martes, 16 de maio de 2023

GALICIA INMORRENTE

 

GALICIA INMORRENTE

DÍA DAS LETRAS GALEGAS: FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

 


 

Hoxe imos aproximarnos un pouquiño á inxente obra deste eximio lucense a través dunha das súa facetas talvez menos coñecida. A de colaborador da radio. Nós -a xente da miña xeración- somos fillos dunha época en que a radio tiña unha importancia capital. Cando nacimos non había televisión e en boa medida a radio ocupaba ese lugar. Unha servidora lembra perfectamente varios episodios da vida familiar nos Castros, mamá escoitando a radio mentres fai os labores da casa, o “parte” puntual a mediodía coa súa sintonía inicial característica, os seriais radiofónicos despois de comer (inda podo nomear actrices e actores: Juana Ginzo, Pedro Pablo Ayuso…), as cancións dedicadas como regalo de cumpreanos ou de primeira comuñón… Ao meu pai, en particular, gustáballe moito un programa radiofónico que se titulaba Ustedes son formidables, en parte “culpable” de que nos afeccionásemos á música dos grandes europeos do XIX.

(Francisco Fdez. del Riego coa súa esposa, Evelina Hervella Nieto, valdeorresa)

 

Era a longa noite de pedra. E aínda que a nós, os nacidos preto de 1960, xa nos colleu a parte final, si que nos criamos co índice na boca, “cala, que iso non se pode dicir”, “chiss, fala baixo, que te poden oír”, e as típicas consignas de “non te metas en líos”, “ten moito coidadiño” etc. Digo isto porque moitos de vós, e moitos dos que fostes alumnos meus, non tedes xa idea do que foi ou é vivir nun réxime autoritario e de silencio. E hai que saber. Para sermos libres e decidir libremente hai que saber de onde vimos e onde queremos ir ou onde non queremos volver.

O libro no que me vou basear titúlase Galicia desde Londres, está ilustrado con debuxos do artista arousán, xa falecido, Xosé Conde Corbal. A edición corre a cargo do que fora profesor da UDC, Antonio Raúl de Toro Santos, a quen Francisco lle cede do seu material amorosamente gardado. En concreto, Fernández del Riego elabora a introdución do libro e logo é o autor dunha serie de intervencións. A saber:

1.     O celtismo na poesía de Eduardo Pondal (21/1/48, duración: 8’25’’).

2.     En lembranza de don Manuel Murguía (13/3/48, 10’57’’).

3.     García Lorca, poeta en galego (15/5/48, 10’40’’).

4.     Dúas xeneracións ao servicio de Galicia (25/9/48, 8’53’’).

5.     Un poeta do mar (28/4/50, 7’40’’).

6.     Tres símbolos do XIX galego (28/9/50, 9’50’’).

7.     Castelao (21/1/53, 7’20’’).

8.     Xeneracións galegas (13/8/53, 11’20’’).

9.     O galeguismo de Valle Inclán (29/5/54; non indica tempo: pp. 449-452)

10.  O país de Valdeorras (19/3/55)

11.  Lembranza de R. Fitz-Gerald Bell (18/4/55, 7’25’’)

12.  Literatura universal na lingua galega (21/4/55, 7’30’’).

 

 

(Retrato feito por M. Colmeiro de Evelina Hervella)

A emisora é a BBC e o noso escritor usa o pen name ou pseudónimo literario Salvador Lorenzana. Escolle este sobrenome para honrar o lugar onde naceu. Non é o único que usou en vida. Tamén asinaba como: Cosme Barreiros, Alevín, Adrián Solovio, Ronsel ou Adrián Soutelo.

 

(Retrato feito por Xulia Minguillón en 1951 de Francisco Fdez. del Riego)

 

Fernández del Riego preséntase ante nós coma un home ben informado. Desde cedo intégrase no galeguismo e dedícase ao estudo dos precursores en sentido amplo. E, desde o noso punto de vista, sabe centrar puntos neurálxicos do ser literario, político-cultural, esencial de Galicia. Tomemos como exemplo a súa análise de Pondal: céntrase no celtismo e fixémonos que estamos no ano 1948. Aínda non publica a súa clásica historia da literatura Carballo Calero, aínda non naceu Manuel Ferreiro (outro clásico xa na literatura pondaliana). Pero claro, antes ca el nacera, pensara e rescatara (ou puxera ao día, porque celtismo e ossianismo é unha vaga arrebatadora  que enchoupa xa desde o XVIII Europa de oeste a leste con ímpetu non exento de afán libertario, romántico si e incluso místico) o celtismo Manuel Murguía (yo pertenezco por la raza y el nacimiento y el amor, al noble país brigantino a la tribu céltica por excelencia, di en Los Precursores e logo de Pondal di tamén hijo de un país céltico e cando fala do Castro de Nemenzo sabe moi ben o valor semántico desa voz celta, németon). E antes ca o noso lucense nacera J. A. Parga Sanjurjo que se gaba cando escribe por ter propósito de levantar el nivel moral de la región gallega y de restituirle aquella energía céltica que le era proverbial en otro tiempo. Vicente  Risco  e tamén  Euxenio Montes teñen pensado  o Romanticismo  como un  fenómeno  céltigo: así nolo di Otero Pedrayo no seu discurso de entrada na RAG no ano 31. Fernández del Riego argumenta ese celtismo no programa radiofónico basicamente a través de comparanzas poéticas: entre Pondal e Yeats, entre o solitario de Bergantiños (di del Riego) e Fanny Parnell e entre os pondalianos “Carballos de Carballido” e “Os vellos tempos pasados” de Burns. A presenza de R. Burns na pluma de Francisco Fernández indícanos que está bebendo da fonte do mestre, de Don Ramón. No discurso do 31 na coruñesa sé académica, cita ese poeta: as   primeiras  poesías   de  Roberto  Burns  pubricaronse  en   Kilmarnock,   o   1766.

 

(Foto histórica. Fundación da Editorial Galaxia. Ano 1950. De esquerda a dereita e salvo erro noso, están as seguintes persoas: Emilio Álvarez Blázquez, Sebastián Martínez Risco, Ramón Piñeiro López, Domingo García Sabell, Ramón Otero Pedrayo, Xesús Ferro Couselo, [con dúbidas, o arquitecto que fora vicepresidente de Galaxia] Manuel Gómez Román, Agustín Sixto Seco, Xosé Mª Álvarez Blázquez, Fermín Luis Fernández Penzol-Labandera, Ricardo Carballo Calero, Antonio Fernández López, [con dúbidas] Ramiro Isla Couto e Francisco Fernández del Riego)

 

Outro punto neurálxico do pensamento do autor homenaxeado este ano en día tan sinalado céntrase na galeguidade de Valle Inclán. Un diría que este é un tema non resolto. Malia ser obxecto de fichas prestixiosas (con apelido Menéndez Pidal), malia ser obxecto de artigos importantes (vid. Nota), aínda non se publicou un estudo definitivo e globalizador, por exemplo, dos galeguismos lingüísticos. Na radio fala uns minutos pero sabemos que o tema era importante para del Riego. Anos despois (1957 ou 58) impartirá unha conferencia no Círculo Mercantil e Industrial de Vigo titulada Galicia y Valle Inclán que será publicada en 1959. Temos a sorte de contar entre nós cun experto en Valle, o noso prezado colega Francisco Xavier Charlín, profesor do Eusebio da Guarda: foi moi xentil connosco ao permitirnos subir a este blog a opinión, moi sintetizada, que esa publicación lle merece: cando dita esa conferencia nótase en Fernández del Riego que está bebendo das ideas de Filgueira Valverde e mais tamén do prólogo do fillo de Valle para un libro que viu a luz en Bos Aires… A idea que teñen de Valle é a dun mozo criado nun pazo e rodeado de criados supersticiosos, é unha idea falsa. Tamén Charlín nos comenta que hai que ter en conta a época da que estamos falando. Hoxe sábese moito máis da obra e pensamento de Valle.

(Da Colección de Arte Francisco Fernández del Riego, Museo do Concello de Vigo, pódese visitar de forma gratuíta. Foron doazóns do noso homenaxeado)

 

A través destas páxinas que antes foron verbas na radio chama a atención a recorrencia de conceptos tales como espírito, espiritual; diferencial cando se refire a Galicia, á cultura, a esencia. A sacralidade, o misticismo son verbas poderosas, esas tamén abundan cando fala da necesidade clara de sermos, de erguernos, de deixar atrás a postración e o submetemennto ao alleo. Neste punto, Fernández del Riego non é distinto dos homes de Nós, de Cabanillas, de Pondal incluso. Hai un contínuum de grandes mentes galeguistas, da elite que rexorde no XIX e atopa un momento climático nos encontros e xuntanzas do Seminario de Estudos Galegos. Ese grave (pesa, exerce sobre moitas mentes e corazón galeguistas  un peso gravitacional) misticismo é o que leva aos ourensáns de Nós a falar de conversión, é o que move e remove o concepto de saudade en Cabanillas e logo en Ramón Piñeiro. Ata que punto estas abstracións son en Fernández del Riego froito ou produto de necesidades conxunturais (hai que evitar o cárcere, incluso hai que salvar a vida: relembremos que se alista no exército franquista para sobrevivir, pagara unha multa de 3000 pesetas da época por ser quen era e pensar como pensaba, e pasou polo cárcere dúas veces…) ou é unha linguaxe con raíces profundas de verdade, non o poderiamos saber con precisión. Porén nós somos dos que pensamos que, á marxe de toda ideoloxía ou na cerna de toda ideoloxía, radica o forte e inmorredeiro espírito: o que nos dita ao ouvido verbas de amor por Galicia. O espírito que nos dá auga desde o Graal. O escudo fronte a toda desesperanza e todo acerbo escepticismo perante o futuro. Velaí de novo a ponte, que nos une aos ancestros galeguistas e que uniu a Francisco cos que o precederon e acompañaron. Que foron moitos, desde logo. Na radio recordou a Lorca, con quen paseou pola noite xunta a outros e respiraron a mística da Quintana e oíron a torre do reloxo que acababa de deitar, no ambiente quedo e astral, a chuvia de magnolias desfolladas das doce (vedes que sensibilidade a de Francisco, non vos estrañe que fora autor de tan boas antoloxías poéticas…). Na radio relembrou a Castelao, había tres anos que falecera, chámao o vello amigo. E hai máis. Citemos, entre os amigos, con algúns dos cales mantivo fiel correspondencia este ramalliño: X. María Álvarez Blázquez, Ricardo Carballo Calero, Ánxel Casal, Manuel Colmeiro, Álvaro Cunqueiro, Isaac Díaz Pardo, Rafael Dieste, Domingo García Sabell, Florentino López Cuevillas, Ramón Otero Pedrayo, Valentín Paz Andrade, Ramón Piñeiro, Manuel Rodrigues Lapa, Luís Seoane…

 


::::::::::::::::::::::::::::::::

NOTA:

Algúns artigos destacados sobre Galicia/galeguismos e Valle:

Amor y Vázquez, José: «Los galaicismos en la estética valleinclanesca» (RHM, XXIV, 1, Nueva York, enero, 1958), cun glosario de galeguismos léxicos (“destacable, malia non ter aínda aparecido todos os escritos de Valle”, son palabras de F. Charlín).

Axeitos Agrelo, Xosé L.: “O valleinclanismo na cultura galega (I)”, Cuadrante 8, 2004.

Bonilla, Lucía Dolores: Tese de doutoramento presentada na Universidad de Madrid en 1955: Estudio sobre el vocabulario de Ramón del Valle-Inclán.

Charlín Pérez, Francisco X.: “A lingua galega na obra de Valle-Inclán denominacións e interferéncias lingüísticas”,   Cuadrante Nº. 3, 2001, págs. 13-42 (“hoxe habería que reescribilo, porque desde aquela apareceron novos manuscritos, da man dos netos de Valle”, son palabras do profesor Charlín).

García de la Torre, José Manuel: «As fontes do léxico de Valle-Inclán» (Grial, 1986, pp. 268-277). (ampliación do aparecido en Ínsula, 476-477, xullo-agosto, 1986, pp. 6-7, «Las raíces gallegas de Valle-Inclán»).

