23 de abril. Día do libro.
Lendo a Cervantes
(O profesor G. Rojo no seu despacho na USC. A foto foi feita por un ex alumno do noso Instituto, Xácome González)
Quizais algúns de
vós queirades preguntarnos por que relembramos sempre por estas datas a
Cervantes (nesta e noutras datas: se escribides no ‘Buscador’ do blog a verba Cervantes atoparedes máis dunha páxina
subida en épocas distintas do ano). A resposta é simple: porque o sentimos
tamén parte de nós. Os seus dous apelidos son nosos, do patrimonio inmaterial
de Galicia. E nós, xa o sabedes, amamos a xustiza poética. Doutra banda, está o
amor persoal, innegable, pola súa obra. Un amor ao que contribuíron os
profesores que tivemos no Eusebio da Guarda: Mª Teresa Rodríguez Taboada (quen
nos iluminou, romanceiro en man, sobre o traballo case ex nihil de elaboración
dun personaxe universal por parte do autor complutense) e Juan Rodríguez Horta,
quen nos dirixía á lectura total do Quijote,
sen concesións, enriquecida polo prisma da crítica ortodoxa e heterodoxa. Mª
Teresa foi discípula de Moreno Báez, a quen tamén algo lemos. No blog o noso
espírito “cervantino” levounos a comunicarnos con varios estudosos excelentes
da obra de Miguel C. Saavedra: conversamos co profesor Rico, conversamos co
profesor Gundín (do noso Instituto), conversamos co profesor (do Instituto
‘Salvador de Madariaga’) Antonio Couto. Lembramos a Riquer, falamos da estudosa
cervantista Mª Antonia Garcés... Falamos da presenza de Merlín no Quijote, do mito de Dulcinea, falamos
dos académicos de Argamasilla. E mentres este noso modesto blog perviva,
seguiremos falando un mínimo, en febreiro de Rosalía, en abril de Cervantes, en
maio da figura homenaxeada o Día das Letras Galegas.
(Mª Teresa R. Taboada e Guillermo Rojo. Acto do 150 aniversario da fundación do Instituto Provincial coruñés)
Este ano traemos á
palestra cervantina un coruñés máis (foron tamén coruñeses destacados e tocaron
algunha vez o tema: Ramón Menéndez Pidal e Salvador de Madariaga): o noso
prezado profesor Guillermo Rojo. En 2004 publícase da súa autoría o estudo: “Cervantes
como modelo lingüístico” ( en Don Quijote
de la Mancha, Edición del IV Centenario, Real Academia Española y
Asociación de Academias de la Lengua española, Madrid: Alfaguara, 2004,
1122-1130. De libre acceso en: https://issuu.com/cronosantropomorfo/docs/cervantes_como_modelo_lingüístico).
G. Rojo, membro
numerario da Real Academia Española, é
un experto en lingüística computacional (e en lingüística de corpus): valora a
cuestión numérica, a frecuencia de determinados fenómenos
sintáctico-lingüísticos, a estatística. Dígovolo para que comprendades mellor
que nese seu estudo abundan os datos dese tipo. Nos catrocentos anos
transcorridos desde a a publicación da obra de Cervantes ata hoxe, a lingua en
xeral e as estruturas lingüísticas en concreto, escritas da man do pai de
Quijote e Sancho, son usadas como modelo lingüístico, como modelo sumo por
parte dos expertos, por parte dos académicos, son asumidos como formantes do canon
da excelencia lingüística do español paradigmático: en maior ou menor grao. O
século culminante é o XVIII e ese modelo chega ao século XX. Algún exemplo dos datos
achegados e analizados polo académico coruñés:
“Cuando la Real
Academia Española acomete la redacción de su primer diccionario, conocido como «de Autoridades», Cervantes ocupa ya un
lugar importante entre ellas: en las aproximadamente 11200 entradas
correspondientes a las letras A y B, hay 836 citas de Cervantes -563 de ellas
tomadas del Quijote-, lejos, es
verdad, de las 1042 que tiene Quevedo”
“Tenemos que no
menos de 285 citas, es decir, el 33’37% del total de este apartado, son textos
del Quijote que la Academia presenta, a más de 300 años de la fecha de
composición de la obra, como modelo de español válido en el siglo XX”
Esta lectura, que
vos recomendo, é interesante e fainos
reflexionar sobre a pervivencia dos modelos. Hoxe en día, entrado xa o século
XXI, é inviable considerar a lingua cervantina como un modelo no mesmo xeito en
que a consideraron os nosos ancestros, ben sexa no XVIII, ben sexa, como
Cejador, a principios do século XX. Non podemos “imitar” ese modelo lingüístico
porque hai moita distancia xa: a lingua evolucionou. Entender non dicimos que
non se entenda pero soaría tremendamente arcaica, absurdamente demodé.
Porén, hai algo, no
parágrafo final do discurso de Rojo, que segue sendo válido. Reproducimos:
“Hoy, a cuatrocientos años de su composición, la consideración de la obra como
modelo lingüístico ha de basarse precisamente en su preocupación [de Cervantes]
por la expresión «a la llana, con palabras
significantes, honestas y bien colocadas» del modo
adecuado a las características que presenta la lengua en cada momento de su
incesante devenir”. Fixa o enfoque Rojo nun aspecto no que debemos concordar:
non se trata xa tanto de adoptar (“fusilar” diriamos coloquialmente) estruturas
lingüísticas cervantinas como modelo. Trátase dunha cuestión de actitude. Incide en cal debe ser a nosa
actitude diante da escrita: honesta, na procura da sinxeleza, a coherencia, a
verdade.
(O profesor Antonio Couto, acto de celebración do 150 aniversario de Instituto provincial na nosa cidade)
Un último punto, se
nos permitides aínda. Ao noso humilde entender, Cervantes segue sendo modelo
noutro sentido. Sempre me chama a atención a xente capaz de insertar
oportunamente unha cita cervantina: Cando a que fora a vosa profesora de lingua,
Mercedes González, se xubilou, dedicounos unhas sentidas palabras no Salón de
Actos do Instituto. Falou un pouquiño da saudade (xubílaste: vaste, deixas
atrás alumnos, colegas...) e dixo, como antes dixera Sancho: las tristezas no se hicieron para las
bestias, sino para los hombres. Outro exemplo: cando o voso profesor J.
Luis Gundín despediu, hai un par de anos, a promoción de segundo de bacharelato insertou
moi oportunamente estoutro enunciado a modo de consello para o futuro daquel
que é novo e aínda lle queda moito por lograr e moitos atrancos por vencer: los males que no tienen fuerza para acabar
la vida, no la han de tener para acabar la paciencia (pertence a Los trabajos de Persiles y Sigismundo,
en boca de Auristela).
(A profesora Mercedes González. Acto de xubilación de colegas celebrado no ano 2017)
(O profesor José Luís Gundín, acto de xubilacións no ano 1917. O prof. Gundín estudou lingüística cunha ex alumna do noso Instituto, Blanca Iglesias Aramburu, profesora que foi da UDC e discípula de G. Rojo)
Saber citar a
Cervantes paréceme un claro indicador de coñecemento literario, indica un certo
grao de cultura. Sempre que non sexa
resultado dunha busca a priori nun deses libros de citas... Podiades
contraargumentar. Talvez... si ata certo punto. Neste sentido, vou citar de
novo ao que fora o meu profesor (meu e de moitos profes vosos do Insti...):
cando o profesor G. Rojo viñera ao Instituto para axudarnos, coa súa lembranza
da etapa coruñesa como alumno de bacharelato no ensino público coruñés, na
celebración dos 150 anos de Instituto Provincial, era tal a cantidade de
ilustres personalidades e autoridades que acudiron que eu –daquela mestra de
cerimonia no acto e colaboradora na organización- tiña medo de que non puidera
sentar na mesa de autoridades, situada nun plano máis elevado no noso Salón de
Actos nobre. E así llo fixen saber en comunicación directa. Decontado, no
momento e sen tempo de acudir aos libros, Guillermo respondeume: “Non te
preocupes, xa sabes o que dixo don Quijote, onde estou eu está a cabeceira”.
Espléndidas palabras cervantinas: espléndida forma de neutralizar os meus vans
temores e boa forma de ilustrarnos sobre quen é o noso coruñés académico, un
home que coñece o libro universal. Deste seu coñecemento falaremos aínda máis
outro día, porque nos queda na man –ou se preferides no tinteiro- outra súa
brillante contribución ao estudo da lingua de Cervantes: o seu erudito traballo
sobra a palabra en boca de Sancho, e palabra única no corpus cervantino –e se
me apurades, en toda a literatura española-, lercha (na frase como
sardiñas en lercha). Un posible galeguismo fraseolóxiso? Outro máis para o
saco onde xa está tarde piaches?
Fique a resposta para outra ocasión. Feliz día do libro a todos!
(G. Rojo no momento de impartir o seu discurso con que celebrou ter cursado o bacharelato no Instituto Masculino coruñés, hoxe en día chamado 'Salvador de Madariaga'. Acto dos 150 anos de Instituto Provincial na Coruña. Todas as fotos, agás a primeira, foron feitas polo profesor José Carlos Rivas)
Ningún comentario:
Publicar un comentario