martes, 19 de marzo de 2019

ENTREVISTAS A HOMES QUE AMAN GALICIA


ENTREVISTA A HOMES QUE AMAN GALICIA


ENTREVISTA A JOSÉ MARÍA RUIZ MORA.


Mª R. Soto.- Moitas grazas, José María, por atendernos. Na túa familia, no que nós sabemos, houbo empresarios (avó cofundador da Imprenta La Universal na Habana), enxeñeiros de minas, arquitectos, ti tamén tes un título académico oficial, pero quizais me permitas que te presente ante os nosos alumnos e amigos seguidores do blog como Reconstrutor de Camiños. Que che parece? 



-Si é certo, Chari… Parece que na nosa casa traemos unha tradición de “técnicos”…, o cal non está rifado cun humanismo aplicado (poderíamos dicir práctico) que cadraría moi ben nese apelativo que me adxudicas de Reconstrutor de Camiños. Podemos dicir que a miña andaina profesional nun momento dado (a miña formación é como Enxeñeiro Técnico Agrícola, titulación todo terreo por excelencia) tropeza coa posibilidade de acometer a recuperación dun camiño tradicional no concello de A Coruña ( ¡! ), é a partir dese momento cando da man de Puri (a miña muller, que é arqueóloga) descubrimos que sorprendentemente aínda se poden atopar camiños coas rodeiras dos carros gravadas na rocha e que non hai un nin dous senón unha ampla rede de camiños (certamente na maior parte capada polas modernas infraestruturas) que resiste agochada sen facer moito ruído, basicamente nas parroquias de Elviña e na de Visma, a ver se non os asfaltan. Nen lama nen asfalto, foi o lema acuñado previamente por nós cando un grupo de amigos, amantes dos cabalos e dos camiños tradicionais reivindicamos o mantemento destes vieiros como moldeadores da nosa paisaxe formando parte do patrimonio cultural da man dos valados, as pontellas, cancelas, esqueiros… e demais elementos tan maltratados pola espantada do mundo rural cara ao modelo urbano, espantada que,  non por xustificada  -na procura dunhas mellores condicións de vida que deixara atrás o recordo de tempos de miseria e camiños cheos de lama-, supuxo a inmersión do país nunha perda de personalidade que non favorece o aprecio do propio e a conseguinte vinculación coa contorna. Pero isto é longo…, e daría para un ensaio ou incluso un cursiño.

-Moi ben. Quedas coroado con ese epíteto marabilloso, cunqueiriano. Dinos, ata o de agora, na recuperación de que camiños colaboraches? De cales te sentes máis satisfeito?

-O de coroado imos deixalo… Cunqueiriano mola.

Empezando polo final diríache que como todo o mundo (creo?) a actuación da que me sinto mais satisfeito é a última: acabamos de recuperar un camiño que denominamos Camiño do Convento; trátase dun treito de algo menos dun quilómetro 961 m. que na actualidade arranca fronte ao centro cívico de Novo Mesoiro e chega ate o cemiterio de Feáns (podédelo localizar na web do concello: www.coruna.gal/smart/gl/proxecto-csc/monografico-obras-e-proxectos?argIdioma=gl). É un caso paradigmático pois foi no seu tempo un camiño importante pero quedou cortado a raíz da construción do cemiterio e hoxe recuperámolo como camiño de uso preferentemente peonil, pois aínda que ten que dar servizo ás fincas e montes polos que atravesa, hoxe en día ten novos usos lúdicos, deportivos e pedagóxicos, que en definitiva constitúen unha nova oferta de aproximación sustentable ao medio natural e patrimonial (promoción da mobilidade non motorizada), e no seu conxunto son un recurso máis para o desenvolvemento local.

A recuperación de camiños vai devagar; no castro de Elviña recuperamos o camiño das Penas da Agrela, e o camiño de Elviña a Feáns pasando polo castro; en Feáns o camiño de Campos e o xa mencionado do Convento; sempre que podemos, tratamos de complementar o vieiro cos elementos históricos que o acompañan e lle dan sentido. Pero hai moitos en proxecto para licitar cando lles toque, e no seu día reincorporar á rede de camiños públicos de titularidade municipal, entre outros: no Castro de Elviña o camiño das Pífanas, o das Cadeiras, e o do Martinete; no lugar de Castro o camiño á Agra do Bico; en Palavea o da Fontaiña, e o de Laxe – Vilaboa; en Feáns o do Casal, o da Agüeira ou Agoeira?, e o da Rufana; en Cances o da Fonte das Reixas, e outros tantos que figuran no inventario de camiños do concello pero so cun número de rexistro, e que polo momento, ata que os investiguemos cos veciños carecen de nome porque ninguén se molestou en anotalo. Sobre o nome dos camiños subliñar que os vieiros tradicionais o mesmo que os ríos e regatos, teñen múltiples denominacións que van mudando segundo percorren o territorio.








   Camiño das Pífanas na contorna do Castro de Elviña
 
-Fálanos, por favor, agora da financiación… Que clase de colaboración recibes, que institucións son as máis preocupadas no tema?

-Como xa apuntei eu son un técnico un profesional que desenvolve parte do seu traballo facendo propostas a distintas administracións públicas e cando o proposto encaixa encárganme redactar o proxecto técnico, falar coa veciñanza e no seu caso dirixir a obra que corre a cargo do promotor (neste caso o concello); é un proceso laborioso… A administración ten que cumprir escrupulosamente os procedementos de contratación e a lexislación vixente, pedir informes sectoriais (augas, patrimonio, urbanismo…), e todo iso implica a moita xente, e cada un de seu pai e da súa nai, de xeito que ás veces por algún preguiceiro pódese dilatar de máis o procedemento, pero é o que hai.

Estes proxectos de recuperación de camiños empezámolos a xestionar polo ano 2013 cando a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, financiada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do PDR (Plan Desenvolvemento Rural) de Galicia, abriu liñas de subvención para que os concellos amañasen os camiños rurais, e ninguén caeu na conta de que A Coruña tamén tiña zona rural.  Naquel momento a Concellería de Medio Ambiente foi receptiva a nosa proposta e iniciamos unha colaboración que, a pesares dos cambios na corporación municipal, dura ata hoxe. Neste momento os investimentos mais importantes de recuperación de camiños corresponden ás actuacións recollidas nas estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (DUSI) financiadas na súa meirande parte con fondos da Unión Europea.

-Gustaríanos que nos contases algunha anécdota da paisanaxe, por exemplo. Que din os galego do rural, que di a xente de a pé. Implícanse?
-Estamos actuando en zonas “periurbanas” que foron rurais, pero que tamén traballaban para os “señoritos” da cidade (o 1 de xuño de 1907 mais de 1.000 lavandeiras da contorna da Coruña inician unha folga para actualizar as tarifas…); hoxe os veciños do rural xa non viven do campo, non obstante creo que todo o mundo no rural renega dun pasado miserable, traballando polo caldo, pasando traballos e necesidades; ninguén quixera volver atrás pero todo o mundo bota de menos a tranquilidade, a xolda, os campos traballados e os montes limpos…. un “oxímoron”, pode ser, pero creo que aínda está na nosa man recuperar unha parte valiosa dun patrimonio que nos enriquece como comunidade.

En canto á implicación dos paisanos, comentarei que sen ela sería moi difícil levar a cabo este labor de recuperación de camiños, sen alguén que coñeza o terreo chega un momento en que ou non avanzas ou é tan custoso que o deixarías; eu sempre tiven boa colaboración con asociacións de veciños e culturais, que ven con bos ollos estes traballos e sempre están dispostos a botar unha man. 

(Foto do chamado daquela "Camiño novo", hoxe rúa Juan Flórez, na Coruña. A foto está tomada dun libro que conmemora cen anos da construción da actual igrexa de santa Lucía, un libro con que nos agasallara Jesús Barrientos)


-Ás veces, porén, o problema non está tanto en facer como en preocuparse logo pola conservación… É así?

-Si … en parte é así, estamos nun país que ten alerxia visceral aos traballos de mantemento, un traballo imprescindible que por outra parte nas estradas o facían os peóns legoeiros, e nos camiños os veciños, e hoxe non quedan veciños para atender todos os camiños. Hoxe para as administracións titulares dos camiños, son traballos con pouca sona, rutineiros, que non locen, non levan a firma dun arquitecto estrela e se non o reclaman os afectados ninguén é quen de facelo.
Pero por outro lado vemos que tamén hai que facer, pois temos o problema da súa desaparición física-xurídica, un camiño pouco transitado ou cortado pola caída dunha árbore, ou esnaquizado polos traballos de tala dun monte, ou eliminado sen mais pola apertura dunha importante estrada, ou pechado por alguén inimigo do público, se non se recupera axiña e se lle dá continuidade, inicia unha viaxe segura cara á súa desaparición, e canto máis tempo pase a súa traza perderase para sempre primeiro sobre o terreo e despois na memoria.

-Que perspectivas tes para o futuro? Gustaríache seguir neste vieiro, nunca mellor dito…?

-Hai moito por facer … e refírome en concreto a todo o que vimos falando. A pouco que nos poñamos temos infinidade de actuacións vencelladas cos “novos usos” (lúdicos, deportivos e pedagóxicos) coa mobilidade sostible, coa posta en valor deste patrimonio vinculado, como un modo de mellorar a contorna, motor de desenvolvemento socioeconómico e fonte de recoñecemento identitario porque a comunidade entende que conforma unha paisaxe a protexer. Soamente necesitamos unha pinga de sensibilidade nas administracións xestoras para entender o reto e poñer en marcha as ferramentas necesarias.

Non somos friquis e se as circunstancias o permiten, temos claro que é unha opción profesional e vital; profesional porque temos as competencias necesarias para desenvolver as actuacións precisas para facelo, e vital na medida en que vivimos nun mundo rural en pleno cambio e nos gustaría achegar o noso graíño de area.

-Que estás lendo arestora, José María?
Uffffff  !! Que pregunta comprometida, dis literatura? Agora mesmo nada, podería dicirche que a presbicia… que etc etc etc, o certo é que queimo o tempo na pantalla do ordenador, o DOG, BOE, informes, hemeroteca, e cando remato… pois na, xa hai que non collo un “libro literario”, a ver para as próximas vacacións (ha, ha!). O último que lin foi “Tatuaje” de Manuel Vazquez Montalbán, unha aventura de Pepe Carbalho detective privado. Pero fágoche unha promesa: o próximo libro que vou ler vai ser “El naranjo” de Carlos Fuentes.

-Ata aquí chegamos por hoxe. Non estaría talvez mal recordarlles aos nosos rapaces que a felicidade na vida atópase no camiño. A palabra mesma, de orixe celta, está cargada de simbolismo. Grandes seres humanos dixeron de si Eu son o camiño… O Quixote é unha novela itinerante. En fin, José María, grazas por atendernos. Unha aperta e xa nos veremos dando unha voltiña un día destes.


 (Abaixo: foto das lavandeiras do Birloque, A Coruña, noutrora..., foto tomada de Internet. As outras fotos fóronnos facilitadas polo noso entrevistado)




venres, 8 de marzo de 2019

COLABORACIÓNS ESPECIAIS



8 DE MARZO 


Danme, familia e amizades, os parabéns. Podedes darmos tamén vós. Nacín un 8 de marzo. Nacín o mesmo día cá miña avoa coruñesa. Xa que empezamos o día con datos tan subxectivos, a título de agasallo deixádeme seguir un pouquiño relembrando algún que outro dato privado, do ámbito familiar, máis. Por exemplo, da familia desa avoa coruñesa en cuxa casa eu nacín, na rúa Joaquín Galiacho, en Monelos (algún día lle dedicarei unha páxina a aqueles tempos da miña infancia e a aquel espazo tan cambiado xa; hoxe o enfoque é outro). Dicía onte xoves a miña amiga e ex profesora de moitos de vós, Mercedes, que cando ela era pequena había moitas cousas malas que se silenciaban e das que se falaba en voz baixa, como de escuros segredos: había homes, máis de un, que chegaban borrachos á casa e zoscaban na muller: iso era algo sabido e diso, repito, falábase en voz baixa. Eran fenómenos da esfera doméstica, coma quen fala de fenómenos inevitables da natureza (un tornado, un tsunami...). Todo, claro está e xa o supoñiades, a propósito da igualdade -que neste oito de marzo se conmemora ou se quere ter presente- entre seres humanos de distinto sexo (vénme á mente a serie de anuncios e programas e asertos que me chegaron onte e noutronte: no correo electrónico unha xornadas interesantes da Xunta de Galicia, unha programación riquísima que organiza a coruñesa e pública Biblioteca Infantil e Xuvenil na que traballa a sempre encantadora Memé; no guasap varios vídeos; na televisión... da tele quedo coas palabras de Sole Giménez, fermosa e elegante Sole de marabillosa voz..., quen dixo algo así como que a igualdade se constrúe todos os días, día a día). Creo que foi Sole Giménez, xa non estou segura, a quen lle oín que nós aquí e agora non nos podemos queixar moito (algo si, oístes o informe da Caixa? En igualdade de oportunidades, igualdade de currículos laborais, aínda hai un 30% menos de oportunidades para a muller á hora de atopar un traballo en España), e engadiu: o mundo é outra cousa. Polo planeta adiante as mulleres seguen tendo todo moito máis difícil. 



Xa ides sabendo como son e como penso: gústame sempre buscar o punto de vista que me permita mirar adiante con optimismo, esperanza no progreso e nas posibilidades da especie. E iso implica en ocasións mirar cara atrás. Vouno facer un momentiño e conforme á premisa trazada, sen moverme do círculo da miña familia (incluíndo a política). Vós disimulade e que non saia de nós. Cando eu nacín o meu avó coruñés -que a terra lle sexa leve, quíxeno moitísimo sempre, porque a esfera dos afectos non se solapa coa da ideoloxía igual que a cortesía non quita a valentía- tiña preparado xa o equipo (balón, camisetas, pantalóns) do dépor. Devolveuno bastante enfadado cando viu que era unha nena. Volveuno facer coa miña irmá... Se fose hoxe a posibilidade de que xogaramos con ese equipo aumentaría case un 90%. Isto é apenas unha anécdota. Moito máis grave é o feito de deixarlle en herdanza non ao meu pai, senón a un seu irmán un negocio produtivo. Por que? Porque o meu pai tiña dúas fillas e non necesitaban estudar unha carreira maior. Mentres que os sobriños varóns si. Mirade agora a grande diferenza entre ese antes e este agora.

 (Os bisavós coruñeses: o bisavó Gabriel, un dos fillos _Manuel ou Ramón- e a bisavoa Pura. Descansen en paz)


Veñamos ao caso das avoas: a miña bisavoa coruñesa -de boa familia pero pobre- casou por amor co meu bisavó coruñés -de boa familia e non pobre- e foron desherdados por casaren a desgusto dos pais ricos (os meus tataravós). El emigrou a Arxentina e nunca máis se soubo del. Ela morreu de tuberculose cando a miña avoa era unha cativiña. Para casar, meus queridos, para casar no século pasado aínda, as mulleres nunha inmensa maioría debían compracer os pais (relembrade os que fostes alumnos meus cando falabamos de Os vellos... de Castelao: Pimpinela debe casar co vello porque é unha boa rapaza, unha filla obediente aos pais; son os propios pais quen dalgunha maneira venden a filla, trócana por comida, un modo indigno de instrumentalizar un ser humano feminino). Así a bisavoa dos meus fillos pontevedresa: xa tiña o baúl feito para reunirse en Buenos Aires co noivo de anos cando o seu pai a obrigou a casar aquí cun viúvo con posibles e mais cun fillo (quen logo facía que se ía e controlaba ás agachadas se trataba ben ese meniño...). Cambiou moito a cousa. E máis que inda debe cambiar. Porque de igual modo que non nos gusta comer ás mans cheas vendo a miseria humana, vendo as imaxes de medición de braciños desnutridos e cariñas encoveiradas, da mesma maneira non podemos en absoluto vangloriarnos dos logros igualitarios obtidos polas mulleres aquí sabendo como sabemos que eses logros non tocan a todas as mulleres do mundo. Remato con flores. En Údine, onde traballei tres anos cando tiña vinte e tantos, todos os 8 de marzo as mulleres ofrecían na praza de san Xácome ou Giacomo, un ramiño de mimosas. Collede un tamén vós...


 (Udine: Piazza San Giacomo e a Loggia en festas, ano 1981?)

(Piazza san Giacomo en Udín -friulano-. Pozo de Calisto)

(PD: un cumprimento grande para as mulleres que na familia loitaron e suaron tanto para que nós -as miñas irmás, de sangue e política, e unha servidora- remataramos por facer unha carreira maior).

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::



 PROGRAMA DA BIBLIOTECA INFANTIL E XUVENIL (en Durán Loriga):




CHARLAS-ENCONTRO
CONTACONTOS-OBRADOIROS
BEBENCONTROS

CONTACONTOS "OS FAVORITOS DE..."