A NOSA CASA
AS DONAS DO EUSEBIO PRIMEIRO
Xa sabedes que
estivemos celebrando o 125 aniversario do ‘Instituto da Guarda’. Con ese gallo
entre o alumnado do Club de Lectura e mais unha servidora elaboramos unha serie
de murais con fotografías das mulleres do Eusebio. Unha selección,
naturalmente. Ben como alumnas, ben como docentes, polo noso Instituto pasaron
toda unha galería de personaxes. Houbo pintoras (Mª Dolores Díaz Baliño,
Carmela Correa-Barceló...), escritoras (poetas como Ángeles Penas, Mª Pilar
Pallarés ou Luisa de la Esperanza Villalta, a quen recordamos cando facía COU
no Eusebio, fermosísima criatura a quen a Parca axiña lle cortou os fíos da
vida –moito sentimos non ter unha foto mellor dela que a pequerrechiña que
aparece no mural), científicas (Celia Brañas, Mª Luisa Telo, Mª Josefa Wonenburger...), docentes de
Universidade (Mª Rosa Sara Saurín de la Iglesia...), politólogas (Pilar García
Negro, a quen se lle debe a primeira conferencia pronunciada en público en
galego no noso Instituto, sobre Castelao –polo menos é a primeira da que hai
constancia documental), investigadoras (Mª Dolores Cabré, Mª Rosario Castells, Isabel
Martínez-Barbeito, Carmen Pallarés....).
(Outra ilustración de Mª Dolores Díaz Baliño. Docente do noso Instituto, tía de Isaac Díaz Pardo, polo seu estudo pasaron ilustres nomes da arte galega, como a tamén pintora Mª Antonia Dans)
Debo desde aquí agradecer
unha vez máis a colaboración de todas aquelas persoas ás que interroguei na
procura de datos e algunhas outras ás que me atrevín incluso a pedirlles unha
fotografía. Todas foron xentís, comprensivas e colaboraron encantadas.
Como somos humanos
e sentimos con intensidade maior o que nos toca moi de preto, quixera que
me permitirades relembrar con afecto a María Muruais, xa falecida, a que fora a
primeira muller directora do Instituto, e profesora miña de inglés. Recordo que
nos primeiros cursos do vello bacharelato eramos poucas as rapazas que
escolliamos inglés, ela poñíanos en roda e asignábanos un novo nome, un nome
máis británico, digamos. Eu era Elsie.
Recordarei así
mesmo sempre con cariño inefable á catedrática de latín, Mercedes Boado, a quen
debo terme inclinado polas letras (dubidaba...), tanto e tan ben nos sabía
introducir no universo das linguas itálicas, no mundo da tradución.
De María Teresa Rdguez.
Taboada xa falei un pouquiño na prensa, ao ser entrevistada por unha nosa ex
alumna, Claudia Morán, agora xornalista. Amei, amo e amarei a literatura
cervantina porque ela, Mª Teresa, sementou a base en nós. Os seus apuntamentos
sobre a xénese do Quijote inda os
gardo na memoria con fidelidade: ninguén na facultade compostelá superou en
riqueza e profundidade aqueles
apuntamentos.
Houbo profesoras no
Eusebio, logo docentes de Universidade, que, á súa vez, contribuíron a que das
nosas aulas saísen futuras profesoras universitarias: é o caso de Ana María
Álvarez Pellitero, quen fora profesora de Yolanda Novo.
E houbo unha muller,
compostelá de nación, que pasou brevemente ensinando no Instituto, para
establecerse logo como arquiveira en Ávila. Tereina sempre na miña lembranza,
pola pegada que deixou nas persoas ás que podemos chamar as súas herdeiras intelectuaias
ou profesionais. Chegou ás miñas mans unha peza de oratoria (unha conferencia
titulada co nome da homenaxeada e recordada: Carmen Pedrosa Pérez-Davila, archivera y gestora pública) dunha súa
sucesora no arquivo provincial de Ávila (Carmen López Sanchidrian: a
conferencia impartiuna no Foro Guiomar de Ulloa o 5 de marzo do 2014) que para
que dicirvos, emocionoume. Se a inmortalidade fose causa de dúbida e incerteza,
velaquí temos unha proba irrefutable de que si é posible permanecer:
permanecemos, permaneceremos algúns de nós na memoria dos outros, amigos,
discípulos...
Ningún comentario:
Publicar un comentario