venres, 13 de marzo de 2015

Audiovisual galego: A Escaleira


A ESCALEIRA from CEIP A LAMA on Vimeo.

Temos hoxe unha curta de animación. Semella que no CEIP A Lama as cabezas bulen cheas de ideas e que se non as plasman vailles mal. Esta pequena curta ten detrás un traballo enorme, engrandecido polos protagonistas, os cativos que dan vida aos bonecos, e que prestaron as súas doces voces cun resultado máis que sobresaínte.

Está feito cunha técnica de animación que consiste en tomar fotografías de pezas estáticas, facerlles un pequeno movemento, e repetilo, unha e outra vez. O resultado final, cando o montas coma un video, resulta nunha película na que os bonecos adquiren vida. 

Fixádevos que ás veces a cámara cambia o foco, por exemplo, pasando do home á araña. Noutras temos un plano cenital (por riba de todos), que semella estamos por riba deles.

Queres ver máis? Visita o Blog da Biblioteca escolar do CEIP "A Lama". Alí tes outras propostas feitas por escolares de primaria e infantil coa mesma técnica.

(M.S. García, sección coordinada por X. Pérez Mondelo)

luns, 9 de marzo de 2015

VISITANDO



VISITANDO O COLEXIO LABACA


Os cazatesouros visitamos o colexio Labaca. Algúns destes alumnos do Club de Lectura estudaron nesa escola a etapa primaria, previa á estadía no noso Instituto. O fundador foi Ricardo Labaca , un filántropo coruñés, xunto coa súa irmá Ángela; relembrade por favor o significado da palabra, de filein ‘amar’ e ántropos ‘home’, e situade a estes seres humanos á par doutros coruñeses ilustres como Teresa Herrera ou Eusebio da Guarda.

 (As baldosas hidráulicas son as orixinais. Foto de Charo Soto)


En canto ao arquitecto do edificio Labaca, Leoncio Bescansa Casares, outro coruñés culto, viaxeiro, amigo de estudar ben a importancia da luz e da hixiene para facilitar a vida dos rapaces tantas horas metidos nun mesmo lugar, deixádeme que vos diga que fixo o bacharelato  no Instituto ‘Eusebio da Guarda’ .

 (Parte dos "cazateouros" na biblioteca das Escolas Labaca)

Recíbenos o director, Andrés Soto Domínguez e mais a Xefa de Estudos, Rosa Velasco González. Andrés, unha vez instalados os cazatesouros na biblioteca actual (aula noutrora), diríxenos a palabra e explícanos un pouco as ideas que animaron e conformaron o pensamento e as bases destas Escolas Labaca (no inicio chamadas ‘Escolas do Ave María’). Hai un bo resumo de tales ideas no artigo que o señor Soto publicou na revista Eduga: “Centenario das Escolas Labaca” (tédelo dispoñible na rede: http://www.edu.xunta.es/eduga/694/que/centenario-das-escolas-labaca).

Fixástevos que na entrada hai dúas portas? Agora só entramos e saímos por unha, pero antigamente, por unha delas entraban os nenos e por outra as nenas, e logo dentro ían a aulas distintas (...). Agora esta rúa [Juan Flórez] está chea de casas e edificios altos, pero cando se construíu esta escola apenas había construcións, logo foron facéndose casas-chalé, como esa que queda na esquina [da rúa Ferrol], imaxinade como sería esta zona da Coruña no ano 1915, cando se inaugura o colexio...

 (As pizarras son as orixinais. Andrés, o director, amósanos como soben e baixan)

Logo facemos unha visita ás instalacións. Rosa Velasco -unha persoa chea de enerxía e entusiasmo, nótase moitísimo que ama o seu traballo..., eu ao oíla non podo evitar pensar que se todos os profesionais do ensino tivésemos a metade de fe e confianza no que facemos, outro galo nos cantara a todos...- percorre logo connosco o centro mentres nos conta como fixeron aquela fermosa cortina [con botellas de plástico recicladas, recortadas formando ondas en espiral, con flores de papel cortadas a man polos alumnos, unha cortina que se reformula de acordo coas estacións do ano, ora son flores, ora follas de outono...], ou como teñen pensado amañar os espléndidos mapas no pavimento do patio, mapas do mundo en relevo, aquí, ves?, botámoslle auga e xa temos ben delimitados os océanos que bañan os continentes...

Ao final da nosa visita espéranos a torre. Nese espazo, nesa terraza sobre a rúa Juan Flórez, hai unha especie de varanda na que puxeron macetas con plantas que os propios rapaces –sempre acompañados de adultos- axudan a coidar. Soben os cazatesouros, tres a tres, polas estreitas escaleiras, á torre. Torre calada coma un encaixe de Camariñas. Este día, no ciclo de conferencias que organizou a Dirección do colexio para celebrar o centenario da súa fundación, falou da arquitectura singular do mesmo, e mais do arquitecto Bescansa, o señor Fernando Agrasar Quiroga, e unha das cousas que dixo foi precisamente esa, que el subira á torre en agulla [cando eu era nena inda estaba en pé a outra torre en agulla de Bescansa, a da igrexa dos xesuítas da rúa Juana de Vega], e que lle resultara unha experiencia privilexiada.

 (Pintura, con valor didáctico, conservada desde hai cen anos)

Todos os nosos alumnos querían subir, levounos un tempo, e malia as arañeiras, aínda que ben acompañados polo arrolo das pombas, todos saíron contentos. Agora, profe, tiñas que levarnos a tomar un chocolate con churros. Estes rapaces si que saben pedir. A final de curso farémolo.
(Mª Rosario Soto Arias, membro do Club de Lectura do IES 'Eusebio da Guarda').

(As plantas -hai moitas máis- que coidan entre todos)

 (A torre calada, obra de Bescansa Casares, como todo o edificio orixinal. Foto tomada do artigo de Andrés Soto en 'Eduga')

xoves, 5 de marzo de 2015

luns, 2 de marzo de 2015

CLUB DE LECTURA



II MARATÓN SOLIDARIO DE LECTURA “ROSALÍA DE CASTRO”

LUNS 23 DE FEBREIRO DE 2015

         Con moita ilusión comezamos este segundo maratón o derradeiro luns 23 de febreiro ás 8:30 da mañá. Conservamos o nome de “Rosalía de Castro” porque naceu o ano pasado nun 24 de febreiro como a nosa eximia escritora, pero este ano tivemos que adiantalo un día porque o luns é a única xornada lectiva na que conviven a ESO, o Bacharelato, os de diúrno e tódolos alumnos de nocturno: ESA, Bacharelato, Ciclos Formativos e PCPI.

         Comezou o profesor de Inglés Carlos Vázquez Furelos cos seus alumnos, na lingua da Súa Graciosa Maxestade, por suposto lendo varios poemas rosalianos.
         Seguiron alumnos de bacharelato lendo en galego con Beni Vidal Tomé, entre todoos fixeron fermosas lecturas corais, declamando tamén a propia Beni. Xulio Cuba e Pepe Mondelo levaron igualmenter os seus alumnos que leron e cantaron con paixón; cómpre suliñar o feito de que os alumnos de Pepe recitaron poemas e contaron contos de memoria (“Os tres pelos do demo”, por exemplo, nun estupendo exercicio de participación colectiva).

         Xulio deleitounos cunha declamación perfecta do poema “Dos finos burgueses”  de Manuel María.
         Houbo máis profesores que se achegaron para ler eles sós como Mario Simón e Juan Carlos Méndez Ávila, que leu en Francés; Carmen Aquino e Charo Soto, a nosa vicedirectora, que entre outras moitas lecturas entretivéronos coa “Illa do tesouro”; Emilio Insua leu a Catulo, en Latín, por suposto e mais a primeira páxina do Quijote tamén en Latín. A profesora de Francés Chus Quintáns veu asi mesmo cuns alumnos pra ler “O principiño”.
A profesora Susana Piensos achegouse cos alumnos de 3º V, traían na man listos para a lectura, poemas da afamada poeta brasileira Cecília Meireles.
         Dúas profesoras de Lingua Castelá, Alba Lorenzo e Ana Rey viñeron cos seus alumnos que leron contos clásicos do Infante Don Juan Manuel e do conde Lucanor;  contribuíndo tamén na nosa solidaria tarefa metendo na furna as súas contribucións solidarias; bravo por todos eles!

                  A profesora de Inglés Mar Sendino achegouse despois cos seus alumnos de primeiro que leron cun acento verdadeiramente bo, para seren tan cativos.
A nosa directora, Isabel Ruso de Lago, leu tamén e estivo connosco na hora do xantar, non paramos nin un minuto: comimos no Salón de Actos uns bocatas e por quendas a ler. Eu traballara cos meus alumnos de Ciclos na clase o libro de Joël Dicker “La vérité sur l´affaire Harry Québert” e alterneina con anacos da “Illa do tesouro”.

É verdadeiramente subliñable o esforzo empregado pola profesora de Lingua Castelá Luisa Varela quen levou a tódolos seus alumnos de 1º e 2º de Bacharelato Vespertino e que recitaron, os máis, de memoria poemas de Antonio Machado; e coma unha soa alma botaron na furna adicada á Cociña Económica os seus cartiños. Grande exemplo pra todos! 

De seguido viñeron os meus alumnos de 2º de Guías, lendo a citada obra de Dicker. Chapeau por eles!
O pai de Georgia,  alumna de 2º de Bacharelato Vespertino, Recitou un poema composto por el mesmo e Georgia adicounos uns momentos musicais inesquencibles tocando ao chelo a composición de Pau Casals “El cant dels ocells” cunha sensibilidade exquisita.
Viñeron a continuación os meus alumnos de 2º de Axencias lendo con mestría en Francés, bravo pour eux!
E rematou a festa da lectura solidaria con alumnos da ESA lendo “El mundo de Sofía” e os alumnos de Xoán Vila, profesor de Inglés, lendo ao igual co seu profesor na lingua de Shakespeare.
Eu quixen rematar ca lectura do “Principiño”, en concreto o capítulo do raposo, no cal tanto se fala da amizade.
Cando abrimos a furna e contamos o recadado o reloxio estaba moi perto das once da noite. Obxectivo cumprido! Grazas a todos por participar!
                                      María José Martínez Girón (Coordinadora do Club de Lectura do IES Plurilingüe 'Eusebio da Guarda')







venres, 27 de febreiro de 2015

xoves, 26 de febreiro de 2015

Albert Camus [1] [2] e María Casares



(sección coordinada por X. Pérez Mondelo, coa axuda de M.S. García González)

Albert Camus: O home rebelde

ALBERT CAMUS:  o home rebelde.





Ante miña nai sinto que pertenzo a unha nobre liñaxe: a que non envexa nada.
                           
 Non son nin fun nunca existencialista

Sinto demasiado gusto pola vida e polo sentido do mundo para crer que todo sexa nada.
               
Para corrixir en min unha indiferencia natural, situeime a media distancia da miseria e do sol. A miseria impídeme crer que todo estea ben baixo o sol e na historia. O sol ensíname que a historia non é todo.

Non son un filósofo. Non creo suficientemente na razón para crer nun sistema. O que me interesa é saber cómo hai que comportarse. E, máis exactamente, cómo pode un comportarse cando non se cre nin en Deus nin na razón.

Non estou seguro de ser un intelectual. En canto ao demais, estou a favor da esquerda, ao meu pesar e a pesar dela.

Rematou o tempo dos artistas sentados.
                             


Achegarnos a Albert Camus,  á obra e á vida deste gran escritor e intelectual, premio Nobel de Literatura en 1957, é facelo a unha sombra cálida, a unha luz ardente.  Dada a súa fascinante personalidade, a fondura literaria das súas obras e o seu suxerente pensamento filosófico e político, tan iluminadores en tempos escuros como os actuais, ocórrésenos que podiamos seguir dous posibles camiños, doados de percorrer e complementarios. Por un lado, entrando nas páxinas do seu primeiro e máis coñecido libro: L´Étranger (O extranxeiro. 1942). E, posteriormente, para completar esta primeira achega á súa personalidade e ao seu pensamento, procurando  a súa derradeira e inesperada novela : Le premier homme (O primeiro home. 1994). Se o noso percorrido lector pola obra e a vida de Camus nos resultase sorprendente e pracenteiro, sempre temos a oportunidade de asomarnos a outras obras clásicas do escritor como La peste (A Peste), La chute (A Caída) ou  L´homme revolté (O home rebelde), por salientar as máis recoñecidas (sen esquecer as súa paixón teatral e xornalística).

Por que eleximos estes dous camiños, a súa novela inicial e a súa ultima novela? Quizais porque son o alfa e o omega do seu pensamento e da súa vida. E tamén porque nos parece que a lectura destas dúas novelas é relativamente accesible a un  lector que se acerca por vez primeira a Camus.
Sobre O estranxeiro xa todo se ten dito. Nesta novela breve mais densa, misteriosa e inquietante, o autor presenta a un protagonista, Meursault, que ao recibir a noticia da morte da súa nai, permanece insensible e apático, sen capacidade de expresar sentimento ningún de tristeza.  O mesmo vai ocorrer máis adiante, cando levado por un impulso incomprensible mate nunha praia a un arxelino, sen ningún motivo aparente. Todo baixo o peso e a obnubilación causada por un sol que se deita inclemente sobre as areas e a cidade de Arxel. O protagonista, sempre impasible ante estes feitos e mesmo perante a xustiza e a súa condena a morte, baixo o gume da guillotina, ficou como unha encarnación literaria do “absurdo”, unha concepción da existencia, que posteriormente Camus trataría de superar nunha nova etapa do seu pensamento, fundamentalmente coa noción de “rebeldía”, dun ser humano consciente e comprometido, rebelde, malia o absurdo da vida e da súa comprensión lóxica. Será esa rebeldía o que nos salve da perda de razón e dos deuses, e paradoxicamente, o que dea sentido á nosa existencia. Esta nova cosmovisión vai tratar de explicala noutra das súas obras centrais para entendermos o seu pensamento: O home rebelde. (En canto á sua concepción da historia, e sobre o pensamento ideolóxico dominante no contexto da ocupación alemá de Europa e da posterior guerra fría, teriamos que ler A Peste e A Caída, ou mesmo Cartas a un amigo alemán).

Mais, voltemos á súa inacabada e inesperada novela final: O primeiro home. Aquí, libre das controversias filosóficas e políticas, lonxe das súas ferintes polémicas cos seus noutrora amigos existencialistas, e dos seus antigos camaradas de resistencia política (todo nese contexto da máis crúa guerra fría), lonxe, sobre todo, do desgarro que para el supuxeron os seus posicionamentos con respecto da independencia de Arxelia…,  desde o silencio da súa casa de campo, vai escribir o seu libro máis conmovedor, ao noso entender. O protagonista, Jacques Cormery, un alter ego do propio autor, ao cumprir corenta anos volve a Arxelia para reencontrarse co seu pasado, co mundo da súa nenez: coas cores, cos sabores, cos espazos e as voces, cos ruídos, o sol e o mar de Arxel. Volta na procura da memoria do pai ensoñado, das súas raíces, na busca da aperta de súa nai analfabeta e silenciosa, da súa avoa española e dominante, da súa humilde familia e dos seus veciños tamén sinxelos e traballadores. Seu pai, un pied-noir francés, un colono que desde Francia viñera a poboar as secas terras interiores de Arxelia, morrera  na primeira guerra mundial. Un pai do que non ten memoria, mais que buscará polos cemiterios esquecidos dos antigos campos de batalla en chan francés. Este sería o primeiro home ao que o neno orfo, Cormery/Camus, segue buscando corenta anos despois e que nunca coñeceu. O mais fascinante do libro é a descrición dos espazos libres da infancia, da calor da nai, da súa familia obreira, no amplo sentido da fraternidade. A súa descoberta dos libros, o seu deambular de neno pobre polas rúas e bibliotecas públicas da cidade, a lembranza dos seus mestres, Louis Germain e Jean Granier, o valor da educación, primeiro primaria e logo secundaria, nun dos nobres liceos coloniais do centro de Arxel…  E, por riba de todo, o sol,  o mediterráneo, o goce da pel, a plenitude dos corpos e dos soños. Alí onde habitou a emoción sen límite, o xogo e a inocencia. A pureza que ha seguir buscando toda a sú vida. O berce da beleza. A plenitude moral.



Cando o automóbil no que viaxaba cara a Paris, desde a súa casa de campo, se estrelou contra unha árbore da estrada, o catro de xaneiro de 1960, apareceron estrados polo chan os papeis manuscritos da novela que estaba a rematar. Era O primeiro home. Trinta e catro anos despois, a súa filla Catherine, facilitou a edición desta novela, na que Camus, despoxándose das súas múltiples máscaras, nos amosa o seu rostro verdadeiro. O daquel neno que desde a inmensidade cálida das rúas arxelinas chegou un día ás frías terras nórdicas para recoller o máis grande galardón literario, sempre fiel ás súas orixes de po e area, de sol e vento, de ollada núa e pensamento libre. O  do home rebelde, solitario e solidario.

(Unha novela, á que lle hai que engadir outro atractivo: a delicada tradución de Aurora Bernárdez, a fiel compañeira de Julio Cortázar. E cómo esquecer a María Casares, a gran actriz do teatro e do cine francés, coruñesa universal e gran amor de Camus). X.P.M.


(sección coordinada por X. Pérez Mondelo)