VISITANDO O MUNCYT
Este xoves pasado, 25 de febreiro, o noso
amigo Mario (colaborador e man dereita na posta en marcha do blog des que
empezamos, en outubro do 2013) impartiu unha conferencia no MUNCYT coruñés. E
alá fomos, varios rapaces do Club de Lectura, un morico de profes e unha
servidora. A sala estaba cheíña. Foi un exitazo. Sentabamos por grupos en mesas
redondas, con iluminación suave, había lámpadas que imitaban velas e creaban un
ambiente que a min me fixo relembrar unha vez que o irmán da miña amiga
londinense nos levara a un club de jazz no Soho, nunha desas noites literarias
da vida de cadaquén. O tema da conferencia de Mario era unha interrogación
pseudo retórica (supoñemos que si mais non hai certezas absolutas): É necesaria a auga para a vida nos planetas
extrasolares?
Escuso dicirvos que me encantou todo o que
oín. Díxenlle a posteriori a Mario que había que vivir varias vidas e nunha
delas eu probaría a ser científica: claro que case estou segura de que, se
puider renacer, renacería filóloga. Son formas de falar. Cando cheguei a casa,
repasei todo o que non entendín ben ou todo aquilo que non me quedou moi claro.
Fíxenlle ao meu sufrido amigo 16 cuestións, que tivo a ben contestar con infinita
paciencia. Creo que estas cuestións serven perfectamente para abrir boca e
lograr que vos interesedes minimamente pola astrofísica e outras herbas relacionadas
co grande tema, o tema dos temas, xunto co amor: a vida.
(A presentación da conferencia, a cargo de Ana Correas, coordinadora desta sé do MUNCYT, foi de dez)
CUESTIÓNS PARA MARIO:
Charo Soto: - Cando traballabas en Indra,
detectabas fallos eléctricos en aparellos Harrier… e nalgún outro tipo de
avión?
Mario S. García: -Sí, tamén colaborei no
Airbus-320 (un orgullo que sexa todo feito en Europa) e no helicóptero
Super-Puma. Neste último lembro tiña que entender o funcionamento dunha unidade
que medía a altura do helicóptero e tiña tres procedementos distintos segundo
as circunstancias. Medir a altura é un tema vital cando o aparello atópase a
baixa cota. Un pelouro pode enganar ao piloto…
O traballo consistía en desenvolver unha
batería de probas que atoparan onde fallara a unidade electrónica… ou ben que
confirmara que estaba lista para voar de novo.
- O texto de Galdós (de “Prim”, nos Episodios
Nacionales). Pódesmo pasar? [nel fala Galdós da existencia de infinitas
estrelas, de infinitos mundos…].
- A verdade é que non lembro como chegou ás
miñas mans. Pero a experiencia me di que empregue as casualidades que me
chegan cando estou cun tema. E esta foi así, como tamén o foi a historia da
plataforma de xeo na Antártida, eu buscaba outra cousa e cando a atopei dixen:
Bingo! Xa teño o que quería.
- Exactamente cantos exoplanetas se teñen
catalogado e descuberto desde 1995?
- Pois iso depende do catálogo que mires, uns
son máis conservadores, outros máis atrevidos. A aplicación que levo no móbil
di que agora mesmo son 2.019.
(Carteis publicitarios da NASA sobre os exoplanetas que simulan os de destinos turísticos antigos)
- En planetas con dous soles como TATOOINE [ese
que aparece nun episodio da Guerra das
Galaxias], teriamos 2 sombras con distinta cor? Entendino ben, é así?
-Exactamente. O sistema Kepler-16 ten
dúas ‘pequenas’ estrelas, unha enana
vermella e unha anana laranxa. As sombras que producirían no planeta Kepler-16
b serían de distinta cor.
- Puxeches como exemplo de atracción
gravitatoria (de efecto gravitatorio) o que exerce Xúpiter sobre o sol. Pero
puxeras outro exemplo que me perdín. Cal era?
- Xúpiter ten 318 veces a masa da Terra. Todos
os obxectos exercen, coa súa gravidade, un efecto sobre do arredor,
especialmente se están preto. Tamén a Terra, pero, comparado co tamaño de
Xúpiter ou o do noso Sol, a Terra é coma unha formiga. En canto á pregunta,
supoño que te refires ao segundo método de detección, RV ou velocidade radial,
similar ao efecto que notamos nas sereas dos vehículos [canto máis cerca de
nós, máis agudo é o son que oímos; canto máis lonxe, máis agudo], e que
coñecemos como ‘efecto Doppler’. Neste método percibimos cambios das cores da
estrela, dun xeito periódico van e veñen, e dinnos: ‘Algo está exercendo certo
tirón gravitatorio sobre min’.
- Confirma que recollín ben os tres métodos
principais para detectar a presenza ou existencia dun exoplaneta: a. Por
Astrometría, b. Grazas á velocidade radial. Coa luz: cambia a banda de luz, que
é o DNI dunha estrela, c. Por tránsito.
- Certo, e tamén temos a observación directa,
que nos próximos anos darálle alegrías ao mundo co telescopio James Webb (Iso é
porque unha boa imaxe estelar gusta a todo o mundo, mentres que un rexistro de
variacións de luz non é tan popular). Hai outro método, as microlentes
gravitatorias, que coma non podía ser doutro xeito, Einstein predixo, aínda que
el pensaba que nunca as poderiamos empregar.
- “A
vida é un sistema auto-replicante e que evoluciona, baseado na química
orgánica”. De quen é esa definición? Non entendín o significado de
“auto-replicante”
- A definición é de Norman R. Pace, bioquímico
estadounidense. “Auto-replicante” significa que ten capacidade de xerar novos
individuos empregando mecanismos propios. Segundo esta definición, os virus non
son organismos vivos, porque non poden. Uns biólogos están de acordo e outros
non, depende da definición que empregues.
- Nos requisitos para que haxa ou se dea a
vida citaches a enerxía e en segundo lugar os enlaces covalentes. Podo dicir
daquela que o feito de haber enlaces covalentes é un requisito para a vida?
- Si. Os científicos non entenden que poida
darse vida en moléculas que non empreguen este enlace.
(Aínda que a calidade da imaxe non e boa -as fotos son de Charo Soto- vese ben que se trata unha vez máis dunha imaxe publicitaria: o telescopio paira sobre a grande urbe. Valora o conferenciante que se saiba comunicar ben á xente en que se están gastando os seus cartos)
- Confirma que pillei ben os nomes dos
extremófilos [polas condicións extremas en que viven] antártidos: Pyrolobus
fumaril, Psychrobacter, Spinoloricus, Deinoc…
- P. fumarii, Deinococcus Radiodurans.
- Que era o “osiño de auga”? Chámase
Tardigrado?
- É o nombre popular que se da aos
Tardígrados, así chamados polos seus lentos movementos. Os tardígrados dan para
un libro…
- Como se chamaba ese Centro de Madrid que
depende da NASA e que é o primeiro centro fóra dos EEUU na súa clase?
- Para ser o primeiro que NASA concedeu fora
do seu país, tiña que ser, e éo, un centro excelente. Por iso traballan xunto a
eles e desenvolven proxectos de primeiro nivel. Os experimentos de busc de vida
en Marte contan co CAB, o Centro de Astrobioloxía: https://es.wikipedia.org/wiki/Centro_de_Astrobiolog%C3%ADa
- “Riciños de ouro” é o nome dun exoplaneta?
Dime algún outro, por favor.
- Planetas “Riciños de ouro” (Goldilock
planets) son aqueles que están na zona de habitabilidade dunha estrela, coma
por exemplo Kepler-22 b, Gliese 667C c, e o sistema Kepler-62, que ten os
exoplanetas ‘e’ e ‘f’ dentro da zona.
- Fomalhart. Está ben escrito? É unha das
estrelas máis cálidas?
- FOMAHAULT. Pois non sei agora. Podo dicir
que o Sol ten 5.800 kelvins na súa superficie. Fomahault é maior e ten unha
temperatura de case 8600 kelvins. A temperatura podémola averiguar medindo a
luz que percibimos e comparando con probas feitas na terra a distintas
temperaturas.
- Xa ao
final do teu discurso citaches, enunciaches como condición nuclear para vida
exoplanetaria que a zona de habitabilidade fose unha franxa maior ou menor de
auga? Está así ben enunciada a condición máis próxima ao requisito sine qua
non?
- É importante ter unha zona de habitabilidade
ampla. O motivo é que vai cambiando co tempo. O noso Sol hai uns miles de
millóns de anos emitía menos radiación, e polo tanto quentaba menos. Iso pasa
con todas as estrelas. Polo tanto, a zona vai desprazándose cara a fóra do
sistema. Pero os planetas non teñen capacidade de mudar a súa órbita, e poden
quedar fóra da zona, ou ben ir entrando nela. Eso si, e pasa na Terra, se hai
vida, esta irá mutando, facendo todo o que poida para perdurar no tempo, mesmo
modificando o entorno para que permita continuar a vida… Esta idea como podes imaxinar é moi forte,
fai cóxegas escoitala, e pode deixar o maxín nun bule bule todo o día. Pero os
científicos acumulan probas de que é así na Terra, de feito non está de todo
claro que a Terra estea na mellor zona de habitabilidade posible (hai
discusións segundo os criterios tidos en conta). Un científico recoñecido
(James Lovelock, premio Fonseca, do que estou moi orgulloso de ter un libro asinado
da súa man) empezou a falar da Terra coma un organismo vivo, Gaia (https://es.wikipedia.org/wiki/Hipótesis_de_Gaia). Enseguida os apóstolos das teorías
esotéricas abrazaron a idea, pero non vai diso.
Isto non sei se contesta a túa pregunta.
- A ver
se pillei ben o concepto: ti fixéchesme pensar que tamén se podería estudar a
posibilidade de vida con solventes como o amoníaco… inda que sabes que non se
fará porque a prioridade absoluta tena a auga. É así?
- Pois si, é difícil obter recursos económicos
para estudar outras moléculas. Non imposible, pero si difícil. As variables que
entran son moitísimas: temperatura, presión, radiación existente, outras moléculas
presentes… non é doado. Mentres que estudar a nosa contorna, sendo difícil, é
máis accesible…
- Citaches 3 axencias espaciais planetarias,
terrestres, pero non sei escribir a terceira.
- NASA, AXENCIA ESPACIAL EUROPEA, JAXA (de Xapón). Tamén empezan a facer cousas
os de India, e por suposto China. Rusia tamén fai cousas, pero polo que sei
estes tres países traballan en investigacións máis “próximas”.
(A nai de Mario acompaña ao seu fillo e ao seu carón, tres dos nosos alumnos do Club de Lectura dos martes: Lucía, Óscar á súa dereita, e Valentina).
Ningún comentario:
Publicar un comentario