A
CORUÑA
DISTRITO
QUINTO: O CENTRO ‘CALVO SOTELO’
(O edificio do 'Calvo Sotelo' empeza a construírse no ano 1947 e estréase no ano 1956 (a mediados de setembro). Daquela a zona fora bautizada como "Ciudad Escolar Generalísimo Franco". Nós, nos anos 60, xa a coñecimos simplemente como a "Ciudad Escolar". Ao seu arredor apenas había outros edificios. Si estaba nas proximidades o Masculino, inaugurado no 47, e mais a Escola de Náutica -inaugurada o mesmo día có Calvo Sotelo- e estaba xa en ruínas a Capela de San Roque. A foto foi tomada por Martí e nós atirámola do libro do 50 Aniversario do Calvo Sotelo)
(Nese soar construirase un campo de fútbol, a carón do colexio, no lugar en que actualmente está o MUNCYT. Vemos xa a chamada cetárea: ese espazo, entre o campo de fútbol e o mar chamábase "Percebeira"; á dereita da imaxe ficaba o vello mercado de froitas)
Prolegómenos:
Teño un amigo
salesiano: é un ancián venerable, sabio, prudente... Así imaxino eu o sacerdote
personaxe pedrayiano que nos emociona diante do mapa de Fontán na novela Arredor de si. Así imaxino eu na
derradeira etapa da súa vida o Padre Sarmiento. Un santiño. Un día díxenlle
(porque xa me agasallara cun artigo de Luis Monteagudo, cunha edición en galego
ben coidada dos Evanxeos e outras boas lecturas máis) “E eu, como podo
corresponderlle, Agustín? Apetécenlle noces riquísimas da nosa horta aló na
aldea?” E el contestoume: “Non, grazas, non necesito nada. A Deputación dános
de todo. Estamos ben servidos, de verdade”. Eu quixera non ser egoísta nin
centrar demasiado en min mesma o tema de hoxe, meus queridos. Pero debo
confesar (inevitablemente escribir é deitar do que hai de máis fondo...) que me
gustan, que sinto predilección polos seres humildes: gústanme as igrexas de
barriada (confeso ser unha coruñesa bautizada en Santa María de Oza, en plena
barriada de Monelos, e aló volvín para casar e celebrar vodas de prata) e
gústanme os discursos evanxélicos e humildes, sen grandes pretensións, sen
ameazas apocalípticas, cun pouco de autocrítica de vez en cando (preguntoume
Agustín un día: “Por que os mozos xa non veñen á misa, por que foxen da
igrexa?”, coma se eu tivese a resposta única na man, eu que teño fillos tan
amados alongados de toda crenza relixiosa, malia a base dada na infancia... “A
física é Deus”, díxome un deles: confeso unha vez máis -e aquí deixo por hoxe
as confesións- que sobre a idea mecánica dun big bang prefiro a idea poética da palabra creadora motivada polo
puro e simple amor comunicación).
(Ano 56: primeira promoción. Son nenos provenientes do hospicio, da 'Milagrosa")
(Celebran o día da árbore, rememorando unha vella tradición doutrora, de grande aceptación na nosa cidade. Vese na foto como plantan árbores no xardín na fachada do edificio, parte do cal inda se conserva hoxe en día)
(Os membros da Comunidade Educativa do Calvo Sotelo na solidaria oración "NUNCA MÁIS")
Comprenderedes
quizais mellor tras este limiar que cando o meu amigo salesiano me anunciou con
saudade que se van do distrito quinto (“Ímonos: tras 60 anos de servizo no
Calvo Sotelo, ímonos así...”), me
entrara a vontade de escribir sobre o tema. Vanse porque a Deputación non lles
renova o convenio (as razóns aducidas son de orde económica: a min non me
corresponde emitir xuízos de valor ao respecto, non son quen nin esta é a
canle). O adverbio así en boca do meu amigo non gardaba tanto acritude como
desencanto. Vanse así, sen unha despedida digna? Velaí por que quero, pretendo
humildemente, contribuír cun grao de area. Velaquí unha pequena homenaxe ao
labor salesiano no barrio onde levo vivindo trinta anos redondos, que se di
pronto.
(Varios alumnos do Calvo Sotelo obtiveron premios nacionais de FP, en artes gráficas e en Mecánica. Na foto vemos un fermoso traballo de ebanistería)
(Pintura de Manuel Romero. Deixou escrito: "Creo que fun un estudante regular, moi fedello e con moitas ganas de vivir o día a día, sen importarme o máis mínimo o futuro. Calvo Sotelo quizais me dera simplemente tres palabras máxicas que foron e seguen sendo os pilares nos cales se apoiou toda a miña vida: Humildade, Educación e Respecto". A tradución ao galego é nosa. Romero fora alumno do meu amigo, Agustín Ruiz)
Homenaxe ao labor
desenvolvido no Calvo Sotelo:
O Calvo Sotelo
primeiro chamouse Fogar (inda hoxe
hai unha pequena rúa próxima con ese nome, “Hogar Calvo Sotelo”), logo Colexio Calvo Sotelo e ultimamente Centro Calvo Sotelo. Desde a súa
inauguración no ano 1956 estivo vinculado tanto á Institución Deputación
Provincial, como á Familia Salesiana. A Institución pon a base económica: os
salesianos a base educativa e humana. Teoricamente sábeno facer porque levan
douscentos anos ocupándose da educación da xuventude (o santo patrón fundador,
Xoán Bosco, adiántase na súa época ás actuais ONGs e loita por sacar da rúa os
nenos e mozos desherdados da fortuna, orfos, vítimas da deshumanizada máquina
do (pre)capitalismo industrial no norte de Italia, desde onde se espallan:
dálles un fogar, un compañeirismo e unha escolarización, e así procuran facelo
tamén os seus sucesores). Lemos no libro dos 50 anos de Calvo Sotelo que nos
primeiros tempos o horario de traballo é un tanto espartano: erguerse cedo e
sempre á aquela hora, misa ás 9 con puntualidade matemática, alimentación para
o corpo, alimentación para a alma. Son tamén os tempos que son. Logo esa
obrigatoriedade de ir a misa cederá. O que nunca cedeu é o acento galego. En
trinta anos que levo eu aquí, polas tardes, aí sobre as oito, oio os alumnos
diante das escalinatas falando ese bo galego da costa, de Muxía, de Noia, do
interior da provincia, de Ordes, de Mesía... Falan e botan o pitillo. “Que tal
o pasades aquí dentro?”, gústame preguntarlles. “Non hai queixa” é a resposta
xeral, invariábel, cordial mentres me miran algo curiosos.
Das aulas do Calvo
Sotelo baixo a éxida dos salesianos saíron moitas promocións de titulados en
distintas ramas da Formación Profesional. Na publicación aludida lemos palabras
de agradecemento de xente de toda clase: xente do común, pintores, algún
director de cine, avogados, militares, deportistas, músicos, xornalistas,
empresarios, novos salesianos... Gañaron diplomas, participaron en moitas
competicións deportivas, estiveron sempre co deporte, coa música, co teatro.
Sobre todo co teatro. Fíxose merecidamente famosa a súa contribución ao
desenvolvemento do teatro escolar. Eu mesma acudín varios anos a aplaudir o meu
sobriño Roque que viña cos compañeiros e amigos desde Arteixo. Teño un alumno
este curso en segundo de bacharelato que ama o teatro e forma parte dun grupo
estable e mais aínda recorda cando viña co seu colexio a participar no concurso
organizado e celebrado no Calvo Sotelo. Tamén souberon sempre integrar a xente
do barrio e integrarse con ela. Por exemplo nas sardiñadas que organizan no
patio inmenso no San Xoán. Por exemplo no catecismo (a min gústanme esas misas
en que o misioneiro don Alfredo facíalles preguntas aos pequenos, nunha
interrelación viva e moitas veces divertida), nos coros (hai un coro na misa
dominical de 12:30, con guitarras, e hai outro a capela, non tan bo, de
mulleres, na misa vespertina das 20:00), na operación quilo de Nadal etc. Ou, nesta época, na representación do Belén
Vivente: hoxe domingo 18 estaba cheíño o Salón de Actos, con ducias de
personaxes que circulaban, ían e viñan do pazo de Herodes de cartón pedra...
O Calvo Sotelo foi
un Centro de referencia coruñés para a educación dos máis humildes nun
principio, para a Formación Profesional en xeral máis tarde.
Creo que o meu
amigo salesiano pode retirarse coa conciencia de ter ao lombo un traballo ben
feito. Nunca lle faltará o pan, iso espero, e nunca lle faltará o cariño de
moitos de nós, coruñeses de barrio.
(Fixádevos nas instalacións, á dereita da imaxe, do xogo da chave, xa desaparecidas: xogo moi popular en tempos na Coruña)
Ningún comentario:
Publicar un comentario