xoves, 16 de marzo de 2023

A CORUÑA

 

CORUÑESAS E CORUÑESES DO S. XVIII

 

(No "Libro do vecindario" figuran mulleres que levan e traen auga)

 

Como acabamos de vivir o día oito de marzo, imos falar un pouco de mulleres e de homes, pero especialmente das primeiras. De mulleres coruñesas. Imos tomar como base un documento catastral moi interesante do século XVIII, o chamado Libro del Vecindario da Coruña. Foi publicado en 1990 dentro da obra titulada La Coruña 1752 Según las Respuestas Generales del Catastro de Ensenada e os editores (Cristina Ortega, Teresa García, Remedios Jusdado, Luis Miguel Pulgar, María Luisa Bermejo e Francisco Velázquez-Gaztelu) botaron man da documentación custodiada no Arquivo do Reino de Galicia. Son moitas páxinas e hai moita información. Terémonos que contentar cunhas cantas catas. 

(En 1752 había unha veciña chamada Cecilia da Muralla)

 

Chama moito a nosa atención que dos homes pode dicirse que están casados pero, salvo contadas excepcións, non se amenta o nome da esposa: no listado das mulleres, salvo contadas excepcións, sempre se cita o nome e apelidos do esposo. Esta disparidade indícanos que os nomes dos esposos son importantes mentres que os nomes das esposas son prescindibles. A verdade é que nese século, coma en séculos posteriores, o home é o puntal, o ”petrucio”, o pater familias. Con iso está dito todo, porque xa desde Roma sabemos cales son as implicacións de ser pater familias e o poder de todo tipo, empezando pola patria potestade que esa figura acumula e exerce sobre os outros membros da familia. A muller nunca podía ser pater familias nin existía un poder paralelo feminino, unha mater familias. Así debe entenderse tamén que no listado de mulleres máis longo, o encabezado polo epígrafe Mujeres (pp. 116-127), se indique en varias ocasións “ausente” para referirse ao home: viceversa nunca se cumpre. Volvemos ao xa dito: é o home o xefe, a quen se lle atribúe ou supón a xeración e distribución da riqueza e este libro que manexamos forma parte do grande proxecto, no século das luces, de redistribución e unificación de impostos e gravames que coñecemos como Catastro de Ensenada. Un proxecto no que se gastaron moitos cartos e que veu quedar finalmente en auga de castañas. Pero, iso si, deixounos un tesouro de información histórico-social. 

(Figura un longo listado de mariñeiros no libro pero non figuran mulleres redeiras)

 

Un segundo aspecto que distingue homes de mulleres refírese aos cargos importantes, que comportan poder. Así por exemplo, cargos tocantes á Real Audiencia (Capitán Xeneral, membros do Consello de Súa Maxestade, oidor da Real Audiencia, alcalde maior, fiscal, alguacil, tenente de alguacil, escribán etc.) só son desempeñados por homes. E pasa igual cos avogados,  cos procuradores da Real Audiencia, cos escudeiros, alabardeiros, taxadores, axentes do cárcere, porteiros, memorialistas, contadores de partillas, visitadores da renda do tabaco, receptores dos alfolíes ou almacéns de sal, campaneiros, músicos da Colexiata, capitán ou piloto da lancha del resguardo, mariñeiros, carpinteiros, prateiros, ferreiros, ferreiros de obra blanca ou de obra negra, canteiros, albaneis, peiteadores, vidreiros, latoeiros, faroleiros, espadeiros, sombreireiros, caldeireiros, amoladores, toneleiros, fogueteiros, canastreiros etc. Só constan homes con eses oficios. E algunha excepción: no oficio de varrendeiro consta só unha muller, con nome e apelidos: Benita Fernández Barrendera de la Real Audiencia, de edad de setenta años, sin familia. Goza de sueldo (pp. 92-3).

(Si que figuran mulleres que tratan en feiras e negocian cos ovos, a froita...)

 

Os oficios son, como podedes ir vendo, curiosos, variados e como dicimos a inmensa maioría só para homes. A verdade é que a lista de oficios é longa, moi longa. Algún “oficio” sorpréndenos (só ata certo punto: temos familia política en Usagre que nos ten facilitado literatura do XVIII desa cidade pacense e vemos que nese século un home libre non pode casar cunha “escrava”). Referímonos a un esclavo negro  que vivía na Coruña de 1752. O “dono” é un Yntendente General de Marina. Desta persoa dise literalmente que tiene un hijo mayor de los diez y ocho (este é un dato importante, repítese moito, fillos maiores ou menores dos 18 anos), una hija, un capellán, quatro pajes, siete criados, ynclusos un literero, cocinero, cochereo y un negro esclavo, y todos maiores de los diez y ocho años, dos donzellas y quatro criadas (p. 102).

 

(Neste século, XVIII, edifícase este palacio baixo o reinado de Fernando VI, que hoxe en día se pode coñecer nunha interesante visita guiada)

 

Con todo, hai oficios comúns, nos que vemos tanto homes como mulleres. Velaquí algúns:

Enfermeiras e enfermeiros: hai máis homes, con diferenza, pero consta unha enfermeira no Hospital de Nuestra Señora del Buen Suzeso e no hospital de pobres de San Lázaro (que estaba en Santa Lucía) había una mujer que les asiste.

Tratantes en sardiña salgada: documentamos homes e mulleres.

Tratantes de porcos: igual, hai homes e mulleres.

Criadas e criados: hai moitas máis “criadas” (hai casas ou familias que teñen ata catro ou cinco) ca “criados”.

Estanquilleiros e estanquilleiras: hai máis homes pero consta unha muller, María Jaspe, estanquillera, tiene en su compañía tres hijas y una criada. Goza por tal (p.107).

Taberneiras e taberneiros: 14 mulleres e 8 homes (pp. 148-9).

Tecedeiras e tecedores: Hai máis homes, e se ocupan cargos na Real Mestranza, son só homes. Con todo, documentamos as seguintes, todas con teares propios, fóra da Mestanza: Rosa de Cobas (esta muller tiña 5 teares e ten 80 anos, das persoas máis lonxevas do libro); Josepha Méndez, 60 anos, 2 teares; María Rodríguez, 3; Andrea do Monte, 2; Pastora María do Monte, 1; Francisca de Otero, 2. Logo hai mulleres que son “oficial-tecedeira” e traballan para outros:  María Fernández, Magdalena Méndez, María de Abel, Dominga Fernández, María de Berbia.

Panadeiras e panadeiros, forneiras e forneiros: Hai menos mulleres pero haber hainas: Ysavel Rodríguez de Prabio (esta era forneira e tiña tres criadas, tamén obtiña beneficios da trata de porcos), Theresa Antonia Cañizos de Otero (tamén pluriempregada, forneira, panadeira e tratante de porcos), Doña Juana de Vila (esta leva a palma do pluriemprego ou do mercantilismo: forneira, biscoiteira, tratante en azucre rosado e chocolate e cereira), María Patiña (panadeira), María Theresa Vaamonde (panadeira), María Míguez (forneira, panadeira e tratante de leitóns), María Rabuñal, Ygnés de Villaberde, Juana de Costario, Juana de Coto, Theresa Pescoziños (panadeiras).

Posadeiras e posadeiros: Hai bastante máis homes. Temos entre as mulleres a Doña Ana Bue David (dos criadas), Doña Juana Moscoso, Doña Pasqua Moscoso, Dominga García de Leis, Ana de Parga, María Palencia, Magdalena Blanca, Silvestra Fernández da Vila.

Calceteiras e calceteiros: 5 homes e 2 mulleres (Caietana de Naia e Jetrudis [sic] del Río).

Merceiros e merceiras: Hai menos mulleres neste oficio pero algunha hai. Por exemplo: Y su mujer, Josepha Saavedra, [goza de sueldo] por merzera (p. 106, vedes aquí unha excepción: consígnase a carón de pater familias o nome da esposa, porque neste caso ela é tamén xeradora de riqueza).

Zapateiras e zapateiros: A carón de ducias de homes vemos unha muller, María Gómez “mestra de obra prima” (p.194).

Tratantas e tratantes: (tratanta e tratantas son formas literais que aparecen no documento). Arriba xa vimos algún caso mais ímolos ampliar. Vimos que se trataba en peixe (só aparecen consignadas as sardiñas, que eran abundantísimas, e o bacallau), tamén se trataba en viños e en cervexa, en gando (os máis nomeados son os porcos). Logo hai un longo listado de “Tratantes de feiras e mercados”, con predominio absoluto de mulleres: algunhas son  tratantas revendedoras, outra é tratanta de huevos y pollos ou de ovos e galiñas; dunha se di que é traficante rebendedora, doutra atrancanta rebendedora; hainas tratanta en ferias. Dentro deste capítulo hai un subapartado, Fruteras, no que só hai mulleres rexistradas.

 

(Neste século avanzan as fortificacións da cidade e mais tamén a urbanización da mesma. Este plano da chamada Fronte de Terra é do enxeñeiro de apelido francés Juan de Laferriere y Valentín.Pola Coruña do XVIII pasaron e deixaron pegada grandes personalidades do corpo militar de enxeñeiros:Francisco Montaigut de la Perille, outro home, brigadier e enxeñeiro director, de apelidos franceses, falecido aquí na Coruña no ano 1733. Outo nome ligado para sempre á historia da nosa cidade é Pedro Martín Paredes Cermeño)



Así pois, mentres que hai ducias de oficios que só son desempeñados por homes (polo menos non constan mulleres), só hai un par de oficios no que só vemos rexistradas mulleres: Fruteiras e Mandadeiras (no documento, fruteras e mandaderas). Contamos 26 fruteiras: normalmente figura o seu nome, e incluso o alcume: María de la Yglesia, alias Boga e Francisca Sánchez, alias la Zigarrera (p. 146) (conste que non hai moitos alcumes, dun total de 7208 veciños que ten a cidade nese momento, contabilizados no libro, sen contar os eclesiásticos e as relixioas, que van en conta á parte, apenas hai media ducia de alcumes). Mandadeiras só hai rexistradas dúas e traballaban para o convento de relixiosas de Nuestra Señora de las Marabillas, de pobres madres Capuchinas. Vemos tamén que figuran dúas mulleres que levan e traen auga (aguadera ou aguadora, aparecen as dúas formas). Nese oficio non vemos homes. E aparece só un caso de tratanta en azucre (observade que no dicionario actual, da Real Academia -galega ou española-, non flexiona tratante: diredes que non fai falta, tampouco flexiona estudante… ah!, pero na española flexiona principianta, e postos a ser consecuentes, por que flexiona modisto, se o sufixo -ista tampouco necesitaba flexión? En fin, deixémolo a un lado para poder seguir co noso contiño). Diciamos que figura unha soa azucarera (p. 100, o cal nos recorda que hai varios tratantes en chocolate). Outro caso de unicidade: só hai unha persoa confitera e é tamén muller (p. 137, non figura o nome). Desde logo, hai moitas mulleres negociantas (vaia!, esta vez si flexiona academicamente), de feito a única persoa -salvo erro noso- que figura no libro como posuidora dun barco é unha muller: Doña Ana Alvarez Baldonedo tiene en su compañía una hermana, un criado maior de los diez y ocho y dos criadas. Por tres quiñones en que se utiliza por un barco que tiene. Por el trato de sardina salada (p. 116).

 

(Parte da arquería da condución de augas desde A Gramela-Visma á cidade, obra, esta Segunda Viaxe da Auga, ordenada e dirixida por F. Montaigut)

Achamos mulleres pobres. Homes pobres habería mais non constan. Só constan mulleres nese estado ou condición. Algunhas viven baixo o teito doutra persoa. Por exemplo, lemos: Doña María Theresa Fenrreiro tiene un hijo menor de los diez y ocho y una hija y tres mujeres pobres en su compañía. Case consideramos unha delicadeza que non nos dean os nomes desas mulleres… Non había lei de protección de datos, nótase porque noutros casos dise con nome e apelidos quen eran as mulleres pobres. En fin, tamén é certo que se un ser humano era “oficialmente” pobre non se lle podía esixir contribución, é de supoñer. A condición da pobreza quizais explique que non se indique o apelido familiar, só o lugar de procedencia e talvez de nacenza. Así lemos: Pasqua do Bal, pobre y sin familia; Thomasa da Vila, pobre, ydem; María Dominga de Castrillón [O Castrillón é a día de hoxe unha zona, unha barriada da Coruña], pobre, e hai unha muller, que figura cun nome ao noso entender digno de ser relembrado, que dá a impresión de non nadar precisamente na abundancia: Zizilia da Muralla, sin familia. Xa vos fixariades en que temos tres casos de uso do galego no nome das mulleres amentadas: do Bal, da Vila, da Muralla.

Ata aquí chegamos por hoxe. Cando teñamos tempo poderemos, se cadra, falar dos apelidos. Hainos curiosísimos e non todos chegaron aos nosos días. Quede para outro día. Atentos á primavera. Desfrutémola.

 

(Santa María do Campo. Todas as fotos están tomadas de Internet)

::::::::::::::::::::::

NOTA: O concepto de estanquilleira/-o (no texto estanquillera/-o) deriva da voz Estanco. Na p. 214 dísenos:

“Estanco: corresponde este termo ao contrato ou asento polo que alguén concede a outro, ou o rei a sí mesmo, o monopolio de venda ou fabricación dun determinado produto, que desde ese momento queda estancado, chamándose estanqueiro a quen fica autorizado á venda ao retallo. Na época do Catastro eran varios os produtos estancados, sendo os principais o tabaco, o sal, os naipes e a neve. En Córdoba aparece tamén o estanco de loitos e outro máis novidoso, o do turrón, así como o de fogos de artificio” (a tradución ao galego é nosa).

 

(Mulleres na praza)

 

mércores, 1 de marzo de 2023

GALICIA INMORRENTE

 

24 DE FEBREIRO: DÍA DE ROSALÍA

O mausoleo rosaliano

 

(Retrato de Rosalía de Castro de Manuel López Garabal. A foto está atirada, como se pode apreciar, da páxina web correspondente da Universidade de Santiago)

 

Desta feita imos homenaxear a nosa poeta nacional coñecendo, ou repasando, algúns datos relativos ao seu mausoleo. Sabedes os máis de vós que Rosalía non descansa coa súa familia, boa parte da cal está no cemiterio do santo Amaro, aquí na Coruña. Ela é ela e foi decisión de moita boa xente que ocupasen os seus restos mortais un lugar especial no corazón de Galicia, en Compostela, no chamado Panteón de Galegos Ilustres. 

 


 

Así que lle dedicaremos un par de páxinas do noso blog a relembrar o artista que lle fixo o mausoleo, o escultor e profesor Jesús Landeira Iglesias.

 

 

(Foto nº 3. Landeira é o que apoia o bastón de forma oblicua)

“É a Sociedade Económica quen anuncia o proxecto de erguer o mausoleo a Rosalía, o que levou a crear unha comisión para axundar niso ao seu Director. A comisión estaba composta por ““D. José Antonio Parga Sanjurjo, D. Benito Losada, D. Isidoro Casulleras, D. Juan Segade Campoamor, D. Ramiro Rueda, D. Juan Barcia Caballero y D. Manuel Bibiano Fernández” (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 8, III, 1887). O nominado en último lugar era o fundador e director, ata 1887, da Gaceta de Galicia. Diario de Santiago. […] Pois ben, nesa dinámica de apoiar a construción do mausoleo de Rosalía xustifícase que a Sociedade Económica organice unha “gran velada cómico-literaria para contribuír ao mausoleo-monumento a Rosalía de Castro” (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 20, VI, 1887). É obra de Jesús Landeira Iglesias. Este artista compostelán formouse en debuxo e modelado na Real Sociedade Económica de Amigos do País e foi profesor na Escola de Artes e Oficios de Santiago, na que figura como axudante entre os anos 1887 e 1913. Despois gañará a cátedra da súa especialidade, sendo destinado á Escola de Artes e Oficios de Baeza. En 1920 volverá ao centro compostelán, xa como principal responsabel, a ocupar unha praza que levaba un tempo vacante. Morre en 1924 (Vid. J. Sousa, F. Pereira, 1988, pp. 143-145). Realízaa e dátaa en 1981, obedecendo a criterios que se inspiran no Renacemento (Vid. J. Díaz de Rábago, 1887, p. 1; J. Tarrío García, 1891, pp. 9-11). Concrétase con imaxes alegóricas nos lados: unha muller cunha lira e unha palma, significando a Poesía, outra cun libro e unha póla de loureiro, facendo referencia ás Letras (J. Tarrío García, S. Cabeza de León, A. Brañas Menéndez, 1891, p. 11). Chama a atención a presenza de dúas curuxas, na parte alta, con todas as connotacións que vinculan a ave a Atenea ou Minerva, a deusa da Sabedoría. Conta cunha ampla lenda na que se di: D.O.M./ PARA ETERNA MEMORIA./ GALICIA,/ FIXO FACER POR SUSCRIPCION NACIONAL/ ESTE MOIMENTO,/ ONDE DESCANSA NA PAZ DO SEÑOR/ A QUE FOI GRORIA DA SUA PATRIA/ SEÑORA DOÑA ROSALIA CASTRO DE MURGUIA./ FINOU EN IRIA NO 15 DE JULIO/ DO ANO DE 1885----/ DOY COMEZO A SUSCRIPCION A COLONIA GALLEGA EN CUBA.-POR-LOS/COIDADOS DA SOCIEDADE ECONÓMICA DE SANTIAGO, DOUSELLE CIMA./ Jesús Landeira, fecit-Compostellae/anno 1891.

Chama a atención o contraste de materiais que utiliza o escultor. O branco para a parte monumental e o negro para a urna propiamente dita. Está centrada por unha cruz finalizada en vieiras e sobre a que se impón outra, propiamente xacobea, centrada por unha estrela, vinculada tamén con Compostela. Está enmarcada por unha coroa de loureiro. En tanto móstrase unha harpía a cada lado gardándoo todo, baixo esa lousa branca que, a modo de altar, se dispón sobre a negritude da tumba. Quizais, nese uso de figuras monstruosas como gardiás dun espazo ao que contribúen a ornar, Landeira se inspirara no que fixo Juan Bautista Celma nos púlpitos da Catedral de Santiago” (Texto tirado de: https://museovirtual.usc.gal/es/bienes/rosalia-de-castro. A tradución ao galego é nosa).

 

(Foto nº 4)

 

Noutro lugar (https://compostelaverde.santiagodecompostela.gal/places/panteon-de-galegos-ilustres/) obtemos datos complementarios:

“Rosalía de Castro Abadía (1837-85): escritora do Rexurdimento. Os seus restos foron trasladados dende o cemiterio da Adina, en Iria Flavia; e colocados aquí o 25 de maio de 1891. O seu mausoleo, incrustado na parede da Capela da Visitación, é obra de Jesús Landeira Iglesias e levantado por subscrición popular iniciada en América por unha comisión cubana presidida por Xoán Manuel Espada e Henrique Novo, e continuada en Galicia pola Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. Está feito de mármore en estilo neoclásico, e alberga a caixa de zinc cos restos da poetisa”

 

(Foto nº 5: Landeira ocupa o quinto lugar na segunda fila, contando de esquerda a dereita; curso da Escola de Artes e Oficios compostelá 1893-4)

Hai agora case vinte anos, publicárase na prensa un artigo do neto do escultor, instando ao Concello santiagués para que cumprise a palabra dada e erixise un monumento ao artista. Nese artigo constan algunhas das súas obras, alén do mausoleo rosaliano: o palco da música na Alameda compostelá, o altar da capela do Rosario -tamén en san Domingos de Bonaval-, o altar maior da igrexa de san Tomás en Caldas de Reis e a urna sacra de santa Eulalia de Arealonga en Vilagarcía. Dísenos tamén que naceu en Santiago no seo dunha familia humilde e que aprendera o oficio no obradoiro de Suárez. Con posterioridade estudou Belas Artes en Madrid (en: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2003/05/24/nieto-escultor-reclama-monumento-memoria/0003_1700876.htm). Que saibamos nin mausoleo nin monumento honran a figura do artista compostelán xa para sempre unido a Rosalía na memoria de nós, mais si que hai unha rúa en Santiago de Compostela que leva o seu nome.

(Foto atirada de Internet)

 

 

Á derradeira, déixovos un novo enderezo por se estivésedes interesados en dar un paseo virtual polo Panteón:

https://www.rutarosaliana.gal/es/la-ruta-rosaliana/panteon-de-gallegos-ilustres-en-santiago/

 

(Libro de onde están tiradas as fotos numeradas. Nesta Escola fora director, antes de exercer a cátedra no noso Instituto o relembrado profesor e pintor Felipe Criado)