martes, 7 de xaneiro de 2014

ENTREVISTAS A MULLERES GALEGAS

ENTREVISTAS A MULLERES GALEGAS (OU GALEGAS DE ADOPCIÓN).

Hoxe entrevistamos a Ángeles López Agüera,  profesora de Física na Universidade de Santiago de Compostela.

-Moitas grazas, Ángeles, por atendernos. Vostede foi decana da facultade de física de 2006 al 2010. Cal foi o balance dese período? Seleccione o mellor e o peor aspecto que marcan esa etapa da súa vida.

-Era a primeira muller decana de Física en España, nunha profesión “de homes”, e iso constituía un reto engadido. Pero o balance foi positivo, se ben a experiencia comportou un forte desgaste persoal. Foi unha etapa de crecemento persoal e un reto superado.
 O máis negativo foron sen dúbida os problemas de conciliación persoal e familiar, incluso o parón  na investigación.   Recordo esa terrible sensación de ter sempre moitas cousas pendentes, de non chegar nunca… aínda que ao final todo se levaba a termo.
O mellor, o coñecemento a nivel profesional, pero tamén humano de colegas da facultade, a interacción  directa cos estudantes e o ter dirixido o paso ao Espazo Europeo de Educación Superior.

-Levo uns anos formulándolles aos meus alumnos de 2º de bacharelato, como tema para un comentario crítico, a seguinte cuestión: “Por que credes que se matriculan ultimamente máis mulleres que homes na Universidade española?” As respostas son variadas e algunhas peregrinas, pero moitos matizan que a abundancia de mulleres só se dá nas carreiras chamadas de letras. Que nos di a este respecto?

-A resposta é complicada. Tradicionalmente sabemos que as mulleres somos máis pragmáticas e nese sentido deberiamos ser más tendentes ás carreiras científicas. E en certo modo é así, en carreiras tendentes ao “servizo”, á axuda aos demais. Somos maioritarias en carreiras como medicina ou veterinaria. Nos últimos anos incluso química ou bioloxia ou arquitectura.
O maior “conflito” aparece en carreiras como a enxeñería e aquelas dedicadas á investigación, como a física. No primeiro caso, as enxeñerías asócianse a profesións “virís” onde a muller teme non ser aceptada. Aínda nestes días algo desa “sensación” segue estando aí. A muller pensa que terá difícil encaixar nun posto de traballo, e que parte dunha posición de inferioridade.
O caso da física é dobre: Dunha parte a carreira de física é bastante descoñecida e por outra as carreiras en investigación son longas. É fácil explicar as tarefas especificas de dun arquitecto ou un enxeñeiro. O caso da física non é tan evidente. Seguramente se o Grao en Física se chamase Grao en Enerxía-Metereoloxía-Electricidade-Magnetismo-Nanotecnoloxía- Física de Particulas- Física Cuántica- Electrónica- e outros,  entenderíase máis. E si é certo que a carreira investigadora é longa…pero tamén excitante.


-Desa frondosa árbore da ciencia debemos entender que vostede ama máis a Física que se ocupa das enerxías renovables. Por que escolleu esta póla?

-O meu amor á fisica focalízase en detectar e medir. A miña formación é de Física Experimental de Partículas; de feito, estiven 15 anos traballando no CERN en Xinebra (www.cern.ch) . Participei nos experimentos do LEP (Large Electron Positron), a anterior xeración á busca do Higgs. Tras ese período, decidín cambiar de liña de investigación e dirigirme a Astropartículas, en particular aos Raios Cósmicos no Observatorio Pierre Auger (www.auger.org) na prepatagonia arxentina. Sempre no campo da física experimental, deseñando e construíndo detectores de diferentes tecnoloxías.
E aí descubrín algo: Sentía a necesidade de facer transferencia tecnolóxica, de facer “útil”, socialmente útil, os nosos desenvolvementos en detectores de enerxía. E desde hai 7 anos estou niso: Formei un Grupo de investigación dedicado a Aplicacións Enerxéticas Sustentables, sempre aplicando as técnicas e os coñecementos das miñas etapas anteriores. Agora desenvolvemos tecnoloxia dedicada a  crear Comunidades Enerxeticamente Sustentables (enerxía, auga, residuos, permacultura). Trátase dunha investigación transversal, de feito o meu equipo integra fisicos, arquitectos, enxeñeiros, ecnomistas e antropólogos. E aí está o futuro, nos novos modelos enerxéticos sustentables… e hai moito por facer. Cando queiras dámosvos unha charla no instituto…

-Estaremos encantados de recibirvos. Seguimos, Ángeles. Cando Suso (o meu fillo maior, alumno nesa facultade baixo o seu decanato) volvera das Olimpíadas de Física de Corea, alá polo ano 2004, viña un pouco desanimado porque o papel de España fora moi pobre, nin tan sequera un diploma, dicía. Durante un tempo, na casa reflexionouse en voz alta sobre qué se podía facer para mellorar, visto que un cursiño acelerado de 10 días en Madrid é claramente insuficiente. Agora son malos tempos para a lírica, para pensar en investir nese terreo cartos públicos. Pero, e os cartos da empresa privada? Todos sabemos que grandes empresas españolas financian cultura e deporte. Non podían acaso contribuír a financiar estas Olimpíadas?

-Seguro que poderían, é máis, deberían contribuír, pero creo que o consideran de baixa visibilidade. Os olimpistas en ciencias non levan camisetas cos sponsor nas grandes cadeas de televisión en prime-time.   
Moitas veces teño pensado que desde as facultades non facemos suficiente esforzo para apoiar os nosos futuros estudantes, nin sequera os máis prometedores e posiblemente é certo. O que si aseguro é que mimamos a formación dos nosos mozos cando chegan á Facultade.
Neste sentido, calquera suxestión resultaría útil.


-Dígame, Ángeles, que libro ou libros está lendo agora?

-Desde hai uns anos o meu Grupo de Investigación traballa en proxectos en Africa e sobre todo en América Latina, nalgúns casos en comunidades indíxenas.  Interésanme esas culturas precolombinas e é o meu tema de interese. Nestes momentos estou lendo un libro de Fila Routen sobre a cultura inca.
Encantoume tamén un libro de contos de Munro, recoméndoo de verdade.

-Volvería estudar vostede Física?

-Vou contarche unha historia: Física non era a miña primeira opción. Cando entrei na Universidade quería facer matemáticas, pero en Santander, de onde son, non había a carreira e non podía desprazarme. Entón empecei física porque era a carreira que máis matemáticas tiña. E namoreime da física. E despois de 30 años de traballo, segue sendo asi.
A física é o máis parecido á formación renacentista, no sentido da formación e o coñecemento global. E a miña traxectoria é un exemplo de versatilidade.
Adoro a miña profesión. A docencia permíteme formar os meus futuros colegas e é gratificante ver como os  meus antigos alumnos se converten en profesionais de prestixio. E entusiásmame a investigación. Volvería estudar Física sen dúbida ningunha.



-De novo moitísimas grazas, Ángeles, por dedicarnos do seu tempo. 

5 comentarios:

  1. Esta entrevista a profesora de Física na Universidade de Santiago de Compostela, sen dúbida algunha, é unha das miñas publicacións favoritas deste blog, xa que encontro nesta muller toda unha inspiración, pois non dubidou a hora de escoller unha profesión estiquetada por ser ''para homes''.
    Na sociedade actual, e verdade que a figura da muller xa ten moito máis peso, e non se ve obligada a cargar con moitos prexuizos como en anos anteriores, pero é certo, que as mulleres, non todas, aún temen ser xuzgadas ou terminar fracasando por facer algo que ''sempre foi para homes''. Por iso eu creo que é preciso que de vez en cando se recorde que todo é posible, que ser muller nunca ten que supoñer un obstáculo. Grazas por esta maravillosa entrevista a Ángeles López Agüera.
    Lucía Neira García 2º de Bacharelato E

    ResponderEliminar
  2. Paréceme moi interesante esta entrevista, sabendo que dentro de uns meses, se aprobo todo, teño que elixir eu o que quero estudar. Gustoume moito saber da súa experiencia, de como tivo que meterse na carreira de Física,a pesar de que a ela o que lle gustaba eran as matemáticas, se pode dicir que arriesgou, aínda que supoño que algo lle gustaba a Física. Alégrame saber que ao final acabou namorada como din ela da súa profesión. Pareceríame moi interesante que nos viñera a dar unha charla da súa experiencia.
    Marta Presedo García 2º Bacharelato E

    ResponderEliminar
  3. Son Marta Mora alumna de 2º de bacharelato.
    Pareceume moi interesante a entrevista, realmente, tivo que ser difícil comezar a traballar no que a entrevistada chama "profesión de homes". Pero na miña opinión non hai profesións de homes, nin de mulleres, hai “profesións de persoas” e cada vez avánzase máis cara á igualdade real no emprego. Pódete custar máis ao principio adaptarte pero as cousas neste sentido avanzaron moito e en xeral as mulleres nas súas respectivas profesións están plenamente adaptadas.
    A entrevista deixa claro que as mulleres demostraron a súa capacidade para asumir calquera responsabilidade laboral e demostraron con folgura que poden desempeñala con eficacia.

    ResponderEliminar
  4. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  5. Esta entrevista á profesora de Física da USC é, para min, unha das máis interesantes do blog. Quizáis porque unha das miñas primas graduouse en Bioloxía (máster en Xenética), unha das "profesións dos homes", e con esforzo e traballo logrou saír a diante e facerse un oco entre eles.
    Paréceme admirable a postura desta profesora, xa que traballou durante anos para conseguir o que realmente lle gustaba, sen importarlle os prexuízos que isto lle podía acarrear.
    Ángeles López Agüera superou obstáculos durante anos, e admíroa porque pese a todo adoraba o seu traballo, adoraba o que facía e iso tróuxolle a súa recompensa.
    Espero con ansia novas entrevistas deste tipo, xa que grazas a elas, os estudantes sentimos unha gran motivación para seguir adiante e loitar polo noso futuro.
    Alba Mª Martínez González, 2º Bacharelato E

    ResponderEliminar