venres, 10 de xullo de 2020

ENTREVISTAS CO VAMPIRO


CONVERSA CON ANTONIO FONDO, PROFESOR E VOLUNTARIO SOCIAL

 (O profesor Antonio Fondo)

Antonio Fondo, soneirán de berce, historiador, profesor, viaxeiro e profundo coñecedor dos vieiros infindos de Galicia, é ademais un activista social, un humanista, que nestes meses de andazo vírico e illamento, está dedicando todo o seu afán en contribuír a facerlle a existencia máis levadía ás persoas máis vulnerables e tantas veces invisibles  aos nosos ollos.


Desde esa situación en primeira liña, de observador excepcional da realidade social, conversamos co Antonio, como el mesmo ten feito con outras persoas anónimas, conversas das que nos dou conta na serie de entrevistas publicadas en Cazatesouros, o blog do IES Eusebio da Guarda onde traballa.


De onde che vén esa sensibilidade túa polo compromiso social? Cando te iniciaches nas tarefas de voluntariado?

Como ben sabes, antes de traballar no ensino fíxeno na Oficina de Peregrinos da Catedral de Santiago. Ás veces presentábanse situacións difíciles, ía aprendendo vendo o modo de actuar do meu xefe, D.Jaime García. Temos dado cos famosos “carrileiros”, que, igual que no fútbol, son aqueles que se adican pseudoprofesionalmente ao Camiño, No Códice Calixtino chamábanse “gallofos”. 

Alí coñecín o labor da Cociña Económica, a do Fogar Xoán XXIII, rexentado polos Franciscanos, en Santiago. 
Polo demais, no meu entorno familiar sempre vin tratar ben aos máis desfavorecidos, axudalos, interesarse pola súa situación…


Unha das institucións na que centras o teu traballo é Cáritas: que labor estades a desenvolver estes días tan delicados? Como é o voso día a día?

En Cáritas levo uns once anos, Empecei na Parroquial de S.Vicente de Elviña e fai uns oito pasei a colaborar coa de S.Fernando de Feáns, na que se enmarca a urbanización de Novo Mesoiro (noutros casos este tipo de unidade pastoral, como a do Milladoiro, no extrarradio de Santiago, denomínanse parroquias-aluvión).

Fun un pouco por casualidade, para aprender a escoitar: a escoitar a realidade e a poder entendela, non a que nos queren contar. Outra vez nos atopamos cos que só queren solucionar os seus problemas, os que procuran diñeiro fácil, chorando e usando todo tipo de atallos.
Nós acollémolos, explicámoslles que somos voluntarios e que Cáritas é unha axuda, non a solución.

 Cáritas ten toda unha serie de servizos na cidade da Coruña: pisos tutelados, dous economatos, Arroupa (empresa para darlle un segundo uso á roupa, ademais de prover as necesidades dos nosos usuarios) e atención personalizada por traballadores sociais que  estudan as problemáticas e nos asesoran nas diferentes casuísticas. 

Nós mesmos, como equipo, fomos mudando na forma de atendelos, á parte da demarcación territorial que marca a parroquia, han que cumprir unha serie de requisitos básicos, a nivel administrativo. Gozamos de certa liberdade na nosa atención, temos os nosos propios criterios, non sempre coincidentes cos dos Servizos Sociais.
Intentamos mellorar a nosa atención que lles facilitamos unha vez ao mes en cada parroquia, esta vai en función da tipoloxía de familia e do número de membros que a conformen.

Entre as dúas parroquias estamos atendendo a máis de 200 persoas, que se traducen nunhas 80 unidades familiares.

Acudimos ao Banco de Alimentos por unha serie de produtos, somos entidade colaboradora co FOGGA (para froitas e verduras), e do FEAD (que aporta alimentos básicos en tres fases ao longo do ano). Os fondos que proveñen de Cáritas Interparroquial destínanse ao máis necesario: completar a cesta de alimentos, axudas puntais para recibos… Hoxe en día centrámonos no tema alimenticio, así como no da derivación a outros servizos de Cáritas, na práctica temos información deles de primeira man.

Axudámolos a conseguir ou repoñer mobiliario estragado, xoguetes na campaña de Nadal, electrodomésticos ou elementos do enxoval (mantas, pratos, cuberterías…) 

Contamos cunha furgoneta cedida por unha familia desde hai uns catro anos, o que nos facilita moito a loxística.

Somos un grupo moi unido, oito persoas, algunhas xubiladas: Lola Fernández, Miluca Maceiras, Olga Costa, Germán Pina, Pablo Castro e Alberto Rey, sen esquecernos doutros como Jesusa e Salvador, Vicente e Carmen, Rogelio e Teresa, Manolo, Rosa, Stella, Antonio ou José Antonio. Contamos co apoio e axuda incondicional do párroco José Olveira.

Por este equipo pasaron varios dos nosos alumnos. Ademais de Alberto Rey Abelaira, véñennos axudando sempre que son requeridos, Paloma Bonilla Omil, Pablo Porto Nogareda, Germán Tojeiro Graíño ou Daniel Calvo. Para eles foi e segue sendo unha experiencia de vida. Se os necesitamos, só temos que levantar o teléfono. 

Por parte do noso centro, tanto da dirección como do claustro e demais persoal sempre recibimos apoios para este labor. Sen eles e sen o apoio da miña familia non sería tan doado.

 Cal cres que son as necesidades máis básicas das persoas en risco de exclusión da cidade?

Tratamos de axudar a cubrir as necesidades alimenticias básicas, pero a problemática é bastante ampla (autoestima, problemas residuais, violencia doméstica, inmigración, dasafiuzamentos, retornados ou refuxiados). Moitas veces son xente con escasa formación e hai que pelexar con eles para que acudan aos Traballadores Sociais  ou a outros servizos. 

De catro anos para aquí notamos un incremento nos procedentes de Venezuela (con estatuto refuxiados), xente cun bo nivel cultural e cunha boa posición social e económica, ata que un bo día tiveron que desandar o camiño de pais e de avós e fuxir buscando mellor acubillo.
E atendemos a outros colectivos como xitanos e inmigrantes africanos e de América Latina.

Sentides a solidariedade dos cidadáns e de outras institucións?

Si que a sentimos, téñennos chamado de institucións veciñais para aportar alimentos, roupa e patacas. Temos ido a Coristanco por iniciativa dos veciños de Cereo e de Valenza, cunha mención especial á nosa compañeira Amparo García, quen nos facilitou o contacto e a recollida. A asociación de vecinal de Novo Mesoiro tamén vén colaborando connosco. Algúns centros escolares da contorna apórtanos víveres da  Operación Kilo, das campañas do Nadal... Temos ido  recoller froita de particulares. E nos últimos tempos tamén nos facilita excedentes de produción a Asociación Raíña Paraiso, escola e granxa ecolóxica nacida do movemento veciñal e parroquial de Cabrui, personificados en Raquel, no sacerdote Víctor Naveira e en todos os traballadores e asociados.


Algunha situación que che chamase particularmente a atención, penosa ou esperanzada?


Hai situacións difíciles, familias numerosas ou monoparentais con moitas dificultades, ás veces unha nai con un ou varios fillos e con traballos en precario que nós contan as peripecias que fan para chegar a fin de mes. Xentes que foxen do seu país na procura dun maná difícil de conseguir.

Cando algunha familia nos chama para dicir que encontraron traballo e van deixar de acudir a nós,  é unha pena por deixar de velos, pero unha ledicia pola melloría da súa situación vital.

Que estás a aprender desta vivencia que nos queiras transmitir?

Todo nesta vida é efémero, agora estamos dun lado da porta, mais podemos estar no outro en calquera momento. As situacións mudan, poden vir mal dadas pasando de estar ben a necesitar axuda. Coñecemos familias que estiveron en moi boa posición e a día de hoxe malviven, incluso algúns non se fan presentes, son os novos ´vergonzantes´.

Outra ocupación  túa como profesor é o da adaptación á nova situación escolar. Para un mestre coma ti, tan amigo da conversa amical e do contacto diario cos compañeiros e alumnos, que supuxo este tempo de relación virtual e a distancia? Tes fe nesta maneira de nos relacionar, persoal e intelectualmente, nesta maneira de compartir os afectos e os coñecementos? Alégraste ou temes polo futuro dunha educación basada no virtual? Haberá que falar tamén no medio escolar de ''distanciamento social''?

Tiven a sorte de terlle proposto ao alumnado durante o  terceiro trimestre unha serie de pequenos traballos de investigación, que se veñen facendo nos últimos anos, adaptándoos ás campañas de animación a lectura da nosa biblioteca, este curso baixo o título: “E logo ti, de quen vés sendo?”

Sigo recorrendo ao correo electrónico, ao contacto por mensaxería de telefonía móbil con algúns encargados por aula e cos titores.
Deixámoslles unhas pautas e van respostando bastante ben. Nalgún caso  non o están pasando ben, pois hai familiares que quedan sen traballo e con outras problemáticas que se agrandan neste contexto confinado.

Non temo polo ensino ao uso.Igual tardaremos en volver á normalidade, xa se fala incluso dun sistema semipresencial ou dual (parte na aula, parte virtual) ou coa metade do aforo, mentres non apareza a tan desexada vacina. Sería bo incentivar o potencial investigador co que contamos e que sempre remata noutros lares lonxe da nosa contorna. A investigación é cara, pero máis caro é o custo humano da pandemia.

Hai compañeiros que están traballando moito, sen horarios, esfórzanse por mellorar, por escoitar e acoller ao alumnado, cun gran sentido vocacional da profesión.

Para un viaxeiro coma ti, que levaches a tantas xeracións de rapaces e profesores polos camiños de Galicia... non nos vas dicir que en diante has ter que levarnos a ver o mundo a través de Google Earth.

Agardo que pronto esteamos viaxando, a pandemia pillounos con tres proxectos en marcha para o profesorado, dentro do proxecto “Eusebio bótase ao monte”. 

Un na semana que entramos en alerta, o 14 de marzo, adiado sen data: visita ao pórtico da Gloria, Arquivo e museos catedralicios de Santiago, o Mosteiro de Camanzo, a casa natal de Neira Vilas e a Ponte Ledesma, coas súas poldras desafiando a vertixe e poñendo en dúbida o equilibrio entre os tres estados, sólido, líquido e gasoso.



Outro para o 30 de Maio, aprazado para mellor ocasión: ruta fluvial do Ulla, “a translatio xacobea”… saíndo de Padrón ata Vilanova de Arousa para coñecer as paisaxes e as paisanaxes de Valle-Inclán. 

E un terceiro para Outubro  por Terras do Xallas, concellos de Dumbría e de Mazaricos, onde contabamos coa excepcional axuda do técnico de Cultura e cronista local, Jesús Antonio Jurjo Lado.


Para ir rematando e poñéndolle o ramo á conversa: como home amante de contar historias e cun grande sentido do humor, podías contarnos un conto, algunha anécdota sobre este tempo difícil e estraño de pandemia e illamento?

Hai historias e historietas, unha das noticias con máis contido que lin do confinamento foi aquela de “Medra a fidelidade á parella neste período chegando ao máximo histórico do 99.5 %”. 

Tamén me chamou por teléfono un repartidor de mensaxería preguntándome se estaba na casa: “onde vou estar, que estamos confinados”. 

Xa sabedes que me gustan moito os animaliños e compadézome dos pobres cans que tiñan que facer quilómetros extras. Un canciño dicía despois de saír dúas veces: “xa mexei, xa fun de ventre, onde carajo me levades agora?”

Outro moi oportuno é un de Carlos Dávila, no que un crego reparte a comuñón con tirabalas para respetar a distancia de seguridade.




Muito obrigados, Antonio, polo teu compromiso e humanidade, por esa túa alma grande como un penedo soneirán e ese teu corazón de mazá vimiancesa.

 
X. Pérez Mondelo (profesor xubilado do IESP 'Eusebio da Guarda')

xoves, 2 de xullo de 2020

BUSCANDO PALABRAS


FRASEOLOXISMOS E REALIDADE PERDIDA

 (Plano de Santiago de 1595 conservado no Arquivo de Simancas: vense unhas 9 portas na vella "cerca" ou muralla)

A fraseoloxía é unha especie de caixa das ferramentas onde se garda un pouco de todo. Cun atributo específico: o alto grao de conservadurismo lingüístico, o cal non quere dicir que non asuma ou integre innovacións, naturalmente. Esa é a dinámica do xogo: conservar e innovar. Conservar a tradición que querían os membros do Grupo Nós, e procurar progresar asemade. Como a toponimia, como a onomástica, a fraseoloxía é, insistimos, por antonomasia conservadora en grande medida. Coma a Terra, Galicia. Unha sociedade tradicionalmente agraria é sempre, case que por definición, conservadora. Igualmente o era Friúl, onde eu vivín, traballei e fixen amigos hai xa corenta anos. Tamén alí se falaba unha lingua minorizada,  o friulano, nada doado de aprender, por certo; desde o punto de vista da fonética eu recordo unha oclusivas palatais tremendas… En fin, como estamos ao que estamos, veñamos ao caso. Imos empezar pola delimitación necesaria. Cantas unidades traballamos? A ver un número máxico, doce? Parécevos ben? Non, son moitas (ando mal de tempo, meus queridos), partímolo ao medio,  que sexan media ducia.
1.      A tiña. Antes había máis tiña, a enfermidade esa dos gatos, que pode pasar aos cristiáns… É tamén os paxariños, cando estaban aínda coa penuxe, había zonas de Galicia nas que se dicía que tiñan a tiña. Coñecemos un par de frases vinculadas a este concepto: terlle tiña a alguén ‘terlle xenreira ou zuna’; aínda ten a tiña (esta equivale a dicir que inda non saíu do cascarón, coma os paxariños: logo non ten aínda experiencia); dárselle coma a tiña (xa vos dixen antes que era frecuente ver a tiña nos animais e ás veces nos cristiáns: de aí esta comparanza, úsase para ponderar o doado e ben que se lle dá algo a alguén, por exemplo, as cartas…); o xamón cómeo na cabeza dun tiñoso: a imaxe debe ser o súmmum do que produce terrexío ou grima… pondera o moito que lle gusta a alguén algo. Fixádevos, aproveitando o conto, en que a fraseoloxía se nutre de imaxes. Nada novo baixo o sol: tamén a memoria, o pensamento, se nutre das imaxes do vivido. Pero dentro do que son as pólas da árbore da linguaxe, a freseoloxía leva a palma en imaxinería. A imaxe é o motor número un na produción fraseolóxica, vaia.
2.      O carro. Non podía faltar, claro. Dubidei, que conste, está tan trillado… pero hai cousas coas que non se pode loitar: o carro gústanos, é un artiluxio que non sabemos cando naceu ou xurdiu e porén lévanos a pensar que naceu perfecto como Atenea da coxa ou da cabeza -din outras versións- do pai. Este día o meu cuñado buscaba con afán veciños na aldea do meu home que lle explicasen e axudasen a debuxar e escribir “tecnicismos”… Hai por aí, por Europa adiante, tumbas onde soterraron fermosos carros cos seus propietarios, hai carros de carros, faraónicos, bíblicos (Deus e carro de Israel!, ah, que beleza de aliteración…), celtas, indoeuropeos. Algunha frase bonita: ter carro ferrado ‘ter moitos cartos’ (había clases tamén, de madeira só, ou con ferro, como a ponte ferrada que dá nome á capital do Bierzo); ser un carro cansón ‘un lento moi lento, pousón’, a frase é da miña nai valdeorresa, de toda a vida… Vedes, outra cousa preciosa da fraseoloxía: somos moitas veces capaces de asociar unha frase cunha persoa e cunha terra. Un connubio marabilloso, diría. Unha última de mamá, coma se rousara un carro, máis común é coma se cantara un carro, pero ela usa o verbo rousar ‘dar a volta o carro’, tamén se di roncear e esa combinación fonética ‘ron, ron…’ xa nos fai imaxinar o ruído das rodas rousando… En estreita asociación -tede presente a semántica desta frase ‘non facer caso’- está aqueloutra frase que di falo eu ou canta un carro?, implícita solicitude de atención. Cando eramos rapaces de 7 ou 8 anos, subiamos ao carro que pasaba por detrás da casa dos meus avós no Barco e levaba as uvas (daquela todas eran viñas: desde o Castro a Veigamuíños…) a seren estrulladas, subiamos varios detrás e fartabámonos de pillar uvas, mentres o carro lentamente, cantaba, e as vacas do país espantaban as moscas, na calor inesquecible dos veráns da infancia.


3.       (O famoso e fermoso Carro Solar de Trundholm)
 
A porta da vila. Se cadra, esta porta é menos antiga có carro, se cadra é medieval. Ou de canda os romanos, que como sabedes tamén tiñan gusto e costume de facer murallas, nas de Lugo consérvanse nomes: a porta Miñá, por exemplo. A frase que nos fai abrir esta porta é esta: ser o víndeo ver á porta da vila, algo así como o chocalleiro de todos os veciños, ou se queredes en castelán, la comidilla ou el hazmerreír del barrio. Aquí na Coruña as murallas -a miña irmá sabe moito disto, volve traballar este ano, con colegas,  para un mellor coñecemento do noso patrimonio arqueolóxico- tiñan tamén as súas portas: non vos soa Porta do Aire, un sitio famoso pola loita na que se significara María Pita? Terei que mirar, a ver se é unha falsa etimoloxía e por alí viví un Ares ou así… Máis seguras son a Porta do Orzán, a do Parrote, a do Cravo e a de San Miguel. En Santiago había un montón: a do Camiño, a de Mazarelos, a dos Francos, da Pena, da Mámoa, Porta Faxeira… Ah, esta dá orixe a outra estupenda frase: ser a Porta Faxeira ou a porta da aldea, é dicir, falar moito e de máis, ser un bocalán. En Údine, ou Udín, María e eu iamos de cando en vez a botar unha partida ao pimpón, escribir cartas á casa, e tomar algo ao bar Città, e relembro perfectamente que se vía desde a fiestra daquel tranquilo lugar unha das torres da vella muralla, e unha das portas conservadas (sería a Porta Aquileia?).
4.      Arden as meigas. A frase oímoslla á nosa sogra hai anos. Significa que hai moita calor. Logo xa a oímos en máis ocasións, sempre a falantes nativos da parroquia de Santa María de Cortegada, Silleda, Pontevedra. Para nós este é un caso de memoria colectiva. Certezas absolutas non temos, pero vaia… En Europa din os historiadores que chegaron a arder decenas de milleiros de persoas, e moitas mulleres. Algunhas, ben famosas coma a santa padroeira de Francia, Xoana de Arco, ou a María Soliño que cantou o poeta, quen nacería en Cangas no século XVI. Ou as 19 mulleres queimadas en Salem (Massachusetts, EEUU) en 1692. A Inquisición en España oficialmente considérase fundada coa publicación dunha bula papal arredor do 1480, reinando os Reis Católicos, pero xa antes ardeu xente a esgalla, por exemplo, Prisciliano (un dos primeiros en sufrir esta tremenda pena co lume), ou canda o reinado de Pedro II de Aragón ou Xaime I o Conquistador… Pedro deu permiso para queimar herexes (viñan do sur de Francia os albixenses…). Oficialmente, a Inquisición finaliza en 1834. Esta é unha clase de “realidade perdida” que non botamos en falta para nada.


((Libro rico en documentación, de onde atiramos datos sobre procesos contra os albixenses, e sobre a Inquisición)



((Herexes na fogueira. Lisboa. Gravado do século XVIII)

5.      O pito san Lázaro. A frase, parece un pito san Lázaro (cuxo valor é ponderativo e aplícase á persoa que está enchoupada, coma un pito, ou feita unha braña…) oímoslla á nosa curmá Lala, de Silleda. Podemos elucubrar un pouco sobre ela, desde o momento en que non atopamos feira en Silleda dedicada a ese santo,  nin capela apropiada… Quizais a orixe estea en Santiago de Compostela, onde si hai capela, e romaría para ese santo e onde ou ben se feireaba ou ben se ofrendaban galiñas e pitiños (hoxe en día inda se conserva a festa gastronómica das uñas do porco, parte das vellas ofrendas ao santo tan avogoso, o santo dos leprosos, os lazarados; un día destes pararemos a falar destoutro tema, pero anticípovos que xeraba moitísimos cartos, había moita xente que deixaba mandas testamentarias para as ordes dos lázaros, e capelas con hospitais de lazarados habíaas por toda Galicia…). Lala xa nos ten agasallado con máis frases santiaguesas (alí ten familia e amigos, alí estudou o seu fillo…). Relembro outra moi boa dela: este é un pito bebendo, aludindo a un “estirado”. A imaxe é clara e estupenda, porque os pitos cando beben estarrican moito o pescozo, cara arriba. Logo creo relembrar tamén que Raúl, o que fora o voso profesor -de moitos de vós- de debuxo, criado en Santiago, me dixo algunha vez que incluso esa frase, a do pito-bebendo se convertera en alcume santiagués. Van boas as feiras… Eu xa nin recordo a última vez que estiven nunha feira, hai que volver… (foi en Pastoriza, polo san Miguel). Carmela tenme contado que na de Aranga de outrora vendían figuriñas de galiñas e pitos feitas de pan… Na coruñesa de santa Lucía da miña infancia (máis que feira, praza-mercado ao aire libre) mamá comprábame os  cornechos de pan.
Pero se cadra, todo isto non pasa de elucubracións e a xénese da unidade fraseolóxica sexa a xustaposición, de tal forma que se unen dúas imaxes: a do pitiño indefenso e mollado e a do lazarado (unha persoa en estado penoso: feito un lázaro/lazarado). Unha especie de reduplicación enfática.

 (Valencia do Sil, a terra da nosa nai, onde localizamos lembranzas da matanza)
 
6.      O pau viradoiro. Este pau entra na frase comparativa estar coma o pau viradoiro ‘moi delgado’. Era este un pau que se usaba para virar as tripas, na matanza. A cousa non debía ser nada doada, habería que ter coidado para non rachalas… Pero era unha forma boa para asegurar a limpeza total das tripas. Agora para facer os chourizos xa se compran limpas e supoño que sintéticas, pero antes non. A limpeza das tripas en Valdeorras, nos tempos en que eu podo relembrar, era cousa das mulleres; nós,  os rapaces, iamos ver como facían. Ficaban as mans vermellas, a auga que baixaba da montaña polo arroio estaba moi moi fría, e as tripas cheiraban que fedían. Con todo, alí non se usaba o pau nin polo tanto, usaban ese nome, pau viradoiro. En troques, hai lugares de Galicia onde o pau incluso recibe un nome especial, a virola. Mirade o que me contou a que fora profesora dos meus fillos e dalgúns de vós, María Lema: VIROLA: Non había picho (cano), iban ao regueiro e non podía virar co dedo as tripas, e levaban a virola, facíanse cun pau de vimbio, e co coitelo esfolabann ben esfoladiño para que non rompesen as tripas porque había que facer chourizos e morcillas, había que fregalas na pedar, saíalle aquilo, pegañento, e logo chegar a casa e metelas en baños de limón (María Lema, Sta. Cruz de Rivadulla).




(A escultura céntrica, ben situada, de Lalín. O porco do artista Manuel Rial)
 
Vale. Ata aquí chegamos por hoxe. Espero que algo vos gustase. Igual repetimos o tema outro día. Feliz mes de Santiago!