LENDO A
ANTÓN VILAR PONTE
Váisenos o ano 2016
como un fío de auga por entre os dedos. Maina e velozmente. E non quixeramos
deixalo ir sen celebrar tamén nós un pouquiño o centenario da existencia das
Irmandades da Fala. Foi o primeiro tema que traballamos este curso coa rapazada
de segundo de bacharelato. A fundación das Irmandades da Fala na Coruña no ano
1916, o contexto histórico, o tecido cultural que se vai urdindo ao seu redor
etc. O programa da literatura dese primeiro terzo do século XX é tan mesto que
non dá tempo a ler moitas páxinas que xa nos gustaría que se lesen. Quedan
sempre fóra algunhas maxistrais de Gonzalo López Abente, fican á marxe moitas
de Cabanillas e resta indefectiblemente no esquecemento unha obra de A. Vilar
Ponte que a min me parece nuclear, Almas
mortas. Novela dialogada ou peza tráxica en tres actos rematada de escribir
no Nadal de 1920 e publicada no 22. Malia sublevarme o espírito, volvo de cando
en vez a ela, releo algo ou reflexiono sobre as ideas que
verte. Hai moita doutrina, moita leria case que panfletaria, podedes dicirme
algúns que si a lestes. Talvez, pero dá moitísimo que pensar. Hai moita verdade
no que di. Boa parte de verdade, canto menos. Tamén hai cousas discutibles. A
tese básica é esta: a emigración a América produce males para o país. Os
americanos, sobre todo se volven (medianamente) ricos, son unha fonte de
desgaleguización, desleixamento e un imán para novos abandonos masivos de
brazos fortes e mentes lúcidas e loitadoras da terra. Esa é a tese substancial. Os principais parágrafos en defensa desta tese déitanse por boca do médico, don
Ramonciño. O médico de Almas mortas é
o prototipo de home do grupo Nós: vémolo tamén no arqueólogo de A lagarada de Pedrayo e no pintor de A fiestra valdeira de Dieste, por poñer
un par de casos paradigmáticos: un home culto cun pé na terra sempre. Como
Adrián Solovio. E xa que pensamos nestoutra novela exemplar pedrayana,
deixádeme que vos diga que a figura feminina desleigada e que odia a aldea, a
Concha de Vilar Ponte, relembra así mesmo moito as mulleres da fiestra valdeira, como relembra a
Florinda de Arredor de si. Como
contrapunto imprescindible, Vilar Ponte déixanos viva a lembranza da muller con
firmes e sabias raíces na aldea, a labrega bonita Loisa. En xeral, non faltan
as mulleres dignas de crítica por parte de don Ramonciño: “Muller que se casa, muller que aconsella ó seu home que emigre.
Resistencia del, o conto da maleta e asunto concluído. Así elas non cargan de
fillos. E co marido fóra, se lles manda cartos, señoritas feitas. E de calquera
xeito, “viúvas de vivos”, como dixo Rosalía. Somentes que moitas das de agora,
sono por egoísmo, polo perigoso influxo dos americanos” (Estancia 2ª,
versión ao galego estándar nosa). Algo disto había, vémolo exactamente así en
varios relatos dos que transcorren en Galicia, da autoría da coruñesa Emilia
Pardo Bazán.
As palabras de
Vilar Ponte contra a emigración son moi fortes: “Porque hai outra ‘zafra’ nos portos de embarque da nosa Terra, tío Xan,
que é a que leva ós nosos pobres paisanos cegos e ignorantes a pasar traballos
na América. Porque a verdadeira zafra e a verdadeira América, fana os
fondistas, os tendeiros, os navieiros, os consignatarios, os axentes, toda esa
cadea enguedellada nos portos, habilitados para a emigración, que impón
silencio aos xornais cando os xornais queren ter un consello humanitario para
aqueles irmáns nosos que descoñecen o malestar económico dos países americanos”.
(Nota publicada na revista "Centro Gallego" de Montevideo en decembro de 1917)
(Noticia publicada na mesma revista en nov. de 1917; do vello teatro brigantino Alfonseti tennos falado o noso colega xa xubilado o prof. Jaime Pita; as súas palabras están na revista do Instituto 'Alén da chuvia'; teatro betanceiro moi vinculado aos seus devanceiros)
Como en O Mariscal de Cabanillas, vemos o
simbolismo do vello ancián a pedir tras unha vida dura de escravo da terra: “Este pobre vello que tanto ama a terra e
anda a pedir, é un símbolo da nosa patria. Galicia como el pide, porque os seus
fillos mellores, os que puideran esixir e imporse, a deixaron esquecida!”.
Na dialéctica
recorrente entre o americano rico (e enfermo) que volve, Pepe, e don Ramonciño,
xorden novos argumentos: “cartos [os
que chegan de América] que serven para
encarecer as terras e a vida –novo factor emigratorio- e para desgaleguizar as
almas”.
Cando Pepe retruca
que con eses cartos tamén se constrúen escolas, Ramón nega a validez desa
instrución: “porque son atraso colectivo
inda que parezan seren cultura individual; porque nelas os escolantes, os
mestres, fanlles deprender de todo ós alumnos, agás o amor á Terra e ás cousas
da Terra. Porque son coutos de desenxebrización, de despersonalización,
negadores da pedagoxía máis sinxela, que manda axeitar as forzas da
intelixencia para a adaptación ó medio. [...] As escolas de vostedes son escolas fomentadoras e preparadoras da
emigración....”
E inda engade, pon o ramo (ou dános o albaroque,
se preferides) na estancia terceira, a derradeira:
“A instrución sen unha educación axeitada ós
costumes de cada terra, sen un senso moral, falla de espírito relixioso, se non
prexudica, tampouco favorece [...]. E
as escolas do Estado e as vosas escolas veñen trillando e roendo ata as
derradeiras raíces desa tradición enxebre”.
En síntese,
dedúcese ben que é nuclear no pensamento do autor a idea de que a vida sen un ideal que a encha é
desprezable.
Podemos estármonos
de acordo en parte. Se queredes, dámoslle un par de voltiñas aínda. Hai cousas neste
libro que nos recordan moito os homes do 98, ás ideas do casticismo azoriniano.
O enxebre é a base do pensamento de Nós, unha das bases queremos dicir. A
Tradición aparece sempre maiusculada, sacralizada. Aquí en Almas Mortas por exemplo, aparece criticada a modernidade de fóra,
os bailes agarrados, xusto como criticaba Sabino Arana nos seus discursos. Hai
unha certa tendencia a ver como malo todo costume foráneo. Había que matizar.
Nin tanto aló que se perda todo o enxebre (sobre todo nunha época en que
lamentablemente estaba todo por facer, por investigar, por sistematizar: por
sentar as bases do futuro a través dun óptimo coñecemento do que fomos e
somos), nin tanto acó que sexa pecado todo o novo.
Podemos comprender
e asentir perante a falsa sinonimia instrución=
moralidade/eticidade, mais tamén debemos ver claro que moito do que hoxe
consideramos progreso en Galicia vén da man da interrelación con América: desde
as ideas, símbolos e institucións (o himno sancionado na Habana, a Real
Academia Galega, libros aló publicados, contacto ideolóxico dun Basilio Álvarez
que emigrara), pasando polos cartos que chegan e son decisivos na redención dos
foros e subsecuente compra de terras, pasando pola necesaria acollida dos
exiliados que aló seguen mantendo vivo o facho do galeguismo.
Sexa como for, e
inda admitindo que non sempre é doado atopar a síntese en toda dialéctica
posible, o que si está claro é que estamos diante dun libro fundamental para
facernos pensar e para complementar as outras perspectivas básicas que sobre o
fenómeno migratorio a América nos deron Rosalía e Seoane: punto de vista desde aquí e desde aló.
Imos rematando, o
ano e a nosa modesta páxina dedicada ás Irmandades; mais antes esperade que vos
sinale outro episodio máis: en Almas
mortas reflíctese o duro que foi para moitos afiliados ao agrarismo a vida
entre os seus concidadáns. A implantación da xustiza social non é cuestión de
chegar e bicar o santo. Vese xa na
primeira instancia, cando Manual lle comunica ao Tío Xan que debe emigrar. Di
Xan: “Eu xa che sei, hai tempo, que don
Eduardo anda chamando ós seus caseiros para ameazalos con lles quitar as terras
e as chouzas de seu, se non deixan de pertenceren á Sociedade...”. Entón
fala Manuel e reproduce as verbas do cacique: “Andades faguendo caso a catro lampantís que vos queren engaiolaren
meténdovos nesa sociedade agraria onde se predica a loita contra nós e nós
demostraremos que a corda sempre rompe polo máis delgado. Ou vos botades fóra
da sociedade ou eu bótovos da casa e das terras que labrades, porque son miñas”
(e iso sen que importasen que levasen xeracións sen número traballándoas como
burros).
Na literatura da
época hai moitas páxinas onde se relata como se foron fundando novas Irmandades
polo país, en Betanzos, en Mondoñedo etc. Pero tamén vemos noutras como
boicotearon xuntanzas. Velaquí unha realidade que é vella (a intolerancia) e
que, como outras tantas realidades violentas de hoxe en día, é merecedora do
noso esforzo civilizador. Como botón de mostra lede nas fotos que reproducimos (precisamente
de noticias chegadas a América desde Galicia).
Déixovos e déixanos
o 2016. Felices saídas e mellores entradas!
(Esta noticia, distribuída en dúas fotos, pertence ao número da revista "Centro Gallego", a publicación do Centro Galego de Montevideo, correspondente a marzo de 1918)
Ningún comentario:
Publicar un comentario