A CORUÑA
ATOCHA

(Mapa de Francisco Montaigú de 1726. Agás as deste mapa, xentilmente cedido por Purificación Soto, todas as fotos están tiradas de Internet)
A voz Atocha designa ou designaba noutrora na nosa cidade un barrio (dividido en dúas partes, Atocha Alta e Atocha Baixa), unha pequena igrexa, unha praza[1] e un cuartel. A día de hoxe a verba dá nome a un colexio (A Grande Obra de Atocha), en cuxo inteiror se custodia a imaxe da Virxe de Atocha, de grande veneración na Coruña do pasado. Hai varias cuestións interesantes sobre esta advocación mariana, sobre a veneración coruñesa pola Virxe de Atocha, factor causante da implantación do microtopónimo na cidade.
![]() |
| (Do mapa de Montaigú de 1726. A capela de Nosa Señora de Atocha correspóndese no nº 37) |
1ª. A primeira podemos formulala así: é unha veneración importada ou, digamos, autóctona? José R. Pardo[2], nunha obra fundamental sobre o acuartelamento de Atocha, di o seguinte:
Etimológicamente la “atocha” es una planta muy parecida al esparto y según la tradición los discípulos de San Pedro llegaron a España con una imagen de la Virgen que depositaron en unos terrenos en los que se cultivaba esta planta. El culto se extendió por todo el territorio español y si, por ejemplo, en Madrid se venera a Nuestra Señora de Atocha en la Basílica de su nombre, en A Coruña se hizo lo propio en la capilla de la Virgen de Atocha (p. 51).
Este autor, de sólida formación militar, manexa unha tradición asentada de antigo. Efectivamente, atribúese a San Pedro a súa vinda a España, incluso a Galicia (e máis en concreto, a Lugo), e dise incluso que trouxo o culto á Virxe de Atocha desde Antioquía[3]. Evidentemente, é unha lenda, con tantos visos de ser certa coma a lenda da chegada do apóstolo Santiago ás nosas costas nunha barca de pedra. A idea, xa que logo, de que San Pedro estende el mesmo o culto traído de Antioquía por toda a península, queda dentro do lexendario e máis nada.

(Real basílica de Atocha en Madrid, actualmente)
Por outra parte, se o culto de Atocha fose autóctono e antigo, esperariamos unha voz tamén autóctona para designar esa Virxe. (A)tocha correspónderíase co galego (A) Toxa, con variantes ortográficas medievais próximas[4]. Abondaremos neste punto ao tratar da etimoloxía. Agora chegue con dicir que non hai documentación ningunha no Portal de Toponimia sobre unha raíz con palatal africada xorda, con ch (tipo *Atocha, *Tocha; temos Tochas no CODOLGA pero representa un /K/, unha velar oclusiva xorda).
Con case total certeza diremos que si é importada. Dada a antigüidade do culto á Virxe madrileña de Atocha[5], moi anterior no tempo á veneración documentable na Coruña, teremos que supoñer que esta veneración irradia desde o centro peninsular, imposible saber se traída por unha persoa de dentro ou de fóra de Galicia[6].

(Antiga capela de Atocha, tirada do artigo en prensa do señor Fdez. Caamaño)
2ª. A segunda cuestión é a datación. Cando se establece este culto e se funda a capela dedicada á Virxe de Atocha na Coruña? X. M. Fernández Caamaño fala do século XIV[7] mais, que nós saibamos, non hai documentación a ese respecto (salvo que se refira á capela anterior). Na nosa humilde opinión o culto debe ser posterior ao século XVI porque se nesa centuria existise tiña que haber algunha referencia no insubstituíble libro de I. Velo Pensado para ese período (La vida municipal de A Coruña en el siglo XVI) e –salvo lapso noso- tal referencia brilla no libro pola súa ausencia.
Podemos fixarnos nas primeiras documentacións fidedignas da presenza da Virxe/Capela de Atocha na Coruña. As primeiras –sempre no que nós sabemos- achégannolas os señores Antonio Rey Escariz e Santiago Daviña Sáinz[8]:
Humildísima y pequeña capilla, sobre setenta metros cuadrados, que dio nombre al barrio. Sus orígenes en el siglo XVI, llamándose en principio ermita de la Santa Cruz, cambia de nombre al aumentar la devoción por Nuestra Señora de Atocha en 1627. Se tira al amenazar ruina en 1927 construyéndose en 1945 un edificio, la venta del solar estuvo en tres mil pesetas, hoy desaparecido para dar comunicación a las calles de San Juan y Orillamar. En la actualidad podemos ver, en lo que fue casa colindante, parte de muros y sillares de la capilla. En su interior había un sepulcro yacente, en el exterior unos relieves que pudieron haber pertenecido al convento de los dominicos arrasado por los ingleses en 1589 que se conservan en el Museo Arqueológico del castillo de San Antón. La imagen de la virgen que presidía la capilla está en la de la Grande Obra de Atocha. Institución fundada por Baltasar Pardal que dio gran apoyo físico y educacional a un barrio pobre y abandonado de las instituciones civiles.
Nun artigo publicado en prensa en 2014 o historiador X. Alfeirán di que o cambio de nome tivo lugar en 1928:
En A Coruña sabemos que existía en el siglo XVI una ermita llamada de la Santa Cruz o de las Cruces. Conocemos muy poco sobre ella. Apenas algunas referencias que nos hablan de las procesiones de las cruces, el Domingo de Ramos y el día de la exaltación, que partiendo de los diferentes templos medievales coruñeses confluían en la iglesia de Santiago para después ir hasta la de Santa Cruz, que estaba extramuros de la ciudad. Pero ¿dónde? Un documento, inédito hasta hoy y custodiado en el Archivo Municipal coruñés, nos permite conocer su situación y por qué no volvemos a tener noticias de ella a partir de comienzos del siglo XVII. El 2 de abril de 1628 el Ayuntamiento, patrón de la ermita de las Cruces, dio licencia a la Cofradía de Nuestra Señora de Atocha para poner en dicha ermita la imagen de la Virgen. Desde entonces la ermita de la Santa Cruz pasaría a ser llamada ermita de la Virgen de Atocha. Estaba pues situada al final de lo que hoy es la calle San Juan. No queda casi nada de ella; en su lugar hay un edificio de viviendas con fachada a la calle Atocha Baja. Cruel ironía del patrimonio coruñés (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/2014/05/11/antigua-ermita-santa-cruz/0003_201405H11C9991.htm
Así que antes de denominarse de Atocha, a capela era de Santa Cruz ou das Cruces. Velo Pensado, no libro amentado, fala en varias ocasións desa capela coruñesa e si, dinos que alí se reunían todos os Domingos de Ramos as procesións procedentes de todas as parroquias, que alí se escoitaba o Evanxeo e o sermón e que logo volvían en procesión ás parroquias correspondentes onde se oficiaba a eucaristía. A procesión –lemos aínda no libro de Velo- estaba organizada polo Concello, e noutro lugar dísenos: iban con sus cruces a la procesión. A tradición deixou de celebrarse, probablemente tras o ataque de Drake en maio de 1589, porque a capela da Santa Cruz debeu de ser unha das derruídas nese episodio da nosa historia[9]. Serán esas as cruces, as da procesión vinculada á capela das Cruces, as que se ven no mapa acabado de atopar en Inglaterra e que os británicos datan precisamente un pouco antes de 1589? Son 15 cruces as que se ven perfectamente. Catorce son as dun viacrucis e a número 15, máis alta, representaría a cruz de Cristo no Calvario.

(Mapa da Coruña que se custodia nun arquivo británico e que parece estar datado arredor de 1589)
O señor Fdez. Caamaño no artigo de prensa amentado dá estes datos do derradeiro cuartel do século XVII: La capilla pertenecía al Patronato municipal, tal como figura en un expediente de 1693. Di tamén que antes, en 1669, Cosme de Médici foille rezar á Virxe na súa capela (altamente verosímil, temos unha descrición completa da visita ao santuario de Atocha en Madrid –visita feita o 28 de outubro de 1668- por parte do ilustre viaxeiro e sabemos que era un home moi relixioso; na Coruña estivo 12 días, esperando para poder embarcar, así que tempo non lle faltaría).
E xa no século XIX atopámonos cunha rica referencia á veneración coruñesa á Virxe de Atocha na obra de autores senlleiros das letras galegas: unha vén da man de Manuel Murguía:
Hemos visto impresa en su casa [de Manuel Portela] una Novena de Nuestra Señora de Atocha, 1854 (en Diccionario de escritores gallegos, 1862).
A outra mención é un longo poema da autoría de Antonio de la Iglesia, titulado “A Reina na Atocha”[10]. O poema non ten perda: confirma o que xa sabiamos, que se funda a capela de Atocha aproveitando os restos doutra anterior, e confirma así mesmo a tradición mariñeira desa advocación. Coma Santa María do Campo, coma a Virxe da Estrela, coma a Virxe de Pastoriza, coma a Virxe do Carmo, a coruñesa Virxe de Atocha foi faro e guía dos seres humanos que ao longo de séculos traballan no mar con perigo das súas vidas.
Con respecto ás primeiras representacións cartográficas nas que consta o nome de Atocha, J. Ricardo Pardo cita o mapa de Juan de la Ferriere de 1736, mais xa antes temos amentada a capela co nome Nosa Señora de Atocha nun mapa de Francisco Montaigú de 1726.
3ª. A terceira cuestión versaría sobre a etimoloxía. Procuraremos ser sucintos, carecemos de certezas absolutas. Deixando de lado hipóteses peregrinas ou etimoloxías populares, como a que di que Atocha vén de Antioquía, hai basicamente dúas opcións verosímiles.
Simonet, eminente lexicógrafo, publica o seu glosario (Glosario de voces ibéricas y latinas usadas entre los mozárabes) en 1888 e considera que toxo/tojo é voz “afín” a tháucha (= (a)tocha).
Menéndez Pidal (Orígenes del Español) estuda Toia/Tocha, recoñece na grafía antiga con i o valor do ch (palatal africada) e pono en relación con tauza ‘esparto’, arabismo que aparece nun vocabulario levantino do s. XIII (di que tauza é igual ao castelán atocha).
Coromines é taxativo: atocha (formas medievais toia, tocha) esixe unha raíz *tautia ou *taucia mentres que tojo/toxo esixen unha raíz distinta, tipo *toi̯- (con iode, un elemento bastante verosímil, toda vez que a palatal x/j parece, efectivamente, implicalo; este iode postúlao na entrada ATOCHA). Alude o mestre catalán á relación que Simonet establece entre as dúas familias léxicas (a de toxo e a de atocha), comprende que semanticamente parecen estar emparentadas pero nega categoricamente a filiación.
Nós inclinámonos por Simonet. A parentela semántica é forte: tanto o toxo coma a toia/tocha son plantas co sema [+ materia vexetal dura]. En castelán só se documenta toia/tocha, sen ditongar (tocha dura na documentación de Madrid ata o XVI), para documentar formas con ditongo au hai que ir a outras linguas (árabe, mozárabe). Tamén na familia de tojo/toio/togis/toxo hai na Romania (territorio das linguas románicas) variantes ditongadas (touxo en Galicia, variante moi esporádica pero documentable que figura no DdD, toijo no norte de Portugal –Tesouro do léxico patrimonial do galego e portugués-, toujaga en provenzal, toujago en occitano, toujo en gascón etc. E, non o esquezamos, estamos falando de raíces moi antigas, con case absoluta certeza, prelatinas, precélticas, quen sabe se incluso preindoeuropeas, quer dicir que nos movemos nun terreo difícil. Pensamos que non está dita a derradeira palabra verbo destas familias léxicas.
[1] Actualmente chámase Praza das Atochas á praza onde se sitúa o Cuartel de Atocha, antes chamado de Isabel a Católica ou Cuartel de Afonso XII ou Cuartel do Príncipe (Afonso). Noutrora, o Campo de Atocha era outro dos nomes do Campo da Forca, hoxe Praza de España: Nun libro de 1779 (Reglas y constituciones por que se rige la venerable Congregación de el Espíritu-Santo, y su compatrona María Santíssima de los Dolores que venera la misma Congregación en su capilla de la Iglesia parroquial de San Nicolás de Bari de la ciudad de La Coruña, p. 44) fálase da procesión dos Nazarenos e aí dise: acabada [a conversa entre a Imaxe das Dores e a do seu fillo] prosigue la Procession por el Campo arriba hasta el de Atocha, ó de la horca.
[2] José Ricardo Pardo Gato (2015), Del cuartel del Príncipe al acuartelamiento de Atocha. A Coruña: Arenas.
[3] Podemos documentar esa tradición (da presenza de San Pedro en España) nun libro do XVII: Juan Pallares y Gayoso, 1644-1668, Argos Divina Sancta María de Lugo de los Ojos grandes, Fundación, y Grandezas de su Iglesia, Sanctos naturales, Reliquias, y Venerables Varones de su Ciudad, y Obispado, Obispos y Arçobispos que en todos Imperios la gouernaron (p. 482). Nese libro (de libre acceso en Internet) compáranse milagres atribuídos á Virxe de Atocha de Madrid e á dos Ollos Grandes de Lugo, por exemplo un relativo á pureza e calidade do aceite das lámparas respectivas.
Nunha publicación posterior lemos que san Pedro deixaría como recordo da súa predicación no Campo de Atocha, a imaxe da Virxe traída de Antioquía (en: “Leyendas y tradiciones madrileñas”, Revista Escenas Contemporáneas, nº 1, 1859, revista cuxo director foi Manuel Ovilo y Otero, quen fora bibliotecario na USC).
[4] Basicamente g, i, j: Togis Altis, Togo/Togio, Toios, Tojo etc. (vid. G. Navaza, Fitotoponimia Galega, 2006, pp. 536-538), formas ás que podemos sumar Tugis (CODOLGA).
[5] A mención ao prado de Toia (futuro Atocha) aparece xa no Foro de Madrid do s. XII; nese prado hai que situar a capela dedicada á Virxe (con anterioridade á fundación do Convento de Atocha en 1523, que rexentarían os dominicos, sería unha humilde capela). E a esa Virxe de Atocha de Madrid hai dedicados dous dos milagres narrativos das Cantigas afonsinas (nn. 289 e 315). Non é alleo á difusión do culto a esta Virxe o feito de ser patroa de Madrid e de estar fortemente vencellada á monarquía hispana, ata o punto de iren os reis actuais (Felipe VI e Dona Letizia) ao madrileño santuario de Atocha a depositar o ramo de flores tras a cerimonia nupcial na catedral, mentres soaba a música dunha cantiga afonsina, do cancioneiro galego-portugués.
[6] Que fose traída á nosa cidade por un galego ben puidese ser, dada a condición viaxeira e migrante do ser galego desde sempre, desde a baixa Idade Media en adiante (guerras, navegacións, saídas a Castela á sega etc.). Como mostra podiamos citar o dato da expedición á Terra de Fogo dos irmáns pontevedreses Bartolomé e Gonzalo García de Nodal a principios do XVII. Cando finalizan o periplo (etapa Pernambuco-Sanlucar de Barrameda), Bartolomé escribe isto no seu diario: Martes nueue de Iulio [de 1619] al medio día entrò con las carabelas [bautizadas unha co nome Nuestra Señora del Buen Suceso e a outra, Nuestra Señora de Atocha] en la Barra de Sanlucar de Barrameda, en donde se acabò el viaje, a Dios gracias, y a la Virgen de Atocha, y del Buensuceso. Laus Deo (Bartolomé García de Nodal, Relacion del viaje que por orden de su Magd. y acuerdo del Real Consejo de Indias hizieron los capitanes Bartolome Garcia de Nodal y Gonçalo de Nodal...al descubrimiento del Estrecho nuebo de S. Vicente y reconosimiº del de Magallanes), de onde se deduce a antigüidade do carácter mariñeiro desta advocación á Virxe de Atocha, fóra xa do núcleo orixinal no prado das aforas de Madrid.
[7] O artigo de Fernández Caamaño, onde nos fornece de interesantes datos sobre a coruñesa capela de Atocha publicouse en “El Ideal Gallego” en 2016 (https://www.elidealgallego.com/texto-diario/mostrar/2317920/funesto-final-capilla-nombro-barrio).
[8] La historia y descripción de la ciudad de La Coruña de Antonio Rey Escariz (1996) Rey Escariz, Antonio Daviña Sáinz, Santiago
[9] En 1592 a capela está abandonada, e vive nela unha mulleriña enferma, a quen se quere botar de alí. En 1596 as autoridades eclesiásticas cominan a que volva retomarse a procesión (datos tomados de Velo Pensado).
[10] Album de la Caridad : Juegos Florales de La Coruña en 1861, seguido de un mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos.







Ningún comentario:
Publicar un comentario