martes, 21 de xaneiro de 2014

LENDO A NEIRA VILAS

LENDO A NEIRA VILAS

Varios dos rapaces do grupo dos Cazatesouros leron Memorias dun neno labrego: Ana, Álvaro, Valentina, Rita, Juan Andrés e Mario. Colleron o libro o 12 de novembro, seino porque o apuntei na libreta lila. Fóronmo devolvendo gradualmente. Tamén fomos facendo comentarios en tempos sucesivos. Hoxe tocou a síntese final. Que conste que andaban medio revolucionados porque hoxe, 21 de xaneiro, celebramos cos de terceiro o Día sen móbil (unha experiencia coa que procuramos crear conciencia do valor vivo e directo da convivencia, por dicilo dalgunha forma breve); organizáranse xogos no segundo recreo e ademais habería un concurso de dúas entradas para o cine entre aqueles que entregasen voluntariamente o móbil ás 8.30. O curioso é que case todos os cazatesouros veñen normalmente sen ese aparello ás aulas e queríanme convencer de que igual tiñan dereito a entrar no concurso. Sen problema. A cambio a ver se me prestaban un pouco de atención literaria.
Primeiro pregúntolles se pagou a pena a lectura, se lles gustou. Din todos que si, á primeira. Logo quero saber se recordan un concepto que xa vimos con eles outro martes:
-Recordades o significado da palabra dialéctica? No libro pódense establecer varias dialécticas.
Hai unha serie de olladas que se cruzan. Varios repiten interrogantes, dialéctica?
-Pois eu expliquéivolo… Unha relación dialéctica é unha relación entre contrarios, unha oposición… E no libro hai destas oposicións.
-Ah!, si! –agora brillan máis os seus ollos-, entre o pai e el, Balbino.
-Vale: relación adultos/nenos. Que máis?
-Entre Balbino, pobre, e o neno rico.
-OK. Entre pobres e ricos. Entre amos e criados. Máis?
Teño que seguir eu.
-Entre a aldea e a vila; entre os que poden ler libros e instruírse, e os que non.
Agora paro e vou a outro tema.
-E lembrades de quen se namora o Balbino?
Oi!, o que lles custa recordalo, decididamente hoxe non teñen a mente rápida. Por fin Juan Andrés di:
-Da profe!
-Moi ben. E iso é normal, que un rapaz namore da profesora (lembrade que era nova)?
Divídense. Uns negan e outros dubidan. Eu digo:
-Pero o ano pasado lestes comigo na clase un libro onde o prota tamén namoraba da súa profesora…
-Si…Tonecho de Rebordechao! –este que acerta é Mario
-Bingo! E hai pelis… Pensade: non vistes unha peli…
Interrompe Xosé:
-Nos Simpson!, hai capítulos nos que a Burt lle gusta a súa profe.
Engaden Rita e Carmecita:
-“Mi Chica”, é o título doutra película que vimos… e pasa iso.
-E ninguén viu “O informe Pelícano”, con Julia Roberts?
-Vina eu! –este é Álvaro.
-Pois aí tamén, ela investiga co seu noivo-profesor de dereito, que logo morre cando lle poñen a bomba no coche…
Álvaro inda cita un filme máis: “Bad Teacher”.
Dou unha reviravolta:
-Pois para min, rapaces, hai unha frase discutible na obra. Cando Balbino di que os nenos de aldea son nenos tristes, discrepo. Teño curmáns, miña nai, meu home, foron nenos de aldea alegres, tan felices como pode selo calquera. Por que credes vós que Balbino é un neno triste, que outra razón pode haber na súa vida para ser triste?
-Que é pobre –din as rapazas.
-Discrepo de novo. A pobreza non é suficiente razón. Podes ter amigos, xogar e ser alegre.
-Pero se ves que ao teu lado os outros teñen moito e ti non tes nada…
-Vale, algo inflúe. Pero hai máis razóns que tocan a Balbino de cerca. Todo o que o rodea é xusto?
-Non! –hai unanimidade.
-Pois eu penso que esa é a razón principal. Vive moitas inxustizas. Por exemplo?
-Cando o pai lle zosca sen ter el a culpa…
-De acordo. Aí centramos o tema. É obxecto de graves inxustizas. Por iso –basicamente- é un neno triste. Que máis?
Eu quería ir á análise dos cambios que experimentou Galicia desde aquela ata hoxe pero xa era a hora de írmonos. Quizais outro día. Marcamos antes nova lectura: Vinte mil leguas de viaxe submarina, de Verne.



Ningún comentario:

Publicar un comentario