VISITANDO
Este mércores pasado, 20 de xaneiro, visitounos unha
eminencia, o doutor Ángel Carracedo. A finalidade era darlles unha charla aos
noso alumnos de ciencias de bacharelato e alí estaban todos, enchendo o Salón
de Actos. O señor Alcalde da Coruña, D. Xulio Ferreiro, quen nos debía unha visita (xa nola
prometera cando estiveramos nós de visita no Concello, foi cando nos dixo que
nunca entrara no Instituto) aproveitou a oportunidade e veu tamén canda el, e
ademais quixo presentalo. Na súa presentación, por certo, comentou que
Carracedo, entre outros múltiples méritos, tiña un premio que lle fora
concedido por un xurado formado por 21 Premios Nobel. Non vos está nada mal...
(O doutor Carracedo, o Alcalde da Coruña, a Directora do Instituto.
Verás moitas fotos máis se fas clic nela)
Verás moitas fotos máis se fas clic nela)
Vou eu agora transmitirvos algúns dos datos oídos pero
deixádeme que empece polo final. Na rolda de preguntas que houbo, e respondendo
a unha concreta, o eminente xenetista fixo un repaso breve e sistemático da súa
traxectoria: impresionoume profundamente a fidelidade ás raíces así como o
agradecemento sincero aos pais; lembrou como a nai estudaba con el, repasaba
con el, como o pai o animou a loitar por conseguir un futuro, animouno a
intentalo, a non renderse. Vivían en Santa Comba, o pai traballaba no Banco
Pastor e falou co director da sucursal para que axudase ao rapaz a conseguir
unha bolsa de estudos e ir fóra para estudar xenética... Contaba que a el se debe
a fundación por parte de Pedro Barrié dun sistema de axudas para que os galegos
poidan ampliar coñecementos no estranxeiro. Gustoume a lealdade aos que o
axudaron e o agradecemento sincero (a
verdade é que recordei da miña propia vida, meu pai tamén traballaba nun banco
e daquela os bancos eran institucións con humanidade: veraneabamos as familias
dos traballadores naquela magnífica residencia de Cercedilla, había bolsas para
frecuentar a Universidade fóra de Coruña, etc., etc.).
(Foto: Mario S. García)
Comezou dicindo que a súa esposa foi alumna do Eusebio
da Guarda, unha honra e un pracer
dobremente xustificado estaren aquí...
Carracedo ten sentido evidente do humor: xustificando
o ter que falar sempre sentado, contounos que lle gustaría dicir que a dor da hernia
que está padecendo fora producida pola pesca dun exemplar xigantesco pero que
en realidade fora por podar hortensias.
(Foto: Pedro R. Porca)
Entrando en materia xa:
Dirixo un grupo
de 150 persoas... Facemos investigación xenómica e tamén aplicamos os nosos
coñecementos a solucionar problemas tanto na xustiza (xa dixera o señor alcalde que
formaban unha especie de CSI en Galicia)
como no eido da saúde... No grupo hai 15 nacionalidades... O inglés é o idioma
da ciencia... O planeta ten uns 4500 millóns de anos pero a vida ten menos, digamos
que hai uns 4000 millóns de anos que apareceu a vida... Que é o que ten vida? Todo aquilo que
ten ADN... Nós podemos sintetizar quimicamente o ADN... A vida puido nacer
sintetizando... e tamén puido nacer de forma espontánea, e tamén hai quen di
que veu do espazo exterior. O caso é que apareceu, e o máis probable é que
aparecese aquí e se sintetizase aquí... Un gato, unha árbore, unha bacteria
teñen ADN. É unha molécula de instrucións. Pódese dividir... O libro da vida
parte dun vocabulario de catro letras: A T G C. Pódese dividir... e así
apareceron os organismos pluricelulares... A morte celular é un novo capítulo,
e necesario, nese libro da vida... Se as células non morresen, teriamos 500
quilos de cerebro, intestinos de varios quilómetros que arrastrariamos polo
chan... imaxinade, non se podería vivir...O cancro é un fallo dunha ou máis
instrucións de morte celular. Outra instrución é a mutación... para diferenciar
os fillos. As mutacións son imprescindibles, se non virían os cambios
climáticos ou un andazo e morreriamos todos. A mutación é a fonte da
variabilidade, orixinou as diferenzas entre os seres vivos mais tamén é causa
da enfermidade. Así que morte e enfermidade son consubstanciais á vida... No
libro da vida contamos 23 tomos, cada un coma unha Torre de Hércules...
3.200.000.000 pares de xens... Un grande sabio, Frederik Sanger, inventou unha
técnica (secuenciación) para ler no libro da vida, grazas a el puidemos
avanzar, porque ante sen el se cadra para ler unha páxina de 100 letras facían
falta cen homes científicos e un mes de tempo... Pero houbo grandes avances,
non vos dades unha idea, tanto no mundo da informática como no da química, e
así, tras doce anos de duro e intenso traballo e miles de millóns de euros,
completouse o Proxecto do Xenoma Humano. Unha auténtica revolución en Medicina.
Desde 1990 ao 2002. Avanzouse moitísimo: permite diagnosticar enfermidades
xenéticas: son logros antes impensables. Eu formo parte da Fundación Galega de
Medicina Xenómica... Imos falar agora doutra aplicación: un 99’5% das letras
son iguais (esencial Identidade Humana). Unha formiga con respecto á outra é
dez veces máis distinta ca un home con respecto a outro home. Un chinés é moito
máis distinto a outro chinés ca un europeo doutro europeo. Hai, como vos dicía,
outra aplicación importante destes coñecementos: a medicina forense...están
implicados químicos, psiquiatras, xenetistas... De moitas partes do mundo nos
consultan. Que nos piden? Pois por exemplo, probas de paternidade. Tedes que
saber que antes iso non valía para nada. As leis ditaban “Fillo ilexítimo” e
punto, pero agora, desde o ano 1980, a raíz da Constitución de 1978, os fillos,
habidos ou non no matrimonio, teñen todos os mesmos dereitos, aínda que as leis
poden variar algo, por exemplo e a diferenza do que ocorre en Europa, en España
a xustiza pide, para poder un fillo solicitar a proba de paternidade, “un
principio de proba”. Son probas fáciles, abonda cun pouco de cuspe, de
sangue... Xa non tan fáciles no campo da criminalística biolóxica porque se
contaminan as probas e poden xuntarse moitas... Hai poucos laboratorios
especializados no mundo. Nós recibimos probas e peticións de todo o mundo.
Falou tamén do ADN mitocondrial, que se transmite por
vía feminina: Vale para reproducir
xenealoxías... Aplicouse, por exemplo, ao caso dos Romanov... grazas á relación
de parentela entre o Príncipe de Edimburgo e a zarina Alejandra... e inda que
me desguste quitarlle o velo ao misterio, debo dicirvos que alí [soterrada] estaba Anastasia... [da importancia do
mito romántico]... E se analizamos os restos
de Santiago e dos dous discípulos que descansan na Catedral e vemos que son
galegos? Tamén se analizaron os
restos de Colón que supostamente xacen tanto en Sevilla como en Santo Domingo,
pero claro, cando analizamos os restos do fillo, os resultados remiten á nai,
non ao pai...
Cando os
atentados de Atocha en Madrid tamén nos pediron que analizásemos restos...
Puidemos chegar a conclusións como esta: é tantos millóns máis probable que
sexa arxelino ca europeo... analizamos nunha gorra ou mochila... tantos millóns
máis probable que esa gorra ou mochila sexa dun europeo ca dun arxelino, porque
claro no tren ían máis pasaxeiros ca os propios terroristas... Podemos
asegurar, outro exemplo, duns restos: hai un 80% de riscos de africano, un X% [non recordo exactamente] de europeo, un 7% de americano, isto é, un ser humano do Caribe e en
concreto de Xamaica...
Outro tema fascinante que tocou: E que pasa coas bases de datos
de ADN? Hainas en países de cero democracia... Hai estados como Alabama que
propoñen facer bases de datos de todo o mundo... Queremos estar tan
controlados? Cal é o límite entre seguridade e liberdade?
Este tipo de
ferramentas é básico para coñecer a historia das migracións humanas. É unha
ferramenta esencia para a historia da humanidade.
(Foto: Mario S. García)
E xa para rematar, un par de datos máis: Unha persoa
do público preguntoulle, a propósito do ADN mitocondrial se se podía falar en
orixe dunha Eva e moitos Adáns e el respondeu: Sete Evas... De cando en vez, cada 4 xeracións, unha letra cambia. As
sete letras máis antigas están en África.
E o derradeiro concepto por hoxe: Levamos 150.000 anos como homo sapiens. Levamos iso. Antes había outra
cousa...
Ningún comentario:
Publicar un comentario