular
a aquel conto popular, onde o personaxe protagonista debe lograr precisamente
iso, arrincarlle un pelo ao demo (faino mentres dorme, normalmente coa axuda da
nai do demo, nai amable). O valor do refrán é lograr algo moi difícil, como
sarcarlle cartos a un avaro ou así.
(Sinagoga de Santa María a Branca, Toledo. Foto tomada da Internet)
Naturalmente hai
tamén refráns universais (que transmiten conceptos de valor universal, que se
documentan en moitas culturas do planeta): chama a miña atención os que
ponderan o silencio e aqueloutros emparentados que advirten dos perigos de
falar... Coincide este punto de vista con moitos outros refraneiros
(relembremos o moi galego que di: A
mellor palabra é a que está por dicir), pero especialmente coincide coa
paremioloxía árabe e especialmente libanesa, no que eu sei.
La
palavra tiene cuatro cantones (catro recantos ou
esquinas: catro formas de entenderse, como mínimo...).
La palavra
tiene dos cutchiyadas (dous gumes: agrada ou fere).
La
palabra vale un ducado, el cayar cien (non precisa
comentario).
Palavrada
y piedrada no atornan atrás (común nas linguas
hispanas).
Outro concepto de
valor case que universal: Comer e bever
asentado, durmir de costado. A chamémola interdición de comer de pé aparece
en galego. Da nosa nai valdeorresa: Saco
de pé nunca cheo é, hai variante quizais máis coñecida: O que come de pé nunca cheo é, e sabemos,
grazas ao Padre Sahagún, que os nahua aconsellaban sentar para comer: No comas de pie, te casarás lejos,
dicían.
Rematamos xa. Vouvos citar un monllo de
refráns sefardís onde é posible albiscar influencias do noso dominio cultural
occidental ibérico:
Pan con buracos, queso sin buracos (variante: Pan con ojos y quezo
sin ojos). Á parte da orixe occidental da voz buraco, vede que este refrán está ben documentado na paremioloxía
galega: O pan, con ollos; o queixo, cego,
e o viño, anexo (Vázquez Saco, nº 17537, en Cadernos de Fraseoloxía Galega5, p. 660) (Variantes na mesma páx: Pan con ollos e queixo sen ollos; Pan con ollos, queixo sin ollos e viño que
salte ós ollos).
Cedasico nuevo, ¿onde lo meteré?,
e Cedasico nuevo, tres días a la paré
parecen estar construídos seguindo o modelo das frases proverbiais
galaicas: Miña peneiriña nova! (frase que se di cando alguén está moi
ilusionado ou contento por unha novidade), e Miña peneiriña nova, tres días na trandeira e os outros na borralleira;
Peneira nova, quince días (expresan
escepticismo sobre o que pode durar un capricho ou unha ilusión nova).
No
enmelesques ajos con barajos parece estar construído
sobre a paremia galega na que combinan allos
con bugallos.
Muera
Pato, muera farto parece estar feito sobre Morra Marta e morra farta.
Un camino, dos mandados (cun
significado paralelo a matar dous pombos
dun tiro): coñecemos tres variantes en galego. Unha recollida da oralidade:
Facer dun camiño dous mandados; as
outras recolleunas Vázquez Saco: nº 7413, Cun
avío fanse dous mandados, nº 7415: De
camiño, dous mandados (cita o noso erudito sacerdote a Correas, pero co
subs. vía, Una vía y dos mandados. A
palabra ‘mandado’ co valor substantivo de ‘encomenda, encarga’ documéntase na
lírica xa no 1220.
Si el buey lo encornó, en buen lugar lo etchó está construído sobre un modelo galego, do que temos unha vez máis
unha serie de variantes: Boi que me
turrou, en boa terra me botou; O boi
que me acornou, ben me escarmentou; O
boi que me escornou en boa parte me deitou (Pedro Benavente e Xesús Ferro, Refraneiro Galego da vaca, p. 33; a
explicación semántica semántica máis convincente é destes dous autores; citan o
aforismo latino Ex malum bonum, quer
dicir, que ás veces dun mal atiramos proveito).
Percura
por la ventura recorda moito a combinación do mesmo
par léxico presente na paremia galega A mala procura trae a mala ventura. Pero o
refrán sefardí cambiou a polaridade negativa pola positiva: hai que procurar
(esforzarse) para ter ventura.
Outros posibles galeguismos no refraneiro
sefardí que estamos considerando serían: Mungirlo
a uno ‘espremer a un’ (documéntanse ben no DdD as variantes de muxir con sílaba trabada por nasal: munxir, munguir).
Longe de
vista, longe de corasón (vello refrán galego e
portugués, que se corresponde ben co castelán Ojos que no ven, corazón que no siente).
Lo
contado se lo yeva el gato (refrán moi común e ben
documentado, tanto en galego como en portugués actuais, hai variante co lobo, Do contado come o lobo).
Salen cativos todo tiempo que están bivos (di o comentarista que cativo ‘ruín,
malo’ é un posible italianismo; igualmente e quizais con maior probabilidade,
un galeguismo, cfr. Que farey eu, cativo pecador, xa no 1240, no Corpus XELMÍREZ).
Podiamos seguir con
outros posibles galeguismos léxicos, abundantes no refraneiro sefardí, pero
queden na man (ou no tinteiro, se preferides). Iso si, concluamos
marabillándonos do amor desta xente, os sefardís, pola terra de España e
Portugal. O meu esposo, discípulo que fora de Manuel Alvar, que en paz
descanse, recorda aínda que cando o novo Manuel fixera a mili no norte de
África, aproveitaba para recoller doces cancións sefardís (de vodas, de
amor..., preciosas, puiden ler algunhas). Muñoz Molina escribiu hai tempo xa un
libro, Sefarad, cuxa lectura tamén
vos recomendo. E aquí déixovos por hoxe.
Quédame unha
curiosidade: en Corme, provincia da Coruña, din coma unha especie de refrán ou
mote, ou xogo lúdico de palabras: Fotes,
viñetes e nada me trouxetes. Esas formas verbais de pretérito de indicativo
son propias da lingua sefardí (Comites,
no comites, en la meza estuvites, por poñer só un exempliño deste noso
libro comprado en Toledo). A fórmula cormelá é moi coñecida polos cormeláns,
mais local. Dá a pensar que houbo unha xudaría, un asentamento xudeu nesa vila
rica na beira do mar Atlántico. Non é o único caso en Galicia, evidentemente,
onde houbo varias. A xudaría máis famosa de Galicia estaba en Rivadavia, ou polo menos é unha das que levan máis fama...
Ningún comentario:
Publicar un comentario