martes, 10 de marzo de 2026

LENDO A

 

LENDO A AFONSO X

 

(Ilustración da cantiga nº 318. Códice de Florencia)

 

Os que me tratades de preto saberedes algo do meu profundo amor polas Cantigas de Santa María afonsinas. Non só considero a obra un modelo insuperable do galego áureo, do galego do século XIII; tamén valoro a multiplicidade de puntos de vista cos que un se pode achegar a elas. E aínda vos digo máis: divírtome moito nas relecturas. 

(Primeira aparición de Pinocho. Ano 1882. Enrico Mazzanti é o seu primeiro ilustrador)

 

Pois ben, este día, relendo o volume III da edición de Mettmann para Castalia, volvín topar co milagre nº 318 e non só me fixo sorrir un bocado senón que me deu materia de pensamento suficiente como para comunicalo nestas páxinas breves. Trátase dun personaxe que rouba a prata da cruz da propia igrexa que rexenta, na que é clérigo, e logo, cunha cara lavada que asombra, en medio da misa, no sermón, fai un teatro digno de mellor causa e declama dramaticamente que se algún home ou muller soubese quen foi o ladrón e non o declarase, Deus lle dea cumprido castigo. E no intre comeza a medrarlle o nariz! Médralle cumpridamente, como el mesmo anunciou. É boísimo! Non pode comer e teñen que axudarlle erguéndolle o nariz coma quen ergue un pano no escenario. Morrer non morre porque os que coñecedes as Cantigas sabedes xa ben da infinita paciencia de María pero quédalle un bo sinal do escarnio a que a someteu, xa que a cruz estaba nunha igrexa a ela dedicada. 

 

(Máscara tradicional de 'Tengu' xaponés)

 

Chama a atención que lle creza o nariz a un mentirán tan grande 700 anos antes de que o florentino Carlo Lorenzini, máis coñecido como Carlo Collodi, crease a inmorredoira figura de Pinocho.

Hai raíces folclóricas ou populares para o tema? Esa é, para o noso entender, a pregunta do millón. Algo hai, algo hai… Topamos, por puro azar, co folclore xaponés, tan antigo… Existe unha deidade ou xenio demoníaco menor, o tengu, entre trasgo trampulleiro (estafador, logo o sema de ‘mentir, enganar’ está presente) ou xenio propicio, que se representa cun nariz enorme, longo e vermello. 

(Catedral de Tudela. O demo ten un espello na man, arrastra aos adúlteros ao inferno. Pertence a "O demo no Gótico", artigo no que a autora, 

Esperanza Aragonés, ao falar da figura do maligno, fai fincapé nos termos “nariz acaballada” ou “nariz ganchuda”)


 

Na Biblia o demo é considerado o pai da mentira (Xoán, 8: 44). Buscamos representacións medievais do demo ou semellantes e volvemos ver grandes e medrados narices.

Cremos, porén, que en boa medida, vincular o nariz a un trazo do carácter dunha persoa afonda as súas raíces nos vellos tratados de fisiognomía. Por exemplo, nun dos tratados clásicos digamos fundacionais, Physiognomonica (ou Pseudo-Aristóteles), analízase como o nariz revela a personalidade. Aí  descríbese que as persoas con narices grosos son preguiceiras coma o gando e as de narices afiados irascibles coma cans. E se pasamos ao Renacemento, en De humana physiognomonia, de Giambattista della Porta (1586), un dos libros máis famosos sobre o tema, dísenos que un nariz que relembra o dun corvo ou un raposo delata un mentireiro ou arteiro.

 

(Detalle do Inferno do Pórtico da Gloria)

 

Nin as mentes máis brillantes se libraron da influencia da fisiognomía. Balzac, por exemplo, era un fervente seguidor. Nas súas descricións o nariz dos personaxes sempre indica intencións ocultas ou nobreza de alma. E Darwin, en The expression of the emotions in man and animals (1872), aínda que estamos ante un autor que se distancia da pseudociencia, analiza como os músculos do nariz se moven co desprezo ou o engano, dándolle unha base biolóxica á idea de que o rostro nos delata[1].

 

(Ilustración de Emanuele Luzzati para o relato tradicional 'Naso d'argento')

 

Quizais desta clase de concepcións ideolóxicas arrinque un dos fíos que conducen a Lorenzini-Collodi. Aínda que nós somos proclives a pensar que a fonte subxacente (fonte parcial porque ningún pode negar a xenialidade do autor ao crear esa plástica, expresiva, imaxe: mentira flagrante = nariz que medra de forma ostensible) está no folclore. Da mesma maneira en que se tivésemos que optar, diriamos que Afonso ou o equipo afonsino crea a hilarante estampa do clérigo mendaz baseándose en arquetipos relixiosos, demos e figuras infernais de narices grandotas e feas, talvez algún tratado fisiognómico medieval…, así tamén, con semellante convicción, animámonos a dicir que o florentino Collodi se basea no folclore patrio. El traballara antes de publicar Pinocho, na tradución dos contos de Perrault. O folcore contístico non lle debía resultar alleo. Na rica colección de Calvino dos contos populares da península itálica hai un relato piamontés, Il naso d’argento, onde o demo-Barba Azul é caracterizado por ter un bo e xeneroso nariz de prata. A nai das protagonistas xa desconfía del en canto lle bota un vistazo a esa especie de probóscide e dálle malos agoiros… Pero hai que ir ao refraneiro para atopar unha fonte case que directa. No libro de Pinocho Collodi distingue entre mentiras coas pernas curtas (un universal paremiolóxico[2]) e mentiras co naso lungo ‘nariz longo’, estas últimas son as moi evidentes. A imaxe paremiolóxica que vincula nariz longo e mentira evidente documéntase no refraneiro toscano: “La bugia corre su per il naso di chi la dice” ‘A mentira escorre polo nariz de quen a di’ (en: Racolta di Proverbi Toscani di Giuseppe Giusti, publicata da Gino Capponi. Firenze 1871, dispoñible en: https://www.proverbi-italiani.org/pdf/1871.pdf). Variantes fraseolóxicas próximas documéntanse tamén na literatura italiana: Tu sai com'ella andò, che fosti in caso: So ben che mi dirai che non fu vero, Ma la bugìa ti corre su pel naso. Lipp. Malm. 2, 71 (en: https://new.lessicografia.it/Controller/?entry_id=b701175d417248fda3e464dfba4e24ad) (a obra citada, Il Malmantile racquistato é un famoso poema heroico-cómico italiano do século XVII escrito por Lorenzo Lippi). Con isto rematamos por hoxe. Feliz primavera!

 

 

 


Escultura de resina de Pinocho, usada no filme de Guillermo del Toro. Imaxes da exhibición do Pinocho de Guillermo del Toro. Explanada da Cineteca Nacional de México, Cidade de México, México. (ano 2022)


 

 

 

 

 

 



[1] No noso refraneiro hai algún caso curioso de fisiognomía relativo ao nariz: “Nariz nacha, boa muchacha” (refraneiro de Vázquez Saco, file:///C:/Users/Luis/Downloads/refraneiro-galego-e-outros-materiais-de-tradicion-oral--0-2.pdf).

 

).

[2] Hai máis dunha ducia de dominios lingüísticos en que se rexistra ese refrán ou un sinónimo, do tipo “Máis axiña se colle un mentiroso que un coxo” (https://cvc.cervantes.es/lengua/refranero/ficha.aspx?Par=58877&Lng=8). Pódese sumar a esas paremias abondo coñecidas, a serie de refráns italianos “Una bugia ha bisogno di sette bugie”, “Una bugia tira l’altra”, “Una bugia, per non morire, ne vuole altre dieci per cibo”etc.,  onde a idea é que unha mentira non se sostén ela soa e necesita apoiarse noutras.

Nesa páxina do Centro Virtual Cervantes figura a paremia “Le bugie fanno allungare/crescere il naso” ‘As mentiras fan medrar o nariz’, un refrán que non subimos á páxina principal desta pequena disertación porque nos provoca dúbidas. Sospeitamos que é un refrán moderno, atirado da obra de Collodi. Se o documentásemos con anterioridade ao derradeiro cuartel do s. XIX farémovolo saber.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario