GALICIA
INMORRENTE
VERBO DE SAN ROSENDO
(San Rosendo, imaxe labrada no coro baixo do Mosteiro de Celanova, Ourense. Foto tomada de Internet)
Hoxe quérovos falar
dun tema meu favorito: se xa me gusta de seu a haxiografía en xeral, tanto ou
máis me gusta saber da vida e milagres dos santos galegos en particular. Na
familia de san Rosendo houbo varios. Santa foi a nai, Ilduara (modernamente
dirase tamén Aldara) e santa a súa irmá, Adosinda. Neste ano que remata xa,
2017, cumpríronse 1110 anos do nacemento
de san Rosendo. É fermosa a cifra, e ten mérito a pervivencia, a memoria
gardada durante tantos anos daquela xente boa que nos precedeu. Non está exento
de controversia o lugar exacto onde naceu o noso santo. Enrique Cal (arquiveiro
ilustre da Catedral de Mondoñedo, un dos sabios venerables que Galicia deu,
persoa de trato cordial a quen nós –unha servidora e mais a súa amiga Uxía
López Meirama- visitaramos en tempos, aló enriba, no curuto da torre... rodeado
de libros, e de obxectos curiosos, como aquel par de belidos zapatos do século
XIII que nos amosara...), a quen seguimos en parte, na obra Episcopologio Mindoniense dinos que o
que fora bispo mindoniense e padroeiro desa diócese, nacera en Salas e que Salas hai que
identificalo cunha aldea de san Tirso, distrito do Porto, en Portugal
actualmente, aínda que daquela (ano 907) era territorio galaico.
Os pais de san
Rosendo foron o Conde don Guterre Menendez e dona Ilduara Eriz e cando se fala
da historia desta familia fálase dos alicerces, dos fundamentos da nobreza do
Noroeste hispano nunha etapa tan ceda como son os albores do século X. Humano é sentir orgullo por ter un pasado
glorioso. Nos tempos en que vivimos, en que o modelo político é a democracia e
a igualdade ante a lei, pode parecer estraño basear na vella nobreza algunha
raíz gloriosa, temos moi esquecido talvez o significado de ser unha persoa ou
unha familia de nobre orixe. E porén, todos sentimos pracer inmenso e
alegrámonos nun libro ou nunha película cando a bondade de ánimo e o esforzado
corazón do heroe saen beneficiados e atopan o xusto pago ou son finalmente ben
valorados e apreciados. Cando estudamos que un noso concidadán ten un
comportamento heroico celebrámolo e admirámolo. A min persoalmente cando
algunha persoa próxima mal informada me di
e que fixestes na historia os galegos?, síntome non direi ferida mais si
tocada no vivo. Espero que me comprendades e me permitades sen máis seguir
adiante. Moitas veces téñovos dito, aos que fostes alumnos meus de primeiro de
bacharelato algo importantísimo, algo que eu lle lin a Rodrigues Lapa hai décadas:
A arte, coma a morte, é igualadora, e
así, a carón de Don Dinis e do chamado Rei Sabio, pasaron a historia Mendiño,
Pero Meogo e outros poetas, grandes inda que moi probablemente de humilde orixe.
Pero non habería esa magna literatura lírica sen casas fortes, casas nobres que
fosen núcleo e sostén dese facer poético, empezando polo pazo arcebispal, onde
se documenta de antigo a presenza de xograres, e seguindo polas casas dos Traba,
Esquío, Briteiros etc. E relembrade
tamén que máis adiante no tempo, quizais non habería Quijote sen o apoio explícito do grande señor da nobreza galaica, o
de Lemos.
(Mosteiro de San Xoán de Caaveiro, onde se localiza a lenda "O salmón de san Rosendo". Foto de Internet)
Para internarnos na
mesta fraga da familia de san Rosendo seguiremos, entre outros, o camiño que
trazou o ilustre profesor Eligio Rivas Quintas en “A familia rosendiana orixe
da nobreza”, conferencia impartida en Pontevedra no ano 2005 e publicada en Estudios de Genealogía Heráldica y
Nobiliaria de Galicia, Boletín nº 4, 2005, pp. 25-50.
O avó de san
Rosendo, o conde Hermexildo ou Ermenexildo Guterrez, foi cabaleiro principal do
rei Alfonso III (866-910) e ao servizo dese rei conquista do poder musulmán a
cidade de Coímbra no 878; por esa razón, dinos Rivas Quintas, é polo que a
familia ten posesións nas ribeiras do literario río Mondego. Unha tía de
Rosendo ou Rudesindo, Elvira, casa co rei Ordoño II e un fillo destes, curmán
seu, Sancho Ordóñez, será nomeado primeiro rei de Galicia (logo será titulado
rei de León). E, ademais, Adosinda, filla de Ildoncia, outra das irmás do pai
de Rosendo, casa con Ramiro II. Así que xa vedes que estreita relación hai
entra a realeza e a familia do noso santo. Interrógase o conferenciante sobre a
orixe do patrucio, o conde don Guterre: “non
sabemos de certo onde naceu don Guterre, mais, a falta de outros datos, e con
tal arraigo familiar no val formado polo río Sorga ó desaugar na Arnoia,
podemos pensar que esta sexa a terra de orixe. Os bens territoriais de don
Guterre (Pallares, 95, 113) están mormente na parte meridional de Ourense e
contorna limítrofe raiana, sobranceando as decanias de Sorga, A Limia, capite Limie
con Calvelo que ha de cadrar co Villarino citado nalgún documento e Caldelas. É onde o seu patrimonio aparece máis concentrado” (p. 26).
(Capitel con leóns antropomorfos de San Martiño de Mondoñedo, a vella sé dumiense onde fora Rosendo bispo; foto de Internet)
Aquela época altomedieval non era boa época
para vivir a xente do común, pensamos desde as nosas alturas do século XXI.
Había servos, había guerras, había un montón de gravames, cargas tremendas
sobre os ombreiros do home de a pé. Certo que tamén había mecanismos
liberadores: sabemos, sen ir máis lonxe, que san Rosendo manumitiu o seu servo
Miza no ano 943. O dato facilítanolo o erudito historiador e novelista Antonio
López Ferreiro en Fueros Municipales de
Santiago y de su tierra. Fixémonos no nome Miza: parece unha variante de
Muza, ou Musa na tradición española, o caudillo árabe que participara na invasión
do 711 e que fora o primeiro valí ou
gobernador de Al Andalus: e si que era moi verosímil unha procedencia do sur
para este servo, non esquezamos que había escravos no Califato de Córdoba e
habías no norte cristián, xa os había con Roma e ségueos habendo, e tardará a
sociedade aínda centos de anos en erradicar esa execrable laceira.
Eran frecuentes tamén
naquela sociedade as tensións e os preitos pola posesión da terra. Os nobres
caracterizábanse en xeral pola impudente
e cruel rapacidade (palabras de López Ferreiro) e a igrexa, tamén sempre se asociou aos opresores (palabras do
mesmo L. Ferreiro). Agora ben, como nin todo é branco nin todo é negro, debemos
oír as palabras dalgún grande historiador cando intenta resumir a acción lenta
pero constante dos tres principais factores que neste período traballan a prol
dun cambio radical nesa sociedade: A
Relixión, que fai iguais os homes ante Deus, a Monarquía, representante e
instrumento da unidade social, e o municipio, gran medio de cohesión espontánea
das familias, único antemural que tiñan os humildes e débiles contra os fortes
e poderosos, foron causas positivas e perpetuas de organización política, e xa
que logo, do desenvolvemento progresiv o da liberdade persoal (Alexandre
Herculano de Carvalho, en Historia de
Portugal, t. III, p. 391). Cita Herculano o caso paradigmático do prior de
Santa Cruz de Coímbra, san Teotonio: cando volvía o rei portugués Alfonso I
dunha razzia por terra de mouros traendo consigo grande número de escravos
mozárabes cristiáns, fervéndolle o sangue saíu do claustro do que rara vez saía
para increpar duramente o rei e tanto fixo coas súas exhortacións que conseguiu
que os liberasen.
Quérese dicir con
isto que o traballo dun xerarca da igrexa como o galego que nos ocupa podía ser
moito e grave. Certamente a san Rosendo non lle faltaron traballiños. Rosendo
adquire o goberno do bispado iriense-compostelán á morte de Sisnando II
(arredor do 970). Antes, xuntos concorreran ao Concilio de Navego (no 969) onde
se tratou da fundación –por parte dun curmán de Rosendo, Osorio Gutiérrez,
chamado polo pobo o Conde Santo- do
mosteiro lucense de San Salvador de Lourenzá. Ese mesmo ano os normandos ou
viquingos invaden e asolan Galicia, chegando ata o Cebreiro, mais nos arredores
de Santiago a desfeita foi indicible, e iso que xa había murallas
(posteriormente serán reforzadas e engadiranse torres defensivas, como as dúas
que constrúe o bispo Cresconio no XI). Nesas é cando morre Sisnando, batallando
contra o normando, tras poñer a bo recado o corpo reverenciado do apóstolo.
Moito se barallou e fabulou contra Rosendo pola prisión en que estivo Sisnando
pero hai que considerar que algo de calumnias debeu haber: o coñecido
historiador Padre Flórez reivindica o noso santo (con todo, nalgures lemos que
Sisnando levaba unha vida disoluta [Sisnando pertence a outra das grandes
familias galaicas altomedievais, emparentada coa de Rosendo: os pais,
Hermenexildo e Paterna, serán os fundadores do Mosteiro de Sobrado; tendo en
conta que daquela a elección dun bispo era en grande medida unha imposición das
grandes familias, non se pode descartar que as acusacións de depravación moral
agachen loitas de poder sen máis] e é
verosímil que Rosendo o denunciase: o Cronicón
Yriense dinos que Sisando acomete a Rosendo cando este descansaba no
dormitorio con outros clérigos afíns). Recordade que ser elixido bispo é ser
revestido dun inmenso poder, socio-relixioso, militar e económico (encontramos
nas páxinas dun francés experto na Idade Media, François P. G. Guizot, estas
palabras sobre o poder dun bispo: o bispo
viña a ser nesas cidades [nas que era electo] o xefe natural dos seus habitantes, o verdadeiro maire [alcalde]),
de onde se deduce que a súa elección podía ser unha auéntica rifa.
(Imaxe de pinturas románicas de San Martiño de Mondoñedo; foto de Internet)
A Rosendo, xa vos
digo, non lle faltou que facer: As loitas entre Ordoño III e o seu irmán Sancho arrincan a Rosendo da
paz do mosteiro de Celanova. Ordoño confía nel para a custodia das terras entre
Riocaldo ata Ortigueira no 955. Logo, tras varias loitas intestinas e
envelenamentos (como nos dramas shakesperianos: igual aquí na monarquía
astur-galaico-leonesa), a finais do 966, o neno Ramiro III faise cargo do reino
baixo a tutela da tía paterna dona Elvira, quen encarga a Rosendo que pacifique
Galicia. É daquela cando ten que loitar con árabes –que acomenten desde
Portugal- e normandos –que invaden e saquean as costas de Galicia. Hai datos
suficientes como para pensar que un bispo tiña un pequeno exército ao seu
servizo. Recordemos o refrán galego antigo: O
bispo de Santiago, báculo e bésta (é dicir, nunha man o poder relixioso,
na outra o poder das armas).
Finalmente é
nomeado bispo iriense-compostelán. Na sé mindoniense (foi bispo dumiense ou
mindoniense entre 925-942?) o seu sucesor foi o seu sobriño Arias Núñez, quen
apoia a sublevación de certos nobres contra o rei e este acaba por metelo en
prisión (de feito hai historiadores que din que o que se comportou indignamente
non fora o bispo Sisnando, senón este Arias Núñez). Daquela chama por Rosendo,
que estaba en Celanova, para que volvese tomar as rendas do bispado dumiense,
cousa que fai entre os anos 955-958. Co cambio de monarca, sae Arias Núñez do
cárcere e ben voluntariamente, ben porque foi ameazado de morte, san Rosendo
retírase definitivamente a Celanova, onde morre con 70 anos de idade.
(Lápida romana que apareceu na igrexa de Santa Mariña de Asadur, situada no Val do Medo; é unha das primeiras fundacións da familia rosendiana; foto tomada do Boletín nº 4 citado, do artigo de don Eligio Rivas Quintas)
E volvendo ao
artigo que nos inspirou e ilustrou para este escrito de hoxe: enumera e estuda
con detemento Rivas Quintas o espazo fecundado polas fundacións da familia rosendiana,
favorecida esa expansión polas relacións rexias. Por exemplo, unha das
primeiras fundacións sitúase no nacemento do Arnoia, na Serra de san Mamede
(antes chamado, e iso sabémolo precisamente por escrituras do Mosteiro de
Celanova relacionados co seu fundador, san Rosendo, e mais tamén cos seus pais,
Monte Toro); ese espazo será logo
denominado foro de Cova Arnoia do
Mosteiro de Xunqueira de Ambía e no século XVI terá “once malladas de gandería”
ao seu servizo. Estas terras, ricas en arqueoloxía, ricas en todos os sentidos,
ben bañadas polo río Arnoia e outros ríos menores como o Tioira e o Sor, estas
terras ollaron e asistiron aos múltiples asentamentos relixiosos da familia
rosendiana: San Pedro de Maus, Vilariño de Lama Má, Xocín, San Xoán de Vilar de
Cas, Tioira, A Couzada (dunha calzada
romana), Santa Mariña de Asadur, San Miguel de Ramil, Bustavalle, Zorelle,
Maceda (da casa de Maceda nacerán o galego que críará o neno Alfonso X),
Casasoá, Sª Mª de Donfranque (dun nome de abade, don Franquila), Almoite,
Nocelo, Guamil... En ocasións, as fundacións rosendianas retoman unha
actividade mística, relixiosa ou eremítica previa: dinos Elixio Rivas que é moi
posible que fose aquí, no Noroeste, onde se ache o modelo máis primitivo na
península da vida cenobítica, en soidade contemplativa e/ou comunicativa con
Deus.
Inda que por veces
resulte difícil seguir o fío desa conferencia, a nós gustounos moito, porque o
señor Elixio Rivas sabe salferir con datos interesantes a súa disertación
xenealóxica, nesa busca e procura dos devanceiros da familia de san Rosendo a
través dos matrimonios e historia complexa no decorrer dos séculos. Importa
talvez subliñar a idea de colaboración familiar. Unha colaboración cuxo froito
máis destacado é a fundación do Mosteiro de Celanova. Hai documento de doazón
do seu irmán Fruela para a fundación de Celanova (doa un lugar que antes se
chamaba Villare et debint vocatur Cella
Nova; iso ocorre no ano 936, o mesmo
ano en que san Rosendo e o bispo de Lugo, Ero, consagran o dezao mosteiro de
san Lourenzo de Carboeiro).
(Este Xoán de Novoa, un descendente da familia rosendiana, foi señor aló polo s. XV de Macenda de Limia, Sandiás, Couso de Limia, Parada, Ribela e Alba; sitiou ao señor de Lemos na catedral de Ourense e foi fiel -como outros nobres galegos, sempre lexitimistas- á raíña dona Xoana, por mal nome 'A Beltranexa', e con iso vémolo logo ao servizo da coroa lusa navegando á India, e é así como descobre as illas de Santa Helena e Ascensión. Foto tomada do Boletín nº 4 citado)
Explica tamén Rivas
Quintas que en Vilanova das Infantes
é onde reside a familia máis de asento, é desde onde rexen e administran as
extensas terras e atenden ás fundacións feitas. Xa viúva, a nai de Rosendo,
dona Ilduara funda aquí un cenobio familiar, ao que ela mesma se acolle, e
quizais tamén Adosinda e outras infantes
da familia –porque daquela infantes é
forma común para os dous xéneros, inda non flexionara no feminino infanta.
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
Notas:
. A prestixiosa
historiadora da Galicia altomedieval Mª Carmen Pallares Méndez, cuxo traballo Ilduara, una aristócrata del siglo X é
citado por Rivas Quintas, foi alumna no bacharelato do noso Instituto. Con
gusto dedicarémoslle a nosa atención noutro momento.
. San Rosendo
vincúlase tamén ao mosteiro eumés de Caaveiro, do que foi tamén fundador. En Leyendas del Kilovatio Gallego, libro de
Ramón García Fontenla, figura unha preciosa lenda-milagre a el atribuído: cando
vivía nese lugar, un día duro de inverno asomouse Rosendo á fiestra e vendo
o tempo inclemente dixo enfadado: Que tempo tan malo! E ao que o pensou,
xa se arrepentiu da súa soberbia (porque, como alguén lle recordou, todos os
días son enviados por Deus), e daquela colleu e puxo o cilicio, pechouno e
guindou ao río Eume a chave. E así, penando, pasou un tempo. Entón chegou un
día en que uns pescantíns pediron permiso para gorecerse no mosteiro da chuvia
e en pago da hospedaxe puxeron as súas capturas á disposición dos eremitas e
cando Rosendo abriu o salmón que lle correspondera viu que dentro estaba a
chave do cilicio e así soubo Rosendo que Deus o perdoara. A lenda ten conexións
innegables con certas tradicións celtas que agora non veñen ao caso. O insigne
latinista Díaz e Díaz ten un libro sobre os milagres do noso santo (Vida y milagros de San Rosendo, un libro
que nos propoñemos ler no 2018).
:::::::::::::
(San Martiño dumiense, ou de Mondoñedo, onde fora bispo aqueloutro grande santo vindo da Panonia, do que falamos neste blog noutro lugar. Terra fermosa que haberá que (re)visitar na primavera. Foto tomada de Internet)
Ningún comentario:
Publicar un comentario