venres, 8 de marzo de 2019

COLABORACIÓNS ESPECIAIS



8 DE MARZO 


Danme, familia e amizades, os parabéns. Podedes darmos tamén vós. Nacín un 8 de marzo. Nacín o mesmo día cá miña avoa coruñesa. Xa que empezamos o día con datos tan subxectivos, a título de agasallo deixádeme seguir un pouquiño relembrando algún que outro dato privado, do ámbito familiar, máis. Por exemplo, da familia desa avoa coruñesa en cuxa casa eu nacín, na rúa Joaquín Galiacho, en Monelos (algún día lle dedicarei unha páxina a aqueles tempos da miña infancia e a aquel espazo tan cambiado xa; hoxe o enfoque é outro). Dicía onte xoves a miña amiga e ex profesora de moitos de vós, Mercedes, que cando ela era pequena había moitas cousas malas que se silenciaban e das que se falaba en voz baixa, como de escuros segredos: había homes, máis de un, que chegaban borrachos á casa e zoscaban na muller: iso era algo sabido e diso, repito, falábase en voz baixa. Eran fenómenos da esfera doméstica, coma quen fala de fenómenos inevitables da natureza (un tornado, un tsunami...). Todo, claro está e xa o supoñiades, a propósito da igualdade -que neste oito de marzo se conmemora ou se quere ter presente- entre seres humanos de distinto sexo (vénme á mente a serie de anuncios e programas e asertos que me chegaron onte e noutronte: no correo electrónico unha xornadas interesantes da Xunta de Galicia, unha programación riquísima que organiza a coruñesa e pública Biblioteca Infantil e Xuvenil na que traballa a sempre encantadora Memé; no guasap varios vídeos; na televisión... da tele quedo coas palabras de Sole Giménez, fermosa e elegante Sole de marabillosa voz..., quen dixo algo así como que a igualdade se constrúe todos os días, día a día). Creo que foi Sole Giménez, xa non estou segura, a quen lle oín que nós aquí e agora non nos podemos queixar moito (algo si, oístes o informe da Caixa? En igualdade de oportunidades, igualdade de currículos laborais, aínda hai un 30% menos de oportunidades para a muller á hora de atopar un traballo en España), e engadiu: o mundo é outra cousa. Polo planeta adiante as mulleres seguen tendo todo moito máis difícil. 



Xa ides sabendo como son e como penso: gústame sempre buscar o punto de vista que me permita mirar adiante con optimismo, esperanza no progreso e nas posibilidades da especie. E iso implica en ocasións mirar cara atrás. Vouno facer un momentiño e conforme á premisa trazada, sen moverme do círculo da miña familia (incluíndo a política). Vós disimulade e que non saia de nós. Cando eu nacín o meu avó coruñés -que a terra lle sexa leve, quíxeno moitísimo sempre, porque a esfera dos afectos non se solapa coa da ideoloxía igual que a cortesía non quita a valentía- tiña preparado xa o equipo (balón, camisetas, pantalóns) do dépor. Devolveuno bastante enfadado cando viu que era unha nena. Volveuno facer coa miña irmá... Se fose hoxe a posibilidade de que xogaramos con ese equipo aumentaría case un 90%. Isto é apenas unha anécdota. Moito máis grave é o feito de deixarlle en herdanza non ao meu pai, senón a un seu irmán un negocio produtivo. Por que? Porque o meu pai tiña dúas fillas e non necesitaban estudar unha carreira maior. Mentres que os sobriños varóns si. Mirade agora a grande diferenza entre ese antes e este agora.

 (Os bisavós coruñeses: o bisavó Gabriel, un dos fillos _Manuel ou Ramón- e a bisavoa Pura. Descansen en paz)


Veñamos ao caso das avoas: a miña bisavoa coruñesa -de boa familia pero pobre- casou por amor co meu bisavó coruñés -de boa familia e non pobre- e foron desherdados por casaren a desgusto dos pais ricos (os meus tataravós). El emigrou a Arxentina e nunca máis se soubo del. Ela morreu de tuberculose cando a miña avoa era unha cativiña. Para casar, meus queridos, para casar no século pasado aínda, as mulleres nunha inmensa maioría debían compracer os pais (relembrade os que fostes alumnos meus cando falabamos de Os vellos... de Castelao: Pimpinela debe casar co vello porque é unha boa rapaza, unha filla obediente aos pais; son os propios pais quen dalgunha maneira venden a filla, trócana por comida, un modo indigno de instrumentalizar un ser humano feminino). Así a bisavoa dos meus fillos pontevedresa: xa tiña o baúl feito para reunirse en Buenos Aires co noivo de anos cando o seu pai a obrigou a casar aquí cun viúvo con posibles e mais cun fillo (quen logo facía que se ía e controlaba ás agachadas se trataba ben ese meniño...). Cambiou moito a cousa. E máis que inda debe cambiar. Porque de igual modo que non nos gusta comer ás mans cheas vendo a miseria humana, vendo as imaxes de medición de braciños desnutridos e cariñas encoveiradas, da mesma maneira non podemos en absoluto vangloriarnos dos logros igualitarios obtidos polas mulleres aquí sabendo como sabemos que eses logros non tocan a todas as mulleres do mundo. Remato con flores. En Údine, onde traballei tres anos cando tiña vinte e tantos, todos os 8 de marzo as mulleres ofrecían na praza de san Xácome ou Giacomo, un ramiño de mimosas. Collede un tamén vós...


 (Udine: Piazza San Giacomo e a Loggia en festas, ano 1981?)

(Piazza san Giacomo en Udín -friulano-. Pozo de Calisto)

(PD: un cumprimento grande para as mulleres que na familia loitaron e suaron tanto para que nós -as miñas irmás, de sangue e política, e unha servidora- remataramos por facer unha carreira maior).

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::



 PROGRAMA DA BIBLIOTECA INFANTIL E XUVENIL (en Durán Loriga):




CHARLAS-ENCONTRO
CONTACONTOS-OBRADOIROS
BEBENCONTROS

CONTACONTOS "OS FAVORITOS DE..."

Ningún comentario:

Publicar un comentario