luns, 27 de xaneiro de 2014

VISITANDO O NÚMERO MIL

VISITANDO O NÚMERO MIL

Miraremos, agora que xa contabilizamos dúas mil visitas, qué outros símbolos moran no número mil. Debemos entrar nun libro que Cervantes salva da queima, Tirant lo Blanc, unha grande e ambiciosa novela de cabalaría escrita en lingua valenciana (vulgar valenciano é como lle chama o autor na dedicatoria ao rei de Portugal, pero tamén lle podemos chamar catalán) no reino de Valencia alá polo século XV, na súa maior parte por Joanot Martorell, mais tamén por Martí Joan de Galba.
No capítulo 29, Tirant aparece por primeira vez en escena: entra na foresta onde se atopa Guillermo de Vàroic (nun momento da súa vida en que celebra 50 anos des que fora nomeado cabaleiro: xa casou, xa foi pai, xa volveu das cruzadas, xa foi nomeado rei para salvar Inglaterra da invasión do rei de Canaria, xa abdicou, xa deixou o mundanal ruído para facerse ermitán), vai cabalgando durmido e Guillermo espértao. El, Tirant,  declara o seu nome a razón de chamarse así. É un encontro nuclear. O ermitán ilústrao. Vaille facer saber que significa ser cabaleiro. É toda unha declaración de principios. E é aí, nesa curiosa explicación do parto da orde de cabalaría, onde cobra un valor simbólico e preciso o número mil. A orde de cabalaría naceu escollendo de cada mil magníficos cabalos, un, o mellor de todos. E ese cabalo debe ser do cabaleiro correspondente, que tamén foi escolleito de entre cada mil homes bos. Os mellores que no mundo eran.
Vemos a importancia simbólica do mil. A orde está instituída en canto se xuntaron eses mil cabalos montados polos mil cabaleiros.
Absolutamente impensable que na realidade do mundo real houbese tanta xente pertencente á nobreza. Non había tantos seres humanos (mil por mil, un millón) en toda Europa capaces de manter un cabalo, nin capaces de manterse eles mesmos sobre un cabalo. Unha vez visitamos os catro da miña familia Jaca, fomos ver un museo precioso que estaba, creo recordar, nun castelo ou fortaleza e vimos un par de sartegos: un era dun nobre (talvez rei) e o outro do seu servidor; un era case o dobre de grande có outro; un comía carne, o outro rara vez a comería. Con isto xa volo digo todo.

A idea, o arquetipo do bo cabaleiro, é dunha grande fermosura. A cortesía –e isto eu ben o creo- move o mundo. Pero a igualdade entre todos os que moramos na face da terra é, con diferenza, o arquetipo superior. Hai que saber conxugar varios verbos á vez. Seguiremos se vós queredes que sigamos. Moitas grazas a todos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario