VISITANDO
VIGO
(Páxinas do Pergamiño Vindel; salvo outra especificación, todas as fotos foron feitas por Charo Soto)
Visitamos aí atrás
a exposición que se organizou no Museo do Mar, en Vigo, arredor do famoso
manuscrito de Martin Codax, exposición comisariada por Francisco Singul. Se o
pergamiño e o seu contido é dunha grande beleza e significación, non menos
interese e beleza suscita ou se agacha no edificio, no contexto (mar, ría, ceo,
Cíes, recendo e vento mareiro de tantas e tan claras resonancias...) e nas
ruínas importantísimas do vello castro marítimo de Alcabre-Punta do Muíño de
Vento.
(Labra de San Paio de Antealtares)
(A nosa estupenda guía)
(Un incendio no monte: quedamos preguntándonos se pertencerá esta imaxe a un códice das Cantigas de Santa María, mais non logramos averigualo)
A min e aos meus, a
nós –digo- gustounos todo. Creo incluso que por veces pareciamos pasmarotes,
abraiados diante dunha reprodución ampliada dun códice, dunha obra de arte
medieval en pedra, dun instrumento delicado –pura arte- daqueles que tocarían
os xograis galegos e que tocaban tamén os homes pétreos do Pórtico da Gloria.
Había unha muller (se non me falla a
memoria, procedente do compostelán mosteiro de San Paio de Antealtares) labrada
en pedra ataviada talmente coma o personaxe aquel de Xogo de tronos (Olenna Tyrell, a avoa de Margaery Tyrell, a nora de
Cersei Lannister). E había unha guía estupenda, Ainoa, de Nigrán, que viña
preparada para ilustrarnos cunha pluma de ave na man e un bugallo de carballo
no peto (a pluma con que escribían naqueles tempos, o cálamo; o bugallo de onde atiraban –entre outras posibilidades- a
tinta; como nos facía interactuar, comentámoslle que Luís tamén, en tempos,
extraía unha especie de tinta verde non do bugallo, senón do coco do carballo).
Xa cando remataba, ao decatarse de que algo lle quedaba no tinteiro, fíxonos
unha pregunta a propósito da fermosa cantiga
Quantas sabedes amar amigo,
treides comig'a lo mar de Vigo
e
banhar-nos-emos nas ondas.
Dixo: Sabedes para que se bañaban no mar? E
case todos sabían do rito de fertilidade consistente en recibir as nove ondas.
Inda se practica, hai algunha parella nova que cultiva neste século esa
ancestral tradición. Cada vez menos. O que non sabía eu e recordóunolo
precisamente a miña irmá, é que a nosa avoa Pura, a avoa coruñesa nacida no
barrio de santa Lucía en 1909, cando estudaba de rapaza (orfa xa de pai e nai)
coas monxas que había no colexio da Cubela (no Corgo), canda o bo tempo facía
coas compañeiras e coidadoras unha viaxe camiñando desde Monelos ata a praia de
Alba (en Arteixo) para alí recibir as purificadoras-revitalizantes nove ondas
tal como prescribe a tradición. Á Lanzada e a Vigo (e a outros lugares nos que
noutrora se practicaba este ritual, como a praia pontevedresa de Praceres) hai
que sumarlle o arteixán areal de Alba.
(Malia non ser boa a calidade da foto, percibimos igual a beleza do deseño da arpa; foi feita esta reprodución tomando como modelo a arpa do Pórtico da Gloria)
(Restos do vello castro)
Esta é a primeira
vez, desde que o pergamiño Vindel, ese “tesouro en sete cantigas” –como reza a
publicidade institucional- foi adquirido para a Biblioteca Morgan de Nova York (aló está desde 1977),
que sae de EE.UU. E dificilmete puido vir a mellor sitio. A ría de Vigo é unha
das máis fermosas do mundo. E visitada desde antigo. No castro de Alcabre hai
unha especie de pequeno santuario ao que chaman os arqueólogos Altar púnico ou ibero-púnico, unha proba aí palpable da comunicación entre nós e
outros pobos mariñeiros e/ou costeiros. Pregunteille á miña irmá arqueóloga se
eran betilos (as pequenas pedras fitas do santuario ou altar doméstico) e
díxome que por antonomasia os betilos en Galicia son os megalíticos. Betilos ou
ídolos megalíticos hainos en moitos enterramentos (mámoas ou dolmens)
megalíticos da península. Por exemplo, no famosísimo dolmen de Dombate da terra
bergantiñá había 20 ídolos de pedra (pero entre a cultura megalítica e a
castrexa hai milleiros de anos polo medio... imos deixar o megalitismo para
outro día). Os betilos de Alcabre tamén son de pedra. Falabamos de comunicación
entre pobos do leste (iberos e/ou púnicos, talvez fenicios): o noso patriarca
Murguía –sen ir máis lonxe- tiña idea de seren os fenicios colonizadores da
vella Brigantia e os construtores incluso da primitiva fábrica do que logo
sería o faro romano e hoxe Torre de Hércules, pero as súas eran elucubracións
un pouco no aire, claro que nunca me atrevería a restarlle mérito, era un home
de fondas intuicións; hoxe sábese moito máis do intercambio e comercio con
xentes do leste, no Castro de Elviña hai probas materiais dese comercio (por
exemplo coa península itálica). O grande historiador coruñés xa falecido (e tío
do que fora o voso profesor de latín no Instituto, Emilio Insua), don Emilio
González López (alumno el mesmo do Instituto da Guarda, e figura senlleira a
quen o Concello herculino lle dedica unha rúa) hai anos que nos deixou páxinas
e páxinas ben escritas onde se fala da fluída comunicación marítima entre o NO
e outras terras, as fisterras atlántico-europeas, as terras latinas, as terras bizantinas, as terras habitadas
polos escandinavos... En fin, quizais poidamos concluír que sempre houbo un
grande afán –non sempre gratuíto- de nos comunicar, uns pobos cos outros.
(Altar ibero-púnico do Castro de Alcabre)
(Reprodución de como sería esa habitación cando a cidade estaba viva. Vista xeral do lugar onde se sitúa a habitación dos betilos. Cerro de las Cabezas, nome por certo redundante)
(Panel informativo. Cerro de las Cabezas)
:::::::::::::::::::::::::::::::::::
NOTAS:
Se tendes afán de
ler máis sobre este castro marítimo, medio desaparecido, déixovos un par de
artigos de libre acceso en Internet:
. Alfredo González Ruibal (CSIC), Xurxo Ayán
Vila (CSIC) y Rafael RodríguezMartínez (Excma. Deputación de Pontevedra): Buscando
a los púnicos en el Noroeste. Nuevas aproximaciones a la presencia mediterránea
en Galicia y elnorte de Portugal durante la Edad del Hierro.
.....................................................
..........................................................
.............................................................
. No Faro de Vigo, na súa edición dixital,
tamén podedes ler a entrevista a Francisco Singal, o comisario da exposición e coeditor
–entre outras facetas- de estudos sobre o Castro de Alcabre:
http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2017/08/15/francisco-singul-vindel-estara-rodeado/1733527.html:::::::::.:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
ADDENDA:
Con posterioridade á publicación deste capítulo comunícame a miña irmá que en Elviña ten aparecido material tardo-púnico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario