VISITANDO ÁVILA
(Agora, previo pago, pódese pasear polas murallas, fermosísimas)
Visitamos por
terceira vez na nosa vida Ávila. Pregúntame Beni –colega e amiga, e profe de
moitos de vós- que tal por alí (Beni ama Ávila: forma parte da súa infancia
porque viviu dous anos nun colexio-internado extramuros, moi preto do Convento
da Encarnación, e foi moi feliz). De marabilla. Moita rica cultura castrexa
(para outro mes, pero si que falaremos dos vetóns). Xantamos estupendamente...
e fomos tratados da mellor das maneiras á hora de visitarmos o arquivo. Logo
vos conto ao respecto.
A primeira vez
estiveramos de présa e correndo cos rapaces nenos, iamos de campada a outra
parte, mais relembro o rechouchío algareiro e fermoso das aves –vencellos e/ou
andoriñas- nas murallas vestidas de verán, e relembro ver xogar os maiores á
petanca...
(Ilustracións da preciosa Biblia de Ávila, "incautada" polo Museo Arqueolóxico Nacional, no sentir -para nós abondo xustificado- dunha parte dos ilustrados de Ávila)
A segunda vez
acompañaba a Luis a un congreso (falaba das frases nominais, creo recordar) e
estivemos sempre rodeados de eminentes profesores da universidade española
(fraca a miña memoria porque só recordo un nome, o ferrolán Álvaro Porto da
Pena), todos simpáticos, infatigables conversadores tomando algo na praza
prácida a boas horas da noite, tras a xeira de traballo...
Dicíame un destes
sabios avulenses: “A vós, os galegos, debémosvos a construción da muralla”. En
parte, si. En parte: sen dúbida galegos, leoneses e outros homes do norte
acompañaron a Raimundo de Borgoña (descanse o soño dos xustos en paz, aí, en
Compostela, no Panteón Real onde quixo xacer) na reconquista definitiva e
repoboación desa urbe. Rastrexando aquí e acolá algunha pegada vemos de Galicia
na historia da cidade: fálase de Prisciliano como bispo de Ávila; documentamos
unha barriada denominada con voz galega, Estrada, en período cedo de
repoboación; un apelido de orixe lucense, Cervantes, no listado de ilustres
prelados, a presenza no XV de Alonso de Fonseca; un prateiro no XVII de
apelidos galegos, Vázquez de la Trava (recordemos, xa que estamos, a
importancia da galega casa de Traba, en cuxo seo foi criado e salvado o rei de
Galicia e logo Emperador de Castela, Afonso VII, o fillo de Raimundo de Borgoña
e Urraca de León, tamén presente nas lendas de Ávila... lemos que cando se
achegara con escuras intencións outro Afonso, o Batallador, os avulenses
amosáronlle desde as almeas o meniño Afonso como dicíndolle ao padrasto,
“velaquí te mostramos a quen nós consideramos e consideraremos o lexítimo rei
noso”), e a tradición di que o que está
oficialmente considerado o primeiro bispo de Ávila, san Segundo, estaría co
apóstolo Santiago cando este –en compaña dos sete varóns apostólicos, entre os
que iría san Segundo- desembarca en Galicia.
(Dos tesouros da catedral avulense: Inmaculada de marfil. Soberbia imaxe da Escola Indo-portuguesa do século XVII)
(Cálice de san Segundo)
Desta vez,
levabamos dous compromisos na mente, dúas visitas que facer en Ávila: unha
privada, que non vén ao caso. Cumprímola satisfactoriamente. A outra levábanos
ao arquivo da cidade: alí queriamos entregarlle
á súa directora, dona Carmen López Sanchidrián, un par de exemplares do
libro conmemorativo dos 125 anos de Instituto da Guarda. Carmen López
Sanchidrián colaborou connosco á hora de facilitarnos información sobre Carmen
Pedrosa, que a precedeu no cargo. Pedrosa, nacida en Santiago de Compostela, antes
de chegar a Ávila –onde exerceu un labor importante e valorado: inda hoxe a
recordan dándolle o nome a un “corralón” próximo á Biblioteca-, exercera a
docencia no noso Instituto. Por azares da vida, Carmen López estaba ausente
pero delegou noutras persoas e así puidemos percorrer o magnífico arquivo con
que conta esta provincia. Ficamos obrigados, agradecidos con esa hospitalidade
amiga. Esperamos que gocen co libro do aniversario do noso querido Instituto!
(Tellado da catedral: moito nos recordou o faiado do noso edificio, do Instituto)
(Foto da imaxe de san Segundo)
Non desexamos
cansarvos. Ata aquí chegamos por hoxe. Deixámosvos coas fotografías, iso si.
Todas as relativas aos tesouros da catedral están tomadas dun libro soberbio,
outra xoia bibliográfica máis das que nos axudan a ben vivir: La catedral de Ávila. Nueve siglos de
Historia y Arte. Obra coordinada por René Jesús Payo Hernanz e Jesús María
Parrado del Olmo.
(Este cadro, no salón de entrada do parador nacional de Ávila, situado en fronte de Arquivo Histórico, representa o conde Raimundo de Borgoña, a man apoiada no plano de construción das murallas)
(Esta efixie está dentro do Arquivo de Ávila, honra un fillo ilustre da cidade, o historiador Claudio Sánchez-Albornoz y Menduiña, de estirpe galega pola banda dos Menduiña de Pontevedra. El soubo, tamén, honrar a Galicia. Deixou escrito, entre moitas outras cousas boas: "Adoro a Galicia, tierra de algunos de mis abuelos". Que goce do paraíso!", dicimos nós)
Ningún comentario:
Publicar un comentario