LENDO A XAVIER QUIROGA
Lemos (os alumnos
de bacharelato e eu con eles) Zapatillas rotas. Crin que protestarían: por dúas razóns básicas, pola
extensión da novela e pola dificultade do léxico. Para nada. Salvo 4, todos
cumpriron.
Imos comenzar polo
léxico. Difícil realmente: aquí é onde nacen as futuras teses de doutoramento.
Dei con varias voces que non coñecía e
que tiven que consultar. Vexámolas:
Cazarrote
(“Que
fas?” “Limpar o cazarrote para que incen os coellos”, p. 114 na ed. De
Xerais do 2014). Non figura no DdD. Parece metátese sobre carroza, de carro.
Vilela (El sabía que a Lola non amaba o seu home, e sabía tamén, polo que oía
na casa, que o Luís do Raxo fora un vilela máis dado a esbardallar nas liortas
labregas ou a levantar as saias máis lixeiras que a procurar unha familia,
p. 115). Esta si que vén no DdD: ‘Dícese del hombre alto y desgarbado’,
recolleuna Aníbal Otero nun lugar pequeno de
Portugal (cfr. o refrán –ou
especie de compendio
pseudofilosófico- Hai tres clases
de matrimonio: varón, varela e varicunda. Varón: manda ela, e el non; varela:
el non manda, e manda ela; varicunda: manda ela, e el nunca (M. Quintáns
Suárez, Corcubión). Ese vilela terá
que ver con este varela? Pouco
verosímil. Talvez sexa deturpación do latín vir,
viri, ‘varón’, sen máis voltas.
Tapar un burato na moa ‘matar a
fame, supoñemos (p. 115). Documentamos no CORGA tapar o burato que sentimos no bandullo e no TILG hai que comer algo detrás para tapar o
burato. Pero esta variante coa moa
nós nunca a oiramos.
De moito aloumiño (= cast. De cuidado) (p. 118), conmuta por de moito mimo. Bonita, xa a oíra pero
non con frecuencia...
Pegar un rouso: nunca a vira
como frase, como unidade fraseolóxica con suxeito humano –si para os carros da
vendima en Valdeorras cando rousaban;
vale por ‘dar unha volta’.
Nin trato nin la de gato: Outra
frase chusquiña, na boca do sarxento, un dos personaxes con máis sentido común
da novela. Nunca antes a oíra eu nin a lera.
Corricho por ‘bacoriño’ érame
descoñecida; ídem con requitropa, que
rexistra só Elixio Rivas no DdD (= unha patulea,
que diría Curros Enríquez). Un amarretas,
ben se entende (eu diría un aforricas),
non figura tampouco no DdD. Outra novidosa para min: ...que o trouxese aínda que fose co cenzo a rastro, frase
hiperbólica, ‘aínda que fose coas tripas de fóra’. No canto da frase coñecida sen dicir esta boca é miña, Quiroga usa
estoutra: sen dicir esta palla é miña.
O rapaz fora criado aos cachos pola Lola.
Nunca tal oín. De novo dános a clave no DdD Eligio Rivas Quintas, bo
lexicógrafo onde os haxa, pero el documéntao para a crianza dos animaliños, aos
que se lle dá o leite nos cachos
(=olas, vasillas) porque non poden mamar da teta da nai. Etc. Non sigamos por
non resultar aborrecidos. Agora, iso si, quedamos coa ansia de saber máis deste
escritor. Onde naceu, onde estudou, a quen lle oíu este galego feraz,
riquísimo, como lle naceu a vocación...
(Foto do autor, tomada da Internet)
Deamos mellor a voz
aos alumnos.
Que foi o que menos
lles gustou do libro? En síntese:
- -
Pouca credibilidade no aspecto da investigación do caso, quizais unha
excesiva mobilidade das forzas policíacas e dos medios de comunicación...
-
-Quizais a parte do final, o capítulo final era predicible
-
-Non me gustou moito o personaxe de Pepe, non me gustou a forma de ser
-
-Creo que hai demasiadas historias secundarias dalgúns personaxes que se
desvían moito da trama principal
-
-O peor é que hai moitas escenas que parecen postas aí para rechear
páxinas, con pouca base argumental... O problema son a multitude de
personaxes...
-
-Tampouco me gustou o lío de personaxes, aparecen moitos tipos de mandos
e xenerais ou gardas, e iso despistoume bastante
-
-O que menos me gustou foi que a Vane, a neta do vello, non sinta mágoa
polo avó e que lle importe máis ir de compras a Londres
-
-O que non me gustou foi o final, ata me enfadou... sentinme
decepcionada
E que foi o que
máis lles gustou?
-
-Na miña opinión o máis atractivo da obra é a relación entre Lola e
Xaquín.
-
- Gústame
Lola. Lola foi unha persoa que poñía as necesidades dos demais por diante das
súas.
- -
Para min os momentos máis interesantes foron os do pasado de Xaquín na
aldea, cando contaba a historia da súa familia ...
-
-O que máis me gustou da obra foron os valores que transmite: dende a
denuncia social do maltrato e descoido das persoas maiores e a situación da
nosa sociedade na que as frivolidades teñen éxito e o esencial pasa
desapercibido...
-
-Unha das cousas que máis me gustaron foi como o autor, por medio dunha
historia familiar, consegue englobar case todo o que pasa a miúdo na
sociedade...
-
-É curioso que eu crea que é unha boa obra cando, ao mesmo tempo, vexo
que está cargada de tristura e pesimismo.
- -
É un libro que te deixa coa intriga ata que o rematas
-
-Valorei moito a crítica dos medios de comunicación, que moitas veces o
único que queren é conseguir un titular... e non lles importa darlle a volta ao
asunto...
-
-A min o que máis me gustou é a escena no helicóptero, como o Menduíña
empeza a mocear con Miriam... foi unha situación graciosa, que me fixo rir
- -
O máis interesante é a crítica social... esta sociedade que xa non
atende os maiores...
-
-Este sería un libro que recomendaría pero avisando que teñan coidado
co final, que ás veces non todo sae ben
-
-Gústame a idea que transmite o autor cando nos describe as vidas... no
século pasado, amósase a diferenza entre as clases sociais, os casamentos xa
acordados.. fai que o lector comece a darse conta da sorte que temos porque se
produciu unha mellora neses campos.
( (Foto do Saviñao, a terra que viu nacer ao noso autor)
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
Agora
relembrade que tanto o DdD (Dicionario de
dicionarios da lingua galega), como o TILG (Tesouro Informatizado da Lingua Galega) coma o CORGA (Corpus de Galego Actual) están na rede e
son de libre acceso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario