VISITANDO MUXÍA
![]() |
| (Paisaxe sen apenas cemento, algo único. Desde a fiestra da habitación. Praia ou areal de Lourido) |
Tiñamos capricho por coñecer o Parador Nosa Señora da Barca de Muxía e alá fomos un par de días contados. Non nos podemos queixar moito do tempo, chuviñou e preto do santuario, xunta o mar bravo ía frío pero nada que non puidese remediar unha boa capucha e un paraugas. A paisaxe fisterrá tiña momentos gloriosos, os toxos xa na idade do ouro vello, algúns piñeiros brillaban na súa adiantada floración, os hórreos de pedra compacta alegraban o espírito que ama a tradición e os valados parecéronnos, unha vez máis, unha silenciosa obra de arte, humilde e preciosísima, coma o encaixe das palilleiras[1]. Chamaron a nosa atención as calas ou cartuchos (a avoa dezá dos nosos fillos chamoulle sempre cartuchos ás brancas calas). A Costa da Morte é un territorio tan literario… Pondal parece estar por todas as partes, o pinal espeso, as areosas praias, a ruda punta do cabo Touriñán, o fero mar que bate infatigable ao pé do santuario. Mais tamén relembramos a Gonzalo López Abente cando mirabamos pola ampla fiestra do Parador e viamos aló ao fondo do areal de Lourido o que parecían furnas, e viña á nosa mente a lenda da Buserana[2]
![]() |
![]() |
(Espléndida decoración interior, corredor inmenso cheo de cadros con historias de naufraxios)
|
Sempre con gana de saber en que estado se conservan as lendas tradicionais de Galicia[3], cando chegamos á Recepción, vin que había tres persoas, dúas francamente xoves e unha teceira algo máis maior. E preguntei se eran da zona. “Non, ningún”. Daquela medio decepcionada preguntei “E galegos?”. “Galegos os tres”. Daquela animeime e preguntei un por un se oíran falar de lendas vinculadas á Pedra de Abalar. O home maior nin caso. A muller dixo que non sabía nada. Foi o mais novo dos tres o que nos facilitou información: “A lenda di que chegou a Virxe nunha barca de pedra para…”. Como a cousa ía lenta e esa parte é moi coñecida e sabida atalleino. “Si, para axudar a Santiago na súa predicación e conversión do paganismo ao cristianismo… si, pero a Pedra de Abalar por que se move e quen a move, que lendas tes oído ao respecto, ou que tes lido ou aprendido?” “Non, só o teño oído. A Pedra de Abalar avisaba, daba avisos dos perigos, de cando viñan…”. “Os viquingos?”. “Si…, non, non exactamente...”. “Os normandos?”. “Non, tampouco… non sei, agora non me acorda”. “Vale”. Deille as grazas e pregunteille como se chamaba. “Bernal”. “Precioso nome”. E aí quedou a cousa. Pero pola tarde visitamos o santuario da Nosa Señora da Barca, estratexicamente situado, case parece un milagre que o mar non o tragase durante os centos de anos que leva en pé… Bo milagre tamén que se refixese tras o pavoroso incendio do 2013… Falta reconstruír o retábulo, teñen unha foto a cor que reproduce o desaparecido pero francamente, miñas donas e meus señores, dá unha sensación de cutrez absoluta. Recordei a Rosalía recreando as verbas do pobo galego: Nosa Señora da Barca, / ten o tellado de pedra/ ben o puidera ter d’ouro / miña Virxe, se quixera. Debían de ser outros tempos ou non sei eu… Non vin por ningures que se recollesen contribucións para a reconstrución (salvo que estea eu desinformada[4])… Entramos na tenda de recordos para ver que se podía comprar e teoricamente axudar desa maneira en algo… Pouca cousa para o meu criterio, libros, só un, o da novena, da autoría de P. Gaite, frade mercedario, pero o paisano aseguroume que algunha lenda ou tradición encontraría dentro e compreino. Adquirimos tamén un azulexo non desprezable: “Muxía. Camiño de Santiago”. Bonitiño. Para azulexos fermosos, Portugal, mais en fin, que este non desmerecía de todo. Efectivamente, dentro había un monton de información, á parte das oracións relativas á novena á Virxe da Barca (a romaría, multitudinaria, lévanos de novo á Rosalía moza e á súa amiga, a irmá malfadada de Eduardo Pondal… Que a terra lles sexa leve a todos eles). Aí puiden ler isto: Cuenta el P. Villafañe, S. J., que en cierta ocasión, navegando por estas costas un hijo de Mugía llamado Jacinto López, viose de pronto sorprendido por unos corsarios africanos que le perseguían para llevárselo cautivo. Algunas personas, que estaban en la punta de Javiña, vieron angustiadas cómo aquel infeliz iba a ser presa de los piratas mahometanos. Corren presurosos a avisar a su madre, y ésta con algunos vecinos va desolada a postrarse ante el altar de la Barca… De repente, cuando ya los corsarios iban a hacer su presa y estaba perdida toda esperanza, María hace gala de su misericordia, levantando una espesa niebla que oscurece el día, antes sereno y apacible, permitiendo al infeliz poder huir y ponerse a salvo (p. 34-35).
![]() |
| (Xácome e Roque diante da mesa-Pedra de Abalar) |
Con que á mañá seguinte, pregúntolle a Bernal se a Pedra de Avalar non avisaría da chegada dos corsarios berberiscos e contestoume decontado: “Iso, os piratas!” Auténtica Estrela dos Mares, a Virxe patroa de Muxía actúa con ou sen a Pedra de Abalar coma a de Pastoriza de Arteixo. Dámoslle desde aquí unha vez máis as grazas ao empregado xove e xentil do Parador Nacional de Muxía, Bernal Bao, quen tamén nos ilustrou sobre un modernísimo moble, especie de mesa, que imitaba a Pedra de Abalar. Moi orixinal. Todo o Parador é moderno mais cálido asemade, mercé á madeira.
![]() |
| (Fotografía de José Suárez) |
![]() |
| ("La Ola" 'A Onda', do lucense Álvaro de la Vega, con madeira reciclada dunha batea) |
![]() |
| ("Habanero", de F. Leiro) |
![]() |
(Boas fotografías nas paredes dos corredores, esta é de Ramón Caamaño)
|
E como en tantos outros santuarios marianos, vense colgados do teito os exvotos, no santuario de Muxía, barcos sobre todo, aínda que debo confesar que non vin o barco de prata que aparece narrado no libriño do padre Gaite: un buque de grande porte saíu de Camariñas a Terranova, viven unha situación de grave perigo, están a piques de naufragar e daquela o capitán do barco bota ao mar un anaquiño da barca de Muxía, que sempre levaba consigo como reliquia e sálvanse; en agradecemento paga un exvoto en forma de barco de prata (p. 37). Supoñemos que ese anaquiño sería da pedra, próxima á de Abalar, que chaman o barco en que chegou a Virxe e chaman tamén Pedra dos cadrises.
![]() |
| (Un exvoto) |
![]() |
(O santuario da famosa Virxe da Barca) (Solpor)
|
No libriño de Gaite hai máis datos que merecen a nosa atención. Fiquen para outro día. Rematamos aquí. Finaliza tamén o mes que me veu nacer, marzo. Esperemos que non lle pida ao seu irmán abril unha semaniña máis (de tempo horrible) para vingar a afronta do pastor, como di o conto popular europeo…
![]() |
| (Cruces antigas, fermosas aínda que rotas. Santa María de Muxía) |
![]() |
| (Campanario exento. Igrexa de Santa María de Muxía) |
![]() |
(Cruceiro. Santa María de Muxía)
|
![]() |
| (As calas, por todas as partes) |
[1] No Parador teñen un currunchiño as obras das palilleiras muxiás. En fin de semana non estaban elas pero dirixíronnos ao lugar onde se reúnen incluso en domingo no centro da vila mariñeira. Tivemos a inmensa sorte de aprender con elas unha palabra nova, “peniscos” ou “piniscos”, da que falaremos proximamente.
[2] A cafetaría do Parador leva ese nome, Buserana. As referencias literarias á Costa da Morte estarían incompletas se non amentásemos a Manuel Rivas, quen lle dedicou tantas páxinas e parte da súa vida, Miguel Mato e todos aqueles involucrados na agrupación Monte Branco.
[3] De feito, se a Providencia dese aínda abundantes anos de vida, era cousa de viaxar polos territorios das ‘Lendas Tradicionais’ da Galicia de Carré e ver en que estado se atopan, en que grao de conservación na memoria colectiva… Pensamos que é un proxecto fermoso para os que veñen detrás.
[4] Si que se pensa na reconstrución, afortunadamente. Sendo como é un traballo inxente, farase cargo a Xunta de Galicia. Hai un debate interesantísimo sobre reproducir o retablo orixinal, obra de Miguel Romay, ou innovar (o modelo e referencia neste senso é Miquel Barceló e a Catedral de Palma). Tedes un artigo imprescindible en: https://visitasguiadas.es/D/post/el-retablo-de-nosa-senora-da-barca-copia-o-intervencion-contemporanea/, da autoría de Diego Lamas. Unha servidora non tería medo en optar pola nova creación. Persoalmente, son moi consciente de que renacemos case que a diario… Renovarse ou morrer, di o adaxio. O difícil é sermos obxectivos e sabios á hora de contratar un artista de noso. Porén, como xa sabemos do conservadurismo extremo desta terra, hai que estar preparado para respectar a outra opción.
![]() |
| (A Pedra dos Cadrises) |
![]() |
("Ai, flores do verde pino")
|


















Ningún comentario:
Publicar un comentario