MICROTOPÓNIMOS
(I).
(Petróglifos de Pena Longa)
Hoxe imos na procura de
microtopónimos. Periodicamente teño mandado aos meus alumnos traballos
voluntarios sobre os microtopónimos da parroquia dos pais, avós ou da propia
parroquia de nacencia. A verdade é que me teñen dado auténticas xoias. Hoxe
procuraremos nós algún que outro da parroquia do meu esposo, onde pasamos parte
do verán. A parroquia é Santa María de Cortegada, Silleda, Pontevedra. Non
pretenderemos sermos exhaustivos, senón que deixaremos a porta aberta para
engadidos futuros.
A Campana dos Mouros.
Lugar mítico. Miña sogra recordaba ir aló coas nenas con certo aire de
misterio. Entraban e oían ruídos como de campás. Luís di que hai dúas campás
dos mouros, e que unha debeu ser unha mina en tempos, agora está desfeita, xa
non existe. A outra é unha rocha enorme cunha especie de fenda que serve de
entrada. Hai lenda que fala da existencia dun túnel subterráneo que comunica a Campá
dos Mouros co Castro do Cura. É esta unha lenda recorrente no territorio
galaico (aínda hai pouco falamos da nosa visita cos profes a Vilanova dos
Infantes e unha señora maior comentaba doutro túnel que partía de alí e chegaba
ao castro de Castromao). Cando llo comento a Luís (que é un motivo recorrente)
dime: pero é verdade. O que proba como penetran no noso imaxinario os
mitos que mamamos de nenos. Son ataduras coa terra.
(A campá dos mouros. A fenda de entrada)
(A campá dos mouros desde outra perspectiva, a fenda quedaría á dereita da foto, baixando)
A Carballeira do Rei. Máis
ou menos é transparente. Carballeira ben se entende. O conto está en rei,
que podería vir dunha posesión real (como o fermosísimo piñeiral do rei,
en san Pedro de Moel, cerca de Leiría, Portugal), ou máis verosimilmente entre
nós, de ‘rego’, ou dun apelido ‘Rei’ que se daba frecuentemente aos nenos
depositados nos hospicios. Sabe Deus…
O Carpazal. Este sí que é
un nome transparente. Hai carpazas, con flor lila. É un monte, atravesado por
un camiño fermoso, con fentos, carballos, e as carpazas. Baixa encostado e
chega ata Taboada vella, e seguindo, ata o río Deza, atravesado aí pola ponte
de Taboada, a que ten ao seu carón a inscrición en pedra que fala do século X
en que se fixo (na primeira feitura, enténdese).
(Imaxe no Carpazal)
O Chamor. Non teño claro o
seu étimo. É un orónimo. Aquí é a montaña de referencia. Precioso nome,
verosimilmente vinculado ao ferrolán Chamorro. Hai Virxe, Nosa Señora de Chamorro.
Querendo, podemos ver o orónimo morro e un prefixo Cha- como en
Cha+burro. Como en Cha+Martín? En chapotear din os expertos que ese cha-
deriva ou se corresponde co sub- latino. Non sei que vos diga. O
Chamor pasa dos 800 metros e ás veces ten capelo ou sombreiro, indicador de
cambio de tempo. Está orientado ao Atlántico e por aí veñen as frontes. No outono
tapízase de fentos e cóbrese dun manto rubio. Alonso Ríos, natural desta
parroquia, púxolle a un seu fillo este nome, Chamor.
Fonte Cuberta. As fontes
son sempre para nós pequenos tesouros. As fontes do romanceiro, as da flor da
auga da mañá de san Xoán. As fontes dos xuramentos de amor, as fontes onde de
nenas en Valdeorras iamos coller caldeiros de auga fría para meter alí as
botellas do viño do xantar… A Fonte Cuberta descubrimos este ano que está nunha
nosa posesión (tras fraccionar entre veciños o que fora monte común). Fómola
ver. Eu pensaba nunha cuberta de pedra, pero évos unha cuberta vexetal: un
teito arbóreo.
(Fonte Cuberta. A auga nace no manancial que hai un pouco máis arriba, á esquerda da foto)
A fonte de Fondevila:
Fondevila é un lugar e o seu étimo é ambiguo. Pode significar precisamente
‘fonte da vila’ ou ben ‘fondo da vila’. Efectivamente, está situada aló
embaixo, chegando xa ao río, desde o punto de vista da parroquia enteira
(Cortegada: ten unha parte que empeza na montaña, onde o Chamor, e vai vindo, baixando
cara ao río). Nunha casa das primeiras de Fondevila había, Luís ben o recorda,
un escrito, pintado con letra que semellaba do dezanove, que poñía Fondo da
vila. Se temos en conta que hai moitos lugares chamados Cimadevila,
parece esperable que ese fose o étimo. De todas formas, a fonte dá unha auga
riquísima e veñen de lonxe collela, para beber. Deita auga todo o ano, e a foto
que vos mostro foi tirada en pleno agosto.
(A fonte de Fondevila. A auga marabillosa, a estrutura de pedra igual: o cano, en troques, desmerece totalmente)
Laboriz (gheto de
Laboriz). Aquí, nestes lares, un gheto é un anaco pequeno de terra,
ben delimitado. Con gheada. Como penetra esa voz foránea, gueto (de
orixe italiana), no acervo popular galego é cuestión que nos supera neste
momento, pero apostariamos non tanto pola penetración moderna, tras a segunda Guerra
Mundial, senón que pensamos que vén de antes. É verba antiga e a título de
hipótese tráena os galegos que foron a América (lemos que a certas barriadas de
emigrantes chamábanas así). Hai un lugar que se chama O Gueto en Monforte de
Lemos. En canto a Laboriz, só caben tres posibilidades (non temos
bibliografía suficiente a man como para confirmar nada). Unha, integrar a voz
na familia de labor, labranza etc. Dúas, o sufixo parece xenitivo de
posesión -como en Guitiriz-, logo igual haxa ou houbese un antropónimo (se
cadra un alcume), un *Laboricus. Tres, hai quen pronuncia Leboriz,
logo cabe pensar en ‘lugar de lebres’. E esta idea vén reforzada pola presenza
en Galicia de varios lugares así chamados, Leboriz (habemos mirar na magna obra
de N. Ares).
Lamachá. Como nunca o
vimos escrito non sabemos se cadraría mellor escribir Lama Chá. En
principio, a ortografía é indiferente. Son brañas, é dicir, prados moi húmidos.
A etimoloxía é transparente. Coñecemos máis lugares así chamados, un en Ourense,
outro en Portugal. En Arteixo, no val de Loureda, hai un Lamamá.
A Madorna (Calzada da
madorna). Esta palabra resúltanos fascinante, por difícil, mais tamén pola
propia eufonía… Vemos que en Cascais (Portugal) hai outra Madorna. Ao
primeiro, nós sempre pensamos na asociación con medorra, voz derivada de
meda, pero de novo Deus sabe. Aquí nestas terras de Trasdeza como voz común madorna
(variante modorna) conmuta ou vale por modorra. En Vigo temos
a madroa: ambas poden estar relacionadas e pode que haxa unha metátese
de rn/nr. En calquera caso, nada podemos asegurar. Esta “calzada” ou
camiño vello de carro comunicaba -agora é unha pista, unha estrada- os lugares
de Camporrapado e a Brea. No buscador da Xunta atopamos unha Madorna en
Ourense, microtopónimo tamén no concello de san Amaro. Quédanos no tinteiro
aínda que na Coruña da nosa infancia había unha Madrosa (pode que
compartan a raíz). Tiña unha amiga na escola que era da Madrosa. Agora
retoponimizaron Lamadrosa. Algún día escribiremos algo sobre esta cuestión
toponímica coruñesa.
Pena Barrada. Actualmente é un prado e non vemos pena
ningunha. Pero tamén é verdade que está nunha zona de moito penedo; de feito
moi preto hai unha enorme, no ‘monte común’, á que lle chaman a peneda
grande. Este prado de Pena Barrada tamén está a carón do lugar chamado O Barral.
Pena Longa. Lugar de petróglifos. Agora ben
sinalizados. Están estudados polo arqueólogo dezao Xulio Carballo. Foi canteira
e o que queda salvouse polos pelos.
Porto do Río: Penso que
toma o nome polo feito de ser un paso: hai pedras para pasar por riba… Coincide
o río co camiño nese tramo. No inverno o camiño está solagado. No verán quedan
pedras brillantes ao descuberto. O río é o chamado aquí ‘Río Pequeno’, abeirado
por varios muíños (que tiñan e inda teñen teoricamente dono: repartíanse por
días, por quendas, entre familias; cando paseamos por aí sempre entra a gana de
pillar unha desas enormes moas redondas para facer unha mesa no xardín…, pero
onde están din ben, falan doutro tempo con voz alta e clara). O ‘Río Pequeno’
desemboca no Deza máis abaixo da Revolta, alí onde lle chama ‘a xunta dos
ríos’. Antes había un pontello de madeira. Luís recorda ben onde estaba, pero
non hai fotos. Nin rastro xa, claro.
A Trigueira. Agora é un
prado. Algún día botábase trigo. Luís di que cando era pequeno xa non se botaba
trigo, pacían as vacas xa e había algunha árbore. Era daquela unha chousa
(voz xenérica, galego común, da familia do latín clausurare. Chousa vén
no diccionario académico.
(Este é o "Prado de Cexo", recibe o nome do posesor. Ao fondo vemos o Chamor)
:::::::::::::::::::::::::::.
Ata aquí chegamos por hoxe. Xa
sabedes que para nós é un pracer inconmensurable falarvos dos microtopónimos.
Relembrade, por favor, a necesidade de gardar memoria deles. Hai nada, na charla
(a do móbil) de varios profes (somos unha montoneira) do Insti, chegounos unha
preciosa foto da zona de Labañou dos anos 60, e poñía “Os Rosales nos anos 60”.
De Rosales nada. Ou Labañou (topónimo ben documentado xa desde a Idade
Media) ou lugar de Fontán, así se chamaba daquela. Seguiremos outro día. Feliz reincorporación á
rutina post vacacional!
Olá,buscando información sobre o Calvo Sotelo da Cruña, atopome este interesante bloghe.
ResponderEliminarAquí na Laracha tamén temos un lughare que se chama A Trigheira. Outro tamén é Leborís, que tamén da nome ó Ies "Agra de" Leborís". Penso que é nome Germanico??.
Saúdos
Espero chegar a tempo... Pídolle mil desculpas por tardar tanto en ver o seu interesante comentario. A Laracha, seino pola miña irmá arqueóloga, é un concello moi rico e moi preocupado asemade polo seu patrimonio cultural. Sigan así! Con respecto á súa pregunta, esa é unha posibilidade, certamente. Eu non me sinto capaz de certificar cal é o étimo digamos "definitivo". A hipótese de considerar LABORIZ como variante de LEBORIZ existe: e para LEBORIZ o finado Nicandro Ares (toda unha autoridade na materia) deixou escrito que viña do antropónimo xermano LEUBERICUS (p. 470 de "Estudos de toponimia galega", tomo I, unha obra que a Real Academia Galega ten á disposición do público na rede. Un cordial saúdo
ResponderEliminar