venres, 10 de xullo de 2020

ENTREVISTAS CO VAMPIRO


CONVERSA CON ANTONIO FONDO, PROFESOR E VOLUNTARIO SOCIAL

 (O profesor Antonio Fondo)

Antonio Fondo, soneirán de berce, historiador, profesor, viaxeiro e profundo coñecedor dos vieiros infindos de Galicia, é ademais un activista social, un humanista, que nestes meses de andazo vírico e illamento, está dedicando todo o seu afán en contribuír a facerlle a existencia máis levadía ás persoas máis vulnerables e tantas veces invisibles  aos nosos ollos.


Desde esa situación en primeira liña, de observador excepcional da realidade social, conversamos co Antonio, como el mesmo ten feito con outras persoas anónimas, conversas das que nos dou conta na serie de entrevistas publicadas en Cazatesouros, o blog do IES Eusebio da Guarda onde traballa.


De onde che vén esa sensibilidade túa polo compromiso social? Cando te iniciaches nas tarefas de voluntariado?

Como ben sabes, antes de traballar no ensino fíxeno na Oficina de Peregrinos da Catedral de Santiago. Ás veces presentábanse situacións difíciles, ía aprendendo vendo o modo de actuar do meu xefe, D.Jaime García. Temos dado cos famosos “carrileiros”, que, igual que no fútbol, son aqueles que se adican pseudoprofesionalmente ao Camiño, No Códice Calixtino chamábanse “gallofos”. 

Alí coñecín o labor da Cociña Económica, a do Fogar Xoán XXIII, rexentado polos Franciscanos, en Santiago. 
Polo demais, no meu entorno familiar sempre vin tratar ben aos máis desfavorecidos, axudalos, interesarse pola súa situación…


Unha das institucións na que centras o teu traballo é Cáritas: que labor estades a desenvolver estes días tan delicados? Como é o voso día a día?

En Cáritas levo uns once anos, Empecei na Parroquial de S.Vicente de Elviña e fai uns oito pasei a colaborar coa de S.Fernando de Feáns, na que se enmarca a urbanización de Novo Mesoiro (noutros casos este tipo de unidade pastoral, como a do Milladoiro, no extrarradio de Santiago, denomínanse parroquias-aluvión).

Fun un pouco por casualidade, para aprender a escoitar: a escoitar a realidade e a poder entendela, non a que nos queren contar. Outra vez nos atopamos cos que só queren solucionar os seus problemas, os que procuran diñeiro fácil, chorando e usando todo tipo de atallos.
Nós acollémolos, explicámoslles que somos voluntarios e que Cáritas é unha axuda, non a solución.

 Cáritas ten toda unha serie de servizos na cidade da Coruña: pisos tutelados, dous economatos, Arroupa (empresa para darlle un segundo uso á roupa, ademais de prover as necesidades dos nosos usuarios) e atención personalizada por traballadores sociais que  estudan as problemáticas e nos asesoran nas diferentes casuísticas. 

Nós mesmos, como equipo, fomos mudando na forma de atendelos, á parte da demarcación territorial que marca a parroquia, han que cumprir unha serie de requisitos básicos, a nivel administrativo. Gozamos de certa liberdade na nosa atención, temos os nosos propios criterios, non sempre coincidentes cos dos Servizos Sociais.
Intentamos mellorar a nosa atención que lles facilitamos unha vez ao mes en cada parroquia, esta vai en función da tipoloxía de familia e do número de membros que a conformen.

Entre as dúas parroquias estamos atendendo a máis de 200 persoas, que se traducen nunhas 80 unidades familiares.

Acudimos ao Banco de Alimentos por unha serie de produtos, somos entidade colaboradora co FOGGA (para froitas e verduras), e do FEAD (que aporta alimentos básicos en tres fases ao longo do ano). Os fondos que proveñen de Cáritas Interparroquial destínanse ao máis necesario: completar a cesta de alimentos, axudas puntais para recibos… Hoxe en día centrámonos no tema alimenticio, así como no da derivación a outros servizos de Cáritas, na práctica temos información deles de primeira man.

Axudámolos a conseguir ou repoñer mobiliario estragado, xoguetes na campaña de Nadal, electrodomésticos ou elementos do enxoval (mantas, pratos, cuberterías…) 

Contamos cunha furgoneta cedida por unha familia desde hai uns catro anos, o que nos facilita moito a loxística.

Somos un grupo moi unido, oito persoas, algunhas xubiladas: Lola Fernández, Miluca Maceiras, Olga Costa, Germán Pina, Pablo Castro e Alberto Rey, sen esquecernos doutros como Jesusa e Salvador, Vicente e Carmen, Rogelio e Teresa, Manolo, Rosa, Stella, Antonio ou José Antonio. Contamos co apoio e axuda incondicional do párroco José Olveira.

Por este equipo pasaron varios dos nosos alumnos. Ademais de Alberto Rey Abelaira, véñennos axudando sempre que son requeridos, Paloma Bonilla Omil, Pablo Porto Nogareda, Germán Tojeiro Graíño ou Daniel Calvo. Para eles foi e segue sendo unha experiencia de vida. Se os necesitamos, só temos que levantar o teléfono. 

Por parte do noso centro, tanto da dirección como do claustro e demais persoal sempre recibimos apoios para este labor. Sen eles e sen o apoio da miña familia non sería tan doado.

 Cal cres que son as necesidades máis básicas das persoas en risco de exclusión da cidade?

Tratamos de axudar a cubrir as necesidades alimenticias básicas, pero a problemática é bastante ampla (autoestima, problemas residuais, violencia doméstica, inmigración, dasafiuzamentos, retornados ou refuxiados). Moitas veces son xente con escasa formación e hai que pelexar con eles para que acudan aos Traballadores Sociais  ou a outros servizos. 

De catro anos para aquí notamos un incremento nos procedentes de Venezuela (con estatuto refuxiados), xente cun bo nivel cultural e cunha boa posición social e económica, ata que un bo día tiveron que desandar o camiño de pais e de avós e fuxir buscando mellor acubillo.
E atendemos a outros colectivos como xitanos e inmigrantes africanos e de América Latina.

Sentides a solidariedade dos cidadáns e de outras institucións?

Si que a sentimos, téñennos chamado de institucións veciñais para aportar alimentos, roupa e patacas. Temos ido a Coristanco por iniciativa dos veciños de Cereo e de Valenza, cunha mención especial á nosa compañeira Amparo García, quen nos facilitou o contacto e a recollida. A asociación de vecinal de Novo Mesoiro tamén vén colaborando connosco. Algúns centros escolares da contorna apórtanos víveres da  Operación Kilo, das campañas do Nadal... Temos ido  recoller froita de particulares. E nos últimos tempos tamén nos facilita excedentes de produción a Asociación Raíña Paraiso, escola e granxa ecolóxica nacida do movemento veciñal e parroquial de Cabrui, personificados en Raquel, no sacerdote Víctor Naveira e en todos os traballadores e asociados.


Algunha situación que che chamase particularmente a atención, penosa ou esperanzada?


Hai situacións difíciles, familias numerosas ou monoparentais con moitas dificultades, ás veces unha nai con un ou varios fillos e con traballos en precario que nós contan as peripecias que fan para chegar a fin de mes. Xentes que foxen do seu país na procura dun maná difícil de conseguir.

Cando algunha familia nos chama para dicir que encontraron traballo e van deixar de acudir a nós,  é unha pena por deixar de velos, pero unha ledicia pola melloría da súa situación vital.

Que estás a aprender desta vivencia que nos queiras transmitir?

Todo nesta vida é efémero, agora estamos dun lado da porta, mais podemos estar no outro en calquera momento. As situacións mudan, poden vir mal dadas pasando de estar ben a necesitar axuda. Coñecemos familias que estiveron en moi boa posición e a día de hoxe malviven, incluso algúns non se fan presentes, son os novos ´vergonzantes´.

Outra ocupación  túa como profesor é o da adaptación á nova situación escolar. Para un mestre coma ti, tan amigo da conversa amical e do contacto diario cos compañeiros e alumnos, que supuxo este tempo de relación virtual e a distancia? Tes fe nesta maneira de nos relacionar, persoal e intelectualmente, nesta maneira de compartir os afectos e os coñecementos? Alégraste ou temes polo futuro dunha educación basada no virtual? Haberá que falar tamén no medio escolar de ''distanciamento social''?

Tiven a sorte de terlle proposto ao alumnado durante o  terceiro trimestre unha serie de pequenos traballos de investigación, que se veñen facendo nos últimos anos, adaptándoos ás campañas de animación a lectura da nosa biblioteca, este curso baixo o título: “E logo ti, de quen vés sendo?”

Sigo recorrendo ao correo electrónico, ao contacto por mensaxería de telefonía móbil con algúns encargados por aula e cos titores.
Deixámoslles unhas pautas e van respostando bastante ben. Nalgún caso  non o están pasando ben, pois hai familiares que quedan sen traballo e con outras problemáticas que se agrandan neste contexto confinado.

Non temo polo ensino ao uso.Igual tardaremos en volver á normalidade, xa se fala incluso dun sistema semipresencial ou dual (parte na aula, parte virtual) ou coa metade do aforo, mentres non apareza a tan desexada vacina. Sería bo incentivar o potencial investigador co que contamos e que sempre remata noutros lares lonxe da nosa contorna. A investigación é cara, pero máis caro é o custo humano da pandemia.

Hai compañeiros que están traballando moito, sen horarios, esfórzanse por mellorar, por escoitar e acoller ao alumnado, cun gran sentido vocacional da profesión.

Para un viaxeiro coma ti, que levaches a tantas xeracións de rapaces e profesores polos camiños de Galicia... non nos vas dicir que en diante has ter que levarnos a ver o mundo a través de Google Earth.

Agardo que pronto esteamos viaxando, a pandemia pillounos con tres proxectos en marcha para o profesorado, dentro do proxecto “Eusebio bótase ao monte”. 

Un na semana que entramos en alerta, o 14 de marzo, adiado sen data: visita ao pórtico da Gloria, Arquivo e museos catedralicios de Santiago, o Mosteiro de Camanzo, a casa natal de Neira Vilas e a Ponte Ledesma, coas súas poldras desafiando a vertixe e poñendo en dúbida o equilibrio entre os tres estados, sólido, líquido e gasoso.



Outro para o 30 de Maio, aprazado para mellor ocasión: ruta fluvial do Ulla, “a translatio xacobea”… saíndo de Padrón ata Vilanova de Arousa para coñecer as paisaxes e as paisanaxes de Valle-Inclán. 

E un terceiro para Outubro  por Terras do Xallas, concellos de Dumbría e de Mazaricos, onde contabamos coa excepcional axuda do técnico de Cultura e cronista local, Jesús Antonio Jurjo Lado.


Para ir rematando e poñéndolle o ramo á conversa: como home amante de contar historias e cun grande sentido do humor, podías contarnos un conto, algunha anécdota sobre este tempo difícil e estraño de pandemia e illamento?

Hai historias e historietas, unha das noticias con máis contido que lin do confinamento foi aquela de “Medra a fidelidade á parella neste período chegando ao máximo histórico do 99.5 %”. 

Tamén me chamou por teléfono un repartidor de mensaxería preguntándome se estaba na casa: “onde vou estar, que estamos confinados”. 

Xa sabedes que me gustan moito os animaliños e compadézome dos pobres cans que tiñan que facer quilómetros extras. Un canciño dicía despois de saír dúas veces: “xa mexei, xa fun de ventre, onde carajo me levades agora?”

Outro moi oportuno é un de Carlos Dávila, no que un crego reparte a comuñón con tirabalas para respetar a distancia de seguridade.




Muito obrigados, Antonio, polo teu compromiso e humanidade, por esa túa alma grande como un penedo soneirán e ese teu corazón de mazá vimiancesa.

 
X. Pérez Mondelo (profesor xubilado do IESP 'Eusebio da Guarda')

Ningún comentario:

Publicar un comentario