xoves, 28 de novembro de 2013

Eu levo o nome dun personaxe literario. Sétima entrega

Ola! Son J. Andrés Justo, de segundo da ESO, e levo o nome dun personaxe literario, o Andrés de Nunca seré tu héroe, da autora María Menéndez-Ponte.
Que me gusta de Andrés? Que é moi bo rapaz, axúdalle aos amigos e dá a cara por eles. Exemplo: cando falou co pai de Belén, e cando defendeu o Marroquí.
Que non me gusta? Que ao primeiro se emborrachaba e que pasaba de todo e suspendía.
En que me asemello a Andrés? Semello un pouco o protagonista en que non me gusta nada cociñar e que cando me poño moi nervioso non me saen as palabras.
En que me diferencio do Andrés do libro? En que é máis maior ca min, e eu non saio de noite, non sei debuxar cómics tan ben.

Visitando...

Visitamos a biblioteca da Real Academia Galega. Queremos facer un mural e colgalo no taboleiro do Instituto, igual que fixemos xa con outro dedicado á Biblioteca Nacional. Como só dispoñiamos de apenas unha hora e houbo moito que vivir e moitas cousas que asimilar, deixamos para outro día o labor de pasar a papel o vivido. Así que nos xuntamos este martes os cazatesouros no departamento de galego, onde sempre, para revivir aquela visita.
-Recordades o día? Cando foi?
-O martes 19.
-Estabamos todos?
-Todos menos Álvaro.
-Como se chamaba a bibliotecaria que nos atendeu?
-Ana Menéndez Rodríguez [algúns miran nos seus apuntamentos, son super dilixentes].
-Foi moi riquiña connosco, non si?
-E simpática..
-E tímida !
-Amable.
-Ao chegar sentamos…
-Era o lugar de consulta. Foi fundada a biblioteca en 1905.
[Píllanse, uns pisan as palabras dos outros porque todos queren falar].
-Estivo en varios sitios. Primeiro na casa de auga.
-En Rego de auga.
-E no Concello! Tamén no Concello!
-Ata que pasa á sé actual en 1978. Rúa Tabernas 11. No primeiro andar da casa de Emilia Pardo Bazán.
-Hai 50.000 libros.
-Cincuenta mil volumes [corrixen eles mesmos]. Divídense en monografías, que son os que teñen máis de 50 páxinas e están nos estantes, e folletos, de menos de 50, e están en caixas.
[Botan fume os cadernos de notas].
-E recordades algunhas das persoas que doaron as súas bibliotecas particulares?
-Siiii! Emilia Pardo Bazán, Manuel Murguía, Marcial del Adalid, Antón Villar Ponte, Isidro Parga Pondal, Luís Seoane, Xosé Fontenla Leal…
-Pero Fontenla Leal desde Cuba [nova precisión das rapazas, Rita ou Carmen]. E foi un dos fundadores da Academia.
-Ben, fillos. Moi ben! [Estou moi orgullosa destes rapaces. Que Deus os garde!]
-E agora o refrán, profe! [Este é Andrés]
-Non é un refrán [digo eu].
-O martes é un día santo…
-É unha cantiga. Collimos ao chou un boletín…
-[Puntualiza Ana] O martes é un día solto / é porque é amartizado / tráiote no pensamento / e no corazón gardado.
-Un boletín do ano? [Pregunto].
-1912
-Que foi o ano do afundimento do Titanic e tamén da inauguración de…?
-¿?
-Non recordades… pois si que volo dixen. Do pazo municipal coruñés, do pazo de María Pita.
-Ah!
-Agora as xoias. A bibliotecaria tíñanos preparadas varias xoias bibliográficas.
-O primeiro periódico galego, O vello do Pico Sagro. De mil seiscentos…
-Non pode ser de mil seiscentos. Ten que ser de mil oitocentos e pico.
-De mil seiscentos é a primeira descrición do Reino de Galicia. 1551.
-Iso si. A do Licenciado Molina. Que tamén estaba.
-E as edicións príncipe de Cantares Gallegos, e de Memorias dun neno labrego.
[Os rapaces da esquina de alá corean]
-E o Taller silencioso de Luís Seoane. Sobre Picasso. Cos nomes!
-Veña. Imos cos nomes de Picasso e acabamos [acompáñanos a miña titoranda do mestrado de galego, Marisa, que fala con acento precioso da mariña lucense e pregúntolle se sabe onde estudou Picasso…, aquí mesmo, aquí mesmiño].
-[É coma un recitado infantil, non desmerecería daqueles que inmortalizara Machado] Pablo, Diego, José, Francisco de Paula, Juan de Nepomuceno…
-Sen o de [corrección deles].
-… Juan Nepomuceno, María de los Remedios, Cipriano…
- Cibrán en galego [preciso eu, e interrompo, claro].
-…Cipriano de la Santísima Trinidad, Ruiz Picasso!
-Non está mal. Nome de fillo de rei. 
 

martes, 26 de novembro de 2013

Entrevistas domésticas

O noso interlocutor é o catedrático de debuxo do instituto, Raúl Trillo Docampo.
-Acordeime de ti retomando un relato que leu un meu alumno de segundo de bacharelato chamado Miguel. Nese relato de Vargas Llosa, “Día Domingo”, os rapaces protagonistas van correr las olas. Entón relembrei que unha vez ti me contaras que de neno, cando vivías en Rubine, aquí ao lado, ías cos amigos torear las olas, tourear as ondas. Recórdalo?
-Vivín a miña infancia como unha longa enfermidade da que saín na adolescencia, cando empecei a ter unha comprensión da realidade máis autónoma. As miñas lembranzas son coma o resultado dunha noite febril: a luz do faro entrando de maneira obsesiva en casa e o bruído da rompente, cando os sucesivos recheos non a afastaran das casas, son os meus primeiros recordos. O cariño dos meus pais a a miña ansia de liscar pitando coma un can para os soportais de Riazor veñen despois. Eses soportais foron a miña segunda casa pero desde hai décadas foron roubados ao uso público.
-Raúl, a infancia é para ti –como para tantos seres humanos- o paraíso perdido, ou?
-Recordo que tiña certo empeño en furgar cun pau nos sumidoiros que drenaban a auga estancada dos bancos de pedra que había ao longo do paseo e como había unha ducia larga de bancos, era unha actividade que esixía moita dedicación. Así son os recordos de atolondrados, de atolados.
-Cambiemos de tema, liches hoxe na prensa loca a entrevista a Moneo? Gústache a súa obra? Lamentas non ter exercido como arquitecto?
-Eu quixen ser dentista ata o mesmo momento en que comprendín que tería que ir vivir á casa da miña avoa materna para estudar medicina. Iso disadiume de tal xeito que cambiei de vocación e matriculeime en arquitectura. Desfrutei bastante eses anos nos que aprendín que servimos para o que sexa necesario á marxe dos nosos gustos. Estudei esa profesión porque había que estudar algo, traballo de profesor para gañar un soldo e nas miñas horas libres exerzo as miñas auténticas vocacións, que son a música e a xardinería. Moneo no seu campo é unha autoridade internacional coas súas luces e as súas sombras, como somos todos, doutra banda. Está o Moneo maduro do Museo de Mérida ou do banco da Castellana, e o Moneo verde que proxecta ese pesadelo para a praza do Obradoiro que afortunadamente non se construíu.
-Cóntanos agora da túa faceta como ilustrador. Ilustraches con absoluta pulcritude e simplicidade o libro titulado O falar non ten cancela, e tamén o primeiro número da nosa revista Alén da chuvia, cun espléndido debuxo circular do Atlántico rodeando Coruña. Que máis nos podes dicir do teu labor como ilustrador?
-As miñas inquedanzas como ilustrador son inexistentes desde o momento en que comprendín que estaba moi lonxe de debuxar como a min me tería gustado. Se me obrigan debuxo, pero con pouco entusiasmo. Agora prefiro facer garabatos.
-Por último, dinos que estás lendo estes días.
-Agora? Estou lendo a Jean Rhys. O título é simpático,  pero non é un libro para recomendar: Una sonrisa por favor.
-Raúl, moitas grazas por permitir que che roube un pouco da túa paciencia e tempo.
 (Nota: Tourear as ondas consistía en achegármonos –eu falo da miña propia experiencia nos anos 1966, 67, 68…-, os rapaces e as rapazas, todo o posible ás ondas na praia de Riazor, á saída das clases, incluso en inverno, achegarse ao máximo sen acabar enchoupados; había quen perdía os lentes, perdía a cadea e mais a medalla colgada do colo…, era un xogo moi emocionante, un pouco aloucado talvez. Isabel Martínez-Barbeito, arquiveira xa falecida do concello coruñés, alude a este costume nun artigo publicado na prensa no ano 1965: A xuventude coruñesa conservou durante máis  dunha centuria certos “deportes” con que entreter os seus ocios. Referímonos por un lado ao arraigado costumbe entre os estudantes de ocupar os seus horarios libres de clase aproximándose ao Orzán, nas etapas invernais e de maior temporal, para “tourear as ondas”. Ocupación arriscada que en máis dunha ocasión custou a vida  dalgún rapaz, e  non desapareceu nos  nosos días (en “Las viejas “pedreas””, Notas de un archivo, La Coruña, 2004, tradución ao galego nosa). Pero hoxe en día os nosos alumnos non xogan xa a isto, nin oíron falar de tal xogo).

domingo, 24 de novembro de 2013

Un mapa de Galicia de 1909


Mapa de Galicia no IES Eusebio da Guarda. Foto de Mario S. García
Detalle do Mapa de Galicia no IES Eusebio da Guarda. Foto de Mario S. García
Hoxe querémosvos amosar un mapa de Galicia que ennobrece desde hai máis de cen anos as paredes do noso instituto. Unha descrición completa desta pequena xoia podes atopala neste enlace. Así poderedes ver que o mapa do Eusebio non é único, inda sendo valioso. Un irmán xemelgo obra en poder da Fundación Fernando Blanco de Lema. Os mapas son elementos importantes en moitos libros. Imos abrir un capítulo onde trataremos da vinculación entre literatura e mapas. Por certo, que se queredes ver unha foto do autor do trazado do noso mapa, tédela na entrada ‘Fraiz Andón’ da Enciclopedia Gallega.

martes, 19 de novembro de 2013

Eu levo o nome dun personaxe literario. Sexta entrega


Ola, chámome Miguel Lantes, levo o nome do protagonista do breve relato “Día Domingo”, pertencente ao libro Los Jefes, de Mario Vargas Llosa, publicado no ano 1959. Dous rapaces, Miguel e Rubén, disputan a valentía, a amizade e mais o amor por unha moza chamada Flora.

Para min, poñerme no lugar do protagonista foi unha situación bastante rara, xa que nos atopamos arredor da mesma idade pero en continentes distintos; no caso do protagonista, el está en Sudamérica, en Perú. Despois, aínda que non é exactamente unha lectura difícil, si é verdade que hai varias expresións propias do español de América ou do español peruano, complicadas de entender para os que somos da península, por exemplo:

-Sucio, pulguiento –agregó el Melanés-, sí, señor, un pajarraco de la pitri-mitri.
(…)
-Estás picado porque le voy a caer a Flora –dijo Rubén-.
 (…)
-Cualquiera te deja botado.
-Cualquiera –dijo el Melanés-. Hasta Miguel, que es una madre.
Etc.
Cando lin o relato por primeira vez non me acababa de convencer plenamente, ata que a miña profesora me fixo cambiar o punto de vista, de tal forma que lle deu moita maior emoción narrativa á relectura.
Digamos que no relato hai tres partes. Na primeira vese como Miguel, malia ser moi tímido, bótalle valor e fálalle a Flora e pídelle para saír. Sentinme bastante recoñecido nesa timidez de cando namoramos por primeira vez e non nos atrevemos a entrar en contacto coa outra persoa.
Despois Miguel atópase cun grupo de amigos nun bar, un grupo bastante pechado, exclusivo, incluso con nome propio, “os paxarracos”. No bar compiten a ver quen bebe máis cervexa o protagonista e Rubén, o típico guaperas, campión e deportista a quen todas as rapazas admiran. Ás veces tamén vexo en min esa rabia e rancor que lle tiña Miguel a Rubén, por ver como Flora quedaba con el. E entendo toda esa competición tanto polo orgullo propio como por librarse do sentimento de ser Rubén superior, pero creo que eu nunca pelexaría así por unha moza.
E o terceiro e derradeiro lugar da acción, xusto despois de beber cervexa no bar, e onde deciden competir de novo, é na praia nun traxecto a nado, de ida e volta, poñendo en perigo as súas vidas. Eu penso que por moi ebrio que estivese non me tiraría a ese mar embravecido nin por canto hai. A cuestión é que os dous fan a ida como poden pero a Rubén dálle unha cambra e corre o risco de afogar. E Miguel –neste punto si que me identifico con el- vai na súa procura. Miguel dubida un momento –eu dubidaría algo fixo- pero decide procurar salvalo. Sálvalle a vida ao que fora un rival e agora pasa a ser o seu amigo e gaña a competición honrosamente, e tamén o respecto dos seus amigos, da xente, e de Flora.

martes, 12 de novembro de 2013

Entrevistas co vampiro (IV)

Outro día. Hoxe seguimos coa serie das entrevistas domésticas. Entrevistamos a un alumno do noso centro.

-Preséntate, por favor.
-Son Alex Dilber Zeballos Pinto e nacín en Bolivia.
-Concretamente en que lugar?
-En Quillacollo, Cochabamba.
-Díxome a túa profesora de lingua que sabías falar quechua.
-Sei algunhas palabras, pero non o falo ben. Fálano os meus pais.
-Sabes cantos millóns de persoas falan quechua?
-Non sei. En Bolivia moita xente. O problema é que a maioría dos que o falan non o saben escribir. Ese é o problema.
-Teño entendido que os españois na época da colonización usaban o quechua como lingua franca, como lingua de comunicación para evanxelizar as distintas etnias, con linguas distintas, no territorio que formara parte do imperio inca.
-Eu o que sei é que en Bolivia están pensando cambiar o inglés polo quechua, quero dicir, que en vez de ser obrigatorio aprender inglés, sexa obrigatorio aprender quechua [Pausa. Alex parece tímido. Fala mainiño mainiño, cunha voz meiga, pero mira aos ollos]. Vostede ten que comprender que o quechua é a lingua dos nosos devanceiros…
-Claro que o comprendo. Eu falo galego e ensino galego por esa mesma razón. [Nova pausa] Pero tamén che digo unha cousa. Unha persoa coma ti, se estuda e traballa ben aquí, nun instituto bo coma é este, pode chegar a dominar tranquilamente tres, catro linguas: quechua, castelán, galego e inglés. Iso abriríache moitas posibilidades. Estás estudando forte?
-É complicado. Non, non vou demasiado ben. Para empezar, o español de aquí é distinto…
-Xa. Tes irmáns?
-Son fillo único. Ser fillo único ten vantaxes e ten inconvenientes.
-Dime un inconveniente.
-Están os teus pais todo o día enriba túa, tienes que estar bien arrinconado.
-Que queres dicir? Aí hai unha diferenza, das que falabas antes…
-Que tes que ter a habitación ordenada.
-Nós dicimos tamén: “tes que ter todo ben recollido”. Gústanme a min estas cousas. Todo é riqueza, fíxate, o meu home está facendo un traballo sobre o Diccionario de Americanismos, un tocho enorme, dun tal Humberto Morales.
-O presidente de Bolivia tamén se chama Morales.
-Seino, si. Evo é pouco común en España. Pero en galego e mais en portugués hai Ivo, inusual pero precioso. E morales, ti sabes o que significa?
-Que tes a moral moi alta.
-[Aquí eu sorrío] Creo que non. Creo que máis ben hai que pensar nas árbores que dan moras. [Fago unha figura cos dedos dunha man] Así de enormes. Agora dime algo en quechua.
-O que?
-Por exemplo, Quérote moito.
-Askha
-Ceíño
-Janospacha
-Estreliña
-Quyllur
-Flor
-T’ika
-Can, gato, mosca
-Alqu, miri ou michi, ch’uspi.
-Ah!, coma o noso michiño…Podes contarme algunha tradición curiosa?
-Existe a tradición do coar. É cada mes. Xúntase a xente… Alí ti compras cousas…
-Que clase de cousas?
-Figuriñas de animais: cada figura ten un valor…
-Coma un símbolo. Ponme exemplos.
-Bueno, pois un can coida a casa; unha alpaca ou unha vicuña simboliza a riqueza; o cóndor, que é a ave nacional de Bolivia, simboliza a busca do horizonte sen límites…
-Que fermosura! Cando chegues a casa quero que lle preguntes á túa nai que se di –se é que se di algo-, cando unha muller bota moito sal á comida. Aquí dicimos Seica ques casar?
-Vale. Así o farei.
-Grazas por todo.


Xa acabara o recreo e abandonamos a cafetería. Fómonos, cada un á súa aula. Pasados uns días encontrámonos polo corredor e Alex díxome que cando alguén salga moito a comida é porque quere casar de novo. Ta ben. É curiosa a semellanza.

mércores, 6 de novembro de 2013

Eu levo o nome dun personaxe literario. Quinta entrega

Ola! Son Carmen García C. e levo o nome da protagonista feminina do relato “Unha tarde de baile”, que pertence ao libro O neno can.
Este é un libro escrito por Fina Casalderrey e Francisco Castro e publicado por primeira vez no ano 2012.
A Carmen do relato é responsable, eu procuro selo. Identifícome con ela en que ten os ollos castaños, coma min.
Cando Ramón se pon en contra de Carlos, ela di que é o seu amigo e ten o mesmo dereito ca el a ir á festa. E cando Vento e o outro can se pelexan defende a Carlos de novo porque se dá de conta de que Ramón só lle desexa o mal.
Se eu tivera que elixir, elixiría coma ela porque vexo que ten toda a razón, porque estar paralítico non significa deixar de ser persoa cos mesmos dereitos cós outros, e calquera de nós en calquera momento podes ter un accidente e quedar así, en cadeira de rodas.


A min tamén me gusta rir. Só vexo cousas boas en Carmen.