García Martí, Victoriano: publica unha erie de artigos escritos para o desaparecido xornal La Voz por Victoriano García Martí (xullo-setembro 1925)

Ponte Far, Xosé A. : “Valle-Inclán e a súa relación co mundo cultural galego”, Grial, 2016 (cita a Fernández del Riego).

 

(Ano 1997. Del Riego foi Presidente da Real Academia Galega. Todas as fotos están tiradas de Internet e varias da páxina web da Academia)

 

 

 

luns, 1 de maio de 2023

LENDO A...

 

LENDO A MANUEL RIVAS

Os nomes en O último día de Terranova de Manuel Rivas.

 

(Foto de Manuel Rivas mentres le o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega)
 

O noso admirado Manuel Rivas hai tempo que se debeu converter en protagonista dun par de páxinas deste blog pero, miñas queridas e meus queridos amigos, debo ser sincera, que medo me daba… Cos grandes pasa moito, quen se atreve? Que pasou de novo, logo? Pasa que o peixe (eu son “piscis”) queda preso pola boca. Díxenlle que había de dedicarlle unhas liñas a un seu libro que moito me gustou a primeira vez que o lin, O último día de Terranova (UDT) e os tempos son chegados: do outro lado do Atlántico, na sé do New York Times, tiveron a ben consideralo un grande entre os grandes.

Retomamos, así pois, esta novela case que épica sobre A Coruña e poñemos ante os vosos ollos sempre virxes para o asombro unhas verbas de amor: por nós, por el, polos tempos idos. Vanse as rapazas en flor, vanse os infantes de Aragón, vanse os comercios de toda unha vida… Todo se vai, certo, pero como doe ás veces… No caso da Coruña a mutación cíclica é brutal. Nun dos seus maxistrais documentais sobre cascos históricos notables, ao falar de nós, J. R. Soraluce exprésao sen fisuras, lisa, directamente: esta é unha cidade que teima por cambiar, por destruírse a si mesma e reconverterse, non sempre con igual acerto, non vaiamos pensar outra cousa…


 

Se quixese ser optimista (unha teima coma outra calquera) diríavos: “ah, así temos sempre a posibilidade de nadar, de mergullarnos: da estrutura profunda á superficial, e viceversa”. Algo así como sermos conscientes de que existen dúas cidades amadas, a que foi e a que é. A subterránea e a que tocamos. Na portada que debuxou Cobas para Rivas vese a parte submarina. Eu tiven un alumno marabilloso grafiteiro, chamábase Christian Diamante e agora vive en Barcelona; durante anos deseñou a portada do libro do premio literario do Instituto, Rita Suárez Amado e un día, afogado -creo relembrar, non me fagades moito caso- polo desamor contoume un soño onde camiñaba pola Rúa Real e o mar invadira todo o istmo e el tiña que respirar por branquias. Magnífica imaxe. Os coruñeses que tivemos a sorte de camiñar pola Coruña dos anos 60 da man dos avós sabemos ben do que estamos falando: “aquí hai tesouros que deixaron os antigos e armas que deixaron os franceses enterradas “ (percorriamos coa avoa coruñesa os campos de Elviña) “fixádevos ben, rapaces, nestas casas de onde foxen as ratas, desaparecerán en dous días e aquí farán unha fonte grandísima” (Catro Camiños) “aquí cando eu era neno todas eran hortas” (co avó Manuel, Garás), “mirade ben esta praia onde eu me bañei tantas veces e cruzaba a nado ata o castelo; din que a van rechear e desaparecerá” (co noso pai, O Parrote). Aprendimos a vivir simultaneamente nunha cidade real e outra irreal, a amada-imaxinada-rediviva. Esa é unha lección que M. Rivas sabe transmitir perfectamente. Na obra que nos ocupa hai constantes do que se dá en chamar o macrotexto literario do autor e unha desas constantes en grao dous (non está en todas as novelas pero si en boa parte) é a presenza de microtopónimos coruñeses:

O Sanatorio marítimo, o de Oza, e o Lazareto (p. 10), Camiño do Faro (p. 11, seguimos a edición de Xerais 2015), a pena Gaivouteiro (p.12), O Paseo do Orzán (p. 13), A praia das Lapas (p. 16), e fala da desaparición da Praia do Parrote e do Río de Monelos (p. 17), entre outros lugares. Logo están as tendas “de toda unha vida” e as rúas, e os núcleos culturais (onde se “cocía” a revista Alfar, o famoso Círculo de Artesáns, as Librarías coma a do Xudío, Colón, a Nova Colón, Molist, Ágora, madre de Deus, cantas lembranzas para a xente que estudou da miña xeración…).

Para homenaxear esta novela nunha das maneiras que máis nos gustan e mellor sabemos facer, veremos doce dos nomes que Manuel Rivas escolleu para os seus personaxes:

Adelaida: A tía Adelaida. Inevitable pensar na filántropa decimonónica coruñesa Adelaida Muro y Barbeito, a quen a cidade honra co nome dunha rúa a ela dedicada.

 

(Noticia no diario pontevedrés "El Áncora" do día 3 de outubro de 1898 sobre a coruñesa Adelaida Muro)

 

Amaro: velaquí outro nome coruñés. Temos a praia do santo Amaro, o cemiterio do santo Amaro; relembramos e vimos fotos das ruínas do Castelo ou Fortín do santo Amaro… Tende a confundirse Amaro co nome Mauro (ao longo do país a igrexa tende a celebrar Amaro o 15 de xaneiro, que é o día dedicado a san Mauro), pero non está nada claro que sexan etimoloxicamente o mesmo. Quen sabe moitísimo deste tema é Xurxo Souto. A nós tamén nos apaixona e algún día talvez escribamos ao respecto. Recordemos que Carré lle dedica a este santo unhas páxinas no seu libro de lendas tradicionais de Galicia. Viaxa ao paraíso e cando chega hai unha alta muralla e só pode ver polo buratiño da porta… Nós sempre pensamos que a praia coruñesa (antigamente chamada da Serpe) era onde embarcou e/ou desembarcou o navegante. No libro Amaro Fontana, da Xeración de Estrelas, é o home que máis sabe de Ulises, o cal, como comprenderedes, vaille como embude á boca do xerro a un Amaro-navegante[1].

Antón: Antón Ponte. Se non erra a nosa memoria lectora, é o pai de Comba e Eliseo. Con este nome quizais quixo honrar Manuel Rivas a memoria inmorrente dun cofundador das Irmandades da Fala, A. Vilar Ponte.

Balbina: Évos un personaxe secundario. O nome inevitablemente se asocia a un dos primeiros best-sellers galegos do século XX: pensamos no Balbino protagonista de Memorias dun neno galego de Neira Vilas.

 

(Noticia na prensa "New York Times" sobre o libro que nos ocupa, decembro de 2022)

 

Comba: É a nai do protagonista, a que sabe escoitar. A proteica: Comba Bacall, Comba Signoret, Comba Magnani, Comba Ponte. Inevitable traer á palestra a Comba meiga, tamén proteica coma todas as vellas sacerdotisas e meigas antigas, que tras o contacto co Mestre se volve santa e deixa o seu nome no territorio coruñés. Coma boa sabia, sabe contar os trescentos anos da lenda galega: Pasaron trescentos un, botaches un ano de máis! (p. 208).

Dombodán: Velaquí un nome que entra con todo dereito a formar parte dese amentado “macrotexto literario” de Rivas. É un nome de personaxe recorrente. Topamos con el no relato "Un deses tipos que vén de lonxe", en Un millón de vacas, en “Dombodán” (Os comedores de patacas) e volvémolo ver en O lapis do carpinteiro. Ten unha sonoridade especial. Calculamos que Rivas se inspira no topónimo[2] arzuán (San Cristovo de Dombodán). En UDT, Dombodán traballaba nunha pirotecnia que segue activa pola noite e a súa ollada semellaba expresar a anguria insomne de todas as aves (de fortes resonancias mítico-medievais, todas as aves do mundo de amor dizian…). Dombodán é xentil, promételle a Garúa facerlle unha madama de fogo.

Eliseo: O tío Eliseo. É un namorado de Bos Aires. Aires porteños atravesan e dan vida a boa parte da novela. O namoramento que inspira esa gran cidade vénlle ao autor coma unha especie de agasallo da filla, Sol Rivas. Os fillos poden herdar moitas cousas dos pais mais tamén hai pais afortunados que reciben bos tesouros dos fillos. En Bos Aires todo o mundo le. É incríbel. Nos parques, nos cafés, nos colectivos. Até os malevos len, dinos Eliseo, quen conta no libro da súa visita á casa de María Zambrano, a quen axuda cos gatos no seu traslado cara a Francia. Eliseo é un nome recorrente na narratoloxía do coruñés. Xa aparece, Eliseo Mato, en A man dos paíños.

Expectación: Esta é unha personaxe estupenda, desas personaxes que só poden ser moldeadas na mente e nas mans dun narrador lírico. O nome é atípico. Non coñezo ningunha persoa así chamada. Non figura no dicionario de nomes de Ferro et alii (Diccionario dos nomes galegos, 1992). Non vén na “Guía dos nomes galegos” da páxina web da Real Academia Galega. Alude a unha advocación católica: Expectación do Parto da Santísima Virxe, instituída polo X Concilio de Toledo de 656. Celébrase a súa festa o 18 de decembro, en que tamén se conmemora Nosa Señora do O. Son nomes sinónimos. Quizais por iso, a Expectación de UDT, que ten a conciencia sempre fina e esperta, amósalle ao protagonista en Oza o que trae agochado á altura do seu ventre (coma quen procede a un marabilloso parto sorpresa) e amósalle a imaxe auténtica de María Anunciada. Outro nome doce e belísimo.

Garúa: Personaxe feminina de gran protagonismo na obra. É outro personaxe proteico. Boa proba diso son os nomes que posúe e a caracterizan: Porque, daquela, Garúa chamábase Estela. E cando apareceu na miña vida, na miña vida!, o seu nome era Beatriz. O amigo que veu revelar as fotos chamouna Tana. E despediuse: Chao, Chinita! (p. 33). Garúa e Chinita son verbas tipicamente arxentinas. China úsase na América hispana co valor de ‘india’ (ou nativa, se preferides… Xa sabedes que nos nosos tempos o politicamente correcto nos EEUU obriga a eliminar ‘india/-o’ e substituílos por ‘nativa/-o americana/-o’) ou de ‘muller nova’. A garúa é a chuvia miúda e ao noso entender é unha voz deliciosa[3]. Moi acertado estivo Manuel Rivas en escoller este sobrenome. A chuvia defínenos (non sabemos por canto tempo aínda…). Relembremos estes versos de Lis: Préstame, madre chuvia, / o teu pranto de seda (en Un millón de vacas). En fin, outro estudo que podemos deixar para o futuro (unha forma de garantir que viviremos para cumprir as promesas literarias) é a análise dos alcumes literarios, entre eles este (e outros do autor xa universal coruñés, como Vacaburra, sumamente interesante, á vista da biografía do autor…).

Nick: Old Nick en UDT é máis ben outro alcume. Dísenos que este é un dos moitos nomes do demo. Alcumes hai moitos na obra de Rivas. E neste libro en concreto temos varios, amais de Garúa: O Tabernícola, Boca di Fumo… Nicolás Castro, Nico, é un personaxe importante en Os Comedores de patacas.

 

(Foto de Viana do Castelo. Todas as fotos foron tiradas de Internet)

 

Viana: Encántanos o nome de Viana como nos fascina a súa etimoloxía[4]. En calquera caso, imos ao conto: nós pensamos na Vienna do filme do 54 Johnny Guitar, papel interpretado por J. Crawford. E, abusando da paciencia de Manuel, preguntámosllo directamente. A resposta, xenerosa,  é absolutamente digna de figurar nesta páxina: Sempre me gustou: é algo sublime con recendo popular. Un xeito de dicir Venus. O nome dunha promesa: habemos de ir a Viana… E Viana é a que vén encontrar refuxio en Terranova. Réstanos só volver oír ese tema, Habemos de ir a Viana,  na voz de Amália Rodrigues ou de Maria Manuela. E reler a obra poética de Pedro Homem de Mello, fonte da letra.

Vicenzo: Vicenzo Fontana é o protagonista e narrador do libro. É posible que este nome fora escolleito por ser Vicenzo o santo padroeiro de Elviña, parroquia ben amada polo noso autor, onde pasou parte da súa infancia, onde cursou os estudos primarios, e da que tanto ten escrito ao longo da súa vida, incluído o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, A boca da literatura. Memoria, ecoloxía, lingua, onde relembra tanto o Monte do Castro como a auga da Zapateira.  Moito cambiou todo en Elviña… Daba gana de facer un novo pranto polas fontes, as mámoas, as árbores e os nomes perdidos en Elviña pero máis vale reservar a forza, a moral e o ímpeto cívico para conservar e mellorar o que queda, para legarlles aos nosos netos se cadra un parque arqueolóxico en Elviña. Do personaxe Vicenzo podían dicirse moitas cousas, evidentemente, pero quedemos con dúas: é un home que sabe amar, a terra, os libros a familia, a muller poliédrica e é un home que herdou da nai, Comba, a capacidade de saber escoitar e conservar para comunicar o bo, o mellor do que oíu.

 

(Parte das monumentais murallas do coruñés Castro de Elviña)

 



[1] Un exempliño de celebración o 15 de xaneiro dunha romaría que de vello fora dedicada ao santo Amaro témolo en Aldán, Pontevedra. Recoméndovos, para máis datos, a lectura deste artigo de prensa: https://www.farodevigo.es/o-morrazo/2014/01/15/cancion-san-amaro-salvo-olvido-17299950.html

En Portugal consérvase O Conto de Amaro. Tamén titulado  A Vida de Sancto Amaro. É unha obra anónima escrita en letra gótica achada en forma de códice no  Mosteiro de Alcobaça e conservada na Biblioteca  Nacional de Lisboa. Hai tamén outra versión en portugués do s. XVI e hai dúas versións en castelán dese mesmo século. Non se descarta que o texto orixinal sexa en latín, Historia cujusdam  Mauri qui concupivit videre paradisum terrestrem, versión perdida. Agradecemos a Xurxo Souto que nos puxera en camiño para dar con estes datos.

[2] Se cadra un día rastreamos nomes de Rivas inspirados en topónimos, coma Comba (UDT), Luou (en Os comedores de patacas) ou Belvís (Todo é silencio).

[3] Sobre a súa etimoloxía falamos nós nun traballiño que sae agora do prelo sobre Garás (revista Cornide nº 4) e antes ca nós falou J. Corominas dicindo que era unha verba portuguesa que os navegantes levaron a América. Nós, con permiso, corriximos algo ao grande filólogo coa mellor intención de precisar. Onde o catalán dixo “portuguesa” nós dicimos “galego-portuguesa”.

[4] Etimoloxía incerta: talvez teñamos a raíz hidrónima  paleoeuropea *Weg-, *Wig-  que estuda Bascuas (2002: 226 e ss.) e que aparece en ríos de Francia coma o Vienne, nos Viana toponímicos da península que cita Bascuas e no finés väinä ‘río ancho’ (presente en antropónimos: Väinämö, Väinämöinen). A cidade francesa de Vienne tamén foi coñecida como Vianna e Viana. Sobre o topónimo peninsular Viana hai outras hipóteses verosímiles que se poden citar: G. Navaza, por exemplo, ve a orixe etimolóxica en bi amnium ‘dous ríos’. Outros pensan que Viana deriva de Diana (se cadra a través de Diviana ‘Diana’, en Varrón) e non falta quen ve neste nome un hipocorístico de Viviana. Na documentación peninsular temos este nome nunha variante masculina con sufixación xermánica (*mund ‘protección’): Vianamundus (s. IX, COD). O primeiro rexistro, no que nós sabemos, da forma feminina é do s. XII: Ego supradictus Martinus et uxor mea Viena et filii mei (COD) (atirado de Dime quen leva o meu nome, da autoría dunha servidora, Mª Rosario Soto Arias).