sábado, 15 de agosto de 2020

 

GALICIA INMORRENTE

SANTA MARÍA DE TRASDEZA

 

(Igrexa parroquial de Santa María de Cortegada)

Hoxe, día da Virxe de agosto, día da Asunción da Virxe, é un día celebradísimo en toda Galicia. Esta advocación mariana é a que ten baixo o seu padroado o maior número de parroquias de todo o territorio (en concreto 730 parroquias, seguida de lonxe por san Pedro con 306, Santiago con 287 e san Xoán con 275; datos tomados da páx. web Parroquias de Galicia por advocación).

En Galicia, na diócese de Lugo mais provincia de Pontevedra, bisbarra histórica de Trasdeza, hai dúas parroquias que na actualidade se disputan a honra (desde o noso punto de vista de filólogos e amantes da historia non esaxeramos nadiña ao falarmos aquí de honra) de ser a vella SANTA MARÍA DE TRASDEZA, a que figura nun documento do século VIII, o testamento de Odoario, aquel que fora bispo lucense (recordemos que Lugo é unha diócese moi moi vella, con moito prestixio histórico, arredor dela figuran as primeiras mencións do cristinanismo histórico, por alí predicarían os chamados sete varóns apostólicos, e quizais de Lugo e o dereito, cuxa orixe se perde na noite dos tempos, da súa catedral a expoñer permanentemente o Altísimo en forma de Hostia Consagrada, proceda -a título hipótese verosímil- o escudo do vello Reino de Galicia). As dúas parroquias devanditas son as chamadas hoxe en día Santa María de Abades e Santa María de Cortegada. Nese texto de metade do século VIII, dise que Odoario lle doa á Igrexa de Lugo a igrexa Sancta Maria de Trasdeza quam nuncupant Petos, literalmente ‘Santa María de Trasdeza á que chaman Petos’. Con cal das dúas se corresponde? Hai quen defende que é a de Abades e hai quen defende que é a de Cortegada.

Partidarios de Abades: A Asociación de Xenealoxía Heráldica e Nobiliario de Galicia. Amósovos a páxina das redes sociais de onde obtivemos o dato.


Tamén o pensa así García Conde (citado por N. Ares, vid. máis abaixo), quen naceu nunha parroquia próxima e di que Abades é un nome novo, moderno, e que antigamente esa igrexa foi chamada Santa María de Pedre, sendo Pedre unha corrupción do Petos mencionado no documento do ano 747.

O erudito D. José Espiño, que fora cura da Bandeira moitos anos, gran amante da historia e bo coñecedor da arqueoloxía castrexa. Tivemos a gran satisfacción de visitalo hai anos na súa casa, onde fomos ben agasallados con algúns dos seus estudos, onde nos mostrara a súa espléndida colección de achados en pedra, todos etiquetados con rigor e postos xa á disposición de instancias universitarias ou museísticas para o día en que el falte… D. José mostrou a súa clara predilección por identificar a Santa María de Trasdeza do testamento de Odoario con Abades, precisamente polo cambio de nome. O meu esposo, filólogo non desprezable en quen tantas veces deposito a miña confianza digamos científica, tamén se une a esa crenza.

Isto no que nós sabemos. Sen dúbida a opción de Abades terá outros partidarios,  pero díxenvos o que sabía ata o día de hoxe. Veñamos agora aos partidarios da outra identificación. Santa María de Cortegada é a vella Santa María de Trasdeza, así referenciada no texto do século VIII. Non creo que se poida dicir que ese fose o “nome oficial”. Trasdeza coidamos que funciona aí como referencia xeográfica, non como nome de parroquia, como se dixeramos Santa María en (terras de) Trasdeza. Non o podemos asegurar, claro, pero ben podería ser.

Partidarios logo destoutra opción: o escritor e investigador lalinense Daniel González Alén. Lemos en prensa un resumo dun seu libro publicado, onde a propósito de Santa María de Cortegada di: Dentro del patrimonio religioso destaca la iglesia parroquial barroca «que conserva elementos prerrománicos e románicos, destacando polas seus canzorros figurados e as métopas con rosáceas que conserva baixo os aleiros e na ábsida que datan do século XII, pero xa antes no século VIII a igrexa de Santa María de Trasdeza, que así se chamaba daquela, figurando no testamento do bispo Odoario e dous séculos despois mencionada nun documento de dación o mosteiro de Carboeiro. Tamén destaca polos seus antigos retablos e imaxes e ten reloxo de sol, e nas proximidades un peto de animas adicado a Santo Antonio datado en 1902 o ano en que tamén rematou a torre da actual igrexa». (en: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/silleda/2018/11/25/nueva-vida-antigua-escuela-parroquia-cortegada/0003_201811D25C6991.htm).

E está a opinión “indirecta” do sabio xa falecido, D. Nicandro Ares Vázquez, home que pasa á historia como bo profesor, bo párroco, académico e magnífico filólogo de Galicia (con quen tivemos tamén o privilexio de manter algunha que outra conversa etimolóxica, sobre o nome da parroquia e igrexa en que recibimos dous sacramentos, bautismo e matrimonio, Santa María de Oza, da Coruña desde 1912). No seu estudo sobre a toponimia trasdezá da diócese de Lugo non se manifesta claramente partidario desta opción, pero case, porque, meus amigos, sitúa a información documental, como quen fai unha identificación, de Santa María de Trasdeza, baixo o epígrafe de Cortegada, e non no de Abades, que tamén estuda nese mesmo artigo. Adxúntovos foto da páxina que sae da súa pluma.

 

 

Unha servidora tamén se acaroa desta banda. Nin nos convence o argumento do cambio de nome (porque, se imos ver, imaxinade que algún día esta nosa Santa María de Cortegada se chamase Santa María de Trasdeza: pois tamén houbo logo un cambio de nome… Cambio de nome puido haber, pero cal foi o primeiro, só Deus o sabe…), nin nos convence a derivación-corrupción de Petos a Pedre. Máis ben Pedre dá que pensar nun Pedro, nome de posesor. 

 

 (Este peto dedicado ao santo Antón está situado ao lado da igrexa de Cortegada. Relembra Marita que de nena -agora ten 68 anos- oía estas palabras: "Toma este peso, san Antoniño, pola miña vaca marela". Pedía pola saúde da vaca, animal importante na economía familiar, como ben sabía Castelao. Ao fondo, Castro Montaz de case 600 m. de altura, un dos castros máis altos do país)

 

(Deste libro fundamental para o coñecemento arqueolóxico de Trasdeza tiramos os datos sobre ese "triángulo castrexo" con mínima distancia inter-castros)

E logo está o feito de que aquí, neste terra que rodea a igrexa parroquial de Cortegada (onde por certo, foran bautizados o meu home, a súa nai, as súas avoas e avós maternos…, o noso primoxénito Suso, logo alumno do Eusebio…), aquí -dicimos-, onde hai unha riquísima concentración arqueolóxica (xa para empezar a igrexa está aló enriba, onda o chamado precisamente Castro do Cura, e próximo dunha banda está un triángulo inusual pola pouca distancia inter-castros: Castro do Marco, de Cartimil e o de Cortegada, mentres que da outra banda está o interesantísimo Castro Montaz, rico en granito[1], rico en pedras, rico en petos, entendendo por peto aquí unha pedra, unha formación pétrea -se mirades no DdD veredes esa acepción, un peto é algo duro, pedra, con que tropeza o home ao arar, da familia léxica do peteiro de herba, algo duro que sobresae, da familia do Petón de Culleredo, saínte que destaca de pedra no perfil orográfico… E precisamente aí, no Castro Montaz -que pertence hoxe en día tanto á parroquia de Oleiros como á de Cortegada- documéntase a existencia do topónimo Chao de Petos. É este un argumento non desprezable en absoluto, un argumento a ter en conta. Aquí queda a cousa. Seguiremos investigando outras opinións, novos datos. Parabéns a todas as Marías e Asuncións.

(Interesantísimo petroglifo escaleriforme: está precisamente no lugar chamado CHAO DE PETOS, no Castro Montaz. A foto está tirada da páx. web do Concello de Silleda)

::::::::::::::::::

 (Rústica fonte labrada cun só bloque de pedra granítica extraída do Castro Montaz)

Nota:

(1)   Contábame aínda este día un veciño aquí na aldea, Pepe de Vitorino, 72 anos, (eu pregunteille que sabía da fonte de Valmundín/Valbundín, próxima ao Castro Montaz, e non lonxe da igrexa de Cortegada) que de rapaz moitas veces tiña ido á fonte por auga para os canteiros… -E logo que facían eses canteiros, e de onde sacaban a pedra? -Todo iso eran canteiras…, había unha onda a Carballeira do Rei, outra a Carballeira de Xil… (preto de Castro Montaz e da Casa dos Chaos, xa na aba do Chamor, parroquia de Cortegada), e facían pedras para a estrada: collían unha pedra así (debuxa no chan un cadrado de aproximadamente de 50 cm por 50 cm), facíanlle así dous riscos (debuxa unha cruz que divide a superficie en 4 novos cadrados), logo dábanlle a volta, golpeaban na marra no centro e clak!, catro adoquíns feitiños! Eu leváballes o porrón de auga, de barro, ben fresquiña e eles deixábanme darlle coa marra…

 

 



[1]

xoves, 6 de agosto de 2020

A NOSA CASA

AS GRANDES DAMAS DO ENSINO

María Muruais Lamas: A  Pontenova,  Lugo, 1932- A  Coruña,  1997

(María Muruais Lamas. Foto tomada co gallo do centenario do Instituto, ano 1990)

Hai un refrán galego que di Deus cando dá non é migalleiro. Vén aquí moi ben: no meu Instituto tiven sempre bos profesores; é máis, podo dicir que adorei ou case a varios. De María Teresa xa vos falei noutras ocasións; hoxe emporiso, quixera falarvos doutra miña querida profesora de inglés, a catedrática María Muruais Lamas, xa falecida. Deunos, a min e as miñas compañeiras, inglés digamos toda a vida, desde os primeiros cursos de bacharelato ata COU, incluído. Foi a única profesora de inglés que tiven no Instituto. Cando volvín, anos despois de rematado o COU como profesora de lingua e literatura galegas, ao centro, ela alí estaba e acordábase perfectamente de min e nunca, ata o derradeiro ano da súa vida, deixou de tratarme con afecto. Descanse en paz.

María Muruais deberá pasar á historia do noso Instituto  como a primeira Directora do centro. Antes dela houbo outra muller que ocupou o cargo, pero a título provisional, María Luisa Telo López (habería talvez que dedicarlle unha páxina ou dúas no blog…) e tamén antes ca ela foi nomeada Consuelo Mariño Bobillo como directora da Filial número 1 do Instituto, “La Milagrosa”. Pero como directora cabal, con todas as atribucións oficiais inherentes ao cargo, a primeira foi María Muruais. Vexamos en primeiro lugar algúns datos importantes da súa biografía e traxectoria profesional. Faremos ese breve percorrido a través das palabras-discurso de homenaxe celebrado no ano 1997. O devandito discurso correu a cargo da súa ,atreveríame a dicir, “herdeira espiritual-intelectual”, Dª Fidelina Seco, quen tamén fora profesora de inglés no Instituto moitos anos.

Coñezo a María desde hai case 20 anos, o tempo que hai que é a miña compañeira e Xefe de Seminario, pero ela levaba uns anos exercendo a súa profesión cando eu a coñecín. María é pioneira na ensinanza do Inglés, posto que ela estudou Filoloxía Inglesa nos primeiros anos da súa implantación en Madrid ao mesmo tempo que realizaba a súa licenciatura en Filoloxía Románica. Tamén se fixo mestra, o que nos dá unha idea do seu afán por aprender e o seu gran interese pola docencia. Viaxoua con frecuencia a Inglaterra e aos EEUU nuns canos nos que non era tan habitual como o é agora, e estas viaxes, xunto cos seus estudos, déronlle un gran dominio do inglés, algo pouco frecuente daquela, e non tan frecuente hoxe en día tampouco. Ese dominio do inglés mantívoo ao longo dos anos con novas viaxes, de pracer ou de estudos, aos EEUU e Inglaterra. (…) María foi interina antes de facer as oposicións. Foino no Instituto Nsa. Sra. dos Ollos Grandes de Lugo, que era entón Instituto Feminino, e aí foi onde tivo o seu primeiro contacto co ensino despois de pasar un ano en Inglaterra afianzando o seu dominio do inglés. En 1961 fai as oposicións a Agregada de Inglés, que son as primeiras oposicións de inglés que se celebran. O seu primeiro destino é Ciudad Rodrigo e deseguido o Instituto Masculino de Oviedo. Posteriormente pide o traslado ao Instituto Cervantes de Madrid a fin de dispoñer de máis medios para preparar as oposicións a Cátedra. Aproba as oposicións e toma posesión da acabada de crear Cátedra de Inglés deste Instituto o 1 de marzo de 1966, é dicir, que dentro dunha semana fará 31 anos que é Profesora deste centro. En setembro deste mesmo ano en que toma posesión, o seu afán por aprender lévaa aos EEUU a realizar estudos sobre a lingua inglesa en varias Universidades, para o que lle fora concedida unha bolsa de estudos Fullbright. Estas bolsas son moi coñecidas desde hai tempo entre estudantes e licenciados en inglés, aínda que non moitos acceden a elas pola dificultade das probas esixidas. Ao regresar dos EEUU incorpórase definitivamente á súa praza no Instituto Eusebio Da Guarda. Naqueles tempos o Seminario de Inglés compoñíano só María e outras dúas profesoreas. Esta situación iría cambiando gradualmente ata estes días en que somos 9 os profesores do seminario. Este aumento de profesores débese, naturalmente, ao aumento de alumnos. E este incremento no número de alumnos se debe a que a sociedade se vai dando conta pouco a pouco da importancia cada vez maior do inglés no mundo de hoxe. E non se pode negar que a esta toma de conciencia contribúen as persoas entusiastas e con visión de futuro como María. Desde que chegou ao Instituto desenvolve unha gran actividade docente da que gardan bo recordo os seus alumnos e alumnas, algunas das cales está presente hoxe aquí. Tamén toma parte, en dúas ocasións, nos labores directivos do centro. Durante un ano,  de 1969 a 1970, é Secretaria, a petición de Luis Artigas, que era entón Director do Instituto e a quen todos recordamos con cariño. Engadirei como anécdota que, sendo Secretaria, María redacta e asina a Acta de toma de posesión de Chelo Mariño como directora de La Milagrosa. Desempeña o cargo de Directora do Instituto durante 3 anos: desde 1974 ata 1977, anos difíciles durante os que María pon todo o seu empeño e mellor vontade en solucionar os problemas que se presentan. Acompáñana nas tarefas directivas: Felipe Criado, Vicedirector; María Teresa R. Taboada, Secretaria, e Antonio Lopez-Niño e José Luis Lopez Mejuto como Xefes de Estudos de Diúrno e Nocturno respectivamente. (…) Pola miña experiencia persoal podo dicir que María é unha persoa que se entrega totalmente á ensinanza en xeral e á do inglés en particular. Dálle unha gran importancia á formación dos profesores e sempre nos animou aos seus compañeiros de Seminario a realizar todas aquelas actividades que puidesen contribuír á nosa formación; animábanos a asistir a cursos, a solicitar bolsas e a facer intercambios e incluso probas de acceso. E, coa súa habitual xenerosidade, proporcionounos a axuda que lle solicitamos. María é unha das persoas con maior información sobre lexislación educativa que coñezo. (…) E tamén ten máis información sobre didáctica do inglés que a maioría dos profesores desta materia. E toda esa información que posúe compártea sen restricións. Eu aprendín con María o que é unha programación, un Seminario que funciona bien, incluso o que é un libro de actas de Reunións de Seminario. Pode dicirse que con María dei os meus primeiros pasos pola ensinanza, e grazas a ela puiden afrontar con confianza esta difícil profesión que é a docencia. Unha das batallas que aínda ten/temos pendente é a consecución da aula de inglés, pola cal loita desde que a coñezo. O actual director do centro, así como os seus antecesores aquí presentes son coñecedores da súa insistencia neste punto. Aínda non conseguimos a aula, pero seguiremos insistinto e seguramente algún día o conseguiremos. […] Por todo o devandito, é para min unha satisfacción ter podido dicir hoxe estas palabras en homenaxe e agradecemento a María Muruais.


(Palabras pronunciadas por Fidelina Seco no xantar-homenaxe a M. M. no Hotel Riazor no ano 1997).

(María nunha festa-xubilación a finais da década dos 80. Foto xentilmente cedida por Mª Teresa R. Taboada)


No que eu sei, María deunos clase a varias colegas e amigas, algunha das cales inda vos dá clase a algún de vós: deulle clase á profesora de matemáticas Dª Olga J. Meana, e deulle clase a Rosa F. Salmonte. A Rosa deulle en COU e relembra que era unha profesora esixente, que lle facía ler en inglés Un mundo feliz  de A. Huxley, esixente pero de moi bo trato. Unha servidora relembra que nos primeiros cursos de bacharelato, non eramos máis de dez ou doce como moito as alumnas que daquela escolliamos inglés, nos facía sentar formando un círculo e facíanos escoller un nome de pía inglés para achegarnos mellor á cultura británica, eu era Elsie. Sobre todos os atributos quedo coa dozura e cos seus ollos claros. María algunha vez ten dito que nós eramos coma os fillos que non tivo.



(Foto tomada das Actas Históricas que se custodian no Instituto. Esta pertence á sinatura de María como Directora. Trátase do primeiro claustro celebrado tras o seu nomeamento. Tivo lugar o 12 do mes de Santiago de 1974. Lese en primeiro lugar a credencial do seu nomeamento -recordemos que María, como todos os cargos da época, debeu xurar que acataría as leis franquistas, as do Movemento chamado; hoxe en día os directores de ensino non teñen por que xurar nin prometer acatar a Constitución; sen entrar en valoracións impertinentes ou inapropiadas, dá que pensar, e un dos pensamentos que suscita esta diferenza talvez sexa aquel que traza un valor enorme para a figura do Director dun centro de Ensino Público de outrora. Agora o labor do Director dun Instituto enténdese mellor, polo menos teoricamente, como un labor de democracia compartida cos membros da Comunidade Educativa como un todo amplo. María toma a palabra e o primeiro que fai é eloxiar o labor de Luis Artigas Giménez, anterior Director, figura moi querida, excelente profesor... Tamén neste claustro toma a palabra a profesora Dª Ángela García, para propor que figure en acta a satisfacción dos claustrais por ser María Muruais nomeada Directora)

 

(Placa na entrada da aula de inglés, planta baixa do Instituto. Foto tirada pola actual Directora do centro, Dª Isabel Ruso